Lactalis aplicou unha suba de medio céntimo en febreiro

A industria comprometeuse ademais cos gandeiros a non reducir os prezos na primavera e a manter alomenos o mesmo volume de recollida da anterior campaña, podendo penalizar o aumento das entregas

Lactalis aplicou unha suba de medio céntimo en febreiro

As granxas que lle entregan o leite a Lactalis experimentaron este mes unha mellora nos prezos de algo máis de 0,5 céntimos por litro. A industria, tal e como se comprometera cos produtores tras as protestas de xaneiro, fixo efectivo en febreiro o aumento, que se manterá en meses sucesivos.

Lactalis pactou ademais cos produtores a continuidade dos prezos do leite, sen baixadas, para os próximos contratos que suscribirá esta primavera. A multinacional gala tamén comprometeu o mantemento da recollida dos mesmos volumes de leite da anterior campaña, se ben penalizará no prezo a parte das entregas que supere ese volume.

A suba de prezos aplicada por Lactalis, a principal industria con recollida en Galicia, é consecuencia do aumento dos pagos que recibe das cadeas de supermercados desde decembro. Os grupos de distribución, sometidos en decembro a bloqueos a cargo da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo de Galicia, acordaron cos gandeiros subir nun mínimo de 2 céntimos a cantidade que lle pagan ás industrias polo leite de marca branca, na idea de que as empresas transformadoras repercutisen esa suba nos gandeiros.

Lactalis comprométese a non baixar os prezos na primavera

Cada empresa que se beneficiou das subas está a repercutir desde entón a mellora dos prezos entre a totalidade do leite que recolle. Leche Celta subiu 0,5 céntimos, xa nos pagos de xaneiro, correspondentes ó leite de decembro; en tanto Lactalis aplicou unha suba similar nos pagos de febreiro e Reny Picot elevou a mellora a 0,8 céntimos.

Reunión este xoves da Plataforma co Partido Popular

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, integrada por cooperativas, organizacións agrarias (Unións Agrarias, Sindicato Labrego, Fruga, OPL, etc.), gandeiros e distintos colectivos ligados ó agro, ten previsto iniciar en breve contactos con todos os grupos políticos en demanda dun plan urxente de apoio ó sector lácteo. Este xoves iniciarán esta rolda cunha reunión ás 13:00 horas co Partido Popular no Parlamento de Galicia.

A Plataforma demanda garantías de recollida de todo o leite a prezos de mercado e xestión ordenada dos excedentes, entre outras cuestións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información