A rinotraqueite infeccionsa bovina (IBR) é unha enfermidade contaxiosa que ocasiona importantes perdas económicas ás explotacións. Está causada polo herpesvirus bovino tipo 1 (HVBo-1) provocando un amplo rango de manifestacións clínicas, con signos respiratorios e reprodutivos.
A transmisión pode producirse a través da placenta, o leite ou o costro, pero tamén por contacto directo con fluídos corporais, seme ou aerosois respiratorios (ata 5 metros de distancia). Tamén a través de materiais contaminados, nos que o virus sobrevive ata un mes.
A profilaxe lógrase por medio da vacinación e co sacrificio de animais seropositivos
O período de incubación é de 2 a 4 días, quedando en ocasións en estado latente. O ADN do virus permanece nas neuronas dos ganglios durante toda a vida do hospedador. En caso de estrés (transporte, parto, etc), pódese producir a reactivación da infección latente, con distintos cadros clínicos: secreción nasal, conxuntivite, vulvovaxinite postular infeciosa, aborto (a maioría no último terzo da xestación), baixada na produción de leite etc.
Os veterinarios alertan que a IBR é unha enfermidade moi perigosa, pois ao tratarse dunha enfermidade inmunodepresiva pode acabar rapidamente co rabaño en caso de desencadearse en paralelo un brote de paratuberculosis, por exemplo. Aínda así, moitos gandeiros non son conscientes do risco que supón manter na explotación un animal positivo co virus latente.
Moitas veces os gandeiros non son conscientes do risco que supón manter na explotación un animal portador do virus, aínda que sexa en estado latente
En Galicia, a maior parte das ganderías atópanse encadradas no nivel 2 en canto a IBR (explotación sen animais positivos a glucoproteína E no rango de entre os 9 e os 36 meses de idade nos últimos 2 anos), unha sorte de limbo no que hai tanto explotacións que son na realidade nivel 4 (explotación co 100% dos animais negativos a gE e sen vacinar nos últimos 2 anos) coma outras con casos latentes sen vacinar que nun momento dado poden estoupar en brotes con consecuencias clínicas importantes.
Maior prevalencia en carne que en leite
Ignacio Arnáiz Seco é responsable de área do Laboratorio de Sanidade Animal de Mabegondo e un dos encargados do deseño do programa galego de loita contra IBR. A semana pasada participou nunha xornada técnica celebrada no CIAM xunto a expertos doutras comunidades, á que asistiron veterinarios de ADSG de distintas comarcas.
No seu relatorio, Ignacio fixo un repaso pola historia da IBR en Galicia e detallou cal é a situación actual da enfermidade. “Nos anos 80 e 90 houbo unha alta diseminación da IBR en Galicia con sintomatoloxía clínica. Tiñamos unha prevalencia moi alta naquel momento, do 65% en leite e próxima ao 40% dos animais. Hoxe a prevalencia está por baixo do 3% en animais de menos de 36 meses de idade. A prevalencia da enfermidade é superior en carne que en leite. Son censos máis pequenos e explotacións menos profesionalizadas que descoidaron os programas sanitarios e a vacinación contra IBR”, explica.
Aínda que se trata dunha enfermidade endémica estendida por toda a comunidade, as probas realizadas en explotacións de distintas zonas de Galicia permiten trazar un mapa epidemiolóxico da evolución da enfermidade, con maior presencia actualmente nas comarcas da Mariña, o límite da montaña de Lugo con Asturias e o interior da provincia de Ourense e a zona transfronteiriza do Xurés.
Probas diagnósticas
A diferenza doutras comunidades, en Galicia o diagnóstico non é gratuíto. O gandeiro paga unha mostra de cada 15, como forma de facelo partícipe do programa como beneficiario último da erradicación da enfermidade. Realízanse dous tipos de probas: glucoproteína B (gB) e glucoproteína E (gE). Trátase dun sistema de confirmación con dobre análise, xa que un animal positivo a gB pero negativo a gE ten o virus pero non a enfermidade, mentres que un animal positivo a anticorpos gE é un posible portador latente.
O Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Lugo (LASAPAGA) funciona como laboratorio central en Galicia, con equipos e persoal especializado, e que conta a maiores con dous laboratorios de apoio en Mabegondo e Salcedo, que fan sobre todo probas de seroloxía.
Tres cuartas partes dos animais mostreados o ano pasado procedían de explotacións de leite
Analizáronse case 263.000 mostras en 2022. Foron analizados un total de 144.228 animais co test ELISA gE, pertencentes a 5.172 explotacións. O 2,3% deron positivo en ganderías leite e o 3,8% en ganderías de carne. En canto ás probas con ELISA gB, analizáronse un total de 62.515 animais, pertencentes a 2.562 explotacións, dos que deron positivo o 2,9% en granxas de leite e o 4,8% en granxas de carne.
