Requisitos que quere o Goberno para as novas granxas de vacún de leite

Este é o último borrador no que está a traballar o Ministerio de Agricultura para regular as granxas de gando vacún. O Goberno retira a esixencia dunha distancia mínima de 500 metros entre instalacións pero mantén como obrigatorio contar cun valado perimetral para todas as novas instalacións

Requisitos que quere o Goberno para as novas granxas de vacún de leite

O Ministerio de Agricultura segue avanzando no “Proxecto de Real Decreto polo que se establecen normas básicas de ordenación das granxas bovinas”, un texto cuxo primeiro borrador suscitou unha oposición unánime no sector pola esixencia, entre outras medidas, dunha distancia mínima para novos establos de 500 metros respecto doutras granxas ou núcleos habitados.

A última versión desta norma, á que tivo acceso Campo Galego, retira esta esixencia -practicamente imposible de cumprir en comunidades como Galicia pola elevada dispersión da poboación- pero mantén outros requisitos que seguen suscitando o rexeitamento do sector. “O problema de fondo é que o Ministerio segue equiparando o risco zoosanitario dunha granxa de vacún de leite ao dunha gran explotación porcina ou de avicultura, cando este risco é moitísimo menor nunha gandaría de bovino”, apuntan fontes do sector.

O último borrador do “Proxecto de Real Decreto polo que se establecen normas básicas de ordenación das granxas bovinas” establece unha capacidade máxima para as novas granxas que se constrúan de 850 UGMs e clasifica as gandarías -tanto as existentes como as que se constrúan- en tres grupos:

– Grupo I: Até 20 UGMs
– Grupo II: De 21 a 180 UGMs
– Grupo III: De 181-850 UGMs
– Grupo IV: Máis de 850 UGMs

Estas son as cuestións que suscitan máis polémica:

Obrigatoriedade dun valado perimetral:

-Obrigatoriedade de delimitar perimetralmente cun valo todas as instalacións novas que se constrúan, independentemente do seu tamaño.

En concreto, para as novas explotacións do grupo I o Ministerio de Agricultura propón que “as explotacións deberán delimitarse perimetralmente, de forma que se minimice a entrada de persoas, vehículos e o contacto con animais silvestres. Esta delimitación perimetral debe manterse en bo estado”.

Para as gandarías do grupo II -entre 21 e 180 UGMS, a inmensa maioría das existentes en Galicia e a Cornixa Cantábrica, así como para o resto de grupos, o texto establece que “a delimitación perimetral deberá ser continua e deberá abarcar todas as instalacións e zonas con posibilidade de ser usadas polos animais e persoas que traballen na explotación, así como o resto de instalacións anexas e a balsa de xurros ou esterqueira, no seu caso. Ademais, deberán estar en bo estado de conservación en todo momento, permitindo que todas as actividades relacionadas coa produción bovina póidanse realizar dentro do seu límite”.

Mantense a distancia obrigatoria a outras granxas ou para os establos de maior tamaño: 

Aínda que o último borrador no que está a traballar o Ministerio de Agricultura retirou a obriga dunha distancia mínima de 500 metros para os novos establos con respecto aos núcleos de poboación ou outras explotacions gandeiras, sen embargo, mantense unha distancia mínima de 100 metros con respecto a outras granxas para os novos establos do grupo 2 e de 300 metros para os do grupo 3, algo que dende o sector se pide que se retire. 

Deberán contar cun rexistro de acceso á granxa e cun espazo para o cambio de roupa:

-Outra esixencia do decreto que propón o Goberno é que todas as explotacións “deberán manter un rexistro actualizado dos vehículos e das persoas que accedan á explotación, incluídos os veterinarios”.

-As gandarías de nova construción do grupo II deberán contar cun espazo adecuado para o cambio de roupa do persoal que traballa na explotación, e no seu caso, das visitas

Eliminarase de forma obrigatoria o emparrillado:

-Dentro dos requisitos de benestar animal, para todas as gandarías, tanto novas como existentes, establecerase un período transitorio para a eliminación do emparrillado na zona de descanso.

Para as gandarías de maior tamaño, do grupo III -de 181 a 850 UGMs- para as de nova construción establécense ademais estes requisitos:

– Os accesos estarán correctamente sinalizados e manteranse permanente pechados, salvo cando se utilice para a entrada ou saída do persoal ou vehículos autorizados.

– Disporán de arcos de desinfección e/ou un valo sanitario para os vehículos que entren na explotación, ou medios alternativos de eficacia equivalente. En todo caso, os medios de desinfección deberán asegurar a desinfección efectiva das rodas, os pasos de rodas e baixos do vehículo, e deberán estar en correcto estado de conservación e efectividade en todo momento.

– Disporán de ducha con auga quente, xabón e medios de secado.

– As balsas de xurro deberán ter o tamaño preciso para poder almacenar a produción de polo menos tres meses.

Desde o sindicato Unións Agrarias esixen que se retire, entre outras, as esixencias de peche perimetral para as novas explotacións así como a obrigatoriedade de duchas e cuartos de cambio de roupa. “No caso do peche perimetral obrigatorio é un gasto moi elevado, máxime se se inclúen os silos e as balsas de xurro, e innecesario porque en gando bovino hai moito menos risco zoosanitario que con porcino ou avícola. E en canto aos outros requisitos só incrementan os gastos e a burocracia para os gandeiros”, sinalan fontes da organización agraria.

Consulta aquí o último borrador do “Proxecto de Real Decreto polo que se establecen normas básicas de ordenación das granxas bovinas”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información