Archives

“En Australia un viño natural con características similares ao meu ten un prezo de 700 € por botella”

Falamos con Raquel Vizcaya López, viticultora de O Bolo, na denominación de orixe Valdeorras que elabora viño de xeito totalmente natural, recuperando o xeito tradicional ancestral galego. O seu proxecto formou parte da XI edición do Programa de Apoio ao emprendemento de Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega.

Como xurdiu este proxecto e a túa relación coa viticultura? Son filla de labregos, da terra, do policultivo de autosuficiencia alimentaria baseado na horta e na viticultura, filla dun pobo labrego onde se producia todo o necesario todo o ano, e onde aínda lembramos o gando en todas as casas, e o cultivo de cereais que agora se recupera en Lugo, os castiñeiros, a sega da herba, os pastos dos que tamén agora presumimos en Galiza. Teño formación en economía, laboral e empresa familiar, coa idea de facer algo desde a nosa casa desde a nosa orixe... Vaise producindo o relevo xeracional.

Son autónoma agraria en terras cedidas polos meus pais. Na cuestión do viño natural, da adega, o que facía o viño na casa era o meu avó, deixoulle o legado ao meu pai e logo ao meu irmán. E collín eu o relevo en adega porque dinme conta que a eles realmente non lles gustaba o viño, eu sí que son amante do viño, así que collín eu o relevo e nese proceso, bebendo viños, dinme conta de que o viño non sentaba de todo ben e alguén deixou caer que era polos arreglos que se lle facían ao viño, e entón lembrei que o avó facía viño sen botarlle nada máis que uva, 100% natural, e foi máis adiante, cando comezaron usar aditivos e mecanismos correctores. Entón empecei elaborar co sistema tradicional do meu avó, só uva e fermentación alcohólica, e o viño saiu moito mellor. Probárono varios catadores e animáronme a crear un viño de autor.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80090" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Agora mesmo vender uva dame unha estabilidade económica e crear unha empresa sería como deixar un legado para os meus fillos, algo que ainda que me pasara algo quedara aí o negocio, cos seus clientes e vendas, unha empresa. Son viticultora de Valdeorras, vendemos uva á diferentes adegas, e unha pequena parte da produción (principalmente das viñas vellas) é para viño da casa de autoconsumo.

Agora mesmo vender uva dame unha estabilidade económica e crear unha empresa sería como deixar un legado para os meus fillos

En que fase se atopa agora? Que características teñen as viñas? Agora mesmo estamos nos trámites para crear a marca e a adega, pero isto leva un tempo, espero conseguilo nun prazo de 6-12 meses. Estou indo a feiras para presentar o viño e que a xente o vaia probando e coñecendo.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80091" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Neste momento estamos traballando unhas 6 hectáreas, a metade de viñas vellas tradicionais, en vaso grego, sen espaldeira e sen aramios, plantadas nos anos 40. Estas viñas son cedidas por veciños que xa non podían seguir traballando ou morreron e teñen diferentes variedades: godello, garnacha, xerez, mencía, … A outra metade son viñas máis novas, típicas da profesionalización desta zona nos anos 80-90 fundamentada no proxecto Revival, con castes godello e mencía, onde podes meter o tractor e o sistema de condución é con espaldeiras de arame. Trátase dunha zona granítica e con lousas moi vellas e branda. É un cultivo de secano total con moi pouca profundidade de terra, uns 30 centímetros. A maioría están en bancais e pendentes bastante pronunciadas.

A idea é dar de alta a nosa adega familiar, e facer unha pequena reforma de acondicionamento, “poñela máis bonita”. En calquera caso o peso do negocio está nas viñas de godello coas que vendemos uva pero realmente eu elaboro o viño da casa (o que quero comercializar) coas viñas vellas, pois teñen outro matiz.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="85896" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Que obxectivos persegues a curto e longo prazo? A curto prazo crear a marca de viño e dar de alta a adega, espero que nun prazo de 6-12 meses poda conseguilo. Ao mesmo tempo dar a coñecer o meu viño indo a feiras de viño e artesanía.

A longo prazo ir crecendo pouco a pouco poder xestionar as viñas que vaian quedando abandonadas na zona… Traballar para entrar e consolidar a nosa posición.

Valoras obter o certificado ecolóxico ou algún etiquetado distintitvo? O ecolóxico é imposible, difícil, que o consiga porque estou rodeada de viñas que non traballan en ecolóxico… Tería que comprar todas as viñas anexas ou convencer a todos os veciños que traballen en ecolóxico.

Interésame algún certificado que respalde o que eu fago, e nese sentido penso que o que mellor se adaptaría sería algún de biodinámica como o DEMETER, pero é un tema que investigarei en profundidade na altura da vendimia e no outono.

Que características e peculiaridades ten o voso viño e a vosa zona? O meu viño é totalmente diferente porque é totalmente natural en todo o proceso. Trátase dun viño natural, sen aditivos, sen correccións de ningún tipo, sen filtrado, sen aclarado….que ademais aguanta, xa comprobei que pode viaxar. É un viño que considero alimento, que che vai a sentar ben, vaiche gustar e que ten unhas características ben diferentes e intensas. É un viño que che dura, que che pide beber lento, que sacia máis, ten moito máis corpo e é máis denso, cun cheiro e unha cor máis intensa. O branco colle tonos dourados a veces incluso color barro, e pode chegar case á cor laranxa, de aí que se considere dentro dos orange wines.

Son viños salvaxes e con alma, biodinámicos, froito de traballar cos ciclos lunares, as estacións, as constelacións… Todo isto condiciona o xeito de traballar dependendo da fase. Trátase de seguir unhas normas non escritas, facer un montón de traballo simultáneo para non ter que ir tan constantemente á viña, con este sistema ao final levas menos traballo e gastas moito menos en produtos.

O meu pobo está entre a zona de cabeza de Manzaneda e Peña Trevinca, vivo no encontro entre o río Xares e Bibei, unha zona moi especial, cunhas condicións climáticas peculiares, onde se mixtura un clima más mediterráneo cun clima máis de montaña. Poderíamos dicir que somos como unha subzona de Valdeorras, que é algo que se tiña previsto facer oficial pero finalmente non se crearon esas subzonas, pois é moi costoso e lento cambiar os reglamentos das DO… É como o tema dos espumosos e rosados, que levan anos intentando introducirse na DO e non hai xeito. A min o das subzonas paréceme un tema moi interesante e outras DO contemplan esta posibilidade, como a DO Rías Baixas. Para min está claro que existe unha unidade territorial entre O Bolo, Viana do Bolo e a Veiga, era o que se ía chamar Terras do Bolo pero non se chegou a finalizar ese proxecto de comarca por falta de acordo entre os concellos. É unha zona con moitos bosques, castelos medievais e unha longa tradición do cultivo do cereal que se está a perder.

A que mercados te dirixes? Como é a comercialización e prezo medio? Diríxome ao cliente final directamente, ao consumidor, premiando e buscando que veñan a buscalo aquí á casa, para que vexa como produzo e podan probalo antes. Tamén busco sommilieres e intermediarios profesionais especializados en viños naturais. O meu obxectivo final non é que o prezo sexa máis elevado, porque o considero alimento e quero que todo o mundo o poida mercar, en Australia un viño natural con características similares ao meu ten un prezo de 700 € por botella.

En Australia un viño natural con características similares ao meu ten un prezo de 700 € por botella

Que características ten a vosa adega? É unha adega tradicional, cunhas moi boas condicions para elaboración e conservación do viño. Estamos preparando máis acondicionamento, o que se sería poñela máis bonita. Está medio soterrada e ten unhas condicións de frío moi interesantes que serían moi difíciles de replicar noutra adega e que lle dan un toque especial ao viño. Estamos a producir uns 1000 L de viño por tempada e pensando en non medrar moito ....para conservar a calidade e diferenciación do noso viño sen aditivos engadidos, sen correccións, salvaxe, con alma...palpable no seu corpo e na súa cor intensa e brilante... Tentando seguir atrapando a terra da lousa coas súas ladeiras e ribeiras, e climas ...en cada trago…

Como son as tarefas de mantemento das viñas e cantas persoas traballades? Traballamos as viñas como se traballaron sempre, co saber herdado, e ao tempo practicas ecolóxicas e biodinámica,..Trátase de seguir unhas normas non escritas, facer un montón de traballo simultáneo ao son da lua e das estrelas para non ter que ir tan constantemente as fincas, con este sistema ao final levas menos traballo e mellores resultados. Fago traballos combinados co meu irmán, nos axudamos mutuamente, e tamén con outros veciños, aquí ainda funciona moito ese sistema. Aquí emprégase moito o que chamamos podas de futuro, non tanto pensando na produción deste ano, pensamos nos seguintes anos, conformando a cepa para que aguante e dure moitos anos. Nós non abonamos en superficie, senon que facemos gavia profunda, tampouco emprego herbicidas, nin insecticidas. Traballo sobre todo con azufre e cal e ás veces sulfato de cobre pero moi pouco e moi puntual. Fago moita poda en verde, e a clave da miña produción é a xestión da vexetación e do follaxe, facendo que circule o aire por dentro da cepa e lle entre o sol por todos lados. E coma todos, moito amor e paixón e concentración no que facemos.

Que procesos tedes mecanizados ou dixitalizados? Qué perspectivas tes? As viñas que están en espladeira son novas prantacións dos anos 80-90 son viñas onde se pode meter o tractor e facer labores mecanizados sen problema, nas viñas vellas en vaso non tanto, hai máis traballo a man, moita fouce e sacho… Co paso dos anos tentamos reducir o laboreo e está funcionando, manter máis o chan, conservalo, e con él toda a vida arredor del.

A nivel de enfermidades, como afecta a localización e tipo de viticultura que facedes a enfermidades? Tentamos ter control das enfermidades desde o coñecemento do ciclo e condicións de vida dos fungos. O ano pasado houbo unha praga tremenda na Galiza de fungos polas chuvias e humidade en épocas concretas, e claro, ainda quedan moitas esporas polas fincas que están esperando para medrar tan pronto comece a primavera... Rematar a poda e facer poda en verde, iniciar xa a xestión de follaxe, conseguir abortar os posibles inicios de medre dos fungos, facer que haxa espazo, que circule o aire... Caldos de ortiga, xofre, polisulfuro de calcio, caldo bordelés... traballar en preventivo, antes de que as plagas medren… Mildeu, tiña… Son da familia da viticultura.

Cales son as principais dificultades e apoios que estás atopando? O apoio e as dificultades veñen do mesmo feito, abrir unha vía nova, sempre implica un extra de traballo e o ninguneo de parte do sector ancorado na producción máis industrializada. É socialmente complicado, é como abrir camiño no monte, atopas silvas, toxos… pero vas abrindo camiño con esforzo e ves que tamén hai amorodos. Son socia da asociación galega de viticultura, levamos anos traballando facendo para fortalecer o sector vitícola en Galicia, e agora ábrese esta nova vía que en realidade non é nada novo senon recuperar as tradicións milenarias, que penso que ao final teñen moita máis tradición e coñecemento que o xeito de producir intensivo, que non ten nen 100 anos de historia e que está deixando tocadas as viñas polas aradas e produtos agresivos. O cultivo natural é un xeito moito menos custoso e agresivo e ao tempo rentable e cun producto de maior diferenciación. Síntome segura porque traballo no proceso ao completo, de principio a fin, desde a viña ata a copa... Os labregos, o sector agrario, estamos sempre condicionados por un prezo acordado por outros. É preciso romper con iso, coñecer o prezo e valor dos nosos productos, polo seu custe, polas súas características.

Os labregos estamos sempre condicionados por un prezo acordado por outros. É preciso romper con iso

Cal é a situación do viñedo na comarca? Son habituais casos como o teu? En Valdeorras en xeral hai xente motivada coa viticultura porque está moi profesionalizada, e parte de tradición xa herdada, hai moitos viticultores pero tamén xente asalariada, xente que traballa nos viñedos. Nos últimos tempos viñeron novas adegas de fóra que se instalaron aquí con grandes viñedos e a verdade é que moven postos de traballo e están moi profesionalizadas en xeral. Penso que na viña hai traballo e hai futuro. Agora ben, traballar e elaborar do xeito que eu o fago é máis minoritario, somos poucos...de momento... este mercado está medrando... tanto en Galiza, como no resto do mundo…

Que variedades de uva traballades? Interésavos decantarvos máis por tintas ou brancas? Cultivamos godello, mencía, garnacha, arauxa… Alí onde o presentamos gustou moito. Tivo moi boa aceptación …Teño claro que vou facer os dous, tinto e branco. Agora mesmo está de moda o branco, a nivel internacional, tanto que vai afundindo ao viño tinto, moitas adegas non o dan vendido. E aínda así creo que o tinto galego é inimitable e incomparable, moi moi especial.

Como valoras a formación impartida polo programa de apoio da Fundación Juana de Vega? Como a coñeciches e por que decidiches apuntarte? Coñecía a Fundación desde a universidade como referente do emprendemento agroalimentario. Levaba tempo dando pasos na elaboración de viño natural e presentei o proxecto para enfrontar as miñas probas no marco de traballo da equipa de marketing, mercados, xestión economica...de Juana de Vega. A miña idea era comprobar que os números daban, que podía tentar desenvolver unha liña de negocio desde o viño natural, dar ese paso sobre firme, facer o proxecto máis sólido… E nese sentido axudoume moitísimo a parte de márketing e imaxe, e sobre todo para coñecer mellor o meu produto, o seu valor e o seu prezo.

Como están vindo os últimos anos? Vedes con preocupación o cambio climático? De momento Galicia ainda se vai librando porque estamos na zona verde máis verde, nós vémolo vir pero de momento non o estamos sufrindo tanto, de feito penso que isto é o que está facendo que os adegueiros de Rioja, Ribera del Duero e outras viñas de Castilla veñan aquí… e iso está provocando aquí un exceso de intensidade na produción… Un pouco de abuso da terra. Aquí a maioría da xente ten sobre 2-3 hectáreas e as adegas que veñen aquí a plantar 40, 100 hectáreas… Un desequilibrio pendente de nivelar… É unha das saidas á crise por exceso na que estamos no mundo do viño, volver a estas formas de elaborar máis tradicionais.

