A folga de transporte dificulta a entrada de subministros ás granxas e a saída de produto elaborado das industrias lácteas

A recollida de leite nas explotacións realizouse con normalidade neste primeiro día de paro, salvo tres incidentes sen consecuencias con piquetes que afectaron a cisternas de Leite Río e Lactalis. Preocupa, sen embargo, a chegada ao porto da Coruña de tres barcos, con millo e fertilizantes, sen garantías de que poidan ser descargados

Unha cisterna recollendo o leite esta mañá nunha explotación galega

Unha cisterna recollendo o leite este luns pola mañá nunha explotación galega

O paro do sector do transporte está a supoñer un motivo máis de preocupación para o sector agrogandeiro galego. A recollida de leite levouse a cabo este luns con relativa normalidade pero a folga paralizou a saída de produto elaborado das plantas de envasado de leite e afectou tamén á distribución de penso e subministros ás granxas, onde preocupa especialmente a falta de garantías existentes para a descarga dos barcos de millo e fertilizantes que entran no porto da Coruña.  

Os piquetes fixeron acto de presenza en numerosos puntos da xeografía, bloqueando a circulación de mercadorías pero permitindo o paso das cisternas que se dirixían a recoller o leite ás granxas, como produto perecedoiro que é, e a súa descarga nas industrias, pero non así a saída de leite envasado ou o tránsito de cisternas de leite líquido entre industrias ou cara a destinos de fóra de Galicia.

Os piquetes permitiron circular aos camións de recollida das ganderías pero as cisternas en ruta con leite tiveron maiores dificultades

Tan só se rexistraron tres incidentes, que non representan a tónica xeral do día, e que se saldaron sen consecuencias: un mantivo parada a media mañá unha cisterna de Leite Río no polígono de Vilalba, que se solucionou cando a Garda Civil se ofreceu a escoltala no seu percorrido para que puidera completar a súa ruta de recollida, e os outros afectaron a camións de Lactalis parados no polígono industrial do Ceao e en Teixeiro.

Celta, Reny Picot e Entrepinares adiantaron a recollida ao domingo

Ante o temor a problemas, algunhas industrias adiantaron os horarios de recollida, mesmo ao domingo, caso de Leite Celta, Reny Picot e Entrepinares, que foron buscar un día antes o leite que lles tocaba recoller este luns naquelas explotacións con entrega cada 48 horas.

Os 13 tráilers que surten diariamente á planta de Entrepinares traballaron este domingo e Reny Picot recolleu de madrugada

Tamén as cisternas de Clun madrugaron un pouco máis este luns, en función dos horarios de muxido de pola mañá das granxas, para facer a maior parte dos percorridos a primeira hora, por se a situación para circular polas estradas se complicaba co paso das horas.

Lactalis logrou desbloquear o conflito cos camioneiros autónomos e retoma a recollida de leite en todas as rutas

Os autónomos que recollen o leite para a multinacional francesa Lactalis en Galicia anunciaban este domingo á tarde que se sumaban á folga e mesmo os seus gandeiros proveedores (1.200 en toda Galicia) recibiran chamadas por parte da empresa para comunicarlles a suspensión da recollida. Sen embargo, as negociacións in extremis que levou a cabo a empresa que máis leite recolle en Galicia cos seus transportistas permitiron desbloquear a situación e que este luns a recollida se efectuase, segundo confirman desde a propia compañía: “conseguiuse finalmente acadar un acordo cos transportistas para recoller o leite. Puidemos superar unha situación difícil e o compromiso de Lactalis é seguir recollendo”, aseguran. Tamén traballaron con normalidade as cisternas de recollida de Pascual, Naturleite, Nestlé ou Larsa.

As plantas de envasado traballan sen poder dar saída á produción

As plantas de envasado ubicadas en Galicia non tiveron problemas para recepcionar o leite e mantiveron as liñas de producción, se ben a saída de produto elaborado das instalacións foi prácticamente nula ou produciuse a contagotas.

Un dos epicentros das protestas foi o polígono industrial do Ceao, en Lugo. Alí están ubicadas as dúas plantas de Leite Río, de onde saíron a primeira hora con mercadoría algúns camións de Transleche, a empresa de transporte do Grupo Lence, pero ningún outro camión externo entrou a cargar.