Monitorización de rabaños mediante análises do tanque de leite
Aínda que as probas en leite teñen moita menor fiabilidade a respecto das probas con soro sanguíneo, a Xunta optou pola súa utilización como sistema de monitorización de explotacións e cribado inicial das indicadas para o sangrado de animais. “Empezamos realizando análise do tanque de leite e cando dá negativo sabemos que nesa explotación hai poucos casos e pasamos a sangrar todas as vacas. Para baixar a prevalencia centrámonos tamén en analizar animais novos”, detalla Ignacio.
Unha de cada catro explotacións dá positivo nas análises de IBR no tanque do leite
En canto ás mostras en tanque de leite analizadas, o ano pasado estudáronse un total de 2.968 explotacións, das que o 25% foron reactivas a IBR gB. A Consellería do Medio Rural desenvolveu un sistema informático (FICADI) que recibe datos das explotacións en tempo real (REGAN) e integra todas as actuacións realizadas nas ganderías polos veterinarios (vacinacións, toma de mostras, etc). Do mesmo xeito, na propia aplicación recíbense os resultados das mostras enviadas ao laboratorio para a súa remisión aos veterinarios de campo (MARIS).
Clasificación das explotacións
A cualificación oficial das ganderías en función da súa situación sanitaria concreta de IBR inclúe 4 categorías, aínda que existen diferenzas entre a clasificación galega e a derivada da normativa estatal, o que obrigará a recalificar á maioría de explotacións.
Temos un tapón moi grande de explotacións en nivel 2 e que van pasar a nivel 0
“Temos un tapón moi grande de explotacións que están en nivel 2 e que van pasar a nivel 0. En nivel 2 temos á maioría das explotacións en Galicia e esas explotacións ou sangran ao 100% dos animais e eliminan os positivos ou deberán vacinar cando se empeze a aplicar o programa nacional, que se prevé que sexa obrigatorio en 2025”, explica Ignacio.
Escaso nivel de vacinación
A Xunta procedeu a incorporar ao documento de acreditación sanitaria da explotación (carta verde) a cualificación de IBR da granxa, pero a maioría de ganderías que están en nivel 2 do programa de Galicia aparecen na carta de saneamento con nivel 0 porque non vacinan e na cualificación da carta de explotación utilízase a clasificación nacional.
Hai unha porcentaxe de vacinación moi baixa en Galicia, é a pata que nos falla
Coa vacinación ou sangrado e eliminación de animais positivos evitaríase que esas ganderías que están en nivel 2 pasasen a nivel 0 e puidesen acceder deste xeito a un nivel superior (3 ou 4), o que facilitaría a saída de animais da granxa. “Cun pouco máis de esforzo poderiamos situar a gran parte desas explotacións en nivel 4; é moi importante non abandonar un programa sanitario, se se arrinca hai que continualo”, insiste Ignacio, que apela á concienciación dos gandeiros e ao labor didáctico dos veterinarios que os asesoran no seu día a día. “É fundamental que a formación parta do veterinario como garante dunha información veraz ao gandeiro”, di.
A formación é a peza principal nos programas de control e debe partir do veterinario
En Galicia vacínase hoxe en día contra IBR menos do que se facía hai anos, cando a sintomatoloxía clínica era habitual nas explotacións, o que axudou a estender o uso das vacinas. A vacinación na década dos 80 e 90 volveuse xeneralizada pero a medida que a aparición de brotes clínicos foi descendendo, a vacinación foi decaendo e abandonándose.
Estratexias: vacinar ou eliminar animais
Unha explotación que ten unha taxa de prevalencia por baixo dun 10% intrarrabaño podería erradicar a enfermidade sen vacinar, simplemente eliminando eses animais. “Levamos 3 anos recomendando aos gandeiros con casos positivos que se desfagan deses animais”, indica Ignacio.
Unha granxa seronegativa con dous animais latentes é un perigo. Se temos animais positivos hai que eliminalos ou senón vacinar
“A vacinación é necesaria, é unha ferramenta moi boa, pero o que non ten sentido é manter animais positivos na granxa, porque poden xurdir brotes en calquera momento e levaría a pasar á explotación a nivel 0, algo que despois custa moitos anos para poder chegar a nivel 4”, razoa.
A rotación de animais é inferior nas ganderías de vacún de carne que nas de leite, polo que os animais portadores do virus permanecen máis tempo na explotación. “A vaca en moitas explotacións en Galicia é máis que un animal que dá diñeiro, é un membro máis da familia, ten nome e é moi difícil desfacerse delas. Xa custou coa tuberculose”, lembra.
