Xornada sobre a EHE e os novos cambios lexislativos que afectan ás granxas leiteiras o venres 9 de febreiro en Lugo

Agromuralla mostra "a solidariedade dos gandeiros galegos coas protestas organizadas en Francia e Alemaña" e non descarta accións similares en Galicia

Manifestación de Agromuralla polas rúas de Luno en novembro do 2021 polos baixos prezos do leite

Tractorada de Agromuralla no centro de Lugo en novembro do 2021 polos baixos prezos do leite

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla organiza o venres 9 de febreiro pola mañá no salón de actos da Escola Politécnica de Lugo unha xornada informativa sobre as últimas normativas que afectan ás granxas de produción de leite e sobre os perigos que supón a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) para o gando. 

O programa inclúe como ponentes a técnicos da Administración que abordarán aspectos como os novos reais decretos sobre medicamentos, Plan Sanitario Integral e veterinario de explotación ou SIEX e Caderno Dixital.

A segunda parte da xornada estará centrada na EHE, unha enfermidade emerxente que fixo notar os seus efectos en Galicia o pasado outono e que de cara a esta primavera ameaza gravemente ás explotacións de vacún, tanto de leite como de carne, debido ás súas graves consecuencias.

Agromuralla esixe axudas que cubran a totalidade dos gastos veterinarios pola EHE e o lucro cesante pola perda de produción, ademais da posible morte de animais

Para falar da EHE Agromuralla contará con especialistas como Alberto Prieto, investigador do departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, e diversos veterinarios e gandeiros, tanto de Galicia como de Ávila ou Extremadura, lugares onde a enfermidade atacou de maneira moi importante en 2023.

Novas esixencias en materia de abonado e benestar animal 

O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, que será o encargado de abrir as xornadas, explica que “este 2024 é un ano de moitos cambios no sector como consecuencia da entrada en vigor de novas normas de abonado, benestar animal ou dixitalización que condicionan de maneira importante a rendibilidade das explotacións leiteiras, polo que resulta fundamental contar con información precisa e de primeira man sobre a súa aplicación”.

Do mesmo xeito, desde Agromuralla esíxese á Administración “que contemple unha liña de axudas específica para facer fronte ás consecuencias da enfermidade hemorráxica epizoótica nas explotacións que inclúa os custos veterinarios e de tratamentos, así como o lucro cesante por perda de produción, ademais da posible morte de animais”. 

programa Xornadas Agromuralla

Solidariedade coas protestas de agricultores noutros países europeos, debido á “burocratización” da produción

José Luis Pérez Barreiro quixo mostrar tamén “a solidariedade dos gandeiros e gandeiras galegas” cos produtores de países como Francia ou Alemaña que estes días se manifestan cos seus tractores en demanda de melloras para o sector. Sobre a posible organización de protestas similares en Galicia, non as descartou e indicou que “neste momento estanse valorando todas as posibilidades”.

“O sector primario en toda Europa ten problemas comúns, como son unha excesiva burocratización e a falla de garantías dun prezo xusto para os alimentos que producimos”, asegurou o presidente de Agromuralla. 

“Todo o que vén de Bruxelas supón máis traballo e máis gasto para as explotacións; a día de hoxe xa pasamos máis tempo cubrindo papeis que atendendo aos animais ou ás terras”, afirmou Pérez Barreiro, que acusou ás Administracións públicas, tanto europeas como estatais, de “lexislar en contra do sector”. 

En relación á viraxe ambientalista da UE, o presidente de Agromuralla dixo que “as políticas verdes non poden supoñer ir en contra da seguridade alimentaria da poboación”. “Somos os primeiros que queremos coidar o medio ambiente e, de feito, os agricultores e gandeiros somos os xestores do territorio e os que coidamos da natureza”, insistiu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información