As arredor de 5800 ganderías galegas de vacún de leite facturaron no 2023 un total de 1531 millóns de euros por venda de leite, un 17% máis que no ano anterior, segundo se recolle no último informe da Asociación Galega Terra e Leite, unha entidade sen ánimo de lucro integrada por investigadores e representantes do sector produtor e industrial.
Esta facturación histórica -225 millóns de euros máis que no 2022- foi posible grazas a que Galicia superou por vez primeira a barreira dos 3 millóns de toneladas de leite producido, pero sobre todo debido a que o prezo medio tamén foi o máis alto dos rexistrados, unha media de 52,54 euros por litro de leite para o conxunto do 2023.
Se lle sumamos os ingresos pola venda de animais -arredor de 76 millóns de euros- polas axudas da PAC -entorno a 96- e por variación de inventario e outros ingresos- a facturación total das ganderías galegas de vacún de leite roldou o ano pasado os 1740 millóns de euros.
Evolución das produción de leite por comunidades autónomas: Aumenta sobre todo en Galicia, Navarra e Castela A Macha
Segundo o informe de Terra e Leite -elaborado partindo da información publicada na páxina web do MAPA e do Milk Market Observatory-, no ano 2023 en España producíronse 7.281.862 toneladas de leite, o que supuxo un incremento con respecto ao ano 2022 do 0,10% -a variación sería negativa se se descontase a produción galega-. En Galicia, as entregas alcanzaron no 2023 as 3.001.683 t, despois de incrementárense con respecto ao 2022 nun 1,02%. Galicia segue incrementado o seu peso e xa presenta o 41,22% do total das entregas a nivel español.
Por comunidades autónomas, Galicia liderou o incremento nas entregas, seguida de Navarra e Castela a Mancha, mentres que a produción baixou especialmente en Asturias e Cantabria.
O leite en Galicia págase 2 céntimos menos por litro que a media española
En canto ás cotizacións do leite en orixe, o informe de Terra e Leite expón que o prezo medio ponderado do leite pagado os produtores en España no ano 2023 foi de 54,69 c/L, o que o sitúa un 17,79% por riba dos 46,43 c/L do ano 2022. No caso de Galicia o prezo medio ponderado do leite no ano 2023 foi de 52,54 c/L, un 16,03% superior aos 45,28 c/L do ano 2022.
O informe de Terra e Leite conclúe que o prezo medio ponderado de Galicia sitúase 2,15 c/L por debaixo do prezo medio ponderado do conxunto do España (-3,93%).
En canto á evolución das cotizacións, despois da senda alcista que experimentaron ao longo do ano 2022, os prezos medios do leite en Galicia alcanzaron o seu valor máximo no mes de febreiro do 2023 (58,90 c/L), para a partir dese mes comezar a descender ata o mes de agosto. A partires deste mes, os prezos estabilizáronse ao redor dos 49 c/L, coincidindo co momento no que os prezos en Europa comezan a aumentar, pechando o mes de decembro nos 49,50 c/L.
Se o comparamos co prezo medio do leite en Europa (UE-27) expresado en c/Kg, o informe explica que iniciou un pronunciado descenso desde xaneiro do ano 2023 ata acadar o mínimo no mes de agosto (43,41 c/kg). Desde esa data os prezos recuperáronse con certa intensidade ata alcanzar no mes de decembro os 46,61 c/kg. Este prezo é un 3% inferior ao de Galicia (-1,45 c/kg), e un 8% inferior ao prezo medio de España (-4,7 c/Kg).
Mellora da rendibilidade das ganderías de vacún de leite no 2023
O Ministerio de Agricultura acaba de publicar o seu informe periódico sobre a situación do sector de vacún de leite en España no que conclúe que a rendibilidade das ganderías de vacún de leite mantívose con datos récord en positivo no 2023, especialmente no primeiro trimestre, cunha marxe de beneficio por litro de leite que veu roldando os 8 céntimos de media.