A Audiencia Nacional confirma a multa a cinco industrias lácteas polo cártel do leite

Os maiores importes de sanción corresponden a Lactalis, Pascual e Nestlé, que suman 26,9 millóns de euros. O fallo xudicial abre as portas ás reclamacións de indemnización dos gandeiros contra as empresas

A Audiencia Nacional confirma a multa a cinco industrias lácteas polo cártel do leite

A Audiencia Nacional vén de emitir a sentencia sobre o chamado cártel do leite, coa que se pronuncia sobre a decisión da Comisión Nacional da Competencia de sancionar con 80 millóns de euros a un grupo de industrias lácteas. O fallo da Audiencia confirma a multa a cinco industrias e estima parcialmente os recursos doutras tres industrias por erros nos periodos de cálculo, polo que lle pide á Comisión Nacional da Competencia que recalcule a sanción para estroutros tres casos.

A sentencia confirma as multas a Calidad Pascual, con 8,5 millóns de euros, a Lactalis, con 11,6 millóns de euros e a Nestlé, con 6,8 millóns de euros. Eses son os principais importes, aos que hai que sumar os 929.000 euros da sanción a Schreiber Foods -fabricante de iogures para Mercadona-, e os 53.300 euros a Celega, proveedora de Schreiber.

As outras empresas que foran inicialmente sancionadas por Competencia, Capsa, Danone e Puleva viron parcialmente estimados os seus recursos, xa que a Audiencia pídelle a Competencia que recalcule as multas, ao entender que algún dos periodos de sanción están prescritos. No caso da Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, retíraselle a multa, que fora de 60.000 euros.

O fallo xudicial, por tanto, considera acreditado que por parte das empresas existiu un intercambio de información sobre prezos, a fin de acordalos, así como outras prácticas irregulares, como os pactos sobre granxas proveedoras. Todos estes comportamentos, entende a Audiencia, prexudicaron o poder de negociación dos gandeiros durante o periodo 2000 – 2013, polo que se consideran acertadas as sancións de Competencia por fixación de prezos e reparto do mercado.

Contra esta decisión da Audiencia Nacional, as industrias poderán interpoñer recurso ante o Tribunal Supremo, se ben preséntase como unha vía complicada.

Reclamacións de indemnizacións
O fallo da Audiencia Nacional que confirma as multas dictadas por Competencia abre a porta a que as granxas cursen as correspondentes peticións de indemnizacións contra as industrias lácteas multadas. Só en Galicia calcúlase que arredor de 7.000 granxas teñen iniciado o proceso para presentar as correspondentes reclamacións a través dos xulgados do mercantil, un proceso que estaba só pendente de arrancar a que chegase este fallo da Audiencia Nacional.

Valoracións desde Unións Agrarias
Tras trascender a sentencia xudicial, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, subliña que a sentencia confirma “a comisión do delito de pactar prezos” por parte de tódalas industrias sancionadas no seu día por Competencia. “Imaxinamos que as industrias tratarán de alongar o proceso xudicial, pero esta sentencia abre xa a vía para que desde os servizos xurídicos de Unións Agrarias -en colaboración con Eskariam- presentemos máis de 5.000 demandas, en nome doutras tantas granxas, para reclamar a cantidade apropiada indebidamente por parte das industrias”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información