“Todos os socios e socias de Acruga debemos ter os mesmos dereitos, servizos e axudas”

Un grupo de gandeiros de distintos puntos de Galicia levan meses artellando unha candidatura alternativa para presentarse á presidencia da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega nas eleccións que se celebran este venres. Falamos con David López, que encabeza a lista para coñecer os seus proxectos, e nos próximos días publicaremos outra entrevista co actual presidente, César Dorado

David López, coas súas vacas en San Cosme, no concello de Barreiros

David López, coas súas vacas en San Cosme, no concello de Barreiros

David López García é un mozo gandeiro da Mariña que encabeza a candidatura crítica que pretende renovar a directiva de Acruga nas eleccións convocadas para este venres. Foxe de protagonismos e di que é “un máis” do grupo de gandeiros de toda Galicia que a finais do ano pasado decidiron comezar a organizarse para tomar as rendas da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, que desde hai 17 anos preside César Dorado.

David ten 36 anos e leva desde os 20 anos traballando como gandeiro. Deixou de estudar para facer o que lle gustaba e representa unha nova xeración de mozos que apostaron por facer da produción de carne de calidade o seu modo de vida pero que hoxe se atopan afogados polos custos de produción e os prezos da carne.

O de ser gandeiro vénche de tradición familiar?
– Eu son de San Cibrao e empecei por vocación. Crieime nun piso pero tiñan vacas os meus avós e a min sempre me gustou isto. Puiden ir para Alcoa ou para outros sitios e nunca quixen, escollín isto.

Son gandeiro por vocación, aquí síntome libre e fago o que me gusta

Aquí síntome libre, porque facer o que lle gusta a un eu penso que é importante, pásache o día voando e cando chegas á casa non tes sensación de vir de traballar, aínda que teñas que madrugar ou deitarte tarde por atender un parto. Neses momentos estás ansioso por ver a cría. Ao que non lle gusta isto non o entende, porque é moi escravo, porque os animais hai que atendelos todos os días do ano. Así que se non che gusta é fastidiado, é como ir ao mar.

Como é a túa explotación?
– Teño o gando repartido entre Cervo e Barreiros. Comecei en Cervo cando tiña 20 anos e en Barreiros hai 6 anos e medio. En Cervo téñoas en Gondrás e en Rúa e despois empecei a alugar fincas en Barreiros, en San Cosme e na Insua e agora collín unhas tamén en Celeiro dun gandeiro que se xubilou. Entre os dous sitios teño perto de 100 cabezas entre as vacas e as crías e para unha persoa soa chega moito.

– Fas tamén ti o traballo agrario?
– Non, iso subcontrátoo, hai moi boas empresas de servizos. E as explotacións hai que miralas pola rendibilidade, e investir 150.000 euros nun tractor, nunha enroladora, nunha encintadora e nunha nave para gardar toda esa maquinaria, cando das desempeñado ese investimento xa van os ferros vellos. Eu véxoo así e prefiro pagar.

Aquí temos pasto todo o ano, con 70 vacas adultas como teño, gasto só 250 rolos de silo ao ano

Pero a miña situación tampouco non se pode comparar coa de outros gandeiros porque nesta zona temos unha vantaxe, que hai pasto todo o ano. Eu con 70 vacas adultas como teño neste momento gastei este ano 250 rolos. Coas mesmas vacas en Friol fan falta 600 rolos. Aquí o peor mes pode ser setembro, porque secan máis os prados, pero o resto dos meses hai pasto todo o ano.

David Lopez Garcia rubia galega (Barreiros)3– O manexo que fas é totalmente en extensivo entón.
– Si, eu fago todo fóra, aquí non hai establo para nada, pero é porque nolo permite o clima. Iso un gandeiro de Pedrafita non o pode facer. Cada un ten que aproveitarse dos recursos que hai na súa zona.

Eu agrupo os partos para os meses de xaneiro e febreiro para aproveitar mellor o pasto de primavera, tanto para as vacas, para que dean máis leite, como para os xatos, que cando empezan a comer teñen herba. Eu non cebo, senón que os mando directamente do prado con 7 ou 8 meses, máis ou menos en xullo e agosto, que é tamén cando máis vale a carne.

O clima na Mariña permite ter o gando fóra todo o ano

Eu non cebo porque prefiro mandalos de menos quilos e sen gasto, porque o que lle saco, sácollo limpo ao xato. E desta maneira non tes problemas de pneumonías ou de patas rotas, non te arriscas a que vaian a un establo e en vez de gañar perdan.

Eu non cebo, mando os xatos directamente do prado, así evitas gasto e moitos problemas de pneumonías ou patas rotas

Eu con este sistema de manexo consigo unha media bastante boa, logro entre 160 e 220 quilos, dependendo do animal, de se é macho ou femia, e tamén do leite da nai, por exemplo se é unha xovenca ou non. Por iso eu busco, dentro da rubia galega, un tipo de vaca que dea leite.

