Archives

O Mercado de Amio retoma a actividade tras dúas semanas sen poxas polo paro dos transportes

Tras dúas semanas de interrupción debido ó paro dos transportes iniciado o pasado 14 de marzo, este mércores o Mercado de Amio retomou a actividade cunha notable afluencia de gando. Nesta sesión contabilizáronse un total de 2.651 reses, 767 máis que na última sesión, celebrada o 9 de marzo. Houbo 2.345 cabezas de vacún menor (876 máis), 71 de vacún mediano (95 menos) e 235 de vacún grande (14 reses menos). En canto ás cotizacións, os vogais da Mesa de Prezos da Indicación Protexida Ternera Gallega suspenderon onte a súa reunión habitual dos martes para fixar os prezos, debido a que o parón destas dúas semanas provocou conxestións e atrasos nos matadoiros e na distribución. Os vogais agardan retomar as reunións semanais o próximo martes, día 5 de abril. En canto ós prezos do gando que acudiu esta mañá a Amio, tómanse como referencia as cotizacións do pasado 9 de marzo, a última sesión antes do paro da actividade, xa que como explican dende a organización do mercado, a gran afluencia de gando non permite apreciar cambios cun mínimo de certeza. Máis información – Táboa de cotizacións de Amio (30-III-2022).

Os transportistas permiten sacar produto das industrias lácteas para que poidan manter a recollida nas granxas

Gandeiros cos seus tractores no polígono das Gándaras, antes de comezar a marcha conxunta cos camioneiros A intención do Goberno de aplacar os ánimos dos transportistas co anuncio lanzado este luns dunha bonificación de 500 millóns de euros, sen maior concreción, tivo o efecto contrario, facendo que máis camioneiros se uniran ao paro e facendo máis evidente tamén o apoio desde distintos sectores, como o agrogandeiro ou o forestal. Ducias de tractores, tratantes de gando e empresas de maquinaria marcharon este martes durante máis de 4 horas polo centro de Lugo nunha marcha multitudinaria e recibida con aplausos dos cidadáns nas rúas. A asociación Agromuralla, que desde o comezo do paro apoiou abertamente aos camioneiros, mobilizou aos seus asociados e quixo apelar á reflexión dos consumidores portando carteis nos seus tractores co lema Se os produtores de alimentos paramos, que lles darás de comer aos teus fillos? Os gandeiros están a sufrir en moitos casos en carne propia as consecuencias da folga, con dificultades para dar saída ás súas producións e para a entrada de insumos nas granxas, pero móstranse comprensivos coa situación que está a levar aos camioneiros a protestar e que tamén están a sufrir outros sectores afectados pola suba dos combustibles. Balóns de osíxeno para o sector agrogandeiro Á caravana polas rúas da cidade de Lugo sumáronse tamén tratantes de gando e empresas de maquinaria Por parte dos camioneiros que secundan o paro anunciábase a primeira hora da mañá que no día de hoxe permitirían sacar produtos lácteos das industrias de transformación asentadas en Galicia, ao igual que no día de onte se permitiu a saída do peixe almacenado desde a semana pasada na lonxa da Coruña. “O sábado abrimos esa ventá aos gandeiros para que as empresas de fabricación de pensos puideran sacar cereal do porto da Coruña porque é certo que estaban moi afogados nas granxas e hoxe permitiremos saír produtos lácteos das industrias para desconxestionar os seus almacéns e que poidan seguir recollendo o leite”, anunciou esta mañá Antonio Señarís Del Río, presidente da Asociación Coruñesa de Empresarios de Transporte (Ascetra) e da Federación Galega de Transportistas (Fetran), entidades que se sumaron ao paro convocado inicialmente pola Plataforma en Defensa del Sector del Transporte de Mercancías por Carretera, da que Fetran non forma parte.
Imos permitir desatoar os almacéns das fábricas para que poidan seguir recollendo o leite aos gandeiros
“Estamos permitindo balóns de osíxeno para certos sectores. A fin de semana abriuse o acceso ao gran no porto da Coruña para que puideran comer os animais. Os fabricantes de penso dixéronos que teñen abastecemento até mañá mércores e hoxe temos que desatoar dalgún xeito os almacéns das fábricas permitindo sacar produto elaborado para que poidan seguir recollendo leite nas granxas e que os gandeiros non perdan cartos”, insistiu. Autónomos que traballan para Leite Río tamén participaron este martes na marcha de protesta polas rúas de Lugo Señarís considera insuficientes as medidas anunciadas este luns pola ministra de Transportes: “Seguimos co paro porque non estamos de acordo coas medidas anunciadas polo Goberno. Fixemos cálculos e serían 1.200€ ao ano por camión, iso son 100€ ao mes, é dicir, unha insignificancia para como está a situación actual do transporte e do combustible, é case unha burla ao noso sector”, considera.
Co paso dos días Lactalis, Nestlé, Celta, Río ou Entrepinares sufriron problemas de subministro de materiais e saída de produto e refugallos
“Os que asinaron o acordo co Goberno son a gran patronal, os grandes flotistas e operadores de transporte. Aos que nos consideran minoritarios, os autónomos, somos máis de 40.000 en toda Galicia. Queremos unha estabilización do gasóleo e un cobro mínimo nas tarifas do transporte, non traballar por debaixo de custos que é o que nos está levando á ruína”, conclúe o presidente da Federación Galega de Transportistas. 
Ignacio Elola. Conselleiro delegado do Grupo Lactalis

