“A suba da Ternera Gallega será inmediata: comezará a vindeira semana e completarase en Semana Santa”

A Consellería porá en marcha o mes que vén un Observatorio de Custos e unha AICA galega para sancionar aos operadores que incumpran a Lei da Cadea. A campaña de promoción estenderase durante 5 anos e será cofinanciada por gandeiros e industria cárnica

Roberto García, secretario xeral de UUAA, detallando este martes en Lugo o acordo coa industria e a distribución

Roberto García, secretario xeral de UUAA, detallando este martes en Lugo o acordo coa industria e a distribución

O secretario xeral de UUAA, Roberto García, explicou este martes en Lugo os pormenores do protocolo asinado o venres cos matadoiros e as cadeas de distribución para a revalorización da carne de vacún amparada pola IXP Ternera Gallega e aínda que dixo que agarda unha suba “importante”, asegurou que o paro do transporte e o bloqueo dos matadoiros vai dificultar a súa aplicación inmediata debido á acumulación de becerros nas explotacións.  

Estarían garantidos os custos de produción máis un beneficio dun 10 ou 15% para os gandeiros

“É un acordo histórico. Isto nunca se conseguiu en Galicia e nós temos moitas esperanzas postas nel”, afirman en Unións Agrarias, que detalla que “estarían garantidos os custos de produción máis un beneficio dun 10 ou 15% para os gandeiros como marxe de beneficio que ten que ter calquera empresa”, asegurou Roberto García, que rexeitou sen embargo dar cifras concretas porque “estariamos fixando prezos e cometendo unha ilegalidade”, argumentou.

“Aínda que algunhas medidas poidan tardar 15 días ou un mes en poñerse en marcha, con isto estaremos dándolle unha volta ao calcetín ao sector da carne, cun novo modelo de relación”, dixo antes de pedir ás organizacións que decidiron non asinar o acordo, como SLG ou Fruga, “non xerar dúbidas sobre o seu cumprimento nin xogar a reventalo”.

Suba escalonada

“A revalorización terá que facerse en dúas ou tres etapas, a primeira de xeito inmediato na vindeira semana, porque os custos disparáronse en máis de 80 céntimos en quilo nos últimos 2 meses; unha segunda revalorización en Semana Santa, porque é cando empeza a recuperarse o consumo; e unha última cando se poña en marcha o Observatorio de Custos, dentro dun mes máis ou menos”, especificou.

Unha das premisas nas negociacións era que o que acordaramos fose de aplicación práctica, xa que os custos de produción disparáronse máis de 80 céntimos en kilo nos últimos 2 meses

“Unha das premisas nas negociacións era que o que acordaramos fose de aplicación práctica. Imos ligar o prezo que percibe o gandeiro e o prezo que perciben os matadoiros en base a uns custos oficiais que publicará o Observatorio de Prezos, de creación legal por parte da Consellería, acompañado tamén da creación dunha AICA galega, unha axencia de investigación e control que garanta o cumprimento e que ninguén cobre por debaixo dos prezos de produción que indique o Observatorio”, explicou Roberto García.

Observatorio de Custos

Segundo explicou UUAA, a Xunta comprometeuse á posta en funcionamento nos vindeiros días dun Observatorio de Custos. “A Lei da Cadea non está funcionando no sector lácteo pola ausencia dunha ferramenta deste tipo, xa que a industria láctea esixe que os custos de produción sexan calculados de xeito individual polas granxas, o que imposibilita na práctica a negociación colectiva dun prezo mínimo para o leite”, comparou Roberto García.  

Someterse ao que dicte o Observatorio de Custos non sempre vai ser unha vantaxe

Pero “someterse ao que dicte o Observatorio de Custos non sempre vai ser unha vantaxe”. recoñeceu. “Neste momento vai supoñer unha revalorización importante e en pouco tempo da carne, pero somos conscientes de que pode oscilar tamén á inversa e baixar o prezo da carne se dentro de seis meses baixan os factores que determinan os custos de produción, como son os pensos, o gasóleo ou a luz”, admitiu.

Imos ter a garantía de que eses custos son obxectivos, verificables e publicados oficialmente e de que non imos cobrar por debaixo deles

Mentras o Observatorio non se pon en marcha, o Consello Regulador da IXP Ternera Gallega fará un estudo preliminar de custos de produción para que sexa tido en conta xa nos contratos de compra-venda de animais da vindeira semana, “para non estar a expensas do que decidan os matadoiros ou as cadeas de distribución por non ter uns custos de referencia”, insistiu.

Implicar aos matadoiros

“Aprendemos que tiñamos que implicar aos matadoiros para que os acordos coa distribución revertirán nos gandeiros, e que non pasara o mesmo que pasou co leite, que subiu no supermercado pero esa revalorización non chegou aos produtores”, comparou.

