O último aviso fitosanitario emitido este venres pola Estación Fitopatolóxica Areeiro recomenda continuar a vixilancia da viña ante o mildio, oídio e botrite. O centro dependente da Deputación de Pontevedra advirte da importancia de aplicar tratamento debido ó aumento do oídio e tamén preparados antimildio naquelas viñas nas que, polo desenvolvemento da vexetación, non chegaron os tratamentos. Ademais, Areeiro advirte sobre o aumento da erinose de verán e sobre novos síntomas de enfermidades de madeira.
No relativo o mildio non se ten detectado empeoramento nas viñas. Non obstante, naquelas zonas máis frondosas, onde non chegou o tratamento, si se teñen atopado novas manchas. Debido á previsión de posibilidade de precipitacións que se espera para os próximos días, recoméndase tratar as viñas cun funxicida a base de cobre.
A falta de choiva dos últimos días favoreceu a presenza do oídio nas viñas. Areeiro detectou un incremento no número de acios afectados entre os cales, os máis danados son as variedades sensibles e en acios rebuscos. Debido a que o pintando non está completo, o centro dependente da Deputación recomenda aplicar un antioídio á par do funxicida de cobre.
Tamén se recomenda o control e tratamento da viña ante o avance da botrite. En especial en viñas onde hai cepas de diversas variedades temperás, nas que o avance na fenoloxía conduce a un maior contido de azucre dos grans e hai máis afectación. Neste caso, así como en variedades sensibles, é aconsellable aplicar un tratamento dirixido aos acios.
Como consecuencia da calor dos últimos días a sintomatoloxía das enfermidades de madeira acentuouse, así como o desequilibrio hídrico que está afectando a algunhas das viñas. Tamén segue a aumentar a erinose de verán.