“Temos mil camións de produto terminado na factoría de Vilalba”

Ante a magnitude do problema, o conselleiro delegado do Grupo Lactalis, Ignacio Elola, desprazouse en persoa a Galicia para abordar a crise, que na comunidade afecta ás dúas plantas da compañía, ubicadas en Lugo e Vilalba. Nun primeiro contacto teléfonico con representantes dos transportistas en folga, na xornada de onte, Elola logrou o compromiso de que se abrise unha fiestra de 24 horas para a entrada de suministros de embalaxe ás fábricas de leite e para sacar produto final. Para a tarde de hoxe, ten prevista xa unha reunión presencial cos transportistas, para tratar de consolidar unha canle que permita solucionar as incidencias.
A fiestra para introducir e sacar produto abriuse ás 6 da mañá de hoxe e péchase ás 6 da mañá do mércores, polo que o alivio é provisional
“A situación é crítica, cun colapso das plantas logo de que durante 9 días non puideramos introducir suministros de embalaxe nin practicamente sacar produto terminado” -explica o conselleiro delegado do Grupo Lactalis-. “Só na factoría de Vilalba temos mil camións de produto terminado en stock. Se non fósemos capaces de alixeirar ese stock, teriamos que pechar a produción” -advirte-. “Xa non se trata de entregarlle o produto ó cliente final, senón de sacar o produto a outros almacéns da compañía”, apunta. A fiestra para introducir e sacar produto abriuse ás 6 da mañá de hoxe e péchase ás 6 da mañá do mércores, polo que o alivio é provisional. “Descargaremos algo os almacéns e a ver se damos recibido papel, cartón e palés, pero en 24 horas volveremos ter problemas”, pronostica Elola, que lembra que na planta de Vilalba teñen 700.000 litros de leite pendentes de procesar. “Se non somos capaces de facelo, esa produción perderase”, advirte. Reunión De cara a abrir novos corredores de urxencia cando sexa preciso, Elola manterá esta tarde unha reunión cos transportistas. “Este tipo de xestións, como as que estamos facendo nós cos transportistas, debería telas feito o Ministerio de Transportes, con independencia de que tamén teña que abordar unha solución ó conflicto xeral”, valora o conselleiro delegado do Grupo Lactalis, que en declaracións a Campo Galego si recoñeceu a colaboración da Consellería do Medio Rural na busca de solucións ás incidencias das industrias.
Na planta de Vilalba temos 700.000 litros de leite pendentes de procesar; se non somos capaces de facelo, esa produción perderase
O sector está agora á espera de que o Goberno sexa capaz de concretar unha saída canto antes para a folga do transporte, logo de anunciar onte unha bonificación en xenérico de 500 millóns de euros para os transportistas. Granxas En relación ás granxas que se están vendo na situación de ter que tirar leite, o conselleiro delegado do Grupo Lactalis lamenta os problemas que se están rexistrando no campo e apunta á magnitude do problema se as administracións non logran unha solución inmediata: “Estamos falando de que en Galicia se producen cada día 6 millóns de litros de leite”, lembra. Preguntado sobre a posibilidade de que Lactalis lles abone unha compensación ás granxas afectadas por ter que tirar o leite de xeito puntual, Elola sinala que nestes momentos está centrado en solucionar a grave crise que enfrontan as fábricas, sen descartar que nun futuro se poida valorar esa posibilidade.

O paro dos transportes paraliza a actividade do sector forestal

O paro dos transportes que comezou hai xa unha semana está a deixar no sector forestal unha gran incerteza, tal e como coinciden en sinalar dende distintas asociacións que agrupan a serradoiros e rematantes, así como outras empresas de primeira transformación da madeira. Os primeiros días do paro dos transportes provocaron xa certas dificultades para sacar a produción das empresas e, a medida que avanzaron as xornadas e se foron sumando transportistas e sectores ó paro, a situación agudizouse ó comezar a escasear a materia prima.

A día de hoxe tódalas empresas do sector viron afectada a súa actividade debido ó paro dos transportes e dende o pasado xoves tiveron que reducir ó mínimo o seu traballo. Moitas das pequenas e medianas empresas que foran aguantando a semana pasada detiveron case por completo a actividade este luns, optando por solucións como establecer quendas rotatorias para os seus traballadores ou proporcionarlles vacacións, propostas que polo xeral foron comprendidas tamén polos empregados.

