Cada luns pola tarde e ata ben entrada a madruga, a actividade no recinto feiral de Silleda (Pontevedra) é un ir e vir de camións que chegan cargados co gando vacún que o martes pola mañá se venderá na Central Agropecuaria de Galicia- Abanca. Cómpre ter en conta que este mercado de gando contabiliza habitualmente máis dun milleiro de cabezas de gando, entre tenreiros de recría tanto de raza frisoa como de cruzamentos industriais, así como becerros carniceiros e vacún maior.
Porén, este luns, os pavillóns nos que se concentra o gando permanecían baleiros xa caída a noite. O paro dos transportes, iniciado este mesmo luns e secundado de xeito desigual tanto nas principais cidades e vilas galegas como no resto de España, deixou deserta tamén a Central Agropecuaria de Galicia.
Ó longo da tarde só se achegaron ata o recinto feiral algúns pequenos produtores, que ó ver a situación decidiron non deixar o gando. Nese momento, volver cos animais para a gandería parecía a opción máis acertada, posto que prevíase que non acudiran compradores a sesión. De facelo algún vendedor, tamén se temía que fose unha venda pouco vantaxosa para os propietarios do gando, xa que a falta de animais podería levar a unha caída dos prezos.
Dende a Central Agropecuaria advertían xa este luns das dificultades que podería supoñer o paro dos transportes para levar a cabo o mercado do gando. “Temos constancia de que o paro do transporte terá unha incidencia importante no noso mercado, polo que é previsible que a asistencia de animais descenda notablemente e poidan producirse alteracións tanto na chegada como na recollida das reses debido á escaseza de transporte operativo. Así mesmo, non podemos garantir a presenza dos compradores habituais no mercado”, indican.
Foron moitos tamén os gandeiros que ó longo da xornada contactaban cos tratantes que lle comercializan habitualmente o gando para tentar inquirir se finalmente se celebraría ou non a sesión feiral.