Europa prevé que o prezo do leite no campo siga por riba dos 40 céntimos toda a década

A UE agarda unha próxima moderación das actuais cotizacións, pero descarta fortes caídas, xa que pronostica unha progresiva baixada da produción ata o 2032

Como cada mes de decembro, a Comisión Europea vén de presentar os seus pronósticos dos mercados agrarios para a próxima década. Son pronósticos que ás veces, por diferentes imprevistos, envellecen peor que o leite, pero marcan tendencias probables. No sector lácteo, a perspectiva da UE é que o prezo do leite no campo teña chegado xa ó seu pico, no entorno dos 55 céntimos, para comezar a baixar proximamente, se ben non se espera un forte desplome das cotizacións, como sucedeu na crise do 2015.

A previsión da UE para os próximos anos é que o prezo do leite se manteña forte, por enriba dos 40 céntimos por Kg., para chegar ó 2032 no entorno dos 45 céntimos / Kg. de media. Ese pronóstico de prezos faise en base á progresiva baixada de produción que espera a UE durante toda a próxima década (- 0,2% anual).

Previsión de prezos do leite en euros / tonelada.

Previsión de prezos do leite en euros / tonelada.

O principal motivo de que a produción de leite descenda sitúao Europa nas maiores esixencias ambientais. A Comisión advirte de que as rexións gandeiras máis intesivas, como pode ser o caso de Holanda, terán que reducir a densidade de cabezas para diminuír a contaminación das augas por nitratos e as emisións de amoniaco.

A previsión do informe é que se reduza o número de vacas e a produción, se ben unha parte desa baixada compensarase por maiores rendementos dos animais.

Alimentación animal e secas
Outros dous factores a ter en conta na produción de leite son o prezo da alimentación animal e as secas, principales causas da baixada de produción no 2022 no continente.

Sobre a alimentación animal, a previsión europea apunta a unha próxima moderación dos prezos no periodo 2022-2025, se ben agárdase que se estabilicen en niveis superiores á etapa pre-Covid.

Pronóstico de prezos de alimentación animal en produtos de proteína alta (high), media e baixa (low).

Pronóstico de prezos de alimentación animal en produtos de proteína alta (high), media e baixa (low).

En canto ós fenómenos meteorolóxicos extremos derivados do cambio climático (altas temperaturas e secas, xeadas primaverais, etc.), a Comisión Europea sinala que aumentarán nos próximos anos “de xeito altamente probable ou con case total seguridade”, segundo as previsións do Panel Intergubernamental do Cambio Climático, da ONU.

O impacto dos fenómenos extremos dependerá da súa dimensión xeográfica, así como da posible recurrencia deste tipo de problemas.

Tendencia xeral a menores producións
A tendencia a menores producións é xeral a nivel do sector agrario, tanto en leite como en carne ou en parte dos cultivos, como a cebada e o millo. O comisario de Agricultura, Janus Wojciechowski, emitiu unha chamada de atención polo descenso do número de granxas e o aumento da idade media dos produtores, o que pode comprometer a seguridade alimentaria de cara ó futuro.

Con todo, durante a próxima década, a UE prevé manter capacidade de autoabastecemento en leite, carne e trigo, se ben seguirá sendo deficitaria en cultivos como o millo.

Leite máis sostible
En paralelo ás baixadas de produción, espérase que os sistemas de produción máis sostibles vaian gañando terreo, tanto polos apoios da PAC como polas tendencias de consumo. Na actualidade, a produción de leite ecolóxico representa só un 4% na UE, en tanto que os sistemas extensivos de produción de leite suman arredor do 20% do total. A Comisión agarda que tanto o leite ecolóxico como o de pastoreo aumenten cota de mercado nos próximos anos, igual que outras opcións, como o leite de vacas alimentadas sen transxénicos.

Do mesmo xeito, pronostícase o fortalecemento das actuais tendencias de coidado do benestar animal e de introdución de prácticas máis sostibles (manexo dos xurros, produción de biogás, redución de antibióticos, etc.).

Perspectivas do mercado de lácteos
No mercado internacional, Europa continuará sendo o principal exportador mundial, segundo as perspectivas da Comisión, se ben non se prevén fortes aumentos das exportacións, tanto pola menor produción interna como por unha probable maior competencia internacional.

As gamas de lácteos que mellor funcionarán, tanto a nivel interno como no mercado exterior, son o queixo e o soro, orientado este último á industria alimentaria. Espérase que o leite en po e a manteiga reduzan o seu crecemento, en tanto o leite líquido continuará evolucionando á baixa debido a factores como o envellecemento da poboación. Outras gamas de lácteos frescos, como o iogurt, espérase que se manteñan estables, con posibles nichos de crecemento, como o do iogurt líquido.

Evolución do mercado de lácteos. Na vertícal, márcase a variación de uso de leite equivalente, en tanto na horizontal, o crecemento de cada gama. O tamaño dos círculos representa o uso de leite equivalente en cada gama no periodo 2020-22.

Evolución do mercado de lácteos. Na vertícal, márcase a variación de uso de leite equivalente, en tanto na horizontal, o crecemento de cada gama. O tamaño dos círculos representa o uso de leite equivalente en cada gama no periodo 2020-22.

As oportunidades de desenvolvemento no mercado de leite líquido e lácteos frescos, segundo o informe europeo, virán da man de lácteos funcionais, por exemplo ricos en proteínas ou con vitaminas engadidas, e de gamas orientadas ás demandas dos novos consumidores (menos graxas e azucres).

Só o polo resiste o descenso do consumo de carne

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información