Estes son os importes máximos das axudas para vacún de carne, ovino, caprino, coellos e polos

Os topes das axudas para facer fronte ao incremento de custos de produción quedan fixados en 60€ por vaca e 15 por xato até un máximo de 125 vacas e 520 becerros. No caso de cabras e ovellas, 7€ até un máximo de 800 animais. Para explotacións de polos e coellos os pagos irán de 600 a 5.160 euros en función da capacidade da granxa

MVMC Santo Tomé (Valadouro)O Ministerio de Agricultura inicia este martes 19 de abril o proceso de audiencia e información pública do borrador de Real Decreto que regulará o proceso de concesión do fondo de 193,47 millóns de euros de axuda excepcional para determinados sectores agrícolas e gandeiros. O paquete creouse para paliar a delicada situación como consecuencia dos efectos da invasión rusa de Ucraína.

En concreto, concederanse un total de 193.470.759 euros aos sectores máis afectados polas consecuencias da invasión rusa de Ucraína, 64.490.253 euros dos cales son achegados pola Unión Europea, e o resto, 128.980.506 euros, polo Ministerio de Agricultura.

Este paquete de axudas complementa os 169 millóns de euros que o Goberno destinará aos produtores de leite de vaca, ovella e cabra que se farán efectivas nos próximos días

O proxecto, por razóns de urxencia, estará sometido a información pública por un período de 7 días, ata o próximo 26 de abril inclusive. Este paquete de axudas complementa os 169 millóns de euros que o Goberno destinará aos produtores de leite de vaca, ovella e cabra e que se farán efectivos nos próximos días.

Topes máximos

Os montantes da axuda distribuiranse por sectores da seguinte forma:
– Vacún de carne, ata 110 millóns de euros, correspondendo 97,7 millóns ao subsector da vaca nodriza e 12,3 ao engorde de tenreiros.
– Ovino e caprino de carne, ata 31,7 millóns de euros.
– Carne de polo, ata 10 millóns de euros.
– Carne de coello, ata 3 millóns de euros.
– Cítricos, ata 38,7 millóns de euros.

Establecéronse teitos de animais e de hectáreas subvencionables e consecuentemente uns máximos de axuda por explotación, así como importes unitarios máximos por animal ou hectárea.

O número máximo de animais subvencionables será de 125 vacas nodriza, 520 tenreiros de engorde e 800 ovellas ou cabras. O importe máximo das axudas queda fixado en 60€ por vaca nodriza, 15€ por tenreiro e 7€ por ovella e cabra.

Ao sector de vacas nodriza destinaranse 97,7 millóns de euros e ao de cebo de tenreiros 12,3 millóns

No caso dos produtores de carne de polo ou pavo, a contía total dependerá do volume da explotación: 600€ para granxas de 251 a 1.000 prazas; 810€ de 1.001 a 5.000 prazas; 1.200€ de 5.001 a 10.000 prazas; 1.800€ de 10.001 a 20.000 prazas; 2.400€ de 20.001 a 30.000 prazas; 3.000€ de 30.001 a 40.000 prazas; 3.600€ de 40.001 a 50.000 prazas e 4.800€ a partir de 50.001 prazas.

Para as explotacións cunícolas, a axuda máxima dependerá tamén da capacidade da explotación, con tres tramos: 2.580€ de 50 a 500 prazas de reprodutoras; 3.870€ de 501 a 1.000 prazas e 5.160€ a partir de 1.001 prazas de reprodutoras.

Incrementos trala guerra en Ucraína do 20% nos pensos

O ministerio, coas comunidades autónomas, as organizacións profesionais agrarias e as cooperativas agroalimentarias, analizou a magnitude das perturbacións do mercado e o incremento sostido dos custos de produción e o desequilibrio nos intercambios comerciais. Tras esta análise, optouse por destinar as axudas aos produtores de carne de vacún, ovino e caprino, carne de polo, carne de coello e cítricos.

“No caso dos sectores gandeiros mencionados, o conflito bélico en Ucraína agravou a situación que xa atravesaban ao longo dos últimos meses, caracterizada por un incremento sostido dos custos de produción derivados do aumento dos prezos das materias primas para alimentación animal e da enerxía e combustibles. A situación é aínda máis crítica se se teñen en conta os efectos da seca, que provocou unha menor dispoñibilidade de pastos e, por tanto, unha maior necesidade de suplementación na alimentación animal a prezos máis elevados”, argumenta o Ministerio.

O prezo dos concentrados aumentaron un 75% en comparación co ano 2020

“Os incrementos dos pensos desde o inicio da guerra, o pasado 24 de febreiro, superan o 20% na maioría dos casos, o que se suma aos incrementos de prezos acumulados respecto ao ano pasado, que poden mesmo superar o 50% ou o 75% se os comparamos cos prezos de 2021 ou de 2020, respectivamente. Do mesmo xeito, e malia que aínda non se dispoñen de datos posteriores ao comezo do conflito, o último dato dispoñible do INE correspondente ao mes de xaneiro indicaba que o custo do gasóleo incrementouse case un 95,8%, a electricidade máis dun 114,7% e os fitosanitarios máis dun 6,5%”, detalla o departamento que dirixe Luis Planas.

O gasóleo e a electricidade duplicáronse nos últimos 12 meses

No caso das axudas aos sectores agrícolas, o dos cítricos é un sector de elevado consumo de insumos, especialmente enerxía, fertilizantes e fitosanitarios, cuxos custos se incrementaron. A produción e a exportación española de cítricos teñen unha importancia crucial para o sector agroalimentario no seu conxunto. A súa competitividade viuse afectada pola guerra, ao producirse desvíos de producións de países terceiros que habitualmente se destinaban a Rusia, Ucraína ou Bielorrusia, cara ao mercado comunitario. Estes cambios nos fluxos comerciais presionan á baixa os prezos dos cítricos españois.

Xestión simplificada das axudas por parte das comunidades autónomas en base á PAC 2021

A xestión, tramitación e pago das axudas, corresponderá aos órganos competentes das comunidades autónomas, e están previstos procedementos moi simplificados de solicitude e concesión, de forma que as axudas outorgaranse a todos os produtores de vacún, ovino e caprino e cítricos que cumpran uns requisitos básicos, e que presentasen en 2022 a solicitude única da Política Agraria Común (PAC), prevista no Real Decreto 1075/2014. 

Utilizarase a información contida nas solicitudes de axuda da PAC correspondente a 2021 para determinar o número de animais e hectáreas elixibles

Con estes mesmos fins utilizarase a información contida nas solicitudes de axuda da PAC correspondente a 2021, e a obrante en poder das comunidades autónomas para determinar tanto os animais e as hectáreas elixibles, como o cumprimento dos condicionantes ambientais que esixe o regulamento comunitario.

No caso das incorporacións terase en conta o censo de animais ao 30 de abril de 2022

No caso de produtores de carne de pito e de coello, dado que non se dispón de toda a información anterior, establécese un procedemento simplificado de xestión baseado nos datos máis actualizados declarados polos gandeiros no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA).

Os pagos aos produtores levaranse a cabo antes do 30 de setembro de 2022. Un terzo das axudas son financiadas pola Unión Europea

Os fondos correspondentes transferiranse polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ás comunidades autónomas. Os pagos aos produtores levaranse a cabo antes do 30 de setembro de 2022.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información