O paro dos transportes paraliza a actividade do sector forestal

As empresas acusaron ó longo de toda a semana pasada dificultades para recibir materia prima e para dar saída ó produto. Dende este luns moitas firmas reduciron a súa actividade ó mínimo. Numerosas empresas secundaron a marcha lenta convocada polos transportistas este luns en Santiago e teñen previsto apoiar as convocadas noutras cidades

O paro dos transportes paraliza a actividade do sector forestal

Camións do sector forestal uníronse este luns á marcha lenta de Santiago de Compostela e prevén facelo tamén hoxe en Lugo. Imaxe dos camións concentrados no poligono de Costa Vella.

O paro dos transportes que comezou hai xa unha semana está a deixar no sector forestal unha gran incerteza, tal e como coinciden en sinalar dende distintas asociacións que agrupan a serradoiros e rematantes, así como outras empresas de primeira transformación da madeira. Os primeiros días do paro dos transportes provocaron xa certas dificultades para sacar a produción das empresas e, a medida que avanzaron as xornadas e se foron sumando transportistas e sectores ó paro, a situación agudizouse ó comezar a escasear a materia prima.

A día de hoxe tódalas empresas do sector viron afectada a súa actividade debido ó paro dos transportes e dende o pasado xoves tiveron que reducir ó mínimo o seu traballo. Moitas das pequenas e medianas empresas que foran aguantando a semana pasada detiveron case por completo a actividade este luns, optando por solucións como establecer quendas rotatorias para os seus traballadores ou proporcionarlles vacacións, propostas que polo xeral foron comprendidas tamén polos empregados.

“As dificultades que tiveron xa dende finais da semana pasada tanto para darlle saída ó produto como para conseguir materia prima provocou que moitas pequenas e medianas empresas xa anunciaran ós seus traballadores que a partir desta semana reducirían a carga de traballo”, explica Ana Oróns, secretaria xeral da Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia (Fearmaga).

Nesta mesma situación se atopan as empresas socias da Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo (Lugo Madeira). Os serradoiros ó non lle chegar madeira para serrar xa tiveron que parar, ó igual que as fábricas ó non recibir madeira, pero tamén se viron afectados os traballos de corta no monte. “As empresas do primeiro aproveitamento forestal tamén tiveron que parar porque non poden sacar as máquinas que precisan, ó non ter transporte con que levalas. Ademais, a madeira perde peso ó quedar acumulada trala corta, polo que os propietarios forestais tampouco deixan avanzar na corta”, indica Nuria Rodríguez, secretaria xeral de Lugo Madeira.

Outras grandes firmas do sector coma Finsa xa mantiñan paralizada a súa actividade na semana pasada ó non poder sacar produto ó mercado e ó comezar a ter tamén problemas para abastecerse de materia, segundo informaban dende a axencia de noticias Europa Press. Neste caso os paros da actividade xa se foran sucedendo dende comezos de semana, cando algúns camións tiveran xa incidentes en distintos puntos da xeografía na primeira xornada de paro dos transportistas.

Maquinaria forestal paro transportes _Santiago

Maquinaria forestal na marcha lenta onte en Santiago de Compostela.

Sumarse ó paro dos transportes

Do mesmo xeito que os transportistas foron sumando apoios doutros sectores como os gandeiros, que están a bloquear matadoiros ou participaron nalgunhas das marchas lentas dos últimos días, no sector forestal tamén se foron incorporando a estas medidas de protesta dada a vinculación que existe por parte de moitas empresas que contan con camións.

Así, tal e como sinalan dende Fearmaga, moitos dos seus asociados sumáronse á marcha lenta que bloqueou este luns pola mañá algunhas das estradas de Santiago de Compostela. “Este luns en Santiago houbo un importante número de transportistas do sector forestal, xa non contratados ou subcontratados, senón empresas forestais que mandaron o transporte propio a apoiar o paro”, detalla Oróns. Ademais, moitas destas empresas teñen previsto secundar tamén as iniciativas que se leven a cabo nos próximos días en distintas cidades galegas, coma Lugo onde está previsto unha marcha lenta para esta mañá polo centro da cidade.

Preocupación no sector

O paro dos transportes está a deixar unha gran preocupación no sector, posto que as perdas derivadas desta paralización da actividade engádense a outras problemáticas como a suba dos custes enerxéticos e de transportes, así como o incremento exponencial dos carburante que supuxo o estalido da guerra de Ucraína. “Este luns reunímonos coa Administración para urxirlle que se senten a dialogar e a buscar medidas para poñerlle fin a este paro e que poidamos seguir a desenvolver a actividade, do contrario non sabemos cando seremos capaces de recuperarnos da situación de agravamento económico que están a vivir as empresas”, indican dende Fearmaga.

Dende Lugo Madeira tamén reclaman que se tomen medidas para baixar os custos enerxéticos. “Reclamamos unha baixada dos prezos tanto da factura eléctrica, dende un punto de vista das industrias como dos combustibles para os aproveitamentos forestais”, apunta Rodríguez.

O sector forestal leva arrastrando nos últimos meses unha situación moi cambiante. “Dende que Rusia anunciara xa o ano pasado o peche das súas fronteiras e o incremento dos aranceis estamos vivindo unha situación de picos de serra do mercado, coa suba da demanda e cun aumento exponencial dos prezos mesmo da materia prima, o que provocou unha situación de incerteza do mercado, á que agora se engade a paralización da actividade”, argumenta Oróns.

Actualización [23-III]

Desde Ence recoñecen tamén que os paros do transporte están tendo incidencia na actividade das súas dúas plantas (Pontevedra e Navia). De feito, a empresa sinala que xa houbo impactos na produción, “afectando ós nosos clientes, a pesar de ser unha industria esencial, e a toda a cadea forestal”. Preguntada pola posibilidade de ter que parar por completo a actividade das súas plantas, Ence expresa a súa preocupación polo impacto que poidan ter estes paros se non se atopa unha solución rápida e axeitada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información