David Lopez Garcia rubia galega (Barreiros)1

– Fuches seleccionando xeneticamente cara aí?
– Si. Cando empecei en Barreiros merquei o gando que había nesas fincas e funo cambiando por rubia galega e seleccionando pouco a pouco. Teño dous touros, un en cada rabaño.

Os que teño agora son aínda novos pero a idea é intercambiar as fillas que vaian tendo dun rabaño coas do outro para evitar problemas de consanguinidade. Ao mover as xovencas dun grupo para o outro podes aproveitar máis tempo os touros. Xa os escollín para que fosen axeitados para facer os acoplamentos co gando que teño hoxe. A intención que teño agora é facer toda a recría na finca que collín en Celeiro para evitar que as xatas empreñen antes de tempo.

Canta superficie manexas en total?
– Sobre 60 hectáreas. En Barreiros teño 40 hectáreas e practicamente todo arrendado, unicamente merquei unha hectárea. Na zona de Cervo hai outras 20 hectáreas, incluíndo unha zona de monte onde teño un pequeno rabaño de vacas limiás para poder aproveitar mellor ese terreo. Antes tiña alí bestas, pero tiña moitos problemas co lobo e fun cambiando ás vacas porque defenden máis ás crías, aínda que de todas maneiras os xatos alí non os mando ao monte coas vacas.

En Cervo cambiei as bestas polas vacas por culpa do lobo

Das vacas nunca tiven perdas do lobo, pero dos poldros moitísimas. Naquela zona hai moitísimo lobo e non se logra nada e en Barreiros xa empeza a habelo tamén, a San Cosme non veu aínda porque corta un pouco a autovía, pero a zonas máis ao interior do concello como a San Xusto e a Cabarcos xa veu e a Trabada tamén.

– Como lle está a afectar a suba dos custos de produción a unha explotación coma a túa?
– O penso subiu un 25%, se custaba 300 euros a tonelada, agora está a 400, incluso nos están avisando de que vai subir máis; os plásticos do silo duplicáronse; o gasóleo o mesmo. O ano pasado o rolo de silo saíume a 18,5 euros e este ano xa fixen algúns que saíron a case 24 euros. E o problema é que eses incrementos é difícil recuperalos cos prezos da carne. Agora mesmo están valendo moi ben as vacas de desvelle e son as que están aguantando un pouco das explotacións.

David Lopez Garcia ACRUGA3– Por que te decidiches a presentarte ás eleccións?
– Somos un grupo dos gandeiros de toda Galicia e por iso nós á candidatura chamámoslle a Candidatura dos Gandeiros. Na lista en si figuramos 11, pero somos moitos máis. As dúas condicións que puxemos para ir na lista é que todos viviramos das vacas e que ningún de nós estivese na política, porque cada un pode ter as súas ideas pero polo ben da Asociación debemos traballar con todos de maneira independente.

As dúas condicións para ir na candidatura foron que todos viviramos das vacas e que ningún de nós tivera vinculación con ningún partido político

En Galicia hai Administracións de todas as cores políticas e temos que ser capaces de entendernos con todas elas e de petar a todas as portas. Nós non lle debemos nada a ninguén, porque vivimos do noso traballo, non temos negocios á marxe das vacas ou noutros sectores alleos á agricultura ou a gandería, mentres que o actual presidente si e está preso por unha chea de favores.

– Dicides que a actual Xunta Directiva non quere fomentar a participación dos socios nin que a xente vaia votar.
– É así, non queren que os gandeiros vaian votar. Por iso puxeron as eleccións o día que as puxo. É un día escollido para iso, un venres ata as 6 da tarde en plena campaña de ensilado da herba e de sementeira do millo.

As eleccións tiñan que poñerse nos meses de novembro ou de febreiro, que é cando a xente está máis libre

Iso é para fomentar a delegación. Hai que darse conta que hai moitos socios que non teñen as vacas como actividade principal e esa xente que traballa noutra cousa non vai poder ir votar, porque nin sequera ampliaron o horario de votación ata as 8 da tarde.

As eleccións tiñan que poñerse nos meses de novembro ou de febreiro, que é cando a xente está máis libre. E as asembleas anuais igual. Á asemblea en xuño van 50 persoas, de 1.350 socios que hai. E despois chegas alí e o presidente non deixa nin falar, solta el un tostón de activos e pasivos que non entende ninguén e á xente dalle o sono. A maioría dos socios foron a unha e non volveron.

Unha das cousas que levamos nós no programa é presentar as contas con claridade e de maneira entendible para os socios

Unha das cousas que levamos nós no programa é presentar as contas con claridade. Haberá cousas que haxa que dicir máis técnicas, pero aos socios hai que explicárllelas de forma clara e entendible: Ingresouse tanto, gastouse tanto nisto e nisto outro e queda tanto. E mandar unha carta ás casas con ese resumo. 

