Resignación e cabreo a partes iguais entre os produtores de leite ante a decisión das empresas que lles recollen o leite de baixarlles o prezo de compra para os vindeiros meses e advertencia clara das consecuencias que esta baixada pode ter na produción.
“As industrias están xogando a unha carta moi arriscada”, advirten desde a asociación de gandeiros Agromuralla, que convidan ás empresas a “recapacitar” e retirar os contratos á baixa se non queren verse nos vindeiros meses nunha situación de “desabastecemento” como a que se deu tralo verán de 2022.
Se temos problemas cos animais pola EHE e o prezo non axuda, a industria e os supermercados van ter desabastecemento como tiveron fai ano e medio
No transcurso dun acto con asociados para informalos da situación actual das reclamacións presentadas, o portavoz de Agromuralla, Roberto López, lembrou que enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) supón “un campo de minas para as explotacións que vai facer estragos nos vindeiros meses”, polo que, dixo, “se temos problemas cos animais non imos poder producir leite”.
Cinismo das industrias e as cadeas de distribución
Roberto López referiuse á actual proposta de renovación de contratos para a compra do leite por parte das industrias en Galicia, que inclúen baixadas xeralizadas de 2 a 5 céntimos, e asegurou que supón “un novo roubo ás explotacións porque o prezo do leite non baixou nos liñais dos supermercados”.
O portavoz de Agromuralla lembrou as recentes declaracións de Joan Roig, dono de Mercadona, na presentación de resultados do exercicio 2023, no que a cadea de supermercados valenciana incrementou os seus beneficios un 40% mentres os seus provedores en Galicia (Naturleite e Entrepinares) baixaban o prezo do leite ás ganderías. “Así non se axuda ao sector agrogandeiro”, concluíu Roberto López respostando ás palabras de Joan Roig nas que defendía que os produtores tiñan que gañar diñeiro tamén.
En prazo até setembro para reclamar contra o Cártel do Leite entre 3 e 4 céntimos por litro entregado entre os anos 2000 e 2013 máis intereses
Trala confirmación por parte da Audiencia Nacional, en 9 sentenzas da sala do contencioso-administrativo comunicadas o pasado 21 de febreiro, da existencia dun Cártel Lácteo entre os anos 2000 e 2013 do que formaban parte algunhas das principais empresas por volume de recollida, Agromuralla asegura que “o xogo sucio por parte da industria e a distribución continúa”.
A asociación, con presenza sobre todo na provincia de Lugo, onde estarían a maior parte dos afectados, recomenda aos gandeiros que aínda non presentaron reclamación que o fagan. O prazo legal para interpoñer as correspondentes demandas pola vía civil en concepto de danos e prexuízos continúa aberto até o mes de setembro, logo de que o Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea sentara xudisprudencia ao respecto ampliando o prazo de prescrición inicial, que finalizaba en xullo do 2020.
A contía económica da indemnización que podería corresponder a cada granxa sería de entre 3 e 4 céntimos por litro de leite vendido á industria entre os anos 2000 e 2013, máis os intereses correspondentes, que poderían mesmo duplicar esa cantidade.
Poden interpoñer demanda explotacións que xa pecharon ou aquelas que entregaran o leite a unha industria que non pertencera ao Cártel
As granxas que estaban en activo neses anos, independentemente de que a día de hoxe teñan ou non actividade, poden reclamar eses cartos. Non é necesario tampouco que entregaran o leite a algunha das 8 empresas multadas no 2019 pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia por intercambiar información co ánimo de pactar prezos e provedores (un comportamento anticompetencia ratificado agora pola Audiencia Nacional), senón que aínda que se vendera leite a outra industria as 8 que formaban o Cártel do Leite (Pascual, Lactalis, Nestlé, Schreiber, Celega, Capsa, Danone e Puleva), estas terían que facerse cargo de maneira solidaria da indemnización, pois todas as granxas, as que elas recollían es as demais, teríanse visto afectadas pola baixada de prezo pactada.
Máis de 50.000 granxas afectadas
As reclamacións teñen que ser individuais e o proceso prevese aínda longo, de entre 2 e 6 anos para coñecer as primeiras resolucións dos tribunais, pois trala resolución da Audiencia Nacional espérase que as industrias recurran agora ao Tribunal Supremo.
Neste momento máis de 12.000 granxas en toda España, 7.000 delas en Galicia, teríanse sumado a algunha das reclamacións en marcha, pero moitas outras poderían tamén presentar demanda, xa que se estima en máis de 50.000 as granxas afectadas polo Cártel do Leite, todas as explotacións con entregas que había no período 2000-2013. Arredor da metade destas ganderías estarían en Galicia.
O respaldo da Xustiza supón unha inxección económica e moral moi importante para o sector ao confirmar que durante moitos anos as industrias estivéronnos roubando
“As industrias acordaron prezos durante eses 13 anos e puxéronse dacordo para repartirse as granxas e evitar deste xeito que cambiaramos de empresa. Esa actuación ilegal das industrias fixo moito dano ao sector, provocando o peche de moitas explotacións e forzando á xente nova a desistir e a abandonar a actividade”, asegura Roberto López, portavoz de Agromuralla.
“Hoxe quedamos menos de 10.000 granxas de leite en España, polo que aquel dano é irreparable, pero as sentenzas da Audiencia Nacional e as reclamacións de danos e prexuizos que delas se derivan supoñen unha inxección económica e moral moi importante para o sector”, valora.