Se o paro se alonga e as industrias quedan sen materiais non poderán procesar o leite

Tamén tiveron dificultades para atender pedidos a planta de Larsa en Outeiro de Rei, a de Naturleite en Meira, a de Feiraco en Pontemaceira, a de Clesa en Caldas ou a de Nestlé en Pontecesures. Neste caso, por exemplo, a empresa suíza dispón dun almacén no Porriño ao que non puideron facer chegar a mercadoría producida.

As industrias alertan que de que se o paro se alonga pode xerar problemas, tanto de capacidade de almacenamento como de chegada de materiais, dado que dependen destes subministros para poder envasar. “Se a folga dura máis días, pode haber dificultades, porque aínda que poidamos seguir recollendo o leite, se non temos por exemplo bricks non poderemos procesar ese leite”, advirten.

Menor movemento de penso este luns

A Plataforma para la Defensa del Sector del Transporte de mercancías por Carretera, convocante da folga, trasladou aos seus socios unha circular na que se fixan os servizos mínimos a respectar, que inclúe a recollida de leite en ganderías e o movemento de penso para alimentación animal con destino final nas explotacións (nos dous casos con vehículos de reparto de dous eixos como máximo).

Sen embargo, a maior parte das empresas fabricantes de pensos en Galicia decidiron este luns facer só as entregas imprescindibles e mesmo anticiparse á folga adiantando o reparto previsto para este luns á fin de semana, na que houbo un importante movemento de bañeiras polas estradas galegas con cereais e concentrados.

Aos gandeiros hai que darlles saída á produción, bastante mal o están pasando xa eles tamén

Produtos de alimentación de subministración diaria ás granxas, como a mestura húmida que serven tanto Clun desde o CAVI de Irmandiños en Barreiros como Aira desde a súa planta de San Xulián, e Sarria, funcionaron con normalidade.

Houbo explotacións que xa se viron obrigadas a racionar a súas existencias dalgún produto e a variar as racións

Outros produtos, sen embargo, como o bagazo de cervexa que subministra Estrella Galicia, suspendeu as entregas e houbo xa explotacións que se viron obrigadas a racionar as súas existencias e a variar as racións.

Preocupa o bloqueo do porto da Coruña

O mesmo problema de desabastecemento poderían telo nos vindeiros días as ganderías que mercan directamente as materias primas chegadas a porto, dado o bloqueo ao que está sometida a terminal coruñesa, principal vía de entrada de cereais e fertilizantes a Galicia.

Na fin de semana moveuse máis penso e cereais do habitual pero a capacidade de almacenamento nos silos das fábricas é limitado

No porto da Coruña moveuse máis mercadoría tamén nos días previos, porque as plantas de pensos estiveron facendo acopio prevendo que puidera haber problemas co inicio da folga. Pero as existencias nas fábricas son sempre limitadas, en función da capacidade dos silos. “Se o conflito se alonga e non podemos reponer materias primas desde o porto da Coruña pode ser un problema. Os fabricantes podemos ter cereais para un par de días ou para unha semana, dependendo do caso, pero non para máis”, recoñecen.

Preocupa especialmente que a folga impida a descarga de nova mercadoría no porto coruñés, o que de facto deixaría sin existencias de cereais e fertilizantes ao agro galego nun momento xa de por si complicado no caso destes dous produtos.

Non hai garantías para a descarga dos barcos previstos esta semana con millo e fertilizantes, polo que se teme un cambio de ruta cara a outros destinos

Na dársena da Coruña atracou este luns un barco cargado de fertilizantes que non puido ser descargado porque a presenza de piquetes impediu acceder aos camións a cargar e para mañá está previsto que atraque outro buque con abono, ademais dun cargado de millo.

Traería unhas 30.000 toneladas de millo, un ingrediente básico na fabricación de penso, e que permitiría aliviar as escasas reservas actuais deste cereal. De feito, tendo en conta que en Galicia consúmense unha media de 50.000 toneladas mensuais, a presenza deste barco garantiría reservas para máis de 15 días, nun momento de carestía e escaseza como o actual, motivado polo estalido da guerra de Ucraína.

A maioría de fábricas de penso galegas acabarían as súas existencias en cuestión de días se non poden repoñer materias primas desde o porto da Coruña

O millo, unha vez descargado, almacénase no porto, desde onde sae para as distintas plantas de fabricación de pensos ubicadas en Galicia a medida que o precisan. No caso do fertilizante é distinto, xa que non se almacena en porto, senón nas instalacións das empresas destinatarias.