“A industria cárnica tamén necesitaba este acordo porque o pescozo de botella que lle tiña que dar viabilidade tanto aos gandeiros como aos matadoiros era a distribución. Se o prezo da carne galega se usa para gañar clientes e non para gañar cartos non hai a marxe suficiente para poder remunerar aos eslabóns da cadea”, afirmou.

O incremento sería de máis dun euro en quilo e comezaría a notarse a partir da vindeira semana

“Isto é totalmente factible e legal, porque non estamos poñendo prezos mínimos, senón establecendo que estarán por enriba dos custos de produción”, asegurou Roberto Garcia, que sen embargo non quixo aclarar de canto sería esa revalorización “porque estariamos pactando prezos e cometendo unha ilegalidade”.

“Hoxe o custo de produción de Ternera Gallega está por enriba dos 6 euros e non nos 4,80 que cobra o gandeiro e o prezo para o consumidor debe estar máis cerca dos 15€ que dos 11 nos que se atopa en algunha cadea de distribución”, exemplificou.

Sancións de 3.000 a 100.000 euros aos operadores que non o cumpran

Outra das ferramentas que a Consellería porá en marcha para garantir o cumprimento do acordo será a creación dunha AICA galega, como organismo encargado de vixiar e sancionar en caso de incumprimento. “O Regulamento xa está feito e xa hai funcionarios da Xunta asignados. Non se trata de facer unha Lei senón de establecer os instrumentos para que incumprila saia caro”, argumentou Roberto García.

E detallou que as sancións irían de 3.000 a 100.000 euros, con incrementos no caso de reincidencia e coa posibilidade de prohibir sacrificar ou vender Ternera Gallega a aquel establecemento que incumpra. “Coas sancións establecidas non é rendible o incumprimento xeralizado”, asegurou.

O acordo circunscríbese a Ternera Gallega

O acordo acadado cos matadoiros e as cadeas de supermercado circunscríbese unicamente á IXP Ternera Gallega como forma de escapar ao ditame vinculante do Tribunal español de Defensa da Competencia. “Non necesitábamos o visto bo do Tribunal da Competencia estatal, xa que estamos regulando un mercado local, posto que a Ternera Gallega só se pode producir e sacrificar en Galicia. Deste xeito é dabondo con que o Tribunal da Defensa da Competencia galego autorizara o acordo”, explicou.

Non podemos estender este acordo ao resto da carne porque o ámbito é estatal e necesitariamos a autorización do Tribunal español de Defensa da Competencia

“Tiñamos esa posibilidade de regular porque temos un mercado pechado en Galicia, pero non podemos facelo co resto da carne porque o ámbito xa é estatal”, explicou Roberto García, que agarda sen embargo que “valorizar o noso Vega Sicilia das carnes sirva tamén para tirar para arriba polo resto de carnes, dado que no resto de España esas carnes xa subiron e nós estamos no furgón de cola”, dixo.

Ternera Gallega é a columna vertebral do sector da carne en Galicia e aglutina aos gandeiros que viven profesionalmente desta actividade

En Galicia hai rexistradas 21.000 explotacións de vacún de carne, das que 8.400 están inscritas na IXP Ternera Gallega, da que forman parte tamén 400 cebadoiros. “Ternera Gallega é a columna vertebral do sector da carne en Galicia e aglutina aos gandeiros que viven profesionalmente desta actividade”, asegurou o secretario xeral de UUAA. O 78% das explotacións sitúanse na provincia de Lugo.

Axudas directas ás explotacións

A maiores do acordo para a suba de prezos, desde Unións Agrarias reclaman un Plan de emerxencia inmediato para saír ao rescate daquelas explotacións que corran o risco de ter que pechar pola súa situación actual.

“Pedimos que se articule unha axuda directa a cada explotación de vacún de carne en compatibilidade cos fondos que poidan vir de Madrid ou de Bruxelas. Está permitida pola UE, que puxo 64,5 millóns de euros e terá que cofinanciala o Ministerio cos 400 millóns de euros que anunciaba este luns Pedro Sánchez e a Xunta terá que poñer outra parte, dado que Alberto Núñez Feijóo anunciou tamén unha partida de 20 millóns de euros para cofinanciar os cartos que veñan de Madrid”, indicou Roberto García.

Apagar os lumes sae moito máis caro que pagar aos gandeiros por manter o territorio. En moitos lugares se non houbese vacas de carne só habería xabaríns e incendios

“Cremos que o sector que está neste momento en máis risco é o do vacún de carne e pensamos que debera ter unha prioridade á hora de asignar axudas directas por explotación esperando que a recuperación de prezos poida empezar xa a funcionar en 15 ou 20 días”, dixo. UUAA pide tamén o anticipo da PAC ao mes de xuño para dar liquidez ás explotacións.

18 entidades secundan o acordo

Trala foto da sinatura do acordo do pasado venres, na que só estivo Unións Agrarias e á que non foron convidados o resto de sindicatos nin asociacións de gandeiros, a Xunta chamou ás demais entidades para recabar o seu apoio ao protocolo urdido por UUAA.

