Archives

Como afecta o uso de fitosanitarios nos viñedos á saúde dos solos?

O emprego de pesticidas é un dos temas que preocupa no campo e tamén en Europa, como poñen de manifesto as novas normativas comunitarias que procuran unha redución do seu uso de cara ó 2030. Con todo, as campañas europeas de control do uso de pesticidas amosan unha tendencia estable e controlada, con pequenas variacións pola entrada ou saída das listaxes de produtos autorizados polas Administracións ou en parte debido ás campañas publicitarias das casas comerciais. Co uso que se fai na actualidade en cultivos coma os viñedos de pesticidas para a loita contra patóxenos, cabe preguntarse que impacto está a ter o seu uso nos solos e na súa saúde. Este foi un dos obxectivos que procura un traballo no que participaron distintos centros de investigación como a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega-Agacal) e as universidades galegas como a USC (Grupo de Cromatografía e Quimiometría) e a Universidade de Uvigo (Grupo de Investigación Pranta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación), e no que avaliaron solos de viñedos do Ribeiro.
Analizaron os solos tanto na época de maior aplicación de produtos fitosanitarios coma no inverno, para coñecer se quedan residuos
En concreto, o estudo realizárono en parcelas cun manexo convencional e ecolóxico e tomaron mostras en xullo do 2022 e en febreiro deste ano. “Eliximos facelo en dúas datas para ter rexistros no pico de aplicación dos produtos fitosanitarios (xullo) e tamén mostras da época na que case non se aplican tratamentos, para ver se hai presenza deles nos solos”, detalla Isaac Rodríguez Pereiro, profesor da USC e un dos investigadores implicados. Os investigadores Isaac Rodríguez e Pilar Blanco durante a presentación dos resultados do estudo ó sector. Recolléronse mostras de solos a dúas profundidades diferentes e observáronse diferenzas entre os valores obtidos en función da profundidade e en función do tipo de manexo que se está a aplicar nas parcelas. “As propiedades relacionadas con contidos totais de diferentes elementos coma o carbono, o nitróxeno, ferro ou cobre non presentaban diferenzas entre os manexos. De feito, os niveis de cobre son altos en todos os sistemas de manexo probablemente polo recorrente uso dende hai décadas de funxicidas de base cúprica”, explica Flora Alonso Vega, profesora da Uvigo e outra das investigadoras implicadas no proxecto. Porén, ó avaliar propiedades dos máis vinculados coa fertilidade ou a calidade dos mesmos, atoparon valores máis favorables naquelas parcelas manexadas en ecolóxico en comparación coas manexadas en convencional. Así, os valores medios de pH, as concentracións de catións intercambiables coma o calcio, potasio e magnesio, ou as de micronutrientes coma o manganeso e o zinc, foron maiores nos solos manexados baixo un sistema en ecolóxico. “Estas tendencias poderían confirmarse transcorrido máis tempo de aplicación do manexo en ecolóxico”, indica a investigadora Flora Alonso.