“As dificultades que tiveron xa dende finais da semana pasada tanto para darlle saída ó produto como para conseguir materia prima provocou que moitas pequenas e medianas empresas xa anunciaran ós seus traballadores que a partir desta semana reducirían a carga de traballo”, explica Ana Oróns, secretaria xeral da Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia (Fearmaga).

Nesta mesma situación se atopan as empresas socias da Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo (Lugo Madeira). Os serradoiros ó non lle chegar madeira para serrar xa tiveron que parar, ó igual que as fábricas ó non recibir madeira, pero tamén se viron afectados os traballos de corta no monte. “As empresas do primeiro aproveitamento forestal tamén tiveron que parar porque non poden sacar as máquinas que precisan, ó non ter transporte con que levalas. Ademais, a madeira perde peso ó quedar acumulada trala corta, polo que os propietarios forestais tampouco deixan avanzar na corta”, indica Nuria Rodríguez, secretaria xeral de Lugo Madeira.

Outras grandes firmas do sector coma Finsa xa mantiñan paralizada a súa actividade na semana pasada ó non poder sacar produto ó mercado e ó comezar a ter tamén problemas para abastecerse de materia, segundo informaban dende a axencia de noticias Europa Press. Neste caso os paros da actividade xa se foran sucedendo dende comezos de semana, cando algúns camións tiveran xa incidentes en distintos puntos da xeografía na primeira xornada de paro dos transportistas.

Maquinaria forestal na marcha lenta onte en Santiago de Compostela.

Sumarse ó paro dos transportes

Do mesmo xeito que os transportistas foron sumando apoios doutros sectores como os gandeiros, que están a bloquear matadoiros ou participaron nalgunhas das marchas lentas dos últimos días, no sector forestal tamén se foron incorporando a estas medidas de protesta dada a vinculación que existe por parte de moitas empresas que contan con camións.

Así, tal e como sinalan dende Fearmaga, moitos dos seus asociados sumáronse á marcha lenta que bloqueou este luns pola mañá algunhas das estradas de Santiago de Compostela. “Este luns en Santiago houbo un importante número de transportistas do sector forestal, xa non contratados ou subcontratados, senón empresas forestais que mandaron o transporte propio a apoiar o paro”, detalla Oróns. Ademais, moitas destas empresas teñen previsto secundar tamén as iniciativas que se leven a cabo nos próximos días en distintas cidades galegas, coma Lugo onde está previsto unha marcha lenta para esta mañá polo centro da cidade.

Preocupación no sector

O paro dos transportes está a deixar unha gran preocupación no sector, posto que as perdas derivadas desta paralización da actividade engádense a outras problemáticas como a suba dos custes enerxéticos e de transportes, así como o incremento exponencial dos carburante que supuxo o estalido da guerra de Ucraína. “Este luns reunímonos coa Administración para urxirlle que se senten a dialogar e a buscar medidas para poñerlle fin a este paro e que poidamos seguir a desenvolver a actividade, do contrario non sabemos cando seremos capaces de recuperarnos da situación de agravamento económico que están a vivir as empresas”, indican dende Fearmaga.

Dende Lugo Madeira tamén reclaman que se tomen medidas para baixar os custos enerxéticos. “Reclamamos unha baixada dos prezos tanto da factura eléctrica, dende un punto de vista das industrias como dos combustibles para os aproveitamentos forestais”, apunta Rodríguez.

O sector forestal leva arrastrando nos últimos meses unha situación moi cambiante. “Dende que Rusia anunciara xa o ano pasado o peche das súas fronteiras e o incremento dos aranceis estamos vivindo unha situación de picos de serra do mercado, coa suba da demanda e cun aumento exponencial dos prezos mesmo da materia prima, o que provocou unha situación de incerteza do mercado, á que agora se engade a paralización da actividade”, argumenta Oróns.

Actualización [23-III]

Desde Ence recoñecen tamén que os paros do transporte están tendo incidencia na actividade das súas dúas plantas (Pontevedra e Navia). De feito, a empresa sinala que xa houbo impactos na produción, “afectando ós nosos clientes, a pesar de ser unha industria esencial, e a toda a cadea forestal”. Preguntada pola posibilidade de ter que parar por completo a actividade das súas plantas, Ence expresa a súa preocupación polo impacto que poidan ter estes paros se non se atopa unha solución rápida e axeitada.

