Gandeiros de Suprema estudan vender xatos fóra de Galicia se non soben os prezos

Valoran o envío de animais a matadoiros doutras comunidades se obteñen un prezo maior. A asociación advirte tamén de que considera insuficiente as axudas lanzadas polo Ministerio para compensar o aumento de custos de producción e pídelle á Xunta que saque unha liña paralela que complemente a do Ministerio

Xatps cebados antes de saír para o matadoiro, con menos de 10 meses

Xatos cebados marcados como Ternera Gallega Suprema antes de saír para o matadoiro, con menos de 10 meses

Os produtores de carne de Ternera Gallega Suprema que forman parte da asociación Gandeiros Galegos da Suprema están valorando a opción de mandar os seus becerros a industrias de fóra de Galicia ante os “baixos prezos” que, aseguran, están a pagar os matadoiros da comunidade.

“Non se está a cumprir o acordo asinado hai xa máis dun mes e estamos estudando distintas vías para comercializar a nosa carne”, anuncia Santiago Rego, presidente dun colectivo de produtores con máis de 400 socios en toda Galicia.

Mantivemos xa contactos con matadoiros de Asturias e de León e imos seguir explorando esas vías

A asociación decidiu convocar nos vindeiros días unha asemblea extraordinaria para reunir aos seus socios e tomar decisións ao respecto. “Mantivemos xa contactos con matadoiros de Asturias e de León e imos seguir explorando esas vías”, avanza.

Malia que nestes momentos os altos prezos do gasóleo e os custos de transporte xogan en contra do traslado de animais a matadoiros de fóra da comunidade, consideran que esa é “unha das alternativas que temos ante os baixos prezos e a situación de monopolio encuberto que hai en Galicia”.

Á marxe da IXP

O sacrificio dos becerros fóra de Galicia implicaría que non se poderían marcar como Ternera Gallega, xa que a IXP esixe que tanto a cría como o sacrificio se produzan na comunidade, aínda que recentemente flexibilizou as condicións permitindo o despece posterior das canais en instalacións ubicadas tamén fóra de Galicia.

“Está entrando gando de fóra, calificado como añojo, que se está a pagar ao mesmo prezo que os becerros marcados como Ternera Gallega, polo que teremos que reconsiderar se a marca serve para algo, porque agora mesmo non suma”, sostén Santiago.

Retomar as mobilizacións

Ademais de buscar vías para mandar o seu gando para fóra de Galicia, a asociación Gandeiros Galegos da Suprema estuda convocar mobilizacións polo incumprimento do acordo de suba de prezos asinado por produtores, industrias e cadeas de distribución e a difícil situación pola que están a atravesar as explotacións debido ao encarecemento de custos.

“A situación comeza a ser moi límite. O que ía ser unha cuestión de 15 días vaise dilatar varios meses e as explotacións non van poder aguantar. Hai moita xente que está sacrificando vacas, aproveitando que valen ben”, asegura Santiago.

Hai moita xente que está sacrificando vacas, aproveitando que valen ben neste momento

Os produtores de Suprema, que pecharon os matadoiros durante a folga de transporte e levantaron posteriormente o bloqueo como xesto de boa vontade, insisten en que non se está pagando pola Mesa de Prezos, tal como recollía o acordo. “Os matadoiros poñen como desculpa que hai atasco de gando, pero ao consumidor xa lle subiu unha media de 2 euros a carne e esa revalorización non se ve reflectida no produtor, porque a nós diso só nos chegaron 20 ou 30 céntimos”, detallan.

Retraso nas medidas anunciadas pola Xunta

“A portas do mes de xuño, xa tiña que ir collendo outra cor o asunto, pero as ferramentas que a Administración ía poñer en marcha, como o Observatorio de Prezos ou a AICA galega, non acaban de saír e dinnos que aínda se poden retrasar 1 ou 2 meses máis. Sen iso, non se pode obrigar ás industrias a pagar polos custos de produción”, argumentan.