A presenza de compostos nos solos do Ribeiro

Analizar a presenza de restos de produtos fitosanitarios nos solos supuxo un reto para os investigadores posto que algún dos principios activos presentes nas formulacións comerciais resulta difícil medilos no medio, xa que son lábiles en condicións naturais. Ademais, para analizar a presenza dalgúns deles tamén se requiren metodoloxías específicas e relativamente caras, como apuntaba Rodríguez Pereiro. A heteroxeneidade das parcelas tamén foi outro condicionante e que mesmo pode ter impacto na análise dos resultados, como sinalan os investigadores. Así é que contaban con parcelas con máis de 2 hectáreas de viñedos e outras onde apenas se chegaba ós 400 metros cadrados e nas que se adoitaba facer un manexo ecolóxico. “Nalgunhas destas parcelas de menor tamaño detectamos a presenza de compostos nos solos que non se empregaban nesas viñas, polo que nos leva a pensar a que puideran chegar alí por mor de transporte aéreo”, detalla Rodríguez.
Detectaron restos de 22 funxicidas e 2 insecticidas. En boa parte das parcelas a presenza destes compostos está en cantidades moi baixas
Nestes dous anos de investigación analizaron a presenza de 53 compostos, entre os que se atopan os máis presentes nos produtos fitosanitarios empregados nos viñedos. Deses 53 compostos atoparon restos de 26 deles nas mostras analizadas. A maioría son funxicidas (22), mentres que dous deles son insecticidas e outros 2 restantes son compostos de transformación dalgúns dos funxicidas empregados no viñedo. “Nas parcelas cun manexo ecolóxico había valores moi baixos, en torno a 10 nanogramos por gramo de terra, mentres que nalgunhas das parcelas en convencional detectáronse valores de 2.000 nanogramos por gramo”, detalla o investigador.
Na época de repouso no viñedo a presenza de restos de fitosanitarios nos solos chegou a reducirse a unha quinta parte
Nesta análise dos solos, ademais de detectar os funxicidas empregados durante as campañas de xeito directo, resulta significativa a presenza dun funxicida, o Carbendazim, cuxo uso leva anos prohibido. “Pode haber algún funxicida dos empregados na actualidade que se transforme neste principio activo”, apunta. Tamén destaca que na época de repouso do viñedo a presenza destes compostos redúcese significativamente, sobre todo nas parcelas cun manexo convencional, posto que nas de ecolóxico a súa presenza é xa mínima. Así, nas mostras tomadas en febreiro deste ano aprécianse valores totais de 500 nanogramos por gramo, cando en plena época de tratamentos pode chegar a situarse nos 2.500 nanogramos por gramo. Concentración de compostos nos solos segundo os distintos tipos de manexo. Do mesmo xeito que se reduce a cantidade de restos fitosanitarios tamén se reduce o número de compostos identificados durante os meses de inverno. “A pesar desa redución aínda hai parcelas nas que se detectan ata 11 compostos a niveis relevantes”, detalla Rodríguez. Esta redución dos compostos e da cantidade atopada débese fundamentalmente ás condicións ambientais, así coma ás propias características do composto. “Non todos os compostos teñen a mesma persistencia”, explica o investigador. Cómpre ter en conta ademais, que pese a que 2022 foi un ano seco, a partir de setembro rexistráronse precipitacións por encima dos 700 milímetros, o que pode provocar que haxa problemas de escorrentas nas capas máis superficiais dos solos analizados.

O impacto na saúde dos solos

Outro dos aspectos que analizaron nesta investigación foi o impacto que ten o uso de fitosanitarios na propia saúde dos solos e o que condicionan a presenza de microorganismos nel. Cómpre ter en conta que o papel dos microorganismos nos solos é fundamental para cuestións como a regulación do clima ou a saúde das plantas. En concreto, os microorganismos estimulan o crecemento da planta e aumentan a súa resistencia a situacións de estrés ou enfermidades. A presenza de microorganismos é tamén clave para a viticultura. “Dende a viña á adega, os microorganismos xogan un papel importante na produción e calidade do viño”, argumenta Pilar Blanco Camba, investigadora da Agacal-Evega, e coordinadora do proxecto. Na análise dos solos do Ribeiro determinou que existen distintos terroirs microbianos na DO Ribeiro nas áreas xeográficas dos vales do Miño, Avia e Arnoia. Ademais, nas parcelas cun manexo ecolóxico do viñedo detectáronse máis especies exclusivas que nas parcelas cunha xestión convencional.
O manexo do viñedo afecta directamente á saúde do solo e ós beneficios que este lle proporciona á planta fronte situacións de estrés e enfermidades
“Nos viñedos cun manexo sostible aprécianse redes microbianas mellor conectadas, con maior interacción e cooperación para unha maior resistencia e resiliencia fronte a condicións de estrés”, detalla a investigadora. Así é que o manexo que se fai da parcela inflúe directamente na composición do solo, na presencia de bacterias e fungos. Os solos analizados amosan unha menor diversidade de bacterias, pero niveis de fungos semellantes ós manexados noutras zonas xeográficas próximas coma Portugal.