David Lopez Garcia rubia galega (Barreiros)2Representades unha nova maneira de facer as cousas?
– Hai que mellorar o funcionamento da Asociación en transparencia e en servizos aos socios. Representamos unha nova xeración de gandeiros e gandeiras. Eu vou facer 37 anos; Rubén ten 29; José, Carlos e Consuelo andan polos 50 e o resto a maioría teñen corenta e pico.

Non temos nada en contra dos xubilados, pero merécense un descanso. Unha persoa de case 80 anos, como ten César Dorado, non pode ter a mesma vitalidade que persoas máis novas. Os que temos que pelexar pola raza rubia galega somos os que vivimos dela.

Os que temos que pelexar pola raza rubia galega somos os que vivimos dela; non pode ter a mesma vitalidade alguén de 80 anos que persoas máis novas

Nos últimos anos foi a menos o número de socios e o de vacas en rexistro definitivo. Hai moitas explotacións que se xubilaron e que se van xubilar sen relevo, pero descoidouse moito a raza rubia galega e estanlle gañando terreo moitas outras. Hai socios que están metendo touros doutras razas por non estar contentos cos touros que había.

Houbo máis dun cento de socios que se foron cabreados co funcionamento da Asociación e que queremos recuperar

Na última limpeza que fixo o Ministerio había moita xente que tiña touros blonde ou limusín con rabaños de vacas galegas puras. Sancionáronos apartándoos da asociación durante dous anos e a nosa idea é incentivar que esa xente poida volver recuperando de novo touros de raza rubia galega.

– Sodes críticos co funcionamento actual da Asociación. Que cambios pretendedes facer?
– O primeiro que dicimos é que todos os socios e socias debemos ter os mesmos dereitos, servizos e axudas. Acruga non pertence a ninguén, é de todos, e todos debemos ser iguais. Hai que extender e ampliar a asociación a toda Galicia. Dos 1.350 socios que hai, 1.100 están na provincia de Lugo, 130 na Coruña, 50 en Pontevedra e 60 e pico en Ourense. 

Pero os socios e socias da Coruña, Ourense e Pontevedra deben ser coma os de Lugo, e sen embargo tramitáronse axudas coa Deputación de Lugo das que só nos beneficiamos os socios de Lugo, pero non o resto porque nos outros casos non se fixo nada. Eu vivo en San Cibrao e a 30 quilómetros empeza a provincia da Coruña. Teño alí amigos e eles non se beneficiaron desas xestións nin teñen esas axudas.

Non temos nada en contra das persoas xubiladas, pero alguén de 80 anos ten ben merecido o descanso. É o momento de dar paso a ideas novas para modernizar Acruga

O mesmo pasa co Centro de Recría que está na Granxa Gayoso Castro, porque está xestionado pola Deputación de Lugo e tal como está o convenio, se hai que facer unha subasta en Moeche, por exemplo, as xovencas do Centro de Recría non se poden levar porque é noutra provincia. Hai que fomentar a celebración de poxas fóra da provincia de Lugo para que os socios das outras provincias tamén podan facerse con eses animais.

David Lopez Garcia rubia galega (Barreiros) touro

Pretendedes tamén cambiar o sistema de poxas.
– Nós queremos liberar as subastas e que poidan acudir a elas os gandeiros cos seus animais, que non se limiten ás xovencas do Centro de Recría. E incluso que poidan ir becerras de menos idade, como ían antes. Porque se ti tes unha becerra na casa que sabes que vai ser boa reprodutora pero a ti non che fai falta, que a podas vender alí para que se poida beneficiar dela outro gandeiro que a necesita.

Queremos liberar as poxas e que os socios poidan levar tamén animais, que non vaian só as xovencas do Centro de Recría

Agora moitas veces tes becerras boas que as tes que mandar para o matadoiro. Queremos que para ese gando haxa unha oportunidade para vida a través das subastas. Ademais así habería máis oferta nas poxas, porque o que non pode ser é que a xente acuda ás poxas que organiza Acruga porque ten falta de xovencas e que só haxa 5 á venda na poxa.

De igual xeito, nós queremos potenciar tamén as feiras de gando porque agora limítase moito o número de animais que van e as feiras cada vez son máis pequenas, ata o punto de que están case desaparecendo. Nós queremos recuperar esas feiras e permitirlle aos socios que acudan co gando que queiran, porque as feiras son tamén un escaparate para a raza rubia galega.

Estar en Acruga serve para lograr mellores prezos?
– Eu vendo con dous selos, o de Ternera Galega Suprema e o de Carne de Rubia Galega pero non se lle dá o valor que debería ter, están indo ao mesmo prezo que os outros. Estamos poñendo a imaxe, porque todos o xatos se venden co imaxe da vaca rubia no prado, pero non temos diferenza de prezo.