SLG e Fruga rexeitaron sumarse debido á falta de concreción do documento e outras entidades afearon as formas, aínda que finalmente optaron por asinar. Fixérono, entre outras, a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que protagonizou protestas ás portas dos matadoiros durante o paro dos transportes, Agrigga, Acruga, Proterga ou a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada.

Todos os matadoiros que sacrifican carne da IXP Ternera Gallega asinaron a proposta

O acordo foi secundado tamén pola totalidade dos matadoiros que procesan canais de Ternera Gallega, así como pola maioría das cadeas de supermercados. Unicamente faltarían por asinar, segundo explicou UUAA, Carrefour e El Corte Inglés.

Varios meses de negociación silenciosa á marxe da Xunta

Roberto García esforzouse este martes por xustificar o modo de actuar do sindicato, excluínte co resto de organizacións representativas do sector. “Non foi por egoísmo. Fixemos un traballo importante pero non o queremos en exclusiva”, asegurou.

No mes de xaneiro paralizamos a campaña de mobilizacións pese á situación que había no sector para facer posible a negociación

“Para que isto funcionara non o podíamos facer público nin colectivo. O acordo é produto dun traballo en silencio de varios meses, froito de máis de 28 reunións levadas a cabo de maneira individual nos meses de febreiro e marzo con todas as cadeas de distribución e todos os matadoiros que comercializan Ternera Gallega, negociando cadea a cadea e matadoiro a matadoiro, e, unha vez que o acordo estaba embridado, coa propia Xunta, para que fixera de ferramenta financieira e articulara os protocolos legais que facían falta para levar a cabo o acordo”, confirmou Roberto García.

Campaña para diferenciar Suprema de Ternera Gallega

Unha das bases do compromiso que obtivo UUAA da industria e da distribución, e que contou posteriormente co aval da Consellería do Medio Rural, pasa por establecer unha “diferenciación clara” da carne de Suprema do que é a Ternera Gallega convencional, tanto desde o punto de vista da cotización para o gandeiro como tamén desde o punto de vista do consumidor.

O 60% da carne de Ternera Gallega véndese en Galicia e o resto en nichos de mercado de fóra da comunidade que temos sen aproveitar

“Era imprescindible unha campaña potente de comunicación nos medios galegos e estatais dos dous modelos de produción”, defendeu Roberto García, que explicou que esa campaña, cun orzamento de 1,4 millóns de euros, “este ano pagaráa a Xunta e o Consello Regulador, co compromiso de mantela catro anos máis por parte do resto da cadea de valor, cun sistema similar ao do leite, é dicir, financiada por produtores e industrias”, explicou.

Creación de Organizacións de Produtores

O acordo acadado busca pasar da negociación individual de prezos actual ao establecemento de cotizacións de referencia marcadas con carácter xeral para os distintos tipos de carne e aceptadas como vinculantes polo conxunto da cadea.

Pero para UUAA a mellora da rendibilidade do sector pasa tamén por medidas a nivel de granxa, que pasarían por incrementar volume de produción e por axustar a oferta aos momentos do ano de máis demanda a través da organización de partos, e outras de carácter colectivo, como unha maior profesionalización do sector a través da agregación da oferta e a venda en conxunto.

“O acordo non substitúe a negociación, e agora os gandeiros de carne poden constituír tamén Organizacións de Produtores; antes só se podía negociar colectivamente o leite, pero agora tamén é posible no sector da carne”, explicou Roberto García.

Os efectos da folga do transporte e o bloqueo aos matadoiros

Aínda sen citar á asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que protagonizou as protestas ás portas dos principais matadoiros durante o paro do transporte, o secretario xeral de UUAA non perdeu a ocasión de criticar esta decisión. “Ten difícil explicación cando alguén se pega tiros no pé”, dixo.

“Algúns gandeiros de boa fe acabaron colaborando cos piquetes aínda que iso dificultaba a saída da carne nunha época ademais na que menos demanda e máis oferta hai de Suprema. A acumulación de animais vai dificultar a posta en marcha do acordo de xeito inmediato”, advertiu. “Imos ter un problema de prezos a semana que vén pola acumulación de becerros”, indicou.

Hai 2.000 becerros atrasados por non ter sacrificado animais nas últimas dúas semanas e esa acumulación vai dificultar a posta en marcha do acordo de xeito inmediato

“Non ten sentido que bloqueemos os matadorios cando máis Ternera Gallega sobra. Se xa había un desfase entre oferta e demanda de entre 3.000 e 4.000 becerros, agora hai 2.000 becerros máis, porque se estivo substituíndo Ternera Gallega por carne doutros lugares, mesmo sacrificando en Galicia becerros de Salamanca”, recoñeceu.  

Acusou aos gandeiros que se sumaron ás protestas de “poñer letra á música dos camioneiros” e pediu “buscar fórmulas máis intelixentes para solidarizarnos co transporte”. “O peche de matadoiros produciu uns danos enormes nas granxas integradas de porcos e pitos”, asegurou.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información