Claves sobre as enfermidades da madeira nos viñedos galegos

As enfermidades da madeira é un dos retos do viñedo hoxe en día, pero que son e que causa estas afeccións das cepas? Esa é unha das preguntas na que aínda queda moito por avanzar, tal e como apunta o investigador, fitopatólogo e doutor enxeñeiro de montes Pedro Mansilla, un dos maiores expertos no estudo das enfermidades da vide en Galicia. As enfermidades da madeira en viñedo están causadas por un conxunto de fungos -normalmente interveñen varios tipos de fungos na mesma planta- e cuxos síntomas son un decaemento da vide que pode chegar mesmo a provocar a morte. “A clave é coñecer o ciclo biolóxico dos fungos que provocan estas enfermidades, no que aínda avanzamos pouco, o que fai que se estean dando tratamentos a cegas”, valora o experto.
As enfermidades da madeira poden estar causadas por ata 10 fungos, o que provoca que haxa multitude de síntomas e sexa difícil diagnosticalas a simple vista
O feito de que as enfermidades da madeira poden estar provocadas por varios tipos de fungos dificulta detectar os síntomas. “Con frecuencia interveñen ata 10 fungos na mesma planta o que leva a que aparezan un cúmulo de síntomas”, explica Mansilla. Así, realizar un diagnóstico visual resulta moi difícil. Porén, as novas técnicas de diagnóstico cada vez máis rápidas e eficaces convertéronse nun bo aliado para detectar enfermidades da madeira. “Agora coas PCR e a tecnoloxía molecular podemos diagnosticar unha enfermidade causada por enfermidades da madeira en menos dunha semana, cando antes levaba meses”, concreta o investigador.

Posibles causas

O investigador Pedro Mansilla apunta algunhas das causas posibles que orixinen as enfermidades da madeira: -Deficiencias no coidado sanitario nos viveiros: As plantas levan un pasaporte sanitario que garante que están libres de determinado número de patoloxías, pero non de enfermidades da madeira, xa que ata o de agora na Unión Europea non se esixe devandito documento. Así, os viveiros poden ser unha das vías de contaxio deste tipo de enfermidades. -Cambios no manexo do viñedo. A realización de podas mecánicas agresivas pode propiciar a aparición destes fungos. Mansilla recomenda evitar realizar grandes cortes na poda. -Eliminación da autorización de uso do arsenito sódico en viñedo. As restricións de utilizar este composto inorgánico, altamente tóxico, e o feito de que non haxa alternativas eficaces provoca maiores dificultades para controlar as enfermidades da madeira.

Principais enfermidades da madeira

As enfermidades da madeira poden estar causadas por ata 10 fungos diferentes, pero entre eles destacan 5 deles, os máis habituais nos viñedos. O experto sinala tamén os axentes implicados en cada unha delas. -Síndrome Yesca. É un complexo de fungos coñecidos desde a antigüidade, xa que gregos e romanos xa deixaron constancia da súa presenza. En 1920 xa se identificou que entre os axentes implicados para a aparición de Yesca estaban Phellinus igniarius e Stereum hirsurtum. Na década dos noventa sumáronse outros axentes á lista de fungos implicados na aparición da yesca como Phaeroacremonium aleophilum, Phaeomoniella chlamydospora, Fomitiporia punctaca e Eutypa. -Botryosphaeria. Son fungos oportunistas que permanecen en estado de lactación ata que teñen boas condicións para desenvolverse. Na planta penetran por feridas e aperturas naturais e atacan a talos, ramas e follas. “Son patóxenos moi virulentos en casos de estrés biótico ou abiótico”, explica o investigador. -Eutipyose. É outro dos fungos que se inclúe na lista que causan enfermidades da madeira no viñedo. Neste caso os axentes implicados son Eutypa lata (teleomorfo) e Lybertella blepharis (anamorfo). Cepa afectada por Eutypa. -Brazo negro morto. Neste caso os axentes que interveñen son Ascomycetes como Diplodia sp, Fusicoccum sp, Neofusicoccum sp e Dothiorella sp. -Enfermidade de Petri. Entre os axentes implicados atópanse Phaeomoniella chlamydospora Phaeoacremonium, Cadophora sp. Entre as plantas novas é máis habitual detectar enfermidades de Petri, Pe negro, así como podremia na zona do enxerto e necrose de sarmentos novos. Mentres, nas plantas adultas adóitase detectar necrose da madeira, podremia esponxosa da madeira, síndrome Yesca, Eutipiose e brazo negro morto.

Enfermidades da madeira en Galicia

En Galicia, Mansilla realizou un estudo sobre a incidencia das enfermidades da madeira en viñedo no que se incluíron mostraxes nas 4 Denominacións de Orixe, así como tomas de mostras en viveiros. Nas plantas adultas analizadas, o fungo que máis detectaron foi Phaeomoniella chlamydospora, un dos axentes implicados nas Enfermidades de Petri ou no complexo de Yesca. Tamén detectaron en gran medida a presenza de Sphaeropsis malorum. No caso dos viveiros, nos patróns detectaron sobre todo Cylindrocarpon spp, fungo causante do pé negro en viñas novas, que tamén está asociado coa enfermidade de Petri. Este fungo é tamén o máis frecuente illado en patróns na zona de inserción de raíces. Tamén detectaron Phaeoacremonium aleophilum e Phaeomoniella chlamydospora. En raíz, tamén destaca a presenza de Phytophthora cinnamomi en raíz. Mentres, nos enxertos dos viveiros o que máis detectaron foron Sphaeropsis malorum e Phomopsis vitícola.