Retos do sector vitícola para adaptarse ás esixencias do Pacto Verde da UE

'Pacto Verde Europeo: os retos dunha nova viticultura' foi o título dunha das mesas redondas que se trataron no II Congreso de Viticultura que se celebrou en Ourense. A mesa redonda estivo coordinada polo xerente da Plataforma Tecnológica del Vino (PTV), Mario de la Fuente. A mesma integrárona: Juan Manuel Casares, presidente da CRDO Ribeiro; Juan Carlos Vázquez, vicepresidente da DO Rías Baixas; Jonatas Gago, presidente da DO Monterrei; Adelino Pérez, presidente do CRDO Bierzo; Antonio Lombardía, presidente da DO Ribeira Sacra, e Francisco García, responsable de Agricultura Sustentable en Sygenta Iberia. Obxectivos da UE, alcanzables ou imposibles? Os relatores coincidiron en que os obxectivos se poden alcanzar, pero o problema está na flexibilidade. Primeiro, destacaron en que non todos os territorios son iguais, e puxeron de exemplo de Galicia, "onde temos unhas condicións que non se dan noutras partes do territorio". Outro problema céntrase na flexibilidade para cumprir cos obxectivos. "Hai que fixarse en que os viticultores roldan, en moitos casos, os 60 anos, e non teñen as facilidades tecnolóxicas para xestionar os cadernos de campo e todos os documentos que se requiren", indicou Adelino. Pola súa banda, o representante da DO do Bierzo pregúntase como cumprir con todo o fixado nun período tan curto. "O cambio climático xa se nota, pero necesitamos apoio da administración. Parece que só pedimos axuda, pero neste caso é case máis importante a flexibilización para adaptar a normativa, como a axuda económica, que tamén é relevante", puntualizou Pérez. Casares puxo o foco en tres factores que son clave para lograr os obxectivos. O primeiro é o home, "que foi implementando prácticas ao longo do tempo". O segundo é o territorio sobre o que operamos, "que ten unhas características concretas". Por último, a contorna, "é dicir as propias plantas e as súas variedades". "Este trío, ser humano-territorio-ambiente, é o que ten a solución", subliñou. Innovación e información A aposta pola innovación e a información debe ser clave. Os relatores coincidiron en que se debe dar apoio ás entidades para que avancen en técnicas que faciliten os traballos dos viticultores. "A innovación é clave para chegar aos obxectivos, actualmente xa se están creando variedades máis resistentes e rendibles, que pronto se aprobarán na UE. Pero para chegar a conseguir máis innovación é necesario apoio económico". Participantes da mesa redonda sobre o Pacto Verde Europeo Desde Syngenta, García expuxo diferentes proxectos que están a levar a cabo para mellorar os traballos e cumprir coas normativas. "A agricultura de precisión vai ter un papel relevante no futuro para cumprir cos obxectivos que fixa o Pacto Verde. Está a crearse tecnoloxía que axudará, ademais, a facer a viticultura máis rendible". Así, puxo como exemplos trampas dixitais de captura masiva ou ferramentas para a aplicación de produtos fitosanitarios. En canto á información, Lombardía recalcou que o viticultor pasa moito tempo informándose antes de realizar un tratamento. "Estamos constantemente utilizando a tecnoloxía para coñecer e cumprir as normativas". Ademais, lembrou que é importante que a información sexa accesible para os produtores e que teñan marxe para cumprila. Pola súa banda, Gago incidiu en que desde as DO deben ter clara a información para poder trasladala aos viticultores. Relevo xeracional Outra das cuestións que saíu na mesa redonda foi a remuda xeracional. Os relatores coincidiron en que a situación actual non anima á mocidade a quedar no campo, "pero debemos convencelos de que hai futuro e calidade de vida no rural". Nese sentido, Casares, incidiu en que "debemos romper cos clichés e tópicos que hai sobre o rural". Gago apuntou que en Monterrei, no presente curso académico, instauraron un ciclo medio de Aceites de oliva e viño no IES García Barbón de Verín (Ourense). Trátase dun ciclo de FP Dual, por tanto, o alumnado estudará á vez que realiza prácticas en empresas da zona. "Isto logrouse grazas ao apoio das adegas", destacou e engadiu que é un avance importante, xa que nas adegas demandan man de obra cualificada "e o alumnado que traballe con elas durante os estudos terá a posibilidade de quedar". Recalcou que haxa este tipo de formacións facilitará a substitución xeracional. Como conclusión, os relatores destacaron que a formación orientada cara ao sector vitivinícola, e en xeral o sector primario, ofrece máis posibilidades aos mozos para que queiran quedar no rural e traballar nel.

Xornada técnica en Cambados sobre sustentabilidade e innovación vitivinícola

O próximo 5 de marzo celebrarase en Cambados (Pontevedra) a “V Xornada Técnica sobre Sustentabilidade e Innovación Vitivinícola: Innovación e boas prácticas para un futuro sustentable”.

O evento está organizado pola empresa Alfatec Ingeniería y Consultoría e terá lugar no Salón Social de Adegas Martín Códax. As prazas son limitadas e as inscricións pódense realizar a través desta ligazón.

Programa:

09:00 a 09:15 Benvida e presentación da xornada. Juan Vázquez. Dir. Xeneral de Adegas Martín Códax

09:15 a 09:45 “Emerxencia Climática”. Elvira Carles, directora da Fundación Empresa y Clima

09:45 a 10:15 “O material vexetal como factor chave contra o cambio climático”. Alberto Gambra. Enxeñeiro Agrónomo de Vitis Navarra

10:15 a 10:45 “O reto de abordar o estudo do terroir microbiano na viticultura sustentable”. Monsterrat Díaz. Investigadora do CSIC

10:45 a 10:55 Presentación Bucher

10:55 a 11:25 CAFÉ DESCANSO

11:25 a 11: 55 “Manexo biolóxico da acidez na industria vitivinícola fronte ao cambio climático”. Santiago Benito. Profesor Titular da Universidade Politécnica de Madrid

11:55 a 12:25 “Sete factores clave para o deseño dunha adega sustentable”. Justo Banegas. Director Xeral de Alfatec Ingeniería y Consultoría

12:25 a 12:55 “Sustentabilidade, foco das axudas públicas”. Diana Verzier. Dir. Sustentabilidade e Subvencións de Alfatec Ingeniería y Consutoría

12:55 a 13:05 Presentación Oresteo. Sergio Mamolar. Dir. Técnico Oresteo

13:05 a 14:00 “Cata dirixida de viños espumosos británicos”. Antonio Tomás Palacios. Dir. Laboratorios Excell Ibérica

14:00 a 14:10 “Presentación MBF”. Javier Lafuente. Dir. Xeneral MBF Spain

14:10 ? 16:00 XANTAR 

Curso avanzado de viticultura e enoloxía no CFEA de Guísamo

A Fundación Juana de Vega promove unha formación práctica de nivel avanzado en enoloxía e viticultura seguindo o ciclo vexetativo de variedades brancas e tintas, así como da produción e control de elaboración de viños en adega. Todas as sesións (60 horas) terán lugar no CFEA de Guísamo de Bergondo (AGACAL) en horario de tarde entre febreiro e decembro, seguindo o ciclo vexetativo das plantas. Este curso ten un enfoque eminentemente práctico, cunha duración descontinua que abrangue de febreiro a decembro, o que permitirá a realización de prácticas en todas as operacións que se desenvolven nun viñedo e nunha adega. Os asistentes participarán en todas as fases do proceso, desde a implantación e o mantemento da vida aos procesos de elaboración do viño na adega. Todas as sesións son prácticas e terán lugar no CFEA de Guísamo (AGACAL) en Bergondo. Obxectivos Ao remate do curso, o alumnado: -Terá acadado unha especialización práctica no cultivo da vide e no coñecemento das variedades de uva autóctonas e alóctonas máis interesantes. -Contará cunha preparación técnica adecuada que permita a xestión do viñedo -Terá un nivel de preparación suficiente para afrontar diferentes producións vitivinícolas e xestionar unha pequena adega a nivel técnico. Requisitos É recomendable ter uns mínimos coñecementos para afrontar as diferentes actividades prácticas para a realización deste curso. Por iso, para a realización, os interesados/as deberán xustificar algunha das seguintes titulacións: Curso de Viticultura e enoloxía de nivel básico de edicións anteriores. Ciclo Superior en Paisaxismo e medio rural. Ciclo Medio Aceites de Oliva e Viño. Ciclo Superior Vitivinicultura. Titulados das ramas agrarias universitarias. Total de horas: 60 Prazas: 20 Custo: 150€ Lugar Todas as sesións son prácticas e terán lugar no CFEA de Guísamo (Bergondo), salvo a xornada de inauguración de base teórica que será na sede da Fundación Juana de Vega (San Pedro de Nós, Oleiros). Pola metodoloxía eminentemente práctica do curso, as condicións climatolóxicas poden obrigar a facer pequenos cambios e adaptacións do calendario. Coordinadores xerais Camino Nicolás Velado. CFEA de Guísamo (AGACAL) Elena López Colmenero. Fundación Juana de Vega Coordinador técnico Luis Quinteiro González Asistencia A obtención do certificado de aproveitamento implica a asistencia ao 80% das horas lectivas.  

“Volvemos ás podas da viña que facían os nosos avós, máis respectuosas coa planta”