As industrias lácteas, á espera de que a bonificación do gasóleo peche a folga do transportes

A folga de transportes semella estar na súa recta final. O Goberno central propúxolle hoxe ás asociacións de transportistas unha saída da folga á francesa, é dicir, imitando a bonificación do gasóleo ós transportistas profesionais que vén de implantar Francia, que chega ós 15 céntimos por litro. No caso español, o Goberno propuxo unha bonificación de 500 millóns de euros, que sairán en parte dos presupostos públicos e en parte das compañías de combustibles. Nos próximos días, terase que concretar en canto se bonificará o litro do gasóleo. Se as asociacións de transportistas aceptan a proposta, algo que se coñecerá estes días, é de esperar o fin da folga, que está levando ó agro ó borde do colapso. O conselleiro do Medio Rural, José González, que se reuniu esta tarde coas industrias lácteas, advertiu de que a situación sería insostible “en 2 ou 3 días”. A cuestión é que hai industrias que teñen dificultades de suministro de materiais como envases, así como problemas para entregar a produción envasada ós supermercados. Se iso non se soluciona, a única alternativa que teñen é parar as plantas e a recollida. González ofrecéuse a mediar para solventar problemas puntuais de materiais ou de saídas de leite para a distribución, pero advertiu de que hai que buscar unha saída xa á folga de transporte, para o que instou ó Goberno central á adopción de medidas. Anticipos bancarios da PAC O Goberno galego aprobou tamén a pasada semana un paquete de medidas para achegar liquidez ó agro no ámbito das competencias autonómicas. Así, a Xunta asumiu o compromiso de financiar o anticipo das axudas directas da PAC, que os produtores adoitan cobrar en outono. En concreto, anticiparanse seis meses uns 200 millóns de euros de liquidez para os agricultores e gandeiros, subvencionando os xuros. Doutra banda, contémplase a apertura de liñas de crédito de ata 20.000 euros para poder atender compras de circulante, por parte dos gandeiros, avaladas pola Xunta. Para esta operación, a Consellería do Medio Rural dispón dunha liña de avais para chegar ata os 25 millóns de euros de préstamos.

A folga do transporte deixa sen osíxeno á gandería

A gandería galega chegou ó límite pola folga do transporte e nalgúns casos comeza a entrar en zona de perigo. A preocupacíón máis inmediata céntrase nas granxas de porcos, que están sobrecargadas de animais polo parón dos matadoiros. “Podemos chegar a ver imaxes de animais en mal estado, baixas e ata canibalismo entre porcos”, advirte o presidente da Federación Galega de Porcino, José Antonio Vidal, que esta mañá participou na concentración convocada ante a Delegación do Goberno na Coruña por Unións Agrarias. Pensos A situación é complicada en tódolos sectores gandeiros. Un problema común é o suministro de penso. As fábricas, segundo explican desde o sector, funcionan a medio gas, cumprindo coas entregas imprescindibles. Do porto da Coruña está saíndo a contagotas cereal para as plantas, pois hai un acordo de servizos mínimos cos piquetes da folga do transporte, pero as dificultades están agora nas materias primas que teñen que chegar por estrada. En concreto, desde a Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos para os animais (Agafac) explican que non están chegando a Galicia “minerais, vitaminas, melazas, carbonatos e outras materias primas que son tan necesarias como os cereais para a correcta formulación dos pensos”. Ante esta situación, as granxas están a recibir pensos reformulados, con variacións nos nutrintes que utilizaban normalmente, o que pode levar a desaxustes nos animais. A parte que polo momento está máis encauzada é a entrada de cereal a porto, que está chegando xa de procedencias como Rumania ou Canadá. Durante a fin de semana, ademais, houbo un acordo das fábricas de pensos cos folguistas, que permitiron durante 24 horas sacar cereal e materias primas dos almacéns do porto da Coruña en bañeiras. O acordo estivo vixente desde o sábado ás 4 da tarde ata o domingo ás 4 da tarde. Iso permitiu aliviar a situación das fábricas de penso con maiores problemas e que algunha outra fixera certo acopio de materias primas nos silos das plantas para a fabricación nos vindeiros días. Finalizado ese prazo, a saída de materias primas volve a ser en cisternas. Desde Agafac explican que "seguimos solventando día a día". Leite Nas granxas de leite, a situación actual é que a totalidade das grandes industrias teñen as cisternas de recollida na estrada, incluída Nestlé, que tiña parados os seus camións. A cuestión é que os retrasos na recollida e na circulación das cisternas levou xa a multitude de granxas a ter que tirar parte da súa produción. Mesmo se deron casos de ganderías que tiraron o leite e que ao pouco tempo recibiron a visita da cisterna de leite. Esta tarde ás 17.30 horas o conselleiro do Medio Rural, José González, ten convocada unha reunión coas industrias lácteas para analizar a situación. As industrias transformadoras poden normalizar a recollida ata certo punto, dados os acordos de mínimos cos convocantes da folga do transporte, pero xa avisaron de que precisan normalizar a circulación de mercancía cara ós supermercados, así como os suministros precisos para a elaboración dos seus produtos, como envases e outros. Esta mañá, o conselleiro do Medio Rural mantivo tamén unha reunión cun cento de gandeiros en Mazaricos, un encontro no que tamén participou o alcalde local, Juan Blanco, que anunciou a sinatura dunha carta xunto con outros 24 concellos galegos destacados na produción de leite para urxir ó Ministerio a unha solución na folga do transporte. “Só a pasada semana en Mazaricos tiráronse máis de 100.000 litros de leite”, advirte o Concello.
Só a pasada semana en Mazaricos tiráronse máis de 100.000 litros de leite
Lactalis, Nestlé ou Celta, con dificultades Ante as dificultades para manter a recollida, moitas das empresas están redistribuíndo as rutas e os horarios de recollida para recoller a aqueles gandeiros máis apurados, con menor capacidade no tanque. Nalgúns casos, para optimizar os camións, non recollen a totalidade do tanque, senón só unha parte para permitir ás ganderías seguir muxindo sen tirar o leite, ou canto menos a menor cantidade posible. Os gandeiros de leite máis afectados seguen a ser os de Lactalis. Aínda que a empresa recuperou a recollida, segue sendo de mínimos, habendo gandeiros que están tendo que tirar leite. Nestlé tampouco recolleu a fin de semana, por ter que parar a súa planta de Pontecesures, aínda que volveron empezar a recoller esta mañá. Víronse afectados os seus 140 produtores, das provincias da Coruña e Pontevedra, durante a fin de semana. Leite Celta enviou un comunicado aos seus gandeiros informando da parada na recollida pero de momento segue recollendo. "Seguimos recollendo e producindo aínda que con moitas dificultades. Pero saída de protuto terminado, cero litros". O resto de empresas tamén seguen recollendo e producindo "de momento". Parón dos matadoiros Outra fronte está no parón que teñen os matadoiros, pois nin hai mercados de gando nin os matadoiros están a recibir animais. En paralelo ós piquetes do transporte, produtores da asociación Gandeiros Galegos de Suprema están a frear a entrada de gando nas plantas. “No noso caso, a nosa reivindicación é polos baixos prezos da carne e mantemos unha actuación informativa ante os matadoiros”, precisa o presidente da asociación, Santiago Rego, que espera un pronto acordo coas industrias e apunta ás cadeas de supermercados como responsables últimas dos actuais prezos da carne. A parálise dos matadoiros ampliouse este luns ós de carácter comarcal. Ademáis de Novafrigsa, Carnicosa, Viana e Baixo Miño, este luns bloquearonse tamén Frilea, Incada, Ribadeo, O Pino e O Carballiño.

