Continúa a vixilancia ante síntomas de mildio nas viñas

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro recomenda manter o nivel de vixilancia para actuar a tempo no caso de que se detecte a primeira mancha

Publicidade
Continúa a vixilancia ante síntomas de mildio nas viñas

Mildio nunha folla en Vilanova.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, aconsella manter o nivel de vixilancia para actuar a tempo no caso de que se detecten síntomas de mildio nas viñas. Esta recomendación faina a pesares de que non se observaron incidencias e que os prognósticos das diferentes axencias meteorolóxicas para os vindeiros días non son favorables ao desenvolvemento do patóxeno. Tamén aconsella considerar renovar a protección naquelas viñas que xa recibiran unha aplicación, debido ás choivas producidas.

Areeiro recibiu información da aparición dunha mancha esporulada no Salnés, concretamente no concello de Vilanova de Arousa, na zona de Baión, e doutra sen esporular en Arbo. A detección, só destas dúas manchas, pode explicarse polo escaso desenvolvemento das viñas e polas temperaturas nocturnas frescas.

Bolboreta do buxo e enfermidades nos cítricos
Areeiro pide manter un nivel alto de vixilancia da bolboreta do buxo, xa que a subida de temperaturas favorece a actividade das eirugas. Deste xeito, tanto en sebes tratadas como nas que non o están, hai que realizar revisións periódicas para valorar se cómpre renovar o tratamento xa realizado ou acometer a primeira intervención.

Debido á climatoloxía húmida, os froitos de moitas especies cítricas están a murchar na árbore e é probable que caian prematuramente. Neste eido, é fundamental retirar e eliminar todos os froitos afectados (tamén os que se atopan na árbore) para reducir a incidencia de enfermidades nos cítricos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información