Compra de animais
Un dos factores de maior risco para a entrada do virus nunha explotación é a compra de animais. O ano pasado o 3,2% dos animais incorporados a ganderías galegas deron positivo a IBR gE, unha porcentaxe que descende ao 2,8% no caso de explotacións integradas en ADSG. No caso das probas para detección de IBR gB, a taxa de prevalencia en novas entradas de animais é do 4,7%, que baixa ao 3% se se ten en conta unicamente ás ganderías en ADSG.
En 2007 o 17% das vacas importadas de países como Francia eran positivas a IBR
“En 2007 de 100 vacas que viñan 17 eran positivas a IBR, hoxe a positividade sitúase no 3% porque se ti obrigas a que os animais que entran nas explotacións sexan negativos os tratantes traerán vacas negativas, porque se preocuparán de que o gandeiro llas compre”, argumenta Ignacio.
Medidas de bioseguridade e rapidez diagnóstica
A analítica de animais previa á incorporación á explotación e a mellora das estratexias de bioseguridade na granxa para evitar novas infeccións son dúas das medidas máis efectivas para a diminución progresiva da entrada da enfermidade nos rabaños gandeiros, aínda que queda aínda moito que mellorar nestes ámbitos.
“A bioseguridade é un aspecto que falla nas explotacións de vacún”, afirma o responsable do Laboratorio de Sanidade Animal de Mabegondo. “O diagnóstico de laboratorio serve para detectar a enfermidade, pero non para que non entre. Hai gandeiros de vacún que teñen tamén unha explotación de pitos ou de porcos e nestas hai un nivel de bioseguridade moi elevado, mentres na de vacas non adopta practicamente ningunha medida”, compara.
Unha das estratexias recomendadas para a entrada de novos animais é a corentena
A Xunta aposta pola rapidez diagnóstica para evitar o contaxio por parte de animais comprados portadores de IBR. “Se unha mostra entra un martes o venres está o resultado. Non pode ser que un gandeiro que compra un animal teña que esperar un mes para ter a certeza de que ese animal é negativo, porque entón xa o terá metido na explotación”, razoa Ignacio.
O obxectivo dos tres laboratorios galegos (Lugo, Mabegondo e Salcedo) céntrase tamén na detección temperá dos brotes que xurdan nas explotacións. “Este ano houbo un movemento tremendo de animais e iso fixo que xurdan brotes. Estes brotes esténdense rapidamente. Vimos brotes de IBR que en 15 días esténdense e seroconvirten a todos os animais da granxa. Nestes casos os kits de leite son útiles para detectar brotes”, asegura.
“Co programa voluntario xa chegamos ao límite, é o momento de adoptar un programa obrigatorio”
O programa da Xunta de loita contra IBR, que empezou a aplicarse en 2004, ten carácter voluntario e lévase a cabo a través do medio cento de ADSG existentes na comunidade, de forma conxunta con outras enfermidades como BVD, paratuberculose e neosporose.
Pero a pesar de levar máis dunha década traballando no control e erradicación de IBR nas explotacións, a situación da enfermidade en Galicia está estancada, mentres noutras comunidades que empezaron a traballar neste ámbito moito despois, caso de Andalucía ou País Vasco, o avance foi moito máis rápido.
Obrigar a vacinar
“Co programa voluntario temos chegado ao límite, é o momento de adoptar un programa obrigatorio, porque senón non seremos capaces de baixar dese 2-3% de prevalencia que temos hoxe”, defende Ignacio Arnáiz Seco, responsable de área do Laboratorio de Sanidade Animal de Mabegondo.
Unha das estratexias que Ignacio defende é o de “fomentar o uso da vacinación, que é un punto débil en Galicia”, recoñece. “Temos que obrigar a utilizar a vacina en determinados sitios, porque senón é volver atrás”, asegura.
Chegar a todas as explotacións
Converter a loita contra a IBR en obrigatoria significaría universalizar o seu control no conxunto da cabana gandeira, independentemente do tamaño da explotación, do mesmo xeito que sucede con outros programas oficiais, como tuberculose ou brucelose.
“É necesario estender o programa a todas as explotacións, tamén ás pequenas, e temos que ver como axudarlles, porque cumpren unha función moi importante no territorio e non podemos poñerlles trabas que impliquen ou aceleren a súa desaparición”, argumenta.
O papel das ADSG
Pertencer a unha Asociación de Defensa Sanitaria Gandeira ten carácter voluntario, aínda que nalgunhas axudas da Xunta, como plans de mellora, concédese un punto no baremo por pertenza a ADSG.
O responsable do Laboratorio de Sanidade animal do CIAM é partidario de profundar máis nesta liña e establecer a pertenza a unha ADSG como requisito para o acceso a axudas públicas. “Necesitamos que todas as subvencións á produción estean condicionadas a que esas explotacións estean en programas sanitarios”, argumenta.