Unhas 75 ganderías de vacún de carne en extensivo e semiextensivo das comarcas ourensás da Limia e da Baixa Limia mantiveron este domingo unha segunda xuntanza para a creación dunha ADSG (Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira).
Até o de agora non dispuñan deste servizo o que dificultaba e encarecía notablemente acceder a un veterinario, especialmente nos concellos da Baixa Limia. A esixencia nos vindeiros meses do veterinario da explotación foi o impulso definitivo que levou a estas ganderías a plantearse a creación dunha ADSG que, se todo vai segundo o previsto, comezaría a funcionar en xuño, dando cobertura veterinaria a entre 1800 e 3000 vacas reprodutoras, segundo o número de ganderías que finalmente se sumen á iniciativa.
Jose Bailón, propietario de gandería “Rectoral Santa Baia”, en Trasmiras, e impulsor da iniciativa, primeiro a través dun grupo de washapp, explica que a iniciativa xurdiu “debido á necesidade de que por lei este ano necesitamos un veterinario de explotación, que controle as enfermidades contaxiosas como IBR, BVD, neoesporas, tuberculose ademáis de ser preciso para facer un desparasitado anual do gando en presenza del, entre outros cometidos.”
“Agora, o veterinario sanitario ten que estar asociado á explotación, é dicir, el asinará a documentación para acreditar que a explotación está ben para seguirmos cobrando as axudas. Por tanto, ten que estar de man e asalariado, mais é imposible ter unha persoa vinculada á túa explotación doce meses ao ano. Entón, nace a posibilidade de crear unha ADS. En Maceda xa hai unha e o mesmo en Viana. A idea é crear esta ADS entre A Limia e A Baixa Limia, pois unha soa comarca non reuniría vacas abondo para crear unha ADS”, explica José Bailón.
Buscan un veterinario
De momento están tentando sumar o maior número posible de ganderías de vacún nas dúas comarcas para chegar a polo menos 3000 cabezas reprodutoras, o mínimo esixible para que sexa viable contratar a un veterinario a xornada completa. De non ser posible, comezarían contratando a un veterinario a media xornada.
“Por iso estamos facendo un chamamento en redes sociais a todos os gandeiros que descoñecen a obrigatoriedade do veterinario sanitario para que nos contacten. Así aumentaremos a cantidade de cabezas e termos un veterinario a tempo completo entre A Limia e A Baixa Limia. Se non chegamos a eses números teremos que comezar cun veterinario a tempo parcial”, explica.
Asemade, están xa a buscar tamén un veterinaria para traballar para esta nova ADS. As persoas interesadas poden chamar ao 665 82 01 71