Ternera Gallega acorda que o acabado dos becerros de Suprema sexa acortellado

A gran maioría do pleno do consello regulador considera que a medida é precisa para manter o carácter tenro que diferencia á IXP, así como para lograr unha maior uniformidade. O Sindicato Labrego, pola contra, acusa á Indicación Xeográfica dunha deriva industrial que vai en prexuízo das granxas tradicionais

Ternera Gallega acorda que o acabado dos becerros de Suprema sexa acortellado

O cebo final dos becerros de Ternera Gallega Suprema terá que facerse en recintos acortellados, polo que quedarían excluídos os animais que fagan o cebo final ao aire libre en base a pasto. A medida busca lograr unha maior uniformidade no acabado dos animais, así como preservar elementos diferenciais da IXP, como o carácter tenro da carne.

Esta decisión sobre o acabado final dos animais, que terá que tramitarse ante a UE como unha modificación do prego de condicións, ten a única oposición do Sindicato Labrego, que acusa á Indicación Xeográfica Protexida dunha deriva industrial.

A organización agraria propuxo no último pleno que nos sistemas de produción extensivo e semiextensivo, o acabado se puidese realizar ou ben mediante estabulación ou ben ao aire libre no pasto, “sendo parte da marca os animais de ambos métodos que acaden os grados de engraxamento e conformación recollidos na orde”.

Ambas alternativas foron votadas no pleno, sendo o resultado de 15 votos a favor do acortellado final dos animais e 1 voto, o do Sindicato Labrego, a favor de permitir o cebo final ao aire libre, segundo sinala o propio Sindicato Labrego en nota de prensa.

“É dicir, os 8 vogais das industrias, os 3 de Asaga -en representación dos cebadoiros-, os 2 de Unións Agrarias e os 2 de Gandeiros Galegos de Suprema votaron a favor de eliminar da marca a todas aquelas granxas que non ceben ou a aquelas granxas que non teñen instalacións para cebar xatos”, sostén o Sindicato Labrego.

Para o Sindicato Labrego, isto é unha evolución cara un modelo de produción “intensivo e industrial” para a Terneira Galega Suprema.

“Esta modificación afecta a todas as granxas da produción tradicional galegas, tanto a aquelas que ceban acortellado como ás que non, polo que a nova normativa está abrindo a marca a que dentro de pouco os cebadoiros poidan cebar xatos comprados as granxas de vacas e sacar estes ao mercado como Terneira Suprema”, opina o Sindicato Labrego.

A organización agraria, por último, anuncia que traballará en Bruxelas, a través da coordinadora europea Vía Campesiña, para oporse a este cambio do prego de condicións de Ternera Gallega Suprema.

As granxas de Suprema disporán dun período transitorio de dous anos para acortellar os becerros

Una idea sobre “Ternera Gallega acorda que o acabado dos becerros de Suprema sexa acortellado

  1. Fina Fontan Bello

    Non estou da cordo, co méter a os terneitos galegos nas cortes, poden meter calquera raza ,ademáis e necesario limpen o campo e o monte .

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información