Chega a época de poda da vide e viaxamos ata Cambados para falar con Joaquín Martínez Rodiño, técnico de campo de Adegas Martín Códax. Joaquín é un dos maiores expertos en poda a nivel galego e profundará nas claves para facer unha poda axeitada. Por que é tan importante poda no ciclo vexetativo da vide? A vide é unha liana e ten tendencia a trepar, a agromar na punta, entón, o obxectivo da poda é darlle forma e arquitectura á planta, equilibrando o vigor (cantidade de follas), o crecemento vexetativo (a biomasa) e a cantidade de froita que xera… Para que neste equilibrio a uva madure de forma equilibrada e homoxénea e teñamos viños de calidade. Dependendo da variedade e da zona hai distintas técnicas de podas. Aquí, estamos en Rías Baixas, onde a variedade maioritaria é o albariño. É unha variedade que ten os entrenós longos e nas tres primeiras xemas ten menos fertilidade que a partir da terceira, o cal é unha peculiaridade. Entón, para que a arquitectura e a cantidade de uva e follas estea en equilibrio imos facer unha poda longa, onde os bacelos van medir máis de 4 xemas. Normalmente a lonxitude da vara que deixamos adoita estar entre 8 e 12 xemas. O sistema de condución tamén inflúe moito no tipo de poda. No Salnés a maioría de viñedos están emparrados, o cal é un sistema horizontal e fainos ordenar o número de xemas, varas, e colocalas no espazo para que cando esta brotación teña lugar se vaian ordenando e os acios queden soltos, ventilados, ordenados e esparexidos no espazo. O factor limitante é a cantidade de luz. Por tanto, canta máis cantidade de luz capte mellor. Necesitamos ao redor dun metro e medio cadrado por cada quilo de uva que colleitemos, e o emparrado, ao ser horizontal, é o sistema que capta máis luz. É importante non amontoar, porque as follas que van traballar máis son as que están máis expostas, as que están á sombra consome máis recursos dos que achegan, por iso ten que haber un equilibrio para que a planta funcione ben. Cal é mellor época para realizar a poda e como inflúen as fases lunares?  A época de poda habitual é o momento de parada vexetativa, cando cae a folla. O obxectivo é que a maior parte dos recursos e reservas que poidan estar a xerar as follas pasen á madeira e sirva de starter ou reserva para a brotación do próximo ano. Entón a época de poda nas Rías Baixas adoita ser entre os meses de decembro e principios de marzo, o momento de parada vexetativa. O momento da poda inflúe no momento da agromada. Se son demasiado temperás ou serodias poden atrasar ou adiantar a brotación, respectivamente. Pode ser interesante facelo por varios motivos. Nas viñas con exceso de vigor imos sangrar un pouco esta planta e tender a equilibrala con podas con folla para tentar equilibrar o seu exceso de vigor. Outro motivo sería en zonas con risco de xeada alta, onde se adoita atrasar o momento de poda o máximo (final de febreiro ou principio de marzo) para que este atraso na brotación sálvenos dunha xeada tardía, que ocorre máis cara ao interior normalmente.
“O ideal é podar en lúa minguante e con tempo seco”
O tema das fases lunares é controvertido. É difícil atopar unha xustificación causa-efecto onde as fases lunares inflúan. A tradición, que vén da experiencia dos viticultores e realmente se podemos elixir as semanas que imos podar, en lúa minguante en teoría a seiva está máis parada e cara á parte interna, sería a máis recomendable. Nalgunhas probas que fixemos, vimos que son moitos os factores que inflúen, pero se che dan a elixir a mellor lúa sería no devalo. A antítese é o cuarto crecente, onde a seiva estaría na parte máis alta e externa, e teriamos máis choros, perdendo máis reservas. No noso caso creo que inflúe máis a climatoloxía, se podamos con xeada ou choiva, imos danar máis a madeira, entón o ideal sería podar en tempo enxoito. Como ese está a comportar este inverno para a poda nos vosos viñedos? Estamos a día 1 de febreiro, levamos 15 días de tempo seco e bo pero ata mediados de xaneiro levamos un inverno moi chuvioso, o que atrasou un pouco os labores de poda e solo, polo que decidimos non entrar por estas choivas. As fases máis intensas de poda son agora en febreiro e principios de marzo. Estamos a ter bo tempo agora e se o anticiclón segue será un inverno normal. Tamén tivemos temperaturas máximas moi altas para a época, e isto, se se mantén no tempo, o que vai producir é unha brotación anticipada. Estas brotacións anticipadas se se manteñen no tempo poden ser boas pero normalmente o frio que non fai en xaneiro e febreiro farao en marzo e abril. Entón, o máis preocupante son as primaveras frías, mesmo brotacións anticipadas que logo veñen con época de frío e mesmo xeadas. O frío agora é bo pero en marzo e abril vai ser moi limitante, con brotacións irregulares e risco de xeada. A vide é un cultivo que necesita certas horas de frío para medrar ben. En Galicia non adoita ser un problema, pero unha primavera fría adoita ser o prólogo dunha colleita irregular.
 “Preocúpanos que o frío que non fixo en xaneiro e febreiro veña en marzo e abril, porque sería moi malo para a vide”
Para evitar propagar enfermidades da madeira, que medidas deberiamos tomar durante a poda?  Para minimizar o avance das enfermidades da madeira, que adoitan verse máis no verán, onde os brazos da cepa sécanse ou saen manchas nas follas e/ou acios. A nosa recomendación sería marcar esas cepas, podalas antes, e xa ao facer o corte vas notar que a madeira está manchada, con síntomas. Aí é recomendable retirar e queimar eses restos de poda para que o inóculo que poida haber non se transmita ao resto de plantas. Tamén desinfectar as ferramentas de poda. Co resto de vides de plantas sas, o máis cómodo sería trituralo (canto máis fino mellor) e devolvelo á terra para abonala. Tamén poderiamos compostalo antes con outros restos. Nós triturámolo e incorporámolo directamente, pero as plantas enfermas son retiradas e queimadas.
 “Se todas as xemas que deixaches agromaron, entón está equilibrada”    
Como inflúe a poda no rendemento da vide? Un dos obxectivos da poda é equilibrar o vigor da planta, é dicir, a cantidade de gromos ou bacelos que imos ter por superficie. O primeiro é ser observador e ver a planta, se sabes escoitala fálache, entón vas ver se tivo unha boa brotación, se todas as xemas que deixaches agromaron, entón está equilibrada. Se hai máis gromos é un síntoma de exceso de vigor. Se ademais estes brotes son excesivamente longos, grosos, ou teñen moitos netos, é outro síntoma. Se pola contra, se agromaron menos xemas e son raquíticas é un síntoma de falta de vigor. Unha planta equilibrada adoita repetir a mesma poda que o ano pasado, unha con exceso de vigor está a dicirche auméntame a carga de traballo que son capaz disto e dun pouquiño máis… E unha con pouco vigor está a dicirme que non pode con tanta carga e que lle deixes menos para así poder agromar e madurar toda a carga. Se está equilibrada a uva é de maior calidade. Para poder avalar esta parte intuitiva, facemos peso de madeira en poda. É dicir, contar as xemas e brotes que deixamos o ano pasado, e pesamos esa planta. Con esa información dinos se a parcela ou unha parte da viña está equilibrada ou non. Se o número de xemas e brotes cadra é un síntoma de equilibrio, e o seu peso medio. No caso do albariño, se o peso medio do brote é de 60 gramos é un síntoma de equilibrio, por baixo de 40 gramos é síntoma de falta de vigor e por encima de 80 gramos estaría no exceso de vigor. Isto axúdanos para decidir a poda pero tamén outras cousas como o abonado e a xestión da parcela. Cal é o sistema de poda que máis se utiliza en Galicia, e no caso de Adegas Martín Códax? Un factor que inflúe no tipo de poda que imos facer en cada parcela e que aínda non comentei é a idade da planta. En cepas novas hai que facer a chamada poda de formación, mentres as plantas están a formarse e expandindo o seu sistema radicular, e ten que estar acorde coa parte aérea, cos brotes. Entón, os primeiros anos hai que deixar dúas xemas ata que saia un brote, ata que esteamos en plena produción, e vai depender do sistema de condución e o número de plantas por hectárea. O obxectivo en Rías Baixas para un viñedo equilibrado é ao redor das 65.000-70.000 xemas por hectárea. En emparrados imos estar arredor das 1.000 plantas por hectárea.
“Pecamos ás veces de facer cortes demasiado agresivos, que lle custa á planta cicatrizar”
Dependendo da variedade e a súa maneira de frutificar decidimos se facer podas curtas ou longas. No albariño facémolo con podas longas polas súas características, pois a súa fertilidade aumenta a partir da terceira xema ata a 8 ou 10. Noutras variedades como godello ou treixadura facemos curtas porque xa son fértiles desde as primeiras xemas, e os entrenós son máis curtos, dificultando o reparte de brotes en emparrado. En Rías Baixas, como é unha DO relativamente nova, creouse no 88, cando había 400 hectáreas, agora hai unhas 4.500. Entón empezamos a ter cantidade de viñedos adultos, entorno aos 20-30 anos, onde vemos erros de poda, que ao non ser máis respectuosas coa planta fan que non sexan lonxevas. Nos últimos anos volvemos ás podas que facían os nosos avós, máis respectuosas coa planta, que ten que ter a suficiente madeira vella para que lle dea arquitectura e soporte, pero pecamos ás veces de facer cortes demasiado agresivos, que lle custa á planta cicatrizar, sen ter en conta ben toda a fisioloxía e fluxo de seiva da planta. Estamos a nos formar e retomando estas técnicas máis respectuosas para que as plantas adultas sexan lonxevas. Baséase en dous principios: deixar conos de desecación (ao facer o corte sabemos que vai secar parte da madeira) e ter en conta o fluxo de seiva, que teña o mínimo de feridas posibles, e que todas as que teñamos que facer que sexa de maneira ordenada, facéndoos pola parte posterior, deixando a parte inferior da planta para o fluxo da savia. Se temos en conta isto teremos plantas máis sas durante máis tempo. Explícanos como se realiza a poda.. Para poder decidir que vara imos deixar para renovar a do ano pasado, imos ter en conta o fluxo de savia. A planta ten unha canle de vasos que cada vez que facemos un corte imos interrompelo. En cada nó temos como unha rotonda onde se unen os vasos que conducen a savia, e se hai algunha obstrución vai cambiar de vaso, por dicilo así, pero vai facer unha cicatriz que vai impedir que o fluxo de savia sexa homoxéneo e contínuo. Entón, imos deixar os cortes por esta parte de aquí, máis posterior. Aquí adoitamos deixar un polgar, un anaco de dúas xemas que vai a segurar a brotación do próximo ano, e a vara vai ser de máis de 6 xemas que é a parte que vai frutificar este ano. Entón, imos deixar aquí o polgar con dúas xemas, e imos deixar esta vara de aquí. Nun emparrado é un pouco máis complexo, porque imos ter que sacar do mesmo tronco varias varas, pero teremos en conta que os cortes sempre pola parte dianteira. Se o temos en conta á hora de podar, evitaremos feridas grandes, tendo partes sen brotes e menos produtivas e lonxeva. O cono de desecación que expliquei antes. Cada vez que facemos un corte, onde se fai o corte, o mesmo diámetro do corte vai secar cara ao interior da madeira, entón nunca o faremos próximo onde saia a madeira, deixando o cono de desecación para que a madeira seca non se introduza no tronco da planta. E ao ano seguinte imos facer o rebaixe, como é o caso, para garantir que non imos no tronco vello, que sería a canle principal, para asegurar unha boa brotación no próximo ano. Agora hai que coller unha atadora e atar os brotes e así xa deixamos esta parte acabada. Este proceso de poda e atado adoita durar uns 4 meses, de novembro ao 19 de marzo, San Xosé. Poderíase chegar a alongar a finais de marzo nos casos de podas tardías. Cústavos atopar podadores e inxertadores ? É unha profesión con futuro? Aquí xestionamos 450 hectáreas de viñedo, e temos unha sección de servizos que xestiona viñedos de maneira directa. Tradicionalmente os nosos viticultores teñen unha superficie ao redor dunha ou dúas hectáreas que eles mesmos traballan, normalmente sós. Estamos cun tema de que non hai relevo xeracional, así que cada vez hai maior demanda de podadores. A poda é unha labor que se fai uns 4 meses ao ano e esixe ser observador e ter coñecementos. O primeiro ano a xente vai como axudante, e despois, ao ano seguinte, esta persoa xa pode facer a poda por si mesma. Pero si, cada vez custa máis atopar persoal para a poda e a agricultura en xeral. Estamos a tentar desenvolver sistemas de condución que sexan máis sinxelos e por tanto os labores de poda sexan máis fáciles de entender e realizar, mesmo mecanizar algúns procesos como unha máquina que axuda a baixar a madeira para a poda longa. Primeiro hai un marcado, que é o que esixe máis experiencia e coñecemento. Ten que haber un profesional que marque as directrices. Logo hai que retirar a madeira do medio dos aramios. Estamos a probar unha máquina para optimizar esa labor de atado, tradicionalmente facíase con vimbios, e agora imos a fíos cunha alma metálica e un recubrimento dalgún material biodegradable. Para o atado existe unha máquina que pode rebaixar as horas de atado de 40-45 horas por hectárea a unhas 25 horas por hectárea. Temos que facer atractiva a agricultura e darlle actividade todo o ano para que sexa un oficio máis continuo. Para os inxertadores tamén temos problemas pois o período é máis curto, pero é certo que moitas plantas xa as compramos enxertadas e non temos que facelo nós. O que se fai cando queremos facelo en moitas plantas é contratar cuadrillas especializadas. Moitas veces son procedentes de América do Sur e móvense por toda España nas épocas específicas e adícanse en exclusiva a estes labores, son especialistas. Estades a traballar nalgún proxecto en Martín Códax vinculado coa poda? Estamos a traballar en buscar clons sanitariamente libres de virus e que sexan equilibrados, pois vainos axudar a estandarizar a cantidade de xemas que deixamos por planta e viñedo. Fai uns 6 anos se que tivemos un proxecto europeo onde testamos diferentes tipos de podas e a conclusión foi que no equilibrio está a virtude, ao redor de 60-70.000 xemas sería o que mellor se adapta á nosa zona, e as podas curtas van dar boas colleitas pero menos constantes no tempo, especialmente en anos difíciles imos notalo máis. Por iso tradicionalmente podábase o albariño en poda longa.

“Eu teño as viñas para vivir delas, pero ante todo porque lle quero ás miñas cepas”