O Sindicato Labrego pide un gabinete de crise na Xunta

Ante a situación derivada da folga de transportes, desde o Sindicato labrego piden a convocatoria urxente dun gabinete de crise por parte da Xunta, con participación do sector gandeiro e do transporte. “Precisamos garantías inmediatas de recollida do leite e de distribución de suministros básicos. Estamos nunha situación de pasividade das distintas administracións e o goberno da Xunta non se pode limitar a mandarlle unha petición ó Goberno central, na clásica estratexia de pasarse a pelota cando hai dificultades”, critica a organización agraria.

A Delegación do Goberno ofrece vehículos de escolta e corredores seguros

Trala concentración convocada hoxe por Unións Agrarias ante a Delegación do Goberno na Coruña, o delegado, José Miñones, mantivo un encontro cos convocantes e anunciou que 2.000 policías e gardas civiles estaban a disposición das empresas para garantir en Galicia corredores seguros para o transporte. Miñones cifrou en 900 camións os escoltados a pasada semana, ben de xeito individual, ben en convoys.

“Os gandeiros non podemos ser reféns dos transportistas”

Centos de agricultores e gandeiros galegos participaron esta mañá en Madrid na multitinaria manifestación convocada en defensa do mundo rural e para esixir ás administracións solucións ante a situación crítica pola que están a pasar debido á suba dos costes de produción, agravada pola guerra da Ucraína e na última semana pola folga dos transportistas. Na marcha estiveron presentes os secretarios xerais da Asociación Agraria de Galicia, de Unións Agrarias ou o propio conselleiro do Medio Rural, quen reclamou que “se lle recoñeza ao sector pimario o seu papel estratéxico na nosa economía”. Neste sentido, José González volveu reclamar ao Ministerio de Agricultura que se cumpra a Lei de Cadea Alimentaria de forma que os agricultores e gandeiros non teñan que vender por debaixo dos custos de produción. “Requirimos que se faga efectiva a prohibición de venda a perdas e requirimos ao ministro unha xuntanza inmediata para acordar unha suba dos produtos gandeiros”, subliñou. Ademáis, o conselleiro volveu demandar ao Goberno Central que se reúne e desbloque canto antes a folga dos transportistas pois “hai moitos gandeiros galegos aos que non se lles recolle o leite, falta penso nas granxas e a situación pode voltarse dramática nos próximos días”.