Nos supermercados a carne subiu un par de euros e deles a nós chegáronnos só 20 ou 30 céntimos

Algúns matadoiros, como o de Tomiño, o de Viana ou Novafrigsa, fixeron pequenas subidas nas últimas semanas achegándose aos prezos fixados en Amio. Sen embargo, os gandeiros insisten en que “non está a cousa normalizada e están cumprindo entre comiñas, porque despois aplican penalizacións de entre 15 e 20 céntimos que acaban rebaixando o prezo”.

Se os tratantes non asinan o acordo os gandeiros estamos vendidos

Outro dos factores que inflúen en que o acordo non se respecte é o papel dos intermediarios. “Os tratantes, que son os que compran nas explotacións e levan o fluxo de gando aos matadoiros, non participaron na sinatura do acordo e sen iso os gandeiros estamos vendidos”, considera Santiago.  

“Se a Xunta quere complementar a axuda do Ministerio pode sacar outra liña propia”

Membros de Gandeiros Galegos da Suprema reuníronse esta semana en Paradela con Valentín González Formoso

Membros da asociación reuníronse esta semana en Paradela con Valentín González Formoso 

A asociación Gandeiros Galegos da Suprema considera “insuficiente” a axuda anunciada polo Ministerio para compensar aos produtores de vacún de carne polo encarecemento dos custos de produción a consecuencia da guerra en Ucraína.

A contía sería de 60€ por vaca nodriza e 15€ por xato tendo en conta a solicitude da PAC do ano pasado para o cómputo de animais de cada explotación. Para os produtores de carne de Suprema, cos prezos actuais que ten a carne en orixe, ese importe non chega para facer fronte aos gastos, polo que solicitan que, ben sexa o Ministerio, ben sexa a Xunta, aumenten a cantidade final a percibir por parte dos gandeiros.

Pásanse a pelota dun tellado ao outro: a Xunta di que o Ministerio non lle deixa poñer cartos e o Ministerio que Europa non permite aumentar a contía final

“O que non queremos é que se pasen a pelota uns a outros co tema da axuda. A Xunta di que o Ministerio non lle deixa poñer cartos e o Ministerio que Europa non lle deixa poñer máis. Pero a realidade é que se botan a pelota dun tellado a outro mentres os gandeiros estamos en terra de ninguén”, quéixase Santiago Rego.

Para aclarar a situación, membros da asociación reuníronse esta semana co secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, que lles explicou que nas bases aprobadas pola Comisión Europea establécese que os Estados membros poderán poñer como máximo o dobre de fondos que a Administración comunitaria e que o Goberno español xa está a poñer cos seus fondos dúas veces o orzamento destinado a España, polo que non cabería que as comunidades autónomas puxesen tamén cartos dentro desa liña concreta de axudas, aínda que nada impediría que sacasen unha liña propia, como xa fixeron durante a covid-19.

Parécenos unha discriminación o reparto que se fixo e esiximos que se igualen as cantidades cun importe final de 210 euros por vaca nodriza

 “Se a Xunta quere complementar a axuda do Ministerio e de Bruxelas pode sacar outra liña de axudas propia para paliar o encarecemento dos custos de produción”, consideran tamén desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que critican ao mesmo tempo o reparto que se fixo dos fondos por parte do Ministerio. “Que a contía sexa moi inferior con respecto ás explotacións de leite parécenos unha falta de respecto para os gandeiros de carne, sobre todo tendo en conta que o prezo da carne non subiu como subiu o do leite”, razoan, polo que piden que, cando menos, se igualen as contías finais, cunha axuda total de 210€ por vaca nodriza.  

Una idea sobre “Gandeiros de Suprema estudan vender xatos fóra de Galicia se non soben os prezos

  1. Carlos

    Nos supermercados están vendendo a ternera suprema para guisar a 7.5 e os filites a 9.5 agunha vez,por exemplo no Gadis,e agora vos queixades cando levan anos acabando con o mercado

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información