A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Na cooperativa Condes de Albarei xeramos riqueza compartida no rural galego”

Entrevista a María Dolores Calvo, presidenta da cooperativa Condes de Albarei , unha das adegas referentes no sector do viño en Galicia. «Condes de Albarei actúa como dinamizador económico, social e cultural dos seus socios e da comarca», destaca.

Publicidade
“Na cooperativa Condes de Albarei xeramos riqueza compartida no rural galego”

María Dolores Calvo Méndez, presidenta da cooperativa Condes de Albarei

María Dolores Calvo Méndez é presidenta da cooperativa Condes de Albarei, socia de Delagro, e integrante da representación sectorial de viño de costa da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), sendo ademais a primeira muller que entrou a formar parte do consello de AGACA (2017-2021). O seu compromiso coa igualdade levouna a sumarse á asociación “Nós, as mulleres”.

Ademais da súa vinculación co mundo do viño e cooperativo, é profesora, e asegura que non renunciaría a ningunha das súas dúas vocacións. Falamos con ela sobre as tres décadas que leva vinculada á cooperativa.

As xornadas de María Dolores Calvo Méndez repártense entre dúas actividades profesionais que vive con entusiasmo a partes iguais: a de exercer como profesora de matemáticas nun instituto de Salceda de Caselas e como presidenta dos cooperativa Condes de Albarei. “Pode haber tempadas tranquilas nas que podes atender a todo sen moitos abafos e outras nas que todo parece coincidir e tes a sensación de non chegar, pero finalmente vaise resolvendo. Hai que organizarse e repartir tempos”, asegura, á vez que recoñece que non podería elixir quedar só cunha das dúas.

“A viticultura e o ensino son dous mundos distintos e á vez con bastantes semellanzas. Traballas con seres vivos, que teñen o seu ciclo vital. Ambos requiren de coidados, dedicación, paixón, acompañamento, van crecendo e ves a túa intervención na súa formación. En ambos gozas da vida e a súa evolución. No ensino asumes moita responsabilidade porque o que fas e dis repercute en persoas en formación e hai que coidar moito os sentimentos e sensibilidades. Creo que non hai necesidade de escoller, a combinación paréceme boa e enriquecedora”.

En 2006 chegou ao Consello Reitor de Condes de Albarei como vogal e permaneceu no cargo oito anos. “Cando Guillermo Rodríguez decidiu deixar a presidencia en 2014, a cooperativa estaba a pasar un momento económico complicado e parecía lóxico que se presentase alguén do consello reitor que coñecese o funcionamento. Ningún dos meus compañeiros animouse e eu decidín dar o paso e presentarme, contando en todo momento co seu apoio e confianza. Debo dicir que non foi unha sorpresa ver que a sociedade aceptaba con naturalidade que unha muller asumise a presidencia, valorando en todo momento á persoa e non o xénero”, explica.

A partir de aí, iniciouse un proceso de traballo e esforzo por reverter o ambiente de descontento e certa tensión que se instalou na cooperativa. “Naquel momento as dificultades viñan dadas pola situación a nivel mundial e a nosa en particular: fixeramos un investimento de gran envergadura, as vendas e os prezos baixaron e o pago a socios foise atrasando. Facer fronte a esta situación era o obxectivo prioritario. Con moito sacrificio logrouse e hoxe podemos estar orgullosos de que hai moita máis cohesión social e unha situación económica desafogada”.

Pero empecemos polo principio de todo, que levou a Dolores Calvo a vincularse ao mundo do viño? “Na casa había vacas, viñas, cultivábase millo, patacas e eu colaboraba desde moi pequena en todos os traballos derivados da actividade familiar (munguir, coidar o gando, estercar, cavar, vendimar, pisar as uvas….). Os cheiros, cores e procesos da viña van asociados ás miñas vivencias desde sempre”, rememora.