Josefa Álvarez é un exemplo do orgullo e o amor polo viñedo”. Así reivindicaban dende o Consello Regulador que esta viticultora de As Chas (Oímbra) fose unha das últimas incorporacións á Confraría dos Viños de Monterrei. Falamos con ela para coñecer como traballa nas súas viñas, como comezou no mundo do viñedo e o futuro que lle ve ó sector, entre outros temas. -Este verán incorporácheste á Confraría dos Viños de Monterrei, como recibiches este nomeamento? Que supón para ti formar parte da Confraría? -Para min foi un orgullo e unha enorme satisfacción. Nunca imaxinara que puideran pensar en min para formar parte da Confraría. De feito, cando me chamaron aínda lles dixen que valorasen a outras persoas, e non porque non quixera selo senón porque me parecía moi importante como para que me nomearan a min. Para min foi incrible. O acto foi moi significativo porque estiven rodeada da miña familia e mesmo me acompañou un neto que ten só 4 anos e ó que xa lle estamos amosando o amor polas viñas.
“A paixón polas viñas venme por meu pai, que xa me levou á vendima con apenas uns días de vida, metida nun cesto. El era un apaixonado das viñas e eu sempre fun detrás del”
-De onde che ven a vinculación co mundo do viño e os viñedos? -Nacín en agosto do 1965 e ese mesmo ano, en setembro, meu pai xa me levou á vendima con apenas uns días de vida, metida nun cesto. E dende aquela. Meu pai sempre foi un apaixonado das viñas e eu sempre fun detrás del. -Aprendiches entón de teu pai sobre o viñedo? -Si. Meu pai foi emigrante en Alemaña, pero marchou só co obxectivo de gañar diñeiro para volver e plantar as viñas. E así o fixo. Ó que tivo suficiente diñeiro volveu e plantounas e viviu coidando nas súas viñas. Así foi que del aprendín moito, como a facer os enxertos. Na miña casa tiven un gran referente no coidado do viñedo. -Cambiou moito o viñedo daquela a hoxe? -Dende logo. Daquela todas as cepas estaban en vaso, non había ningunhas en espaldeira, coma hoxe. Daquela meu pai tamén tiña dúas cabalerías para traballar os viñedos. Cando traballaba meu pai vendíase todo o viño a granel para a zona de Lugo. Eran outros tempos e outro xeito de traballar. Tiñamos moitas variedades que agora non traballamos, que tiñan un manexo máis sinxelo. O duro daquela era como estaban os viñedos, por ter que facer parte do traballo á man. Aquelo era outra vida. -Dende cando te centraches máis nos viñedos? - Eu tamén fun emigrante, marchei para Andorra, pero coma meu pai eu sabía que había volver para coidar o viñedo. No 1998 foi cando conseguín volver e xa comecei co viñedo. Nese momento reestruturamos a primeira viña. Tamén comezamos a mercar tractores para poder traballar doutro xeito. No 2004 e 2005 fomos arrancando e plantando novas cepas e así fomos facendo nos anos seguinte e aínda a día de hoxe seguimos. De feito, no 2024 imos plantar outro viñedo. Co que plantaremos este ano teremos unhas 4 hectáreas de viñedo no pobo das Chas, en Oímbra.
“No 2014 veu unha xeada tan grande que tivemos que podar as viñas de segunda no mes de maio. Foi horrible ver as cepas así. Aquela vendima só collín 42 caixas de uva, pero logramos salvar as cepas”
-Como foron estes anos no coidado do viñedo? -Tivemos algo de todo. Tes anos moi bos e outros malos nos que perdes. No 2014 caera unha xeada moi grande e aquela campaña fora horrible. Collera só 42 caixas de uva e tiven que podar a viña no mesmo ano dúas veces: unha no mes de febreiro e outra en maio. A xeada levarame as cepas todas á altura do arame, pero por abaixo quedara un gromo verde. Os técnicos da Extensión Agraria recomendárannos podala. A min nunca tal cousa me pasara na viña e decidimos seguir a súa recomendación. Foi horrible ver así as cepas. O meu marido non soportaba ver así de afectado o viñedo. Alá nos fomos e entre o meu fillo e máis eu nun día podamos de segunda volta as 1.700 cepas afectadas. Ó rematar a poda botámoslle un tratamento cicatrizante. Foi certo que só collemos esas 42 caixas de uva, pero conseguimos salvar a viña, que quedou impecable e non se lle nota que pasara por iso. Outro ano tamén tivemos o problema do lume. Un incendio moi grande queimárame moitas viñas e tivemos que replantar. Aquel ano fora moi complicado, porque quedaramos só con gastos. Finalmente tiveramos axudas da Consellería e o Concello. Dende aquela, teño aseguradas as viñas. -Como valoras a resposta da Administración nestes anos como viticultora? -Para min é moi importante todo o apoio que me brindaron sempre dende a Extensión Agraria de Verín. Os profesionais desta oficina sempre me facilitaron todas as xestións e me aconsellaron en todo o que precisei. É moi importante o labor que fan. -Estás ti soa para o coidado das viñas ou tes máis xente? -Son unha viticultora pequena porque estou eu soa, aínda que sempre conto coa axuda puntual da familia, cando poden. Así, tanto o meu marido coma o meu fillo encárganse dalgúns labores co tractor como a aplicación de tratamentos fitosanitarios, pero eu freso e aro a viñas. Da poda tamén me encargo eu soa. Nestes anos funlle collendo o xeito a podar para que a viña produza pouca uva e de moi boa calidade. -Que tipo de variedades tes nos teus viñedos? -Cando dende o Consello Regulador nos empezaron a recomendar plantar outras variedades autóctonas non sabiamos como ía resultar. Eu empecei plantando unha parcela pequena, duns 1.000 metros, con Mencía e outra con Treixadura e Godello no 2004. O ano seguinte volvín plantar outra parcela coas tres variedades. Cando a Treixadura comezou a producir xa vin que era difícil de traballar esta variedade e aquelas parcelas que plantara desta caste no 2005, no 2008 xa as enxertei de Godello.
“Eu son unha namorada do Godello, así é que de todos os viticultores do pobo, son a única que traballa con esta caste. Case todo o viñedo que teño é desta variedade”
Hoxe teño 525 cepas de Treixadura, 5.000 metros de Mencía e o resto é todo Godello e sigo plantando Godello. Son unha namorada do Godello. En todo o pobo, que aínda somos uns cantos viticultores, son a única que traballa co Godello. -Por que che gusta tanto o Godello? -Porque mentres para outros viticultores é difícil de traballar eu téñolle o xeito collido e gústame. Hai que saber traballar con el, xa que é verdade que é unha variedade que se a destapas moito quéimacha o sol, se non o destapas cólleche cinza... eu seino facer nos meus viñedos, resúltame fácil e gústame traballar con esta variedade. Hoxe por hoxe se puidera tería todo o viñedo de Godello. Tamén é certo, que a min gústame experimentar e non estou pechada a probar con outras castes, gústame traballar e descubrir cousas novas. Josefa nos seus viñedos. -Tes tamén adega ou vendes as uvas? -Dende 2007 son socia da adega Terras de Cigarrón e véndolle a eles as uvas, rexéndome polas pautas que marcan dende a adega. Dende hai uns anos a adega asociouse con Martín Códax e son eles agora os que marcan os parámetros que temos que seguir. -Como valoras a experiencia de comercializar así as túas uvas no canto de elaborar ti o viño? -Estou realmente contenta con este xeito de facelo, porque eu así dedícome ó coidado das viñas, que é o que me apaixona e non teño que buscar o xeito de comercializar o viño, que nos tempos de hoxe, sendo pequenos viticultores como é o meu caso, resultaría moi difícil abrir mercado. Ademais, así temos asesoramento tanto da adega como de Martín Códax e resulta de moita utilidade. Moitas veces avísante cando aparecen enfermidades noutros viñedos e así ti manteste alerta e vixías máis os teus para dar tratamento en canto sexa preciso.
"Animo á xente moza a que veña para os viñedos, xa que hai sitio para todos e futuro para eles nos viñedos"
-Veslle continuidade ás túas viñas? -Pois nunca se sabe as voltas que dará a vida. É verdade que o meu fillo agora ten outro traballo, pero tamén é certo é que a el as viñas tamén lle gustan. Ó igual que eu facía con meu pai, el dende que era pequeno andaba comigo nos viñedos. Agora nas fins de semanas sempre ven e cando me chama sempre se preocupa por como van as viñas. Mesmo fai coincidir as súas vacacións coa vendima. Do mesmo xeito, ó meu netiño, con 4 anos tamén lle estamos inculcando ese amor polas viñas, esa ilusión que a min me move. Eu teño as viñas para vivir delas, pero ante todo porque lle quero ás miñas cepas. Non sei se eles seguirán ou non coas viñas, pero o que teño moi claro é que no campo hai moito futuro. Eu animo á xente moza a que veña para os viñedos, xa que cabemos todos. Aquí, hai sitio para todos e futuro para eles nos viñedos. Só cómpre que se animen e aposten polos viñedos. Tamén os animo a que conten con nós, cos viticultores que xa estamos traballando, porque eu estarei encantada de ensinarlle a traballar nas viñas e a coidalas, como no seu momento me ensinaron a min.

Rías Baixas consolida unha viticultura sostible cunha aposta pola investigación e a innovación

A racionalización dos tratamentos e da fertilización da viña son algúns dos eidos nos que as adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas están a facer importantes esforzos dende hai tempo. Así é que son eixos nos que se centran algúns dos proxectos de investigación de I+D+i que están levando a cabo na actualidade e en colaboración con distintos centros de investigación, como o CSIC ou as universidades galegas. Un exemplo, en Martín Códax están a traballar en varias liñas de investigación coas que procurar unha viticultura máis sostible. A fertilización dos viñedos é unha das áreas nas que están a centrarse. Dende o ano pasado están a analizar o papel das cubertas vexetais para lograr unha fertilización máis respectuosa co medio ambiente. Trátase dun proxecto no que tamén colaboran as adegas da DO Paco&Lola e Altos de Torona, así como a Universidade de Vigo, e que terá continuidade aínda no 2024. Polo momento xa estiveron a realizar probas na pasada tempada ó sementar unha cuberta con gramíneas e leguminosas (avea e veza), que logo incorporaron como abono verde ó viñedo. “Con este estudo agardamos ter datos sobre como contribúen as cubertas naturais sementadas na fertilización das viñas ó incorporalas como abono verde, coa intención de reducir o aporte de fertilizantes sintéticos”, explica Miguel Tubio, director técnico da adega.
A adega Martín Códax estuda os beneficios das cubertas vexetais, xa sexan para incorporalas como abono en verde ou como cubertas permanentes, para labrar menos os viñedos
Non é o único traballo de investigación sobre prácticas máis sostibles que están a desenvolver nesta adega. Así, tamén relacionado directamente co mantemento do solo, levan xa 3 anos traballando en colaboración coa firma Agroasesor sobre prácticas de agricultura rexenerativa, como as cubertas vexetais permanentes, de maneira que se reduza o labrado do solo do viñedo. “Estamos vendo o gran potencial que este tipo de prácticas pode ter para incrementar a biodiversidade e fertilidade do solo e mesmo chegar a facer captura de carbono”, concreta Tubio. Outra iniciativa orientouse ó manexo da auga. Facer unha rega eficiente e un control das necesidades de auga das cepas foron os obxectivos marcados polo grupo operativo Regavid, no que tamén participou Martín Códax en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), e que é unha mostra da aposta pola innovación e a investigación para conseguir unha optimización dos recursos, xa que lles permite deseñar plans de rega do viñedo acordes ás necesidades da planta e facer un uso da auga máis eficiente.

Innovación para loitar contra as pragas no viñedo

A aplicación de tratamentos dos viñedos é outra das preocupacións nas adegas, por iso en Martín Códax tamén desenvolveron, en colaboración coa Universidade de Lleida unha investigación para realizar unha aplicación diferencial de tratamentos. En base a modelos de predición e tendo en conta o estado vexetativo da planta, grazas a imaxes aéreas conseguiron unha aplicación de tratamentos máis localizada e reduciron case nun 30% o emprego de fitosanitarios. “É preciso que a obtención destas imaxes sexa máis sinxela para que poidamos facer un uso mellor destas técnicas”, valoran dende a adega.
A aplicación localizada de fitosanitarios ou a detección precoz de pragas son algunhas das prácticas incorporadas por adegas das Rías Baixas para un manexo máis sostible
Buscar un control máis efectivo das pragas no viñedo foi tamén o obxectivo dun proxecto iniciado pola adega Lagar de Fornelos, no que en colaboración coa investigadora Cristina Cabaleiro abordaron estratexias para a protección das cepas de Albariño fronte o virus do enrolado da vide na zona do Rosal, onde se atopa a adega. “Moitas veces non se lle dá moita importancia a este virus, pero as cepas afectadas envellecen dun xeito prematuro e baixan moito os rendementos do viñedo, xa que a súa presenza estresa moito a planta”, explica Ángel Suárez, enólogo e director técnico da adega.
Lagar de Fornelos traballa en estratexia fronte ó virus do enraldo da vide
Coa intención de lograr un maior coñecemento sobre o desenvolvemento da enfermidade na subzona, así como dos insectos vectores que a transmiten (a cochinilla, entre outros), comezaron un traballo de investigación co que tamén estableceron pautas preventivas para combatela. “Apostamos por incorporar prácticas para a prevención da aparición tanto da enfermidade como do vector”, explica Suárez. Así, todas as novas plantas que adquiren son certificadas, o que lles ofrece unha maior seguridade a nivel sanitario, ó conter un menor risco de infección de virus. Ademais, inciden na formación do persoal que traballa nos viñedos para conseguir unha detección precoz do vector e poder atallar a súa presenza con tratamentos enfocados ás zonas afectadas.

O potencial vitivinícola das variedades autóctonas

Unha das liñas de investigación na que están centrándose varias adegas da DO Rías Baixas é na recuperación ou conservación de variedades autóctonas, debido ó potencial vitivinícola que amosan. A adega Viña Moraima, situada en Barro (Pontevedra), é unha das adegas que aposta polas castes autóctonas. No seu caso, e en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, están dedicando importantes esforzos á recuperación da variedade branca Ratiño. “Levamos máis de 10 anos tentando recuperar esta caste, que durante moito tempo foi moi cultivada nesta zona”, explica Roberto Taibo, enólogo da adega.
A adega Viña Moraima traballa en colaboración co CSIC para a recuperación da variedade branca Ratiño
A escasa produción e o sensible que esta variedade resulta foron os principais motivos polos que foi deixando de cultivarse a Ratiño. Con todo, hoxe consérvanse aínda cepas vellas en distintos viñedos, pero non se están a facer plantacións específicas desta variedade. En Viña Moraima destacan o potencial desta variedade e están a facer microvinificacións que lles permiten obter datos de interese para coñecer a evolución deste viño. “Polo momento conseguiuse xa que se incluíse esta variedade como apta para a elaboración de viño e agora o seguinte paso sería que o Consello Regulador tamén a ampare entre as autorizadas, xa que sería un paso moi importante para a recuperación da variedade”, detallan dende a adega. En Viña Moraima traballan tamén con outra variedade autóctona e minoritaria, o Caíño tinto. “Aínda que tamén é unha variedade cunha baixa produción e moi sensible, séguese cultivando nas Rías Baixas”, indica Taibo. Na adega contan cunha produción limitada de Caíño tinto procedente de viñas centenarias e que destinan a elaboración de viños de garda. No Baixo Miño, a adega Señorío de Rubiós tamén se interesou por outra variedade minoritaria, o Castañal, e en colaboración coa USC comezaron un traballo de recuperación desta caste na zona. “Conseguimos os portainxertos e plantamos unha parcela, pero polo momento estamos á espera de ter produción. Contamos facer a primeira vendima no 2024 e poder ver resultados e ir introducíndoa nos nosos viños”, explican dende a adega. Do mesmo xeito, firmas como Adegas Terrae ou Valmiñor abriron liñas de investigación para mellorar o potencial vitivinícola, optimizar a xestión do viñedo e ter maior información sobre os efectos do microclima das zonas de produción e a incidencia de enfermidades fúnxicas en variedades autóctonas, como o Castañal ou Caíño tinto, entre outras.
  • Branded content

Como afecta o uso de fitosanitarios nos viñedos á saúde dos solos?

O emprego de pesticidas é un dos temas que preocupa no campo e tamén en Europa, como poñen de manifesto as novas normativas comunitarias que procuran unha redución do seu uso de cara ó 2030. Con todo, as campañas europeas de control do uso de pesticidas amosan unha tendencia estable e controlada, con pequenas variacións pola entrada ou saída das listaxes de produtos autorizados polas Administracións ou en parte debido ás campañas publicitarias das casas comerciais. Co uso que se fai na actualidade en cultivos coma os viñedos de pesticidas para a loita contra patóxenos, cabe preguntarse que impacto está a ter o seu uso nos solos e na súa saúde. Este foi un dos obxectivos que procura un traballo no que participaron distintos centros de investigación como a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega-Agacal) e as universidades galegas como a USC (Grupo de Cromatografía e Quimiometría) e a Universidade de Uvigo (Grupo de Investigación Pranta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación), e no que avaliaron solos de viñedos do Ribeiro.
Analizaron os solos tanto na época de maior aplicación de produtos fitosanitarios coma no inverno, para coñecer se quedan residuos
En concreto, o estudo realizárono en parcelas cun manexo convencional e ecolóxico e tomaron mostras en xullo do 2022 e en febreiro deste ano. “Eliximos facelo en dúas datas para ter rexistros no pico de aplicación dos produtos fitosanitarios (xullo) e tamén mostras da época na que case non se aplican tratamentos, para ver se hai presenza deles nos solos”, detalla Isaac Rodríguez Pereiro, profesor da USC e un dos investigadores implicados. Os investigadores Isaac Rodríguez e Pilar Blanco durante a presentación dos resultados do estudo ó sector. Recolléronse mostras de solos a dúas profundidades diferentes e observáronse diferenzas entre os valores obtidos en función da profundidade e en función do tipo de manexo que se está a aplicar nas parcelas. “As propiedades relacionadas con contidos totais de diferentes elementos coma o carbono, o nitróxeno, ferro ou cobre non presentaban diferenzas entre os manexos. De feito, os niveis de cobre son altos en todos os sistemas de manexo probablemente polo recorrente uso dende hai décadas de funxicidas de base cúprica”, explica Flora Alonso Vega, profesora da Uvigo e outra das investigadoras implicadas no proxecto. Porén, ó avaliar propiedades dos máis vinculados coa fertilidade ou a calidade dos mesmos, atoparon valores máis favorables naquelas parcelas manexadas en ecolóxico en comparación coas manexadas en convencional. Así, os valores medios de pH, as concentracións de catións intercambiables coma o calcio, potasio e magnesio, ou as de micronutrientes coma o manganeso e o zinc, foron maiores nos solos manexados baixo un sistema en ecolóxico. “Estas tendencias poderían confirmarse transcorrido máis tempo de aplicación do manexo en ecolóxico”, indica a investigadora Flora Alonso.