“Os gandeiros non podemos ser reféns dos transportistas”

Pola súa parte, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, reclamou “a necesidade urxente dunha suba dos prezo da carne e do leite en orixe, para que podamos repercutir os fortes incrementos dos custes de produción”, pero tamén axudas directas para as explotacións. “Urximos ao Goberno a que poña a disposición das granxas axudas públicas directas pois moitas delas están en risco de quebra”. Ademáis, anunciou que mañá luns ás 12:00 horas está prevista unha concentración na Coruña diante da Delegación do Goberno en Galicia para esixir que as forzas de seguridade fagan cumprir o servizo de transporte do sector agrogandeiro. “Os transportistas están nunha situación complicada pero non poden ter como reféns aos gandeiros. Queremos que se solucione a súa situación pero non podemos ser reféns deles obrigándonos a tirar o leite ou impedindo que se sacrifiquen os animais. Temos que facer coincidir os dous dereitos e esixir ao gobeno que faga cumprir estes servizos esenciais”, subliñou o secretario xeral de Unións Agrarias.

A cooperativa CLUN advirte que a situación derivada do paro de transportes “é sumamente crítica”

A cooperativa CLUN advirte que a situación derivada do paro de transportes é xa, nestes momentos, sumamente crítica. A pesar de que están a facer todos os esforzos posibles para continuar coa subministración de insumos que garanta o benestar animal nas ganderías, así como para seguir coa actividade transformadora e distribuidora, o sector atópase ao límite da súa capacidade de resposta. “Con moitísimo esforzo, en CLUN continuamos recollendo o leite nas producións gandeiras, pero a situación é complexa porque temos outras frontes abertas que atender”, sinala Juan Gallastegui, director xeral de CLUN. “Debemos prover de alimentos aos animais, e agora mesmo estannos impedindo recoller a materia prima”, observa. “Están a incumprirse acordos alcanzados para garantir un acceso mínimo aos subministros… con este tipo de imprudencias excédense os límites e ponse en risco a saúde dos animais e a economía das familias gandeiras”, engade Gallastegui. A cooperativa fai un chamamento á responsabilidade e insta a que se respecten os pactos das negociacións. “O contexto económico actual dos últimos tempos é complicado. Todos os sectores soportamos presións e entendemos que existen reivindicacións, o cal é lexítimo, pero non á conta da saúde dos nosos animais e á conta de poñer en risco a provisión de alimentos de primeira necesidade para a poboación, como son o leite e os produtos lácteos”, explica Gallastegui. “Se os acordos de servizos mínimos alcanzados cos transportistas quedan en papel mollado, faise necesaria a intervención das forzas de seguridade para garantir os nosos dereitos”, anticipa Gallastegui. “Baixo ningún concepto imos permitir que se deixe morrer ao gando. Recolleremos a materia prima nos portos, con ou sen a colaboración dos folguistas, con ou sen a axuda das administracións”, conclúe.

A Xunta urxe ao Goberno Central a que se reúna cos transportistas, garanta o servizo para o sector agrogandeiro e suba os prezos da carne e dos lácteos

O conselleiro de Medio Rural, José González, ven de remitirlle sendas cartas á ministra de Transportes, ao ministro de Agricultura e ao delegado do Goberno en Galicia para que, como administracións con competencias na materia, se reúnan cos transportistas para desbloquear un paro que “está poñendo nunha situación insostible” ao sector agrogandeiro galego. José González fixo estas declaracións esta mañá en Taboada (Lugo), onde visitou a planta de fabricación de pensos da cooperativa AIRA que, ao igual que outras de Galicia e do resto do Estado, está cunha actividade baixo mínimos debido ao paro do sector do transporte, o que impide que poda enviar alimentos a centos de granxas.

“Hai risco moi grave de morte dos animais”

O conselleiro advertiu de que a folga está provocando un “risco moi grave de desabastecemento da cadea alimentaria galega, con risco moi grave de morte dos animais”. Neste sentido, reclamou por carta á ministra de Transportes para que “de xeito inmediato se reúna coa plataforma convocante da folga de transportes para desbloquear a situación”. “Os políticos debemos dialogar e o único que piden os transportistas é que se abra ese diálogo e eu mesmo lle pido á Ministra a que canto antes o inicie”, subliñou. Tamén lle reclamou ao Delegado do Goberno en Galicia que “mentres non se resolva a situación, se habiliten corredores seguros -coa protección das forzas de seguridade- para que funcione o sector agroalimentario galego”. E en terceiro lugar, o conselleiro do Medio Rural volveulle reclamar por carta ao Ministro de Agricultura que “convoque de inmediato aos representantes da industria alimentaria, da distribución e dos gandeiros para que de forma excepcional, e mesmo temporal, se acomete unha suba dos prezos de venda dos produtos dos nosos gandeiros”. “Dende o ano 2021 levan soportando un incremento inasumible dos custos de produción, que se agravou coa guerra de Ucraína, e que coa folga de transportes xa non se pode soportar. Do contrario, imos quedarnos sen sector polas perdas inasumibles que están sufrindo”, advertiu.

