Só o polo resiste o descenso do consumo de carne

O consumo mundial de carne seguirá crecendo ó longo da próxima década, pero en Europa a tendencia irá en sentido contrario, pois espérase unha diminución do consumo de 1,5 Kg. por persoa, ata situar o consumo total en 66 Kg. ó ano. A reducción, debida en parte ó envellecemento da poboación europea, será máis acusada no porcino e na carne de vacún, en tanto a carne de ave (polos e pavos) beneficiarase dun aumento de consumo a nivel europeo.

Evolución do consumo de carne (Kg. por persoa e ano) en porcino (pigmeat), aves (poultry), vacún (beef) e ovino - caprino (sheep).

Evolución do consumo de carne (Kg. por persoa e ano) en porcino (pigmeat), aves (poultry), vacún (beef) e ovino – caprino (sheep).

As previsións corresponden ó informe de perspectivas agrarias 2022-2032 que vén de presentar a Comisión Europea. O documento de análise do mercado agrario, que se elabora de xeito anual, mantén similares pronósticos a pasados anos. A Comisión Europea apunta como factores clave a ter en conta a preocupación dos consumidores polo medioambiente e pola súa saúde.

Vacún
En vacún, a perspectiva é que os condicionantes ambientais e a baixa rendibilidade leven a reducir un 9,1% o tamaño total da cabana gandeira en Europa na próxima década, en especial en zonas marcadas pola intensificación, como pode ser en España o caso de Cataluña. Os apoios da PAC a producións máis sostibles poden axudar a soster a produción, pero non evitarán o descenso, segundo a Comisión.

O prezo espérase que evolucione á baixa e que logo repunte lixeiramente, para estabilizarse no 2032 en torno a 4 euros por Kg. O sector manterá un mercado de exportación, se ben é previsible que as esixencias de benestar animal dificulten o actual comercio do Mediterráneo con animais vivos cara os países árabes.

De xeito paralelo, espérase un progresivo aumento da chegada de importacións. Europa recoñece que ese aumento de importacións introduce un contrasentido, pois se a UE reduce parte da súa produción por motivos ambientais e aumenta importacións, producirase o que chama unha “fuga de emisións” cara outros países, ou dito doutro xeito, unha maior importación de emisións.

A Comisión Europea valora en paralelo que a preocupación dos consumidores polo medioambiente e o cambio climático levarán a unha maior atención á orixe da carne, ao seu sistema de produción e á súa pegada ambiental.

Porcino
O consumo de porcino espérase que baixe un 0,4% anual durante a próxima década (-1,3 Kg. por persoa ó ano no 2032). Esa baixada vén motivada pola tendencia europea a reducir o consumo de carne de porco, principalmente por motivos sanitarios, e tamén pola probable redución de exportacións a China, que está recobrando a súa capacidade de produción tralos brotes de peste porcina. Os prezos espérase que baixen ata o 2025 e que despois se estabilicen en torno a 1,5 euros / Kg.

Avicultura
A produción e consumo de carne de ave espérase que siga medrando a un ritmo do 0,2% anual, cun crecemento menor que na última década, pero mantendo bo consumo interno e boas opcións de exportación. O prezo, segundo o informe europeo, evoucionará á baixa, pero manterase por riba de niveis pre-Covid, no entorno dos 2 euros / kg.

Ovellas e cabras
A produción de ovellas e cabras, que é escasa a nivel da UE, aumentará lixeiramente durante a próxima década, cun consumo interno estable e boas perspectivas de exportación ó Magreb e Oriente Medio.

Alternativas vexetais e carne de laboratorio
Sobre as alternativas de proteína vexetal, a Comisión Europea prevé que sigan medrando, pero sinala que continuarán a ter unha cota de mercado pequena.

Outras opcións, como a carne producida en laboratorio a partir de células nai, non se espera que se consoliden no mercado na próxima década por cuestións regulatorias e posiblemente por prezo e falta de aceptación entre os consumidores.

Europa prevé que o prezo do leite no campo siga por riba dos 40 céntimos toda a década

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información