A presenza de compostos nos solos do Ribeiro

Analizar a presenza de restos de produtos fitosanitarios nos solos supuxo un reto para os investigadores posto que algún dos principios activos presentes nas formulacións comerciais resulta difícil medilos no medio, xa que son lábiles en condicións naturais. Ademais, para analizar a presenza dalgúns deles tamén se requiren metodoloxías específicas e relativamente caras, como apuntaba Rodríguez Pereiro. A heteroxeneidade das parcelas tamén foi outro condicionante e que mesmo pode ter impacto na análise dos resultados, como sinalan os investigadores. Así é que contaban con parcelas con máis de 2 hectáreas de viñedos e outras onde apenas se chegaba ós 400 metros cadrados e nas que se adoitaba facer un manexo ecolóxico. “Nalgunhas destas parcelas de menor tamaño detectamos a presenza de compostos nos solos que non se empregaban nesas viñas, polo que nos leva a pensar a que puideran chegar alí por mor de transporte aéreo”, detalla Rodríguez.
Detectaron restos de 22 funxicidas e 2 insecticidas. En boa parte das parcelas a presenza destes compostos está en cantidades moi baixas
Nestes dous anos de investigación analizaron a presenza de 53 compostos, entre os que se atopan os máis presentes nos produtos fitosanitarios empregados nos viñedos. Deses 53 compostos atoparon restos de 26 deles nas mostras analizadas. A maioría son funxicidas (22), mentres que dous deles son insecticidas e outros 2 restantes son compostos de transformación dalgúns dos funxicidas empregados no viñedo. “Nas parcelas cun manexo ecolóxico había valores moi baixos, en torno a 10 nanogramos por gramo de terra, mentres que nalgunhas das parcelas en convencional detectáronse valores de 2.000 nanogramos por gramo”, detalla o investigador.
Na época de repouso no viñedo a presenza de restos de fitosanitarios nos solos chegou a reducirse a unha quinta parte
Nesta análise dos solos, ademais de detectar os funxicidas empregados durante as campañas de xeito directo, resulta significativa a presenza dun funxicida, o Carbendazim, cuxo uso leva anos prohibido. “Pode haber algún funxicida dos empregados na actualidade que se transforme neste principio activo”, apunta. Tamén destaca que na época de repouso do viñedo a presenza destes compostos redúcese significativamente, sobre todo nas parcelas cun manexo convencional, posto que nas de ecolóxico a súa presenza é xa mínima. Así, nas mostras tomadas en febreiro deste ano aprécianse valores totais de 500 nanogramos por gramo, cando en plena época de tratamentos pode chegar a situarse nos 2.500 nanogramos por gramo. Concentración de compostos nos solos segundo os distintos tipos de manexo. Do mesmo xeito que se reduce a cantidade de restos fitosanitarios tamén se reduce o número de compostos identificados durante os meses de inverno. “A pesar desa redución aínda hai parcelas nas que se detectan ata 11 compostos a niveis relevantes”, detalla Rodríguez. Esta redución dos compostos e da cantidade atopada débese fundamentalmente ás condicións ambientais, así coma ás propias características do composto. “Non todos os compostos teñen a mesma persistencia”, explica o investigador. Cómpre ter en conta ademais, que pese a que 2022 foi un ano seco, a partir de setembro rexistráronse precipitacións por encima dos 700 milímetros, o que pode provocar que haxa problemas de escorrentas nas capas máis superficiais dos solos analizados.

O impacto na saúde dos solos

Outro dos aspectos que analizaron nesta investigación foi o impacto que ten o uso de fitosanitarios na propia saúde dos solos e o que condicionan a presenza de microorganismos nel. Cómpre ter en conta que o papel dos microorganismos nos solos é fundamental para cuestións como a regulación do clima ou a saúde das plantas. En concreto, os microorganismos estimulan o crecemento da planta e aumentan a súa resistencia a situacións de estrés ou enfermidades. A presenza de microorganismos é tamén clave para a viticultura. “Dende a viña á adega, os microorganismos xogan un papel importante na produción e calidade do viño”, argumenta Pilar Blanco Camba, investigadora da Agacal-Evega, e coordinadora do proxecto. Na análise dos solos do Ribeiro determinou que existen distintos terroirs microbianos na DO Ribeiro nas áreas xeográficas dos vales do Miño, Avia e Arnoia. Ademais, nas parcelas cun manexo ecolóxico do viñedo detectáronse máis especies exclusivas que nas parcelas cunha xestión convencional.
O manexo do viñedo afecta directamente á saúde do solo e ós beneficios que este lle proporciona á planta fronte situacións de estrés e enfermidades
“Nos viñedos cun manexo sostible aprécianse redes microbianas mellor conectadas, con maior interacción e cooperación para unha maior resistencia e resiliencia fronte a condicións de estrés”, detalla a investigadora. Así é que o manexo que se fai da parcela inflúe directamente na composición do solo, na presencia de bacterias e fungos. Os solos analizados amosan unha menor diversidade de bacterias, pero niveis de fungos semellantes ós manexados noutras zonas xeográficas próximas coma Portugal.

O Priorat: Un exemplo de como conseguir viños valorados e recuperar o interese polo viñedo

O Priorat, en terras de Tarragona (Cataluña), é hoxe un dos territorios referentes en produción de viño en España. Algúns dos viños máis valorados prodúcense en viñedos situados nesta Denominación de Orixe, como é o caso dos tintos L’Ermida, elaborados por Álvaro Palacios, nos que a botella se sitúa por encima dos 1.000 euros. Nos últimos anos están ademais sumando novos viticultores interesados en dar continuidade aos viñedos, mentres outras zonas vitícolas de España vanse apagando pola falta de remuda xeracional. Pero cal é o segredo para logralo? Salus Álvarez, enólogo e presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Priorat debullaba algunhas claves nunha xornada con viticultores celebrada en días pasados en Pantón (Lugo), organizada polo GDR Ribeira Sacra-Courel e que contou coa colaboración da DO Ribeira Sacra, entre outras entidades. Xunto a Álvarez, tamén participaba o recoñecido viticultor René Barbier, que foi outro dos impulsores da valorización deste territorio catalán centrado durante moitos anos na produción de viños tintos que comercializaban principalmente a granel.
Ribeira Sacra e Priorat comparten certas similitudes ao afrontar retos como a falta de substitución xeracional ou as dificultades para a mecanización das tarefas nas viñas
Álvarez incidía ademais en certas similitudes entre a Ribeira Sacra e o Priorat catalán, xa que ámbolos dous territorios afrontaron retos comúns como a falta de remuda xeracional, as dificultades para a mecanización das tarefas vitícolas ou mesmo a candidatura como Patrimonio da Humanidade que os dous presentaron. Dende a Do Ribeira Sacra, o seu presidente, Antonio Lombardía, recoñecía que a DO atópase nun momento decisivo para o seu futuro. E a opinión é xeneralizada, tal e como apuntaban boa parte dos viticultores e adegueiros que participaron na cita. "Estamos nunha fase de pensar cara a onde imos, estamos aínda comezando o camiño", apunta Diego Rodríguez, viticultor e terceira xeración á fronte da adega lucense Don Bernardino, que foi outro dos relatores da xornada.

Marcar o seu propio camiño

Do mesmo xeito que ocorre na Ribeira Sacra, o Priorat é un territorio vitícola onde introducir a mecanización resulta moi complexo pola propia orografía do terreo, xa que contan con pendentes de máis do 30%, pequenas terrazas e unha alta densidade de cultivo. Estas características asociáronse durante anos a unha baixa rendibilidade, polo que os habitantes desta comarca catalá buscaban outras alternativas laborais ligadas a dous motores da economía como o turismo ou a industria e eran moi poucos os que apostaban por quedar no territorio e dedicarse á viticultura. Ademais, nos anos 90 arrincáronse un 20% das viñas para plantar outros cultivos que ofrecesen producións máis rendibles.
Nos anos 90, no Priorat arrincáronse un 20% das viñas para aproveitar a terra para outros cultivos con producións ‘máis rendibles’
Con este contexto, aqueles viticultores que resistían no territorio comezaron a traballar para a valorización dos viñedos. Entre eles atopábase o propio Salus ou René Barbier, que se implicaron desde o comezo na valorización do territorio vitícola. “Ou somos capaces de ter un gran territorio do que saian bos viños ou teremos unhas cantas grandes adegas nun territorio mediocre”. Esa foi a súa reflexión inicial e de aí comezaron a traballar para poñer en valor os seus viñedos, os seus viños e evitar que continuase o abandono do campo que xa estaban a experimentar. “Tiñamos claro que buscabamos un proxecto de pequena artesanía, non de industria e grandes cantidades, que non seriamos capaces de asumir e ao que non viamos futuro na nosa comarca”, explica Salus Álvarez. Posicionáronse no lado oposto ao modelo que predomina en España, onde unhas 4.000 adegas xestionan unha das maiores superficies de viñedo a nivel mundial, a diferenza do que ocorre noutras potencias vitícolas como Francia ou Italia, con máis de 30.000 e preto de 40.000 adegas, respectivamente. Salus Álvarez (dereita) durante a súa participación na xornada vitícola celebrada en Pantón (Lugo).

Calidade e territorio

Con esta idea de artesanía, a posta en valor da zona vitícola aséntase en tres principios: calidade alimentaria, calidade emocional e buscar a identidade do viño fronte á cantidade. “O viño non é necesario para vivir, é un complemento social para un consumidor que busca calidade emocional, un produto o máis san e identitario posible”, apunta Álvarez.
“Sabiamos que se eramos capaces de defender a identidade dos nosos viños teriamos un espazo no mercado”: Salus Álvarez, presidente da DO Priorat
Para logralo, o territorio e a vinculación dos viños con el foi unha das claves. “Non se entende unha botella sen un viñedo detrás. Os grandes viños franceses poden ser moi caros, pero o realmente caro son as viñas das que proceden. Sabiamos que se eramos capaces de defender a nosa identidade teriamos un espazo no mercado”, apunta Álvarez.

Delimitar e protexer territorio e viñedos

Un dos pasos para poñer en valor o seu territorio foi coñecelo en profundidade. Para iso en 2003 encargaron a un xeógrafo o estudo cartográfico dos terreos da comarca. Ao mesmo tempo realizaron un percorrido histórico polos mesmo para coñecer e preservar a súa orixe histórica.
Delimitaron 12 zonas para a produción de viño e definiron 450 paraxes entre os que se inclúen non só os que teñen viñedos e valor a día de hoxe senón os que poden ser utilizados nun futuro
Isto permitiulles delimitar 12 zonas municipais para a produción de viño no Priorat. Tiveron claro que non deben axustarse ás limitacións xeográfico-políticas establecidas. Así é que ningunha das 12 zonas para a produción de viño coincide cos 12 termos municipais nos que se inclúen, é dicir, a delimitación vitícola non se axusta á política. Con este traballo definiron ademais un total de 450 paraxes dentro da DO Priorat. “A metade destas paraxes non teñen viñedo a día de hoxe, pero existen e abren a porta a que alguén poida plantar ou recuperar as viñas dos seus avós e poida que mesmo estas paraxes sexan as zonas de produción do futuro”, argumenta Álvarez.
Elaboraron un catálogo de viñas vellas, xa que as consideran outro valor para protexer. Cada ano suman viñedos que alcanzan os 75 anos
Do mesmo xeito que fixeron coa terra, puxeron en valor os seus viñedos coa elaboración dun catálogo con aquelas viñas que teñen máis de 75 anos e ao que cada ano van incorporándose as que alcanzan esa cifra. Teñen catalogadas 135 hectáreas repartidas en 300 parcelas. “Estas vellas viñas teñen un gran valor e séguense revalorizando”, reivindica o presidente da DO catalá. De maneira paralela á clasificación dos terreos, tamén fixeron unha aposta por unha viticultura máis respectuosa coa biodiversidade. Hoxe en día minimizaron o uso de produtos de síntese química e recuperaron prácticas ancestrais no manexo da viña que permite un cultivo máis sostible. “Un bo recolector é aquel que fai multiplicar a produción, non só colleita”, explica o adegueiro René Barbier a súa filosofía de traballo nestes anos.

Clasificación dos viños

No Priorat realizaron un dobre esforzo por identificar os seus viños no mercado. Por unha banda todos os viños que se producen dentro da demarcación da DO son viños de territorio. Logo estableceron unha clasificación en base á procedencia das uvas e a súa relevancia no mercado. Este sistema ofrece unha clasificación dos seus viños de maneira que o consumidor tamén poida identificar as diferenzas que se aprecian entre eles. Así, aqueles viticultores que elaboran só con uvas dunha das 12 zonas demarcadas, están a elaborar un Viño de Villa. Se este se elabora con viñas dunha determinada paraxe catalógase como Viño de Paraxe. Se o viño se elabora só con uvas dunha parcela e ademais consegue que chegue ao mercado polo menos durante 5 anos e cun determinado recoñecemento, logra ser clasificado como Viño Viña Clasificada. Se, este viño de viña clasificada se establece durante este tempo cunha puntuación por encima dos 97 puntos e cun valor que supere os 100 euros pasa a catalogarse como Gran Viña Clasificada. “Se un viño custa 5 euros debe ser perfecto, pero se non o é pode valer 100 euros, sempre que poidas explicar ben por que. En Francia souberon ver que un gran viño axuda a vender tamén o resto de viños de menor valor que se producen nesa zona”, xustifica Barrier a clasificación dos viños que realizan. Ao mesmo tempo, para a posta en valor dos viños no embotellado empregan un modelo de pirámide de alimentación, seguido en países como Francia, Alemaña ou Italia. Este modelo baseado no territorio permitiu a outros países situar os viños no mercado do luxo. “Para valorizar os viños desta maneira precísase a combinación dun territorio particular, un gran esforzo e unha capacidade empresarial para situar o teu produto no mercado”, apunta Álvarez. Pirámide de clasificación dos viños do Priorat.