Daniel Ferreiro (AIRA): “Reclamamos unha solución axiña”

Na Cooperativa AIRA, que conta cuns 2.900 socios boa parte deles gandeiros de vacún de leite, o paro dos transportes está deixando fronte ás cordas ás ganderías pola falta de penso. A fábrica da cooperativa, situada en Taboada (Lugo) e cunha produción anual de 207.000 toneladas de penso, estivo esta semana baixo mínimo debido ó bloqueo dos transportes. “Necesítase unha solución axiña para este paro dos transportes que está provocando unha situación crítica nas ganderías ó non poder alimentar o gando e ó ter problemas tamén coa recollida do produto”, valorou Daniel Ferreiro, director xeral de AIRA.

O sector gandeiro reclama medidas ante a urxencia da situación do transporte

A folga de transporte está afectando ao abastecemento de materias primas a fábricas de alimentación animal, e á mobilidade da produción primaria para a súa transformación ou comercialización. Representantes de Unións Agrarias, Fruga, SLG, Agaca ou de Asaga manifestaron hoxe, nunha rolda de prensa convocada con urxencia, a súa solidariedade cos folguistas, xunto á necesidade de medidas para desbloquear a situación. As súas peticións teñen como finalidade evitar consecuencias graves que poidan suceder nos vindeiros días.

Declaración de consecuencias e peticións

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, comezou a súa intervención amosando a súa preocupación “pola falta de abastecemento de materias primas para a produción de alimento para animais, moitos dos cales, se a situación perdura, poderían morrer”. Tamén afirmou que “a día de hoxe hai barcos en portos galegos, como o da Coruña, pendentes de descarga que por cada día que pasa encarecen en 50.000 dólares o custo da carga”. Así mesmo, García, co posterior apoio total do resto de representantes, reclama “o cumprimento dos servizos mínimos establecidos que garanta a alimentación dos animais, e o abastecemento de produtos frescos -polo, vacún e porcino- e de horta á poboación”. O sector lácteo galego tamén se está vendo afectado polo paro do transporte, cuestión que “ata agora non foi un problema, pero que, a partir de mañá, segundo informan desde a industria, pode selo”, critica Roberto García. Neste aspecto, o director xeral da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Higinio Mougán, expón que “a capacidade de intermediación da industria láctea é tan limitada como a súa capacidade de almacenamento, isto é, de 2, 3 ou 4 días nalgúns casos”. Mougán afirma que “máis dun 40% do leite cru que se produce en Galicia vai cara outras partes de España para a súa transformación”, á vez que anuncia, respaldado polas palabras de Roberto García, que “a partir de hoxe, e dado aos límites de almacenamento de leite, hai posibilidades dun par de recollida de leite, motivado pola falta de saída ao sector industrial alimentario”. Pola súa parte, o responsable da Federación Rural Galega (Fruga), Manuel Dacal vincula a situación “cunha suba de prezos e de costes de produción que se produciu antes da pandemia, e que se freou por mor da súa irrupción”, e que “arrastramos a día de hoxe, incentivada pola guerra de Ucrania e outros factores”. Da mesma maneira, Dacal critica as “operacións especulativas do mercado”, e manifesta que “existe un perigo para subministro e recollida de produción, e que pode derivar nunha tormenta perfecta para peches e grandes dificultades do sector agrogandeiro”. Ademais, desde a Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello, ao igual que o resto de organizacións, manifestou “a súa solidariedade e entendemento cos transportistas en folga”, establecendo que “pola súa parte, tamén levan anunciando desde fai tempo unha mobilización para o día 20 deste mes debido aos altos custes de produción”.

Demandas e peticións

O Sindicato Labrego Galego tamén interveu na rolda de prensa coas declaracións da secretaria xeral, Isabel Villalba, quen ademais de amosar “a súa coincidencia total co resto das organizacións”, expuxo que “no seu marco de actividade se traballa con seres vivos, e as necesidades vitais teñen que ser parte dos servizos mínimos”. Villalba, ao igual que criticou “a febleza dos combustibles fósiles”, destacou que “na diagnose totalmente crítica que estaban realizando, estaban vendo a necesidade de establecer un marco de traballo co sector produtor”. A secretaria xeral aproveitou esta cita para “facer unha chamada ao goberno e reclamar o establecemento dun diálogo co eido do transporte para afrontar a situación”. Entre o resto de demandas, como a de “regulación dos mercados e o establecemento urxente de servizos mínimos”, anunciada por Manuel Dacal, púxose enriba da mesa “a falta de intercambio de información co sector primario”, segundo abordou Higinio Mougán. O director xeral de Agaca fixo referencia a que “o sector agrogandeiro e agroalimentario galego non pode ser unha moeda de cambio prescindible”, e que “cómpre frear este deterioro que pode derivar na substitución da produción galega por outras”. Por iso, unha vez máis, motiva a “toma de decisións”, pedindo “a organización de convois ou algún tipo de determinación para frear o desabastecemento que algunhas cooperativas -entre outras- xa estaban sufrindo”.