Futuro da loita contra as enfermidades da madeira

O fitopatólogo Pedro Mansilla apunta algunhas das claves que poden ser decisivas nun futuro na loita contra as enfermidades da madeira nos viñedos. 1) DIAGNÓSTICO PRECOZ: Avanzouse moito coa tecnoloxía molecular e coas PCR que poden identificar a enfermidade para así aplicar un tratamento específico. 2) CONTROL BIOLÓXICO: O uso das trichodermas está a ofrecer moi bos resultados como medida de prevención en plantas de viveiro. Aínda que, se as plantas xa están infectadas hai máis interrogantes sobre a súa eficacia. “Preferentemente que as trichodermas procedan dos nosos viñedos, pois terán maior eficacia”, indica Mansilla. Aínda que, polo momento non é posible conseguir trichodermas autóctonas comerciais. 3) VITICULTURA DE PRECISIÓN. 4) USO DE PRODUTOS BIOESTIMULANTES para dar resposta ao estrés biótico e abiótico da planta. “O que máis traballamos son micorrizas, en concreto con endomicorrizas, que melloran a absorción de nutrientes e auga por parte da vida”, explica o investigador. Ademais, se o potencial de inoculo no chan é medio/baixo as micorrizas ofrecen moi bos resultados, pero se é alto poden acabar por matar á planta. Ademais dos microorganismo antagónicos como as micorrizas, tamén se utilizan como bioestimulantes extractos vexetais (algas, cítricos, aguacate) ou extractos de procesos fermentativos (encimas, metabolitos secundarios…) 5) CORENTENAS: Mansilla recomenda estar atentos a todas as corentenas que se decreten. Neste momento en Galicia decretouse unha corentena pola flavescencia dourada.

 Medidas de prevención

A curto prazo, existen prácticas que contribúen a reducir o risco de incidencia das enfermidades da madeira. Recollemos as máis significativas segundo o experto: -Podar con tempo seco. -Desinfectar as ferramentas. O investigador recomenda utilizar auga osixenada para este fin, xa que é un método que garante que se faga un corte limpo. O experto incide en que o alcol, se non se queima despois, non proporciona unha correcta desinfección da ferramenta e pode seguir habendo risco.   -Selar as feridas cun cicatrizante é unha práctica que aínda xera certa controversia, con partidarios e detractores dela. Mansilla considera que é moi recomendable e proba diso é que ten unha fonda tradición, xa que antigamente utilizábase o barro a modo e selador para as feridas. “Búscase que as esporas que caian non teñan a ferida aberta para penetrar así na madeira”, explica o experto. Na actualidade, poden utilizarse solucións como o propio composto de cobre que se utiliza para tratar as viñas. Neste caso, para que sirva a modo de cicatrizante debe reducirse a cantidade de auga para que quede unha pasta espesa. Tamén hai produtos específicos cicatrizantes que inclúen funxicidas, aínda que estas solucións teñen un prazo de seguridade que respectar. Ademais, hai que controlar se se fan fendas nos cicatrizantes, en cuxo caso, habería que aplicalo novamente. -Destruír os restos de poda. Os expertos desaconsellan a trituración e incorporación ao terreo. -Empregar material de cultivo san. Mansilla recomenda realizar análise do material empregado. “Cando recibimos unha partida de plantas do viveiro debemos coller unha mostra representativa (por exemplo 10 ou 20 plantas por cada 1.000 exemplares) e enviala ao Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Lafiga) para a súa análise. -Mellora xenética para buscar variedades de vide resistentes. Aínda que é unha liña de traballo interesante, resulta complicada e os resultados son a longo prazo. -Deixar descansar os terreos de monte antes de plantar viñedo. Nas novas plantacións de viñedo en monte é recomendable deixalo descansar e destoconar ben antes de plantar o viñedo. Pola contra hai un risco alto de que haxa problemas de Armillaria mellea. “Se o terreo antes estaba con piñeiros teremos Armillaria spe, que non lle afecta á vide, polo que non teriamos problema”, explica o investigador. Ademais, como medida preventiva funciona moi ben o uso de trichodermas.