O orgullo de ser viticultor

Neste proceso de posta en valor dos seus viños tamén traballaron na transformación do Consello Regular nun órgano fedatario, que certifica a orixe dos viños sen buscar que todos os viños producidos na DO sexan iguais. “Se os mozos queren facer o seu viño, os consellos reguladores afástanos coas súas normas. Mentres, na DO entendiamos que era outra cousa. Aquí cabe e é necesario todo o mundo. Se protexes a orixe estás a protexer o patrimonio e os viños”, apunta o adegueiro René Barbier.
“Co carné de viticultor conseguimos que sentisen orgullosos de selo, un sentimento que 10 anos antes non se vía entre os viticultores”
  Neste afán por converter o Consello Regulador nun órgano de maior utilidade para os viticultores e ao mesmo tempo poñer en valor a propia figura do viticultor fixeron un carné de viticultor, unha tarxeta para cada viticultor que os identificaba cada vez que entregaban uva na adega. Desta maneira ese mesmo día o Consello Regulador tiña dispoñible toda esa información e á par conseguiron espertar ese sentimento de orgullo por ser viticultor. “Co carné de viticultor conseguimos que se sentisen orgullosos de selo, un sentimento que 10 anos antes non se vía entre os viticultores”, lembra Álvarez. Hoxe en día, conseguiron tamén xerar interese entre os máis novos para que aposten pola viticultura. Contan con viticultores novos no Consello Regulador. "O factor clave para que a xente nova quede no territorio é manter a ilusión". En vilas como Porreras hai 30 mozos que apostaron por quedar na zona e cada día veñen un cento de persoas a traballar na vila, no canto de marchar cara as cidades como aconteceu décadas atrás. "Agora estamos traballando para conseguir que esa xente non só veña a traballar aquí senon que decida vivir aquí", apunta Álvarez.

Brotación forzada das xemas para lograr dúas colleitas nos viñedos

A brotación forzada das xemas para obter unha colleita é unha técnica xa con certa rodadura nos viñedos desde 2012, pero agora o investigador da Universidade da Rioxa, Fernando Martínez de Toda foi un paso máis aló e apostou pola brotación forzada para lograr non unha, senón dúas colleitas ao ano. É unha técnica nova da que se publicaron as primeiras referencias no ano 2020. “Ocorréuseme combinar dúas técnicas para estudar esta posibilidade nova de ter dúas brotacións de xemas”, explica Martínez de Toda. A idea é combinar no mesmo viñedo e no mesmo momento o recorte drástico da vexetación co forzado tradicional das viñas, para así lograr as dúas colleitas ao ano.
“Ocorréuseme combinar dúas técnicas para estudar esta posibilidade nova de ter dúas brotaciones de xemas”
A brotación forzada de xemas consiste en facer que se desenvolvan xemas latentes, que está previsto que permanezan no pámpano e que se prevé que broten o próximo ano. Como ben indica o nome, esta técnica busca forzar o seu desenvolvemento nesa mesma campaña. “É unha brotación forzada, xa que estas xemas non adoitan brotar o ano da súa formación en condicións naturais”, aclara o investigador. Esta técnica permite atrasar a maduración da uva, polo que se presenta como unha alternativa de manexo do viñedo que permite adaptarse para os efectos do cambio climático, sempre que a zona na que se atopa a viña o permita.

Por que optar pola brotación forzada?

Con algúns procedementos no manexo da viña pode lograrse un atraso moderado da maduración de entre 10 ou 15 días. Nos mellores casos, se se combinan entre eles poden alcanzar os 30 días. Pero, como apunta o investigador, en zonas con elevadas temperaturas, estes atrasos poden non ser suficientes. Mentres, coa brotación forzada lógrase atrasar ata 2 meses a maduración da uva. A principal limitación da brotación forzada é que adoita reducirse a produción das viñas, aínda que ás veces pode interesar conseguir esta redución. E que beneficios proporciona atrasar a maduración da uva? Martínez de Toda concreta que conseguir un atraso da maduración permite que a uva se desenvolva en condicións máis frescas e de mellor calidade tanto para a uva como posteriormente para o viño. “A idea é utilizar esta técnica para mitigar os efectos das altas temperaturas no viñedo”, explica.
O atraso da maduración inflúe na calidade final do viño, xa que inflúe na acidez, os aromas ou a maduración fenólica
En zonas de produción vitícola sometidas a elevadas temperaturas este atraso inflúe directamente en parámetros como a acidez, os aromas e a maduración fenólica. Ademais, permite elaborar viños cun menor contido en alcol. Nun estudo sobre o terreo en base aos datos do Observatorio de Logroño en 2015, a temperatura media pasou de 21,7 graos en agosto a 16,8 graos en setembro ou 13,5 graos en outubro. “Se conseguimos atrasar a maduración coa brotación forzada, a maduración podería realizarse con 4 graos menos”, exemplifica o investigador. Outra das vantaxes que proporciona é poder sincronizar ou separar a maduración entre diferentes parcelas de viñedo.

Técnicas para a brotación forzada

Para levar a cabo a brotación forzada da viña, a técnica máis clásica consiste en cortar os pampos ao redor do 5º ou 6º nó e eliminar a vexetación por completo. “Para conseguir unha boa brotación desas xemas latentes no pámpano debe eliminarse todo o que interfira, tanto follas, como netos e uva dese pampo”, detalla o investigador. Á marxe deste método máis tradicional para lograr a brotación forzada, tamén probaron unha técnica máis agresiva que reduce os nós. Así, en lugar de deixar entre 5 ou 6, o pámpano córtase xa á altura do segundo nó inferior. “Este procedemento ten a vantaxe que non é necesario eliminar a uva, xa que ao estar en nós superiores xa non brotará. Así conseguiríase a brotación deses dous nós”, concreta. Detalle de pampo con uva primaria da variedade Garnacha en maduración (na parte inferior) e uva forzada en estado herbáceo (parte superior).

Brotación forzada para lograr dúas colleitas

Fronte a estes dous métodos de brotación forzada, Martínez de Toda deu un paso máis e buscou unha dobre colleita mediante a brotación forzada, de maneira que se obteñan dúas colleitas ao ano, a segunda cun atraso de case dous meses respecto da primeira. A clave, segundo indica o Catedrático, é realizar un forzado de xemas latentes pero sen eliminar a uva primaria do pampo. Para iso, realizan un recorte de pampos, por encima do sexto nó, no inicio do callado, de maneira que se busca que se desenvolvan as xemas latentes dos nós sexto e quinto. O quecemento global permite a maduración da segunda colleita.
“Podemos conseguir unha primeira colleita cunha maduración atrasada duns 10 ou 15 días e unha segunda procedente das xemas forzadas cuxa maduración terá un atraso de ata 2 meses”
“Actuando desta maneira podemos conseguir unha primeira colleita correspondente aos acios principais, cunha maduración atrasada duns 10 ou 15 días e ademais podemos conseguir unha segunda colleita procedente das xemas forzadas cuxa maduración terá un atraso de ata dous meses respecto do control”, concreta o investigador. A continuidade dos estudos durante a campaña de 2021 mostra que, para lograr unha dobre brotación con éxito necesítase un vigor mínimo do pampo, para que así se garanta o desenvolvemento e a fertilidade suficientes dos brotes forzados. “En viñedos con lonxitudes de pampo da orde de 2 metros obtéñense desenvolvementos suficientes, pero non en viñedos con lonxitudes de pampo de 1,2 metros”, detalla o investigador. Os primeiros resultados obtidos en 2019-2020 en viñedos de variedades como Garnacha, Tempranillo e Maturana Tinta, a vendima inicial atrásase ata mediados de outubro e a segunda maduración sería en novembro, en zonas altas e frescas da Rioxa. Mentres, en zonas máis cálidas conséguese un mesmo atraso, pero a primeira colleita produciríase a mediados de setembro e a segunda en outubro. Deste xeito, a colleita primaria madura uns 13 días máis tarde e a colleita secundaria uns 40 días máis tarde. Fenoloxía das cepas con dúas colleitas trala brotación forzada. Outro dos aspectos importantes a valorar nos resultados é a propia resposta da planta a estas prácticas. Tal e como detalla Martínez de Toda, as viñas presentan algo máis dun brote por pampo. Ademais, lógrase unha produción forzada, con acios máis pequenos, da orde de algo máis de 1 quilo por cepa, fronte aos 3 quilos habituais. Así, a segunda colleita representa ao redor do 30% da colleita primaria. Resultados produtivos da obtención de dúas colleitas. Número de acios e peso en función da maduración.

A dobre brotación e a composición da uva

A investigación tamén abordou os efectos desta dobre brotación na composición da uva. Un dos valores que se ve afectado é o propio peso da baga, que resulta máis pequeno, pasando nun dos casos analizados de 1,75 gramos na primeira data de vendima a 1,01 na segunda. No caso da cantidade de azucres da uva tamén se verá afectado. “A cantidade de azucre varía en función de canto se atrase a maduración e a chegada do frío”, apunta o investigador. O atraso da maduración tamén deixa un pH máis baixo, unha maior acidez e acedos málico e tartárico máis altos, así como unha concentración de antocianos moito máis alta que a colleita primaria. Resultados da composición da uva trala brotación forzada para lograr dúas colleitas. Outra das conclusións que destaca esta investigación, é que ademais de madurar a uva correctamente, pódense acumular suficientes reservas para os próximos anos.

“En cada botella do noso viño tamén está o duro traballo da viticultura na Ribeira Sacra”