O Mercado de Gando de Amio queda baleiro pola incidencia do paro dos transportes

Como xa acontecera na Central Agropecuaria de Galicia o martes, o paro nacional dos transportes de mercadorías deixou baleiro tamén o Mercado de gando de Amio (Santiago), que se celebra cada mércores. Así, durante a xornada de hoxe, no recinto feiral produciuse un baleiro absoluto nas naves de gando, onde habitualmente se contabilizan preto dunhas 2.000 cabezas de gando. Ante esta situación, dende a organización do Mercado do Gando apuntaron que se tomarán como referencia para a próxima sesión os prezos da anterior feira, celebrada o pasado día 9 de marzo. Por outra banda, os vogais da Mesa de Prezos da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega acordaron esta semana unha suba de 0,05 euros nos prezos das canais de tódalas clasificacións e categorías desta carne. Máis información – Táboa de cotizacións de Amio (16-III-2022).

Continúan as subas nos prezos do porcino na Central Agropecuaria de Galicia

Pese a que na Central Agropecuaria de Galicia – Abanca non se celebraron hoxe as poxas de vacún, ó non acudir animais debido á incidencia do paro dos transportes, fixéronse públicos os prezos acordados, como cada martes, nas mesas de cotizacións do porcino. Unha semana máis continúan a cotizarse á alza tanto os porcos cebados como os leitóns. No porco selecto e no normal produciuse un incremento de 0,06 euros e pasan a cotizarse a 1,325 e 1,300 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada, do mesmo xeito que ven ocorrendo nas últimas sesións, produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,78 euros e acadan un prezo de 1,688 euros o quilo. Os animais de descarte tiveron unha suba de 0,06 euros e agora cotízanse entre os 0,52 e os 0,58 euros o quilo. Nos leitóns, produciuse unha suba de 5 euros. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 60 euros (cun prezo de 3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 55 euros e teñen un prezo por quilo de 2,75 euros. No mercado do ovo houbo subas por valor de 0,10 euros nas categorías da XL, que pasa a cotizarse a 2,03 euros a ducia; así como nos ovos da L que acadan un prezo de 1,74 euros e nas da S que se sitúan en 1,34 euros. Mentres, os ovos da M experimentaron unha suba de 0,08 euros e quedan en 1,54 euros a ducia. As galiñas de descarte tamén rexistraron unha suba de 0,02 euros e pasan a cotizarse entre os 0,28 e os 0,35 euros por quilo.  

Os camións de recollida de leite de Lactalis súmanse á folga de transporte desde este luns

A folga do transporte, convocada a partir das 0 horas do luns, terá un impacto inmediato no sector lácteo. Os camións de recollida de leite de Lactalis, a principal industria que opera en Galicia, xa lle trasladaron á empresa que se suman á folga de transporte indefinida. Desde Lactalis aseguran que están mantendo contactos “un a un” cos camioneiros para tratar de atopar unha solución o antes posible. A folga de transporte é unha situación que preocupa no campo, pois as granxas teñen escasa marxe para almacenar o leite, co que se verían obrigadas a tirar a produción de pararse as rutas de recollida do leite. Lactalis é a primeira industria afectada, pero no sector non se descarta que en próximos días haxa máis empresas con problemas. Na raíz da folga do transporte está a suba do gasóleo, que nos últimos dous meses se disparou arredor dun 50%. Dos 1,28 euros en que se pagaba en outubro pasou á situación actual, co diésel por riba de 1,80 euros e con estacións de servizo que se sitúan xa mesmo por riba de 1,90 euros. Coa folga do transporte, os camioneiros parten cun dobre obxectivo. Por un lado, tratar de que haxa unha intervención pública sobre os prezos do carburante, algo que tería que autorizar Bruxelas. En segundo lugar, os camioneiros buscan tamén renegociar prezos cos seus clientes, de cara a trasladarlles os aumentos de custos que experimentaron. Impacto no sector A nova da folga dos camións de leite de Lactalis trascendeu esta tarde noite no sector, coa conseguinte inquietude que está a xenerar entre as ganderías que traballan coa industria. Lactalis, que ten en Galicia dúas plantas, unha en Nadela (Lugo) e outra en Vilalba), recolle máis dun millón de litros de leite ó día na comunidade e é a primeira industria en volume de recollida en Galicia, con máis dun 20% do total.