Os gandeiros de Suprema levantan o bloqueo aos matadoiros “como xesto de boa vontade”, á espera de medidas

Din que "agora a pelota está no tellado da Administración e as industrias" e esixen que antes de que acabe este mes se adopten "medidas efectivas que fagan subir o prezo da carne que producen"

Os gandeiros, recollendo esta mañá o seu campamento improvisado ás portas de Novafrigsa, en Lugo

Os gandeiros, recollendo esta mañá o seu campamento improvisado na entrada a Novafrigsa, en Lugo

Despois de 10 días acampados ás portas dos principais matadoiros da comunidade, os produtores de Ternera Gallega Suprema levantaron esta mañá o campamento improvisado que mantiñan en Lugo ás portas de Novafrigsa, ao igual que fixeran nas horas previas no resto de industrias que procesan a súa carne. 

Fano, din, “como xesto de boa vontade” que permita “unha negociación real” entre as partes para fixar un prezo en orixe dos seus animais que cubra o incremento dos custos de produción que se veñen encadeando nos últimos meses.

Con todo, aseguran, “o conflito non se resolverá mentres non se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria” e se garanta a viabilidade das súas explotacións. “A pelota está agora no tellado da Administración. Esiximos á Xunta que exerza o seu papel de mediación e involucre ás industrias, á distribución e á IXP nunha solución”, reclaman os gandeiros reunidos en torno á asociación Gandeiros Galegos da Suprema. 

Esiximos á Xunta que exerza a súa función e involucre ás industrias, á distribución e á IXP nunha solución

O seu presidente, Santiago Rego, pide que se adopten antes de que acabe este mes “medidas efectivas que fagan que o prezo do tipo de carne que nós producimos suba”. Este paquete de medidas atinxirían tanto á Consellería como ao Consello Regulador.

Entre outras cuestións, seguen reclamando unha promoción diferenciada da carne de Suprema a respecto da Ternera Gallega convencional, procedente de cebadoiros industriais, que permita ao consumidor distinguila claramente nos liñais dos supermercados, así como que se eliminen as trabas para que a carne de Suprema poida chegar con maior facilidade aos principais mercados de fóra de Galicia onde é valorada. 

Os animais comezarán a entrar de novo nos matadoiros 

Os gandeiros participaron este xoves en Lugo na marcha organizada polos transportistas

Os gandeiros participaron este xoves en Lugo na marcha organizada polos transportistas

Desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema rexeitan que desde as industrias os acusen de impedir a saída de carne das súas instalacións, algo que estivo condicionado pola folga do transporte, e din que eles simplemente aproveitaron o paro dos camioneiros para “exercer unha labor informativa e de concienciación dos consumidores”. 

Desde o día 14 non entrara carne de Suprema nos matadoiros galegos

Desde o luns día 14 os gandeiros deixaron de mandar os seus animais ao matadoiro, algo que se retomará a partir de hoxe para que non falte carne nos liñais dos supermercados e carnicerías e os consumidores non sufran as consecuencias dun posible desabastecemento. 

Para que os animais que nestes días superasen a idade máxima de sacrificio permitida (10 meses) non perdan valor, os produtores obtiveron tamén o compromiso do Consello Regulador para que de forma excepcional se permita que sexan marcados como Suprema durante o tempo que dure o paro do transporte.

Valoracións da Consellería do Medio Rural

Por parte da Consellería do Medio Rural, apúntase a Madrid como lugar onde buscar solucións. Consultada a Consellería sobre as protestas dos gandeiros de Suprema e posibles medidas, Medio Rural sinala que é “consciente da situación pola que está a pasar o sector cárnico” e demanda que “o Ministerio de Agricultura faga cumprir a Ley de la Cadena Alimentaria, facendo efectiva a prohibición de venda a perdas”.

A Consellería insiste en que é o Ministerio quen ten que convocar a industrias, gandeiros e cadeas de distribución para impulsar unha suba de prezos ao longo de toda a cadea, desde as granxas ata o consumidor final.

“Neste sentido, dende a Xunta solicitóuselle ao Ministerio que promova un gran acordo ou memorando de entendemento entre a distribución, a industria e os gandeiros a nivel nacional que faga que distribución e industria habiliten os mecanismos necesarios para incrementar o prezo actual dos contratos de venda dos produtos gandeiros”, conclúen.

Petición dun gabinete de crise en Galicia

Entre tanto, o Sindicato Labrego está a iniciar unha campaña para que a Xunta poña en marcha un “gabinete de crise”, con participación de industrias, produtores e Administración, para afrontar, en primeiro lugar, os problemas derivados da folga de transportes, pero tamén as dificultades que enfronta o sector pola suba de custos de produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información