O tinto Viña Vella elaborado pola adega SAT Virxen dos Remedios, do Saviñao (Lugo), é o mellor tinto de Galicia neste 2023. Coñecemos de man de Juan Carlos Varela Aguiar, responsable da adega e un dos socios desta SAT como traballan no seu día a día para lograr estes bos resultados. Nesta adega familiar a aposta é clara pola tradición e polos viñedos, así como o seu compromiso por contribuír a manter viva a zona e conservar o patrimonio natural, clave para a produción vitícola. -Sodes unha adega familiar, cóntanos como comezou SAT Virxe dos Remedios? -Comezamos co xerme da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Daquela viamos que estaban quedando os viñedos abandonados, porque non había saída nin para a uva nin para o viño. Entón decidimos fundar a adega para darlle saída á nosa propia uva e ó excedente que podían ter os veciños destes pobos darredor. -Cantos produtores formades a SAT? -Na SAT somos 9 socios, miña nai e todos os seus irmáns, un primo meu e máis eu. Ademais mercámoslle uva a viticultores da zona. Así é que hoxe en día estamos traballando cuns 50 viticultores. O 95% destes viticultores son xente maior. Debemos ter uns 5 ou 6 que non estean xubilados. Estes viticultores teñen as viñas para autoconsumo e nós mercámoslle o excedente que lles sobra. Non temos ningún viticultor que se dedique exclusivamente á viticultura. -Situádesvos en Diomondi, no Saviñao, en pleno corazón da Ribeira Sacra, que ten de especial esta zona para a produción de viño? -Calquera que se achegue aquí pode ver que o que ten de especial, en gran medida, é a paisaxe, que xunto coa orientación, os solos que temos e as variedades que traballamos fan un viño diferenciado con respecto doutras zonas produtoras.
“Manexamos unhas 4 hectáreas de viñedo, o problema é que están repartidas en máis de 40 parcelas e a maioría teñen accesos complicados”
-Que superficie de viñedo manexades e que variedades traballades? -A adega e os socios manexamos unhas 4 hectáreas de viñedo, o problema é que están repartidas en máis de 40 parcelas e a maioría teñen accesos complicados. A moitas das parcelas podemos acceder só con tractor e malamente. -Ó situarse en bancais con tanta pendente, como é o manexo que facedes da viña? Tedes algún tipo de mecanización nos viñedos ou todo debe facerse de xeito manual? -O traballo en si da viña é todo manual, dende a aplicación dos tratamentos, a poda ou a vendima é manual. Só nalgúns casos, naquelas viñas que temos máis accesibles, na vendima podemos axudarnos dunha carretilla de eirugas, o resto das uvas temos que sacalas ó lombo. Todos os traballos temos que facelos de xeito manual, non temos ningún tipo de mecanización posible. Nos últimos anos e naqueles viñedos nos que é posible estamos comezando a botar man de mangueiras para aliviar algo traballos como a aplicación de fitosanitarios, que se facía sempre coa mochila ó lombo cargada. Con todo, aínda sen o peso do produto, segue sendo unha aplicación manual que require moito esforzo físico.
“Dentro de cada botella non só hai viño, senón o traballo duro que supón cultivar o viño neste entorno”
Ás veces a xente non entende que un Mencía da Ribeira Sacra custe máis que o doutras zonas, pero hai moito traballo duro detrás. Dentro de cada botella non só vai viño, senón o traballo duro que supón cultivar o viño neste entorno. Os viños da Ribeira Sacra é un xeito máis de conservar o patrimonio. -Houbo e hai moito abandono dos viñedos? -Sobre todo a comezos dos 80 houbo moito abandono dos viñedos. Masas forestais que hoxe se atopan á beira dos viñedos noutros tempos tamén tiñan viñas. Nós de feito, houbo algún viñedo que recuperamos. En concreto, temos un viñedo singular, que se atopa na parte alta da ladeira, a carón dun castro, que herdara meu pai e que unha vez que pertenceu á familia decidimos recuperar. Arrancamos as árbores que había, rehabilitamos os muros dos bancais e plantámola totalmente de novo. Ese traballo tamén se fixo de xeito manual, sen maquinaria. Hoxe en día está quedando máis viñedo abandonado do que se recupera, debido ó avellantamento dos viticultores que hay. -Canto tempo se prolonga a vendima e como se realiza con estas limitacións? -A vendima prolóngase entre 15 ou 20 días, pero non por tela que facer nestas condicións, xa que senón sería cuestión de contar con máis xente. Eses prazos son máis ben porque a maduración tamén vai sendo paulatina, non maduran ó mesmo tempo aqueles viñedos que se atopan máis preto do río que aqueles que se atopan a unha determinada altura na ladeira, de maneira que a maduración e a vendima son paulatinas. No noso caso como elaboramos branco e tinto, comezamos sempre antes polo Godello, que é a uva que madura máis cedo, para logo ir pasando ás outras variedades, a medida que van acadando a maduración óptima. -Sacades algunhas das uvas polo propio río? -Non. No noso caso a maior parte dos viñedos están situados en media ladeira e levalas ó río resultaríanos tan complicado como levalas á adega. Hoxe en día é testemuñal a uva que se saca polo río, ese era un sistema empregado naqueles viñedos que se atopaban máis próximos e antes de facerse algúns dos camiños de acceso que hoxe hai. -Canta xente traballades na adega, tanto habitualmente como en épocas de maior carga de traballo? -Durante boa parte do ano adoitamos facer o traballo os propios socios. Durante a vendima empregamos a 5 ou 6 vendimadores.
“O que ten de especial o noso viño é que cando o bebes che recorda á zona”
-O traballo duro no viñedo parece que tamén dá os seus froitos, este ano o voso Viña Vella Mencía volveu coroarse como mellor viño de Galicia. Que destacarías deste viño? -Creo que o que ten de especial o noso viño é que cando o bebes che recorda á zona. Nótase que é Mencía e os solos e a orientación tamén lle imprimen carácter. Tentamos facer a maior parte do traballo en viña, que a calidade da uva sexa a mellor posible e na adega simplemente elaboralo e reflectir o que sae da viña. É un viño sen artificios, pero franco. -No caso do branco Viña Vella optades por un plurivarietal. Que variedades ten e por que vos decidistes por elas? -Fai anos non era así, pero agora os nosos brancos están compostos maioritariamente por Godello, sobre un 85%. O resto, a partes iguais, é Treixadura e Albariño. Escollemos estas variedades porque son as que tiñan os nosos provedores. Cando comezamos, dalgunha das variedades tiñamos pouca cantidade e decidimos non facer monovarietais de cada unha delas e por iso comezamos a elaborar este multivarietal. Creo que foi unha decisión acertada, porque unhas variedades compleméntanse coas outras. Os viños Viña Vella branco e tinto que elabora a adega. // Imaxe Iago Seoane. -Que produción tedes tanto do branco coma do tinto? -Aínda que varía en función da colleita, no caso do tinto, na última colleita rondamos os 50.000 litros e do branco andamos nos 15.000 litros. -Á marxe do manexo do viñedo, como é o proceso de elaboración na adega? Apostades tamén por mantervos fieis á tradición ou aquí botades man de máis tecnoloxía? -Respectamos ó máximo posible a uva, para que o viño reflicta o que temos en viñedo. Cada vez tendemos máis a facer unha elaboración tradicional, pero utilizando métodos e tecnoloxía modernos. Levamos anos traballando co enólogo Julio Ponce Mouriño e tentamos achegarnos ós viños da zona e ás súas características.
“A nosa produción véndese en Galicia, aínda que tamén exportamos algo ó resto de España e a países como Estados Unidos, Alemaña ou Perú”
- A que mercados estades dirixindo os vosos Viña Vella? -Maioritariamente a nosa produción véndese en Galicia, aínda que tamén vendemos algo ó resto de España e ó estranxeiro. Así temos tamén algo de mercado en Cataluña, Baleares e temos mandado viño a Estados Unidos, Holanda, Alemaña, Romanía ou Perú. Son cantidades pequenas porque tamén custa que os nosos viños cheguen a mercados onde non son coñecidos. -Un dos retos do campo e sobre todo da viticultura en zonas como a Ribeira Sacra, que esixe un manexo manual, é a falta de remuda. Como vos afecta persoalmente? Tedes remuda e atopades xente para traballar na adega? -O problema é grave. Xa non é que non atopes xente para a vendima, senón que para algún traballo puntual que precises man de obra como pode ser a poda é case imposible atopar xente e menos que estea un pouco preparada para traballar no viñedo. En canto á remuda na adega, está un pouco complicado, xa que as novas xeracións parece que non apostan, polo menos por agora, polo viñedo.
“Cando comezamos, a nosa ambición era contribuír a manter viva a paisaxe e así queremos seguir, aínda que non nos fagamos ricos coa adega”
-Coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade víase máis preto o turismo e a viticultura. Vós valorades tamén achegarvos máis ó etnoturismo e a recibir visitas na adega? -Pode ser unha saída. Se o turismo se move e a economía marcha ben pode haber máis posibilidades para que a xente queira quedarse aquí. Tamén é certo que neste tipo de candidaturas debera de contarse máis coa xente da zona, para que despois non só se traduza en inconvenientes ou restricións para os que habitamos aquí e estamos manténdoa viva, que haxa tamén vantaxes. -Que perspectivas de futuro tedes a curto prazo na adega? -Levamos anos estabilizados en canto á produción que manexamos e xa cando comezamos a nosa ambición era contribuír a manter viva e preservar a paisaxe e o entorno. A nosa intención é seguir nesa liña, que adega dea para manterse, aínda que non nos fagamos ricos con ela.

Solucións para evitar os acios compactos e os seus riscos asociados

Os acios compactos e densos, aínda que a primeira vista poidan parecer sinónimo de boa colleita, entrañan certos riscos no viñedo. Entre outras problemáticas, este tipo de acios son máis propensos a sufrir enfermidades fúnxicas ou a incidencia de pragas como a avelaíña do acio (Lobesia botrana). Ademais, supoñen un reto para os viticultores á hora da vendima, xa que moitas veces presentan unha maduración máis irregular das bagas. Por outra banda, no caso da uva de mesa, os mercados rexeitan este tipo de acios. Estas problemáticas poden verse incrementadas coas novas condicións climáticas extremas derivadas do cambio climático. Por este motivo, desde o Instituto de Ciencias de la Vid y del Vino impulsaron dous proxectos de investigación para tratar de pescudar as causas detrás da compacidade dos acios e os xenes relacionados con este fenómeno.
“Estudar a compacidade do acio é extremadamente complexo”: Javier Ibáñez, investigador do CSIC
“É necesario ter en conta que a compacidad do acio é un carácter extremadamente complexo para o seu estudo”, recoñece Javier Ibáñez, investigador científico do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que liderou senllos proxectos sobre a compacidade do viñedo GrapeComp e VitiComp.

Estudos realizados

O primeiro dos proxectos en desenvolverse foi GrapeComp que iniciaron no 2010, para logo dar continuidade con VitiComp. Con todo, sobre algúns aspectos aínda seguen na actualidade traballando, xa que son só o comezo dun longo traballo ata atopar a base xenética da compacidade e variedades que proporcionen acios menos compactos. Precisamente, estes traballos iniciais buscaban determinar as causas e xenes que interveñen na formación de acios máis compactos.
Un dos retos iniciais foi medir de forma obxectiva o grao de compacidade dos acios para logo analizar os xenes que influían neste trazo
O primeiro reto do proxecto de investigación foi medir a compacidade do acio, xa que moitos acios compórtanse de forma desigual e as clasificacións vixentes non se adaptaban a esta variabilidade. Por iso, un dos primeiros pasos que afrontaron foi conseguir unha metodoloxía que lles permitise valorar de forma obxectiva o grao de compacidade. Distinto grao de compacidade dos acios. Para esta primeira medición traballaron con 11 variedades e analizaron 23 caracteres, en especial aqueles que afectaban á morfoloxía do acio, de maneira que estudaron 19 índices, entre os que se atopaban 8 propios. En traballos posteriores empregaron metodoloxías de análises de imaxes, tanto en 2 como 3 dimensións.
Nos primeiros estudos fenotiparon máis de 100 variedades durante 3 anos e analizaron ao redor de 1.000 acios en cada unha das campañas
No primeiro dos estudos fenotiparon máis de 100 variedades durante 3 anos para identificar as variables morfolóxicas que puidesen determinar a compacidade dos acios. Así, estudaron ao redor de 1.000 acios en cada unha das campañas. Tamén estudaron unha colección de clons para facer unha selección de xenes cun posible papel na determinación da compacidade. Así, partiron de máis 1.600 clons para finalmente traballar con 18 das variedades de Tempranillo e Garnacha que tiñan diferenzas destacadas na compacidade do acio (clons compactos vs. clons soltos). Os primeiros traballos de análises permitíronlles achar compoñentes morfoagronómicos do acio máis relacionados e que podían ser claves para que o acio terminase sendo compacto. Así, os caracteres número de bagas por acio e a lonxitude da primeira rama do acio foron os máis determinantes, seguidos polas dimensións da baga.
“O número de bagos e a arquitectura do acio son as variables que máis inflúen para a compacidade do acio ao analizar distintas variedades, mentres que entre clons da mesma casta entran en xogo máis variables”
“Nun contexto multivarietal, o número de bagos e a arquitectura do acio son as variables que máis inflúen. Mentres, nunha contorna intravarietal, como vimos en Garnacha e Tempranillo, hai moitas variables que poden determinar a compacidade do acio”, explica o investigador. Para dar continuidade a este traballo inicial, no proxecto VitiComp centráronse en estudar aqueles factores que incumben á reprodución, como as flores, bagas ou callado. “Vimos resultados interesantes como que as variedades de viño tiñan unha maior taxa de callado que as variedades de mesa”, apunta Ibáñez. Con este traballo conseguiron definir algúns outros factores como determinantes para a compacidade do acio. “Atopamos un amplo rango de variación para diferentes variables relacionadas co desempeño reprodutivo, incluído o número de flores, o número de bagas, a taxa de callado e o índice de corremento”, detalla o investigador.

Xenes a ter en conta

Estes traballos permitíronlle ademais elaborar unha listaxe de xenes candidatos a ser determinantes na compacidade do acio. “O compoñente xenético ten un impacto moi grande na compactación do acio xa que vimos diferenzas notables entre cultivares e os clons e que se manteñen ao longo dos anos”, detalla Ibáñez. Nos estudos cos diferentes clons atoparon máis de 1.600 xenes con expresión diferencial, aínda que tras unha selección deses xenes candidatos contaron con 171 xenes preseleccionados, que foron secuenciados nas máis de 100 variedades estudadas. Realizaron unha análise de asociación xenética para atopar os xenes determinantes. “Atopar asociacións non azarosas non significa que esteamos a atopar o xen causante da compacidade. O máis importante é tentar controlar os falsos positivos que poden atoparse por mor da estrutura familiar ou poboacional”, explica o investigador. Así, ao estudar os xenes en asociación con caracteres como a compacidade do acio e a lonxitude da primeira ramificación acharon varios que mantiñan relación. Esta asociación presentouse tanto en xenes para os que non existía ningún tipo de información, como nalgúns relevantes como o que codifica para a proteína uclacyanina que está involucrada en procesos de formación de fibra.
O xen VvNAC26 é un dos que inicialmente gardaba certa relación coa compacidad dos acios
Finalmente, nestes traballos iniciais atoparon que o xen VvNAC26 gardaba certa relación coa compacidade dos acios. Aínda que están pendentes de realizarse máis traballos nesta liña debido aos múltiples factores que poden condicionalos. Nesta liña, posteriormente a estes traballos no ICVV, un equipo de investigadores chineses apuntaba nesa mesma dirección con este mesmo xene, xa que inflúe tanto no desenvolvemento do froito como das sementes. No proxecto VitiComp ampliouse o número de xenes analizados nas 114 variedades estudadas ata 289 e atoparon un total de 34 xenes que, tras realizar estes estudos de asociación, estaban relacionados coa fertilidade e a compacidade do acio. Estes resultados son de gran relevancia para entender a xenética da reprodución da vide e da formación de acios de maior ou menor compacidade. Con todo, o investigador apunta a que estes son aínda pasos iniciais e que son necesarios máis estudos para confirmar ou descartar algunhas das asociacións que atoparon nestes primeiros traballos.

Prezos da uva na vendima 2023 en Galicia: Estabilízase a branca e caída da tinta

Coa vendima arrancando en tódalas Denominacións de Orixe, adegas e viticultores miran os prezos da uva que se marcarán nesta campaña. Nestes primeiros días da vendima aínda se están asinando contratos e fixándose prezos. As variedades brancas seguen mantendo unha gran demanda, sobre todo o Albariño e o Godello. Con todo, este ano os prezos parecen estabilizarse logo do boom que experimentaran o ano pasado, cando chegaran a pagarse a 3,5 euros. Prevese que esta campaña o prezo das uvas brancas en Galicia se poida chegar a pagar a 2,8 euros, segundo apuntan tanto industria coma produtores. Do mesmo xeito que aconteceu noutras campañas, haberá diferencias de prezos entre as distintas demarcacións e variedades. Mentres, as tintas acusan unha caída da demanda e do valor. Nalgunhas zonas xa se están pagando as uvas de Mencía a 60 céntimos e mesmo hai viticultores que deixarán sen recoller parcelas con Garnacha debido á baixada dos prezos.

Prezos por variedades e DO’s

Facemos un percorrido polas distintas DO’s para coñecer os prezos que se están pagando por variedades e territorios:

Rías Baixas

Na terra do Albariño esta uva, xunto con outras variedades brancas que se cultivan, segue a ter unha elevada demanda nesta campaña. Estímase que o prezo da uva Albariña se situará entre os 2,5 e 2,8 euros, lonxe dos 3,5 euros que chegaran a pagarse puntualmente o ano pasado, logo da entrada no mercado de novas adegas foráneas que demandaban máis uva e incrementaran o prezo.