“Daquela non ouvira falar nunca de cooperativismo como tal, aínda que coñecía e participaba dos labores colaborativas entre veciños. A cooperativa Condes de Albarei non existía, nin outras na zona. A finais do oitenta os meus pais cambiaron as viñas á variedade de albariño e nese momento comprendín que xa non se podía facer viño na casa e que a mellor forma de sacarlle produtividade era entrar a formar parte dunha cooperativa. Eu animeime e en 1992 fíxenme socia de Condes de Albarei”.

Unha cooperativa con gran impacto social

Nestes 30 anos que Dolores leva vinculada a Condes de Albarei, a cooperativa creceu e evolucionou, tanto a nivel de servizos aos socios como de implicación social, actuando como dinamizador económico, social e cultural da comarca. “Consumimos e gastamos na nosa zona, achegamos nivel económico aos nosos veciños. Xeramos riqueza compartida”.

“A cooperativa achega e crea benestar, fixando poboación. Ademais, ofrece apoio técnico a socios e formación para que coñezan os últimos avances e poidan aplicalos coa finalidade de obter o maior e mellor rendemento das súas viñas. Pero tamén formación noutros aspectos como a igualdade, liderado e xestión, sen esquecer facetas máis persoais como autoestima, motivación…. Destacaría tamén a súa gran implicación no coidado do medioambiente, a saúde alimentaria, a calidade dos viños e a sustentabilidade”.

Pero se hai quedar cun momento clave no percorrido pola historia de Condes de Albarei, Dolores destaca cando, hai catorce anos, materializábase a compra de pazo Baión, unha finca con cinco séculos de historia. “É difícil expresar o regueiro de sentimentos que me invadiron naquel momento: sorpresa, alegría, responsabilidade, moitísima responsabilidade, ilusión, expectativa…. Fixemos unha aposta moi forte porque tiñamos moi claro o proxecto que queriamos levar a cabo e o enclave era inmellorable. A adquisición e posta en marcha do proxecto de Pazo Baión supuxo un antes e un despois na nosa historia, pero aínda nos queda moito por escribir!”.

Hoxe en día, Pazo Baión é un proxecto consolidado, recoñecido como centro de referencia de enoturismo (en 2016 foi recoñecido como mellor recuncho enoturístico de España pola ruta de viños de España) e que ademais ten unha importante compoñente social: o 5% das vendas dos seus albariños destínanse a programas de prevención contra as drogas á vez que colabora na reinserción sociolaboral de ex drogodependentes.

“Co investimento recentemente realizado e unha crise económica mundial, as cousas foron complicadas ao comezo e a sociedade tivo que sufrir, pero hoxe en día valoramos que pagou a pena. É unha contribución de enorme valor colectivo. É unha satisfacción ver que chegan a Pazo Baión visitas de toda España e de países estranxeiros, consomen na comarca, pasan a noite, compran, visitan outros lugares…. É unha forma máis de activar a economía local”.

Unha cooperativa á dianteira en igualdade

Outra dos acenos de identidade da cooperativa Condes de Albarei, socia tamén da cooperativa de segundo grao Delagro,  é o seu traballo pioneiro no ámbito da igualdade de xénero e proba diso é que o seu Consello Reitor mantén unha composición proporcional ao número de mulleres da masa social. “En xeral, nas cooperativas agroalimentarias galegas e españolas, segue habendo pouca participación feminina nos Consellos Reitores e postos de toma de decisións. No noso caso dáse un equilibrio na repartición de postos de responsabilidade entre traballadores e traballadoras, pero son consciente de que somos aínda excepción”, recoñece.

O certo é que as tornas van cambiando, e no últimos dez anos a porcentaxe de mulleres foi en aumento. Algo que, para Dolores, “non é froito da casualidade, senón do traballo de concienciación que vén realizando desde distintos ámbitos, aínda que non é suficiente”. Entre eles, destaca dúas iniciativas nas que ela mesma está fortemente involucrada: AMCAE (Asociación de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias de España) e a Asociación de AGACA “Nós, as Mulleres”.

