“Hai que valorar se temos que producir menos leite e sacar máis valor”

Francisco Bello, de Asaja, cuestiona o progresivo aumento das entregas, que en decembro superaron nun 6,6 por cento ás do mesmo mes do ano anterior, segundo trascendeu na cuarta reunión de seguemento do acordo lácteo

“Hai que valorar se temos que producir menos leite e sacar máis valor”

Reunión da comisión de seguemento do acordo lácteo.

As partes que subscribiron o acordo lácteo, industrias, cooperativas e Asaja, como única organización agraria asinante, mantiveron unha nova reunión de seguemento do pacto co Ministerio de Agricultura. O encontro, o cuarto desde setembro, serviu para comprobar a evolución dos compromisos e puxo sobre a mesa un asunto clave para o sector. En decembro, a producción de leite medrou en España un 6,6 % en relación ó mesmo mes do ano anterior, continuando así os incrementos de arredor do 5 % de outubro e novembro. “Hai que valorar se é o intre de producir menos leite e sacar máis valor”, cuestiona Francisco Bello, portavoz de Asaja, tras participar na reunión da comisión de seguemento do acordo lácteo.

“Hai cousas que non lle gusta oír á xente, pero con milongas imos directos ó precipicio” (Francisco Bello)

O aumento da producción en toda Europa nun intre de debilidade dos mercados internacionais está a empeorar o escenario de prezos do leite no campo, que en decembro se mantiveron en España nunha media de 31,1 céntimos, similar a novembro. “Temos que vender o que demandan os mercados e agora o mercado está saturado” -valora Francisco Bello.- “Hai cousas que igual non lle gusta oír á xente, pero con milongas imos directos ó precipicio. Estamos nunha época na que temos que falar moito entre todas as partes e, sobre todo, facer números. ¿É mellor producir menos e sacar máis valor ou producir máis e que se pague o leite a 20 céntimos, como xa está a pasar nalgunhas zonas?”.

Límites á producción
O planteamento xenérico de Asaja de debatir posibles límites a producción en intres de crise é compartido en Galicia por organizacións como a OPL e o Sindicato Labrego, que xa veñen facendo propostas concretas desde hai meses para regular os volumes de producción na UE. A medida é defendida en Bruxelas polas coordinadoras gandeiras European Milk Board, na que participa a OPL, e Vía Campesiña, na que está o Sindicato Labrego.

“Se segue entrando leite barato de fóra, é imposible recuperar prezos. A importación é legal pero non é ética”

Outra cuestión é como se debera repartir esa posible limitación da producción por territorios, xa que, por exemplo, en Galicia as entregas están a medrar menos que a media estatal. En Europa, os aumentos de producción están encabezados por Irlanda, que medrou esta campaña un 15%. Holanda e Bélxica sobrepasan o 9% de incremento, en tanto Alemaña está nun 3%, España nun 2,6% e os países veciños, Portugal, nun 3,1 % e Francia nun 1% de crecemento.

Importacións
Asaja advirte de que a saturación do mercado e os prezos á baixa levan a parte das explotacións ó límite. “Coa actual situación de prezos, granxas que fixeron un gran investimento ou que teñen pouca base territorial, por exemplo, están nunha situación moi complicada”, sinala. A organización agraria apunta outro factor que empeora a situación de prezos, como son as importacións de leite. “Se segue entrando leite barato de fóra, é imposible recuperar prezos. Pode ser legal que as industrias traian leite de fóra, pero non é ético nun intre de crise como o actual. As industrias están nun país no que sacan unha conta de resultados e teñen que axudar á economía do país”, demanda Francisco Bello.

“En España debemos seguir o exemplo de Italia. Preocuparnos de ter un prezo sostible e logo decidir canto hai que importar”

O portavoz de Asaja avoga por un pacto de autorregulación das industrias en canto ás importacións, a imaxe do que se fai noutros países europeos. “Os países europeos excedentarios primeiro arranxan o seu mercado interno e logo exportan fóra os excedentes ó prezo que sexa. Aquí en España deberiamos seguir o exemplo de Italia. Preocuparnos de ter un prezo sostible e logo decidir que cantidades hai que importar”, propón.

Como obxectivo de futuro, Bello é partidario de que o sector lácteo español aspire a producir o seu consumo interno, pois historicamente España é deficitaria, pero sinala que ese maior autoabastecemento debe pasar por avances na transformación do leite por parte das industrias e das propias cooperativas, xa que gran parte das importacións españolas son de produtos elaborados como queixos. “O sector ten que mellorar na estruturación e na organización. É fundamental definir un plan estratéxico a medio prazo”, apunta en relación á proposta ó respecto da Consellería do Medio Rural.

En canto ós pasos que se están a dar no marco do acordo lácteo, Francisco Bello valora que hai avances, a pesar das dificultades. “O que non se arranxou en 40 anos non se vai solucionar en 4 meses”, apunta.

Avances en catro meses de acordo lácteo

O Ministerio de Agricultura trasladou na cuarta reunión de seguemento do acordo lácteo o estado dos compromisos lexislativos que asumiu en setembro na sinatura do pacto. Industria e distribución tamén fixeron balance. Estas son as cuestións máis relevantes analizadas onte:

Agricultura pediulle ás industrias que comecen a aportar xa os prezos de cesión do leite á distribución

Decreto que permitirá coñecer os prezos de cesión do leite da industria á distribución. Logo de trasladarlle o borrador de decreto ás partes, a Administración está á espera dos últimos informes internos que respalden a validez legal do texto. O Ministerio, sen embargo, pediu que as industrias comecen a aportar xa datos, sen agardar a que se publique o decreto no Boletín Oficial del Estado (BOE). Distribución e industria teñen que avanzar tamén na redacción dun contrato tipo que regule a relación entre as partes.

Contrato tipo de compra venda de leite entre industrias e gandeiros. A ministra asinou onte o decreto polo que se homologa o contrato proposto pola Interprofesional Láctea. Entrará en vigor tras a súa publicación no BOE.

Decreto de primeiros compradores. Entregaráselle un borrador a cooperativas e organizacións de produtores a comezos de febreiro.

Identificación da orixe do leite. Actualmente, só se identifica claramente a orixe do leite no 17% dos casos, segundo apunta Asaja. Industria e distribución comprometéronse a mellorar a identificación da orixe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información