As ganderías deberán calcular e comunicar as súas emisións a partir do ano que vén

O Ministerio de Agricultura aproba un Real Decreto que obriga aos titulares das granxas a inscribirse nun rexistro de emisións e a comprometerse a establecer medidas para reducir os gases de efecto invernadoiro xerados no seu proceso de produción

As ganderías deberán calcular e comunicar as súas emisións a partir do ano que vén

Fosa de xurro cuberta dunha granxa. / Arquivo.

As explotacións gandeiras estarán obrigadas a calcular o consumo de recursos e as emisións contaminantes de gases de efecto invernadoiro xeradas no seu proceso de produción e comprometerse a establecer as medidas necesarias para reducir esta pegada ambiental.

O Consello de Ministros aprobou na súa reunión deste martes un Real Decreto que regula o Rexistro Xeral das Mellores Técnicas Dispoñibles (MTD) en explotacións gandeiras, así como o soporte para o cálculo, seguimento e notificación das emisións en gandería.

A norma, que entrará en vigor o 2 de xaneiro de 2023, establece a estrutura deste rexistro e o contido mínimo da información que os gandeiros deben comunicar ás administracións públicas sobre a estimación das súas emisións mediante o envorcado de datos nun sistema informatizado desenvolvido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en coordinación co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico,

O Goberno xustifica que a nova norma “forma parte dos compromisos de España coa sustentabilidade das producións gandeiras”

A adopción deste Real Decreto forma parte das reformas contempladas no Compoñente 3 (Transformación ambiental e dixital do sistema agroalimentario e pesqueiro) do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que xestiona o Ministerio de Agricultura logo do establecemento de fondos post-covid por parte da UE. 

Entre os datos a achegar ao novo rexistro de emisións, as explotacións deberán indicar a aplicación das mellores técnicas dispoñibles para a súa redución, en consonancia coas obrigas establecidas nos reais decretos de ordenación gandeira. A nova norma realiza tamén unha adaptación nos reais decretos de ordenación porcina e aviaria, xa aprobados, para incluír unha referencia a este novo real decreto.

Sistema ECOGAN, de adhesión voluntaria por parte das autonomías

Para facilitar esta tarefa, o Ministerio de Agricultura pon ao dispor dos gandeiros a ferramenta ECOGAN, un sistema informatizado de intercambio de información, cuxa adhesión por parte das comunidades autónomas é voluntaria. No caso de Galicia, a Xunta xa se adheriu e a Consellería do Medio Rural será a responsable da toma de datos.

A ferramenta está dispoñible de momento unicamente para granxas de porcino

ECOGAN permitirá coñecer o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles nas granxas españolas, e posibilitará que o efecto da redución de emisións, derivado da aplicación destas técnicas, se reflicta nos informes que anualmente publica o Sistema Español de Inventario (SEI), con validez comunitaria e internacional.

Pendente a aprobación da ordenación de granxas leiteiras

Este sistema informatizado permite estimar as emisións contaminantes e de gases de efecto invernadoiro e o consumo de recursos dunha granxa concreta ao longo do proceso produtivo.

Actualmente esta ferramenta está dispoñible unicamente para a especie porcina, onde tamén hai establecidas recomendacións a seguir por parte das granxas para a redución de emisións, e o Ministerio avanza que “o resto de especies gandeiras iranse incorporando a medida que se implemente a correspondente normativa de ordenación”. No caso do sector vacún de leite, o Real Decreto atópase en tramitación nestes momentos.

No caso das granxas de porcos, a declaración de emisións será anual e estará realizada antes do 1 de marzo

A notificación de MTDs ao Rexistro Xeral levarase a cabo segundo a periodicidade establecida na normativa de ordenación de cada sector gandeiro. No caso do sector porcino, o artigo 16.2 do Real Decreto 306/2020 establece que o titular da explotación deberá realizar unha declaración con carácter anual, antes do 1 de marzo de cada ano, das Mellores Técnicas Dispoñibles aplicadas na súa explotación durante o ano anterior.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información