Ribeiro

Nesta campaña no Ribeiro mantéñense os prezos en valores semellantes ós dos últimos anos, aínda que se aprecia unha lixeira suba con respecto da última vendima, segundo indican dende o sector. Así, as uvas brancas de variedades autóctonas situaranse arredor de 1,5 e 1,8 euros, en función da variedade e da calidade. En concreto, a Treixadura está pagándose entre 1,5 e 1,7 euros, según indican viticultores da zona. Mentres, as uvas de Palomino están a 0,85 euros.

Ribeira Sacra

Os prezos reséntense para as uvas tintas da Ribeira Sacra. “A saturación do mercado dos viños españois está pasando factura tamén ós viños galegos tintos”, explica Carlos Basalo, responsable da área de viticultura en Unións Agrarias. No caso das uvas de Godello, a variedade branca con maior demanda nesta denominación, os prezos mantéñense arredor dos 2 euros, mesmo poden superarse de xeito puntual naquelas uvas de maior calidade. “Na Ribeira Sacra cada vez hai máis Godello, está habendo un cambio importante cara a esta casta”, sinala Basalo.

Valdeorras

Nesta Denominación de Orixe, o Godello segue a marcar os prezos máis altos e as uvas desta variedade sitúanse unha campaña máis nun prezo de entre 1,8 e 2 euros. “O Godello en Valdeorras ten este prezo, se queres esta uva tes que pagalo, levan anos que se sitúa arredor dos 2 euros”, apunta Basalo. En canto ós tintos, os prezos da Mencía nesta campaña atópanse entre os 70 ou 80 céntimos, aínda que tamén se están pagando ata a 90 céntimos en función da calidade da uva, segundo apuntan os viticultores da zona.

Monterrei

Do mesmo xeito que en Valdeorras, o Godello tamén se sitúa arredor dos 2 euros en Monterrei. Aínda que tamén hai ofertas puntuais que mesmo se supera esta cantidade, aínda como recoñecen no sector, son casos moi puntuais. Mentres, nesta DO acúsase unha forte caída da demanda das uvas tintas. Agárdase que a maioría das uvas se paguen en torno ós 90 céntimos ou 1 euro, pero xa hai casos de adegas que están pagando as uvas de Mencía a 60 céntimos.

Caída da demanda dos tintos

Esta campaña parece que os maiores problemas se presentarán na venda dos viños tintos. Como sinalan dende o sector, unha das principais causas é caída da demanda dos viños tintos españois, como o Ribera del Duero e en especial a baixada experimentada nos últimos tempos do Rioja, debido á saturación do mercado destes viños.
“Hai Riojas que se están vendendo a auténticos prezos de derribo para os tintos galegos”: Carlos Basalo, responsable de viticultura de Unións Agrarias
“O problema é que cada día os viños galegos véndense en mercados máis globais polo que aféctanos tamén a baixada de demanda doutros viños, que pasan a ocupar o lugar dos nosos no mercado”, explican dende Unións Agrarias. Mentres os Riojas tiñan uns prezos máis altos que os Mencías galegos, convivían no mercado. Porén, ó saturarse o mercado do Rioja, estes están baixando os prezos e pasan a facer competencia directa cos Mencías galegos. “Hai Riojas que se están vendendo a auténticos prezos de derribo para os tintos galegos”, apuntan dende Unións. Mentres, outros viños galegos de variedades tintas como Sousón ou Brancellao, castas que marcan outras liñas de mercado, non están experimentando esa caída da demanda e mantéñense a prezos semellantes ós doutros anos.
Os viños brancos continúan á alza tanto a nivel mundial como en Galicia
Na situación contraria atópanse na actualidade os brancos, tanto a nivel mundial, onde están experimentando un moi bo momento, como en Galicia, onde os viños brancos teñen unha alta demanda. Dende distintos ámbitos apuntan a que isto se debe ó incremento do consumo dos branco por parte das mulleres, que comezan a achegarse máis ó mundo do viño e fano de man deste tipo de viños. Por outra banda, tamén o cambio climático, e o incremento das temperaturas, está motivando que se comece antes co consumo de brancos, máis asociados ó bo tempo e a un consumo estival. No caso dos brancos galegos, ademais dos esforzos de internacionalización que se fixeron dende as distintas DO’s e en especial por parte de Rías Baixas, a entrada de grandes grupos adegueiros foráneos nos últimos anos tamén está contribuíndo a esa expansión e a continuar aumentando o interese por estes viños. Tamén son significativos os recoñecementos que acadan os viños brancos galegos pola súa calidade, que están favorecendo que cada vez se coñezan máis fóra do territorio galego.

Vixiantes ante a entrada de uva foránea

A alta demanda e os prezos que se manexan para as variedades brancas provocan que haxa certa preocupación á entrada de uva de fora de Galicia, procedente de Portugal, onde o Albariño está pagándose a pouco máis de 35 céntimos; ou mesmo outras variedades como o Verdejo, dende Rueda. “Estamos reclamando que se extremen as inspeccións para que non chegue a entrar esa uva, xa que provocaría que se desvirtúen os brancos galegos”, indican dende Unións Agrarias. Neste senso dende Medio Rural, volveuse activar por quinto ano consecutivo os controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe. No marco das accións do Plan de control de vendima 2023 inclúese o control da procedencia na entrada das uvas a adega. Nesta campaña participarán 18 controladores da Xunta que velarán porque se cumpra a lexislación durante a vendima.

Galicia agarda unha gran vendima que supere os 75 millóns de quilos de uva

Aínda non rematou agosto e a vendima comezou xa en tódalas Denominacións de Orixe. Nalgunhas delas foron adegas puntuais, pero noutras, como é o caso de Valdeorras, a comezos desta semana xa estaban realizando a recollida da uva unhas 30 adegas. Mesmo nas denominacións onde a vendima adoita comezar a mediados de setembro, coma Rías Baixas, están xa cos traballos nalgunhas adegas. As previsións de tódalas DO’s apuntan a un incremento da produción o que fai prever que en termos xerais sexa unha vendima que supere ás cifras do ano pasado, cando se acadaran os 70,2 millóns de quilos de uva recollida. Pese a que nalgunhas demarcacións, coma as Rías Baixas ou o Ribeiro houbo unha forte presión de mildio, hai unha gran calidade de uva e están entrando en adega acios en moi boas condicións, o que fai prever tamén moi bos resultados. Facemos un repaso polas cinco Denominacións de Orixe para coñecer as previsións que manexan nestes primeiros días da campaña.

Rías Baixas: Vendima récord de 46 millóns de quilos de uva

Nalgunhas subzonas da DO Rías Baixas xa comezou a vendima nestas últimas semanas de agosto e prevese que se vaian sumando máis adegas. A calor apurou mesmo as previsións iniciais do Consello Regulador, que apuntaban xa a un adianto da vendima a comezos de setembro, posto que o habitual nesta demarcación é que se inicie a mediados dese mes. Nas Rías Baixas prevese que a vendima deste ano alcance os 46 millóns de quilos de uva, unha cifra récord, bastante superior aos 40 millóns colleitados en 2022. Estímase que se logre un rendemento medio de 10.507 quilos por hectárea.
Aumento en 114 hectáreas na superficie vitícola respecto de 2022
En parte este incremento da produción débese ó aumento da superficie vitícola. En concreto, neste último ano sumáronse 114 hectáreas de viña, unha superficie que se reparte entre 22.808 parcelas atendidas por 5.033 viticultores.

Ribeiro: Agárdase unha vendima extensa, pese a comezar xa en agosto

No Ribeiro tamén se adiantaba o inicio da vendima e cinco adegas comezaban xa os traballos a pasada semana para recoller as uvas de maduración máis temperá, coma o Godello, dalgunhas parcelas situadas en zonas baixas. Xa nas súas inspeccións técnicas realizadas polo persoal do Consello Regulador en días previos apuntaban que algunhas variedades se atopaban nun excelente grao de maduración para a recollida. Aínda que comezou máis cedo ca outros anos, prevese que sexa unha vendima que se prolongue no tempo, case ata mediados de outubro, xa que algunhas variedades e nalgunhas comarcas de gran altitude as uvas aínda non acadaron o grao de maduración axeitado.
Prevese que nalgúns viñedos a vendima non se faga ata mediados de outubro
As previsións iniciais apuntaban tamén a que pode ser unha campaña con boa colleita en canto a cantidade se refire, aínda que puidera verse reducido o número de quilos final pola seca dos últimos meses. Con todo, podería volver situarse nas medias dos últimos anos ou superarse. O ano pasado nesta DO recolléronse un total de 10,3 millóns de quilos de uva.

Valdeorras: A calor da última semana apurou a maduración do Godello e boa parte das adegas comezaron a vendima

As altas temperaturas da semana pasada precipitaron o inicio da vendima na DO Valdeorras, onde as previsións iniciais apuntaban a que a recollida da uva comezase aínda nesta semana. Así, adegas como Godeval e Sampayolo iniciaban xa arredor do día 20 os primeiros labores de recollida da uva, sendo tamén das vendimas máis adiantadas. “Temos xa unhas 30 adegas coa vendima e agárdase que nesta semana se sigan sumando máis”, explican na DO. O calor deses días fixo que aumentase o grao alcohólico das uvas e se acadase o óptimo para a recollida. “Algunhas adegas comentábannos que neses 4 días incrementouse case 2 graos”, apuntan dende o departamento técnico do Consello Regulador. Nalgunhas zonas, as plantas tamén acusan xa certo estrés hídrico, con risco de deshidratación, o que motivou que non se agardase máis para a súa recollida. “O Godello está maduro e, salvo que haxa malas condicións que obriguen a paralizalos traballos, agárdase que se recolla como é habitual nun mes e medio, polo que a finais de setembro case teríamos rematada a vendima”, concretan no Consello Regulador. Faltan por comezar as cooperativas, que están ultimando a campaña, de xeito que se prevé que na próxima semana estean xa boa parte das adegas coa vendima.
Están tendo uns rendementos de 11.000 quilos por hectárea cunha uva excelente, cun sabor, acidez, grao alcohólico e pH moi bos
“Están entrando acios cun bo peso e unha boa calidade. Todo apunta a que sexa unha vendima espectacular, porque a pel da uva está resistente, a uva ten sabor e ten acidez e pH moi bos”, indican nas valoracións iniciais dende o departamento técnico. Tamén están a ter uns bos rendementos, que se sitúan arredor dos 11.000 quilos por hectárea, o que fai prever que se superen tamén os 7,5 millóns de quilos de uva entre brancos e tintos. Así, agardan recoller máis de 5 millóns de quilos de uva só das variedades brancas. Pese ás boas previsións xerais, algunhas pequenas adegas tiveron problemas co mildio que afectou de xeito considerable á produción. “Non foron despistes, senón que foron tratamentos cos que non se acertou e logo foi moi difícil de controlar”, apuntan. Aínda que son casos puntuais, as perdas polo mildio chegan a reducir á metade a colleita.

Ribeira Sacra: Comezou xa de xeito puntual a recollida de uva en variedades brancas e tintas

Na Ribeira Sacra as primeiras uvas recolléronse o 22 de agosto, pero nesta primeira semana de vendima só se fixeron traballos puntuais. “Polo momento só entraron 70.000 quilos de uva”, explicaban dende o Consello Regulador. Nesta semana, fixarase a data recomendada para o inicio da vendima, polo que nos próximos días arrancará o forte do traballo en boa parte das adegas. Así, recolléronse aquelas variedades que acadaron xa o seu grao óptimo de maduración. O que máis se recolleu por agora é Godello, cuns 26.000 quilos, así como Albariño. Con todo, non só hai recollidas xa variedades brancas, que adoitan madurar antes, senón que tamén se recolleron xa uvas de Mencía ou Merenzao.
Agardan que cheguen chuvias nestes días que contribúan á maduración da uva e a paliar a seca que acusan nestes meses
Ademais, a uva recollida ten unha moi boa calidade. “Esperemos que chova algo para que dea un último empurrón ás viñas que aínda que non maduraron”, apuntan dende o departamento técnico. Pese a que as cepas máis vellas teñen unha gran resistencia á seca, nesta DO non se produciron chuvias dende as treboadas de xuño e as plantas máis novas acusan a escaseza de auga e nalgunhas parcelas as viñas teñen xa as follas secas e mesmo hai acios con certa deshidratación. En canto a rendementos, as previsións iniciais apuntan a que se poidan situar preto dos 6 millóns de quilos que se obtiveron o ano pasado, xa que os ataques de mildio e a seca afectaron en certa medida.

Monterrei: Afronta unha das vendimas máis prematuras coa uva nunhas condicións sanitarias excelentes

“Estamos ante unha das vendimas máis prematuras nesta DO”, explican dende o departamento técnico da Denominación de Orixe Monterrei. O pasado domingo, día 27, comezaban a recollerse as primeiras uvas. Nesta semana foron incorporándose xa varias adegas e espérase que nos próximos días se sigan sumando boa parte das 28 adegas que integran a DO. Comezouse coa recollida do Godello, así como de parcelas con Merenzao, unha variedade coñecida na zona popularmente como Bastardo. Tamén se recolleron xa uvas de Mencía naquelas parcelas cun grao óptimo de maduración. Se as condicións climáticas non apuran os traballos de recollida da uva, agárdase que esta sexa unha vendima longa, xa que comenzou moi cedo e irá facéndose de xeito gradual, segundo vaian madurando as variedades nas distintas zonas. “Comézase nas zonas de val, onde a uva xa está madura, para ir subindo en altitude onde a maduración é máis tardía”, detallan.
Contan superar os 6,4 millóns de quilos de uva recollidos o ano pasado, xa que se está a incrementar a superficie de viñedo
Aínda que nalgunhas parcelas hai xa plantas con certo grao de estrés hídrico, as abondosas precipitacións de xuño e a capacidade de resistencia da planta, fan que as cepas vaian resistindo. O estado sanitario da uva a comezos da campaña era excelente. Agardan superar as cifras do ano pasado, no que se recolleran 6,4 millóns de quilos de uva, xa que se incrementou a superficie de viñedo. “A demanda constante dos nosos viños fai que tamén aumente o número de hectáreas plantadas”, apuntan. A demarcación conta a día de hoxe con 720 hectáreas de viñedo.