Teño un pequeño rabaño de limiás para aproveitar unha zona de monte, pero preferir prefiro as rubias

Hai que pagar 7€ por marcar cada becerro, eu entendo que polo menos eses 7€ non nolos deberían cobrar, aínda que fora só por dereitos de imaxe, non era algo de máis. Iso é algo que hai que pelexar co Consello Regulador da IXP. Non somos raza autóctona recoñecida tampouco. Hai que pelexar por iso tamén, por que poidamos empregar o logotipo de 100% raza autóctona.

David Lopez Garcia rubia galega (Barreiros)4Que outras demandas tendes?
– Buscar as mellores reprodutoras da raza para multiplicalas mediante a obtención de embrións, porque estamos vendo que naceron animais de embrións implantados que non obtiveron o resultado agardado, mesmo con defectos, e iso é porque non se escollen de xeito axeitado as nais das que se obteñen eses embrións.

O programa de embrións non está funcionando como debería porque se meten vacas de amigos en vez de escoller as mellores vacas entre todos os socios e socias, é dicir, á hora de escollelas non se mira para as vacas, mírase para o dono da vaca.

O programa de embrións non está funcionando como debería porque á hora de escoller as doantes en vez de mirar para a vaca, mírase para o dono da vaca

As vacas ten que escollelas Acruga en base a criterios técnicos de carácter morfolóxico e xenómico e non agardar que chas ofrezan. Para iso haberá que subir os importes que se pagan por sacar embrións desas vacas, igual que hai que subir o prezo das becerras que van para o Centro de Recría e dos machos que van para o Centro de Testaxe acorde á subida que está habendo no prezo da carne. Se queres ter os mellores animais hai que pagalos polo seu valor.

Para exportar seme fan falta touros libres do síndrome de Schmallenberg (SVG) e só quedan 7: un ten 17 anos, outro está coxo, outro non produce. E o seme para Acruga é unha fonte de ingresos importante. Son moitas cousas as que hai que cambiar.

Unha delas é o voto delegado? Está a haber unha vez máis moita polémica con iso.
– Nós queremos eliminar o voto delegado, porque se presta á manipulación. Como pode ser transparente o proceso cando o modelo de voto delegado créao a Xunta Directiva e nomea ao Comité Electoral a dedo, sen representación das dúas candidaturas presentadas?

O Comité Electoral está nomeado pola Xunta Directiva, sen representación por igual das dúas candidaturas

A outra candidatura empezou a recoller votos delegados polas explotacións incluso antes de que se abrira o prazo e houbo gandeiros que se sentiron enganados. A esas persoas queremos explicarlles que poden anular ese voto indo a votar do día 20, porque o voto en urna prevalece sobre o voto delegado. E en caso de que unha mesma persoa delegue o voto dúas veces anúlanse os dous.

Pero de cara a próximas eleccións hai que modernizar o sistema de votacións. Pódese ter a mesa electoral física para os socios que son de preto ou para a xente maior que non se manexa coas novas tecnoloxías, pero hai socios en Vigo, en Viana do Bolo ou na Mariña que estamos a máis de 100 quilómetros da mesa electoral.

Queremos acabar co voto delegado porque se presta á manipulación e hoxe cunha simple aplicación para o teléfono móbil pódese votar

Hoxe cunha simple aplicación para o teléfono móbil é posible que os socios podan votar sen ter que desprazarse, non é necesario o voto delegado. Se é posible facer a través do móbil unha transferencia dun millón de euros e é perfectamente válida, legal e segura tamén o ten que ser votar nunha asemblea de Acruga.

Desta vez hai unha única candidatura crítica. Védesvos con posibilidades?
– Nós estamos facendo todo o posible. Non é unha candidatura de última hora, senón que é unha candidatura moi meditada. Levamos traballando nesta candidatura desde outubro e intentamos integrar nela a todo o que quixo estar.

Intentaron por todos os medios desmontar a nosa candidatura e están lanzando un montón de falsedades contra nós

E esperamos ter o respaldo dos socios porque é evidente que Acruga necesita un cambio. Fan falta ideas novas para modernizarse e o momento de facelo é agora, porque non pode ser que o futuro dunha asociación estea dirixido por persoas de 70 e 80 anos.

Candidatura dos Gandeiros

Acruga candidatura David López Garcia

David López García, Rubén Penín Rouco, Montserrat García Puebla, José Manuel Veiga Blanco, José Fernández Vilabrille, Mari Luz Penín Rouco, Carlos Francisco Vázquez Gil, Marta Piñeiro Santas, Ángel Pacheco Quintas, Consuelo López González, Diego Ramos Cabana. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información