“Na sociedade en xeral e no rural en particular, a presenza da muller na vida pública aínda non está equilibrada. No rural a presenza da muller, sobre todo nova, é fundamental para afianzar poboación e dar un futuro aos pobos. Necesítanse mulleres formadas profesionalmente, competentes, con iniciativa e ganas de desenvolver o seu proxecto de vida no rural. Para iso debemos ofrecer servizos, conectividade e recursos que permitan á xente nova ver o rural como alternativa”.

“Entendo que o discurso ten que cambiar. Non podemos transmitir aos nosos fillos que estuden e fórmense en especialidades que nada teñen que ver co mundo agroalimentario e despois pretender ter remuda xeracional. Debemos dar unha oportunidade ao rural e ao mundo agroalimentario. Presumamos do mesmo, poñamos en valor o que facemos e o que temos. Pidamos ás administracións plans de estudos específicos nos que haxa unha oferta formativa relacionada coas actividades agroalimentarias de cada zona”.

A viticultura en perspectiva: esforzo, retos e paixón

Que terá o mundo do viño que, a pesar de esixir sacrificios (e non poder vivir en exclusiva diso nos casos de pequenos viticultores como o seu), engancha tanto? “Cando coñeces de preto o mundo do viño é difícil mirar a outro lado. Ver como cada ano os ciclos da vide repítense, como van progresando os acios, vas acompañando o seu proceso e vaste identificando con el”. Outra recompensa, segundo confesa, vén “cando te atopas unha botella do teu viño nun liñal dun supermercado, nun restaurante, nun país estranxeiro, na que hai algo de ti, do teu traballo, do teu esforzo…., resulta moi motivador e estimulante. Sentes que estás a contribuír á alegría da xente, estás presente nas súas celebracións e as súas emocións”.

Os logros da cooperativa chegaron co esforzo dos socios. “Na D.O. Rías Baixas e en Galicia, en xeral, non é fácil vivir da viticultura e o principal escollo preséntao o minifundismo. Somos un D.O. pequena que fixo as cousas ben, apostando sempre pola calidade e agora mesmo estamos moi ben situados no mercado, pero é complicado para os pequenos viticultores medrar, xa que a concentración parcelaria non chegou aínda a todas as zonas. En comarcas tan poboadas como o Salnés, se o pouco terreo que tes dispoñible para plantar non o tes xunto, non é viable facelo. Necesitamos que nos faciliten un pouco as cousas”.

Para ir pechando a nosa charla, pedímoslle que bote a vista atrás e cóntenos de que está máis orgullosa como presidenta de Condes de Albarei. “Creo que o maior logro foi chegar até aquí xuntos, permanecer unidos e consolidarse como unha adega de referencia no sector. O meu maior orgullo como presidenta son as persoas que formamos a cooperativa: sociedade e traballadores. A capacidade para tomar decisións conxuntas que nos permitan saír adiante nun mercado moi competitivo, a forza que impulsa ás familias a crer nun soño común e loitar por levalo á práctica, con ilusión compartida2.

Por último, fálanos dos retos de futuro para o sector vitivinícola. 2Creo que o principal reto que ten a D.O. Rías Baixas é non perder os seus acenos de identidade. Somos unha D.O. pequena e temos que seguir diferenciándonos, non podemos perder a nosa esencia. Temos ameazas, como o feito de que a variedade albariño é máis coñecida que a D.O. Rías Baixas e pode plantarse en calquera parte do planeta. A isto temos que facerlle fronte distinguíndonos por potenciar a nosa situación xeográfica, a tipicidade do noso clima, as características do terreo: identificándonos co territorio”.

Non dubida en detallar cales son os desafíos que están sobre a mesa da cooperativa: “Seguir traballando na cohesión social e achegando calidade de vida aos nosos socios e traballadores. Continuar apostando pola calidade dos nosos viños, xerando valor engadido. Ademais, temos que seguir conservando os nosos valores: solidariedade, igualdade, honestidade, compromiso…. e seguir avanzando cara á sustentabilidade ambiental, económica e social, sen deixar de ser rendibles. En definitiva, seguir mirando ao futuro xuntos con ilusión compartida”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información