A falta de garantías para que estas operacións se leven a cabo fai temer ás empresas do sector que a entrada a porto prevista destes barcos se poida complicar e mesmo non chegar a producirse. “O problema é moi grave, porque coa necesidade de materia prima que hai hoxe en día e os prezos que ten estes buques poden continuar ruta cara a outro destino se hai un mellor postor noutro lado ou se se lles garante a descarga noutro porto, porque é inviable manter un barco atracado durante unha semana sen poder descargar”, advirten fontes do sector.  

Silleda advirte dunha menor afluencia de gando e compradores

Os efectos da folga do transporte tamén se están a notar xa no sector da carne. Algunhas empresas tamén decidiron adiantar ao domingo a recollida nas explotacións do gando con destino aos matadoiros e aos mercados de abasto. A Central Agropecuaria de Galicia informou este luns que mantén os seus horarios habituais tanto para a entrada do gando ao recinto de Silleda como para a poxa semanal, aínda que advirte de posibles problemas no seu desenvolvemento.

A recollida de becerros nas explotacións con destino aos mercados de abasto suspendeuse nalgúns casos e noutros adiantouse a carga de xatos cebados para sacrificio

“Temos constancia de que o paro do transporte terá unha incidencia importante no noso mercado, polo que é previsible que a asistencia de animais descenda notablemente e podan producirse alteracións tanto na chegada como na recollida das reses debido á escaseza de transporte operativo. Así mesmo, non podemos garantir a presenza dos compradores habituais no mercado”, indican.

O prezo do gasóleo agrícola marca máximos históricos ás portas da campaña de ensilado

O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, subido ao tractor da súa gandería

O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, subido ao tractor da súa gandería

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla enviou este luns un comunicado no que se solidariza coa folga do sector do transporte e mostra o seu apoio ás medidas que reclaman os camioneiros ás Administracións públicas.

“O sector do transporte por estrada atópase nunha situación parecida á que nos encontramos a día de hoxe os gandeiros, dado que a suba dos custos que se produciu nos últimos meses está a afogalos, facendo que traballen perdendo cartos. As súas reivindicacións son xustas, igual que o son as nosas”, argumenta o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro.

Agromuralla considera que tanto o sector primario como o do transporte son “sectores básicos que calquera Goberno debería salvagardar”. “Os camioneiros son os nosos compañeiros de viaxe, cos que traballamos día a día, pois nós producimos os alimentos e eles encárganse de achegalos aos puntos de destino para que non haxa desabastecemento e ao consumidor non lle falte de nada”, recalca.

O prezo do gasóleo pasou de 0,58€ na primavera pasada a 1,45€ a día de hoxe

O gasóleo agrícola tamén duplicou o seu prezo pasando de 58 céntimos na pasada campaña de ensilado de herba a estar a 1,45 nestes momentos. “Achégase un dos momentos de máis consumo para nós, porque vén o momento de ensilar o raigrás e dentro de dous meses o de labrar o millo. Co prezo actual do gasóleo e os fertilizantes, este ano producir as nosas propias forraxes, algo fundamental para depender o menos posible das compras de insumos externos, vai ser moito máis caro para as granxas”, indica José Luis Pérez Barreiro.

Os portes desde Castela encarecéronse un 16% desde xaneiro

O encarecemento do transporte está a afectar tamén de cheo sobre o sector agrogandeiro, incrementando os portes de insumos básicos para o día a día das granxas, como son as materias primas para a alimentación do gando. Neste sentido, desde Agromuralla explican que os portes dos cereais aumentaron nos últimos tres meses, desde o mes de decembro de 2021 ata comezos deste mes de marzo, un 16% desde Castela e un 9% desde o porto da Coruña.

“Traer ata unha granxa da provincia de Lugo unha tonelada de millo, trigo ou cebada desde León custa hoxe 13€, cando en decembro custaba 11,20; e desde Palencia 18€, cando hai só tres meses estaba a 15”, detallan. No caso das viaxes desde os almacéns do porto da Coruña, saen hoxe a 7,9€ a tonelada, cando en decembro pasado eran 7,20€.

Ao encarecemento nos custos de transporte hai que engadir a propia suba dos cereais e do resto de materias primas de alimentación do gando. No último ano, a tonelada de millo pasou de custar 180€ a estar hoxe a 327€; a soia de 380€ púxose a 523€ e a colza pasou de 320€ a 460€, explica Agromuralla.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información