“En tres semanas, podemos sacar só dos nosos prados arredor de 2.000 ratas toupa”

Falamos con dous gandeiros do interior de Lugo afectados pola praga. Ambos demandan medidas eficaces no control da praga e axudas que lles permitan afrontar a falta de forraxe, agravada pola seca

“En tres semanas, podemos sacar só dos nosos prados arredor de 2.000 ratas toupa”

A rata toupa e a seca convertéronse en dous graves problemas na montaña lucense, incluso comprometendo a alimentación do gando

O problema da rata toupa leva afectando desde hai máis de tres anos ás zonas de montaña de Lugo, principalmente na contorna de Triacastela, Pedrafita do Cebreiro e Becerreá. É unha situación para a que polo de agora non se atoparon solucións eficaces.

Este ano as consecuencias da praga da rata toupa agraváronse pola seca e os problemas derivados da subida dos prezos. A estes factores, os gandeiros afectados unen a ausencia de medidas eficaces por parte da Administración: “Vemos solucións ineficientes e a falta de compromiso das autoridades competentes con todo isto, o que compromete a viabilidade económica das nosas explotacións”, explica Jorge Rodríguez, gandeiro de Sabugos (Abadín).

Outro dos afectados confirma a seriedade da situación: “Os que collemos o relevo xeracional nos últimos anos, como é o meu caso, estámonos vendo sen herba e lévanos a barallar o abandono da actividade”, critica David Rodríguez, gandeiro de Chan da Pena (Pedrafita do Cebreiro).

Unha situación preocupante agravada pola seca

David Rodríguez e Jorge Rodríguez relatan a súa experiencia de convivencia coa rata toupa. Ambos teñen unha gandería de vacún de carne en réxime semi extensivo, no caso de David en Pedrafita, e Jorge en Sabugos (Abadín). “Temos uns pastos cheos de capas brancas, en terra, o silo é de moi mala calidade e moi escaso debido a que todo o prado está canalizado por estes animais e a máquina, ao ensilar recolle moitas impurezas”, afirma David Rodríguez.

“Non hai herba para recoller, todo se volve terra, e o que traes para a casa é de moi mala calidade aínda por riba, o que nos obriga a comprar forraxes noutras zonas porque aquí ninguén ten, e iso incrementa aínda máis os custes de produción”, critica Jorge Rodríguez.

Segundo este gandeiro, levan xa case catro anos convivindo co problema, pero non se toman solucións eficientes. “Ademais, este ano todo isto viuse agravado polo aumento dos prezos de carburante, de abonos, de forraxes e de pensos, polo que está comprometendo a viabilidade económica da nosa actividade”, opina.

“Non hai herba para recoller, todo se volve terra, e o que traes para a casa é de moi mala calidade aínda por riba, o que nos obriga a comprar forraxes noutras zonas” (Jorge Rodríguez)

Danos en pradería ocasionados pola rata toupa

Danos en pradería ocasionados pola rata toupa

As solucións adoptadas polo de agora demóstranse insuficientes. “Puxemos trampas segundo estableceron as autoridades competentes, pero eu son unha persoa que traballa soa, polo que teño demasiada carga de traballo como para andar supervisando cada unha das trampas a diario”, amplía David Rodríguez.

No caso de Jorge, as trampas demostraron eficacia en capturar exemplares da rata toupa, pero é máis cuestionable que iso axude a controlar a praga, segundo o gandeiro: “Nun día podes sacar entre 40 e 50 exemplares das trampas; a miña muller e eu en 20 días igual sacamos sobre 2.000 rata toupas”, especifica Jorge Rodríguez. Pero alto grado de reprodución fai que o manexo destes animais se volve moi complicado: “na trampa poden caer machos, pero non serve de nada se queda preñada a femia porque o problema continúa expandíndose”, comenta.

“Nun día podes sacar entre 40 e 50 exemplares das trampas; a miña muller e eu en 20 días igual sacamos sobre 2.000 rata toupas” (Jorge Rodríguez)

Ademais, a situación este ano volveuse máis complexa. A escaseza de choivas e o aumento de temperaturas motivou unha seca que afectou gravemente á montaña. “Fai anos durante o inverno estábamos cubertos de neve durante 15 días, e sen embargo, este ano non nevou ningún día”, afirma Jorge Rodríguez. Ao respecto, David Rodríguez explica as complicacións derivadas desta falta de auga xa que “se non hai precipitacións, se non neva ou chove vese como secan as fontes, e nós non temos regadío”, explica David Rodríguez. Isto estaos obrigando “a ter que estar dándolles forraxe desde agosto cando antes de todo isto ata novembro ou decembro non lles dabamos nada”, avanza.

Medidas

A afección da seca e a proliferación da praga fan que “a herba non floreza e que teñamos que estar comprando forraxes e pensos, que tal e como están os prezos fan inviable seguir a este ritmo; eu por exemplo teño 27 anos e din o relevo xeracional á gandería familiar fai 5 anos buscando unha forma de vida na que asentarme no rural, pero así é imposible”, denuncia David Rodríguez.

“Eu buscaba unha forma de vida para asentarme no rural pero así é imposible” (David Rodríguez)

A pesar dos diversos intentos de frear a expansión da especie pola zona, as medidas de control propostas polas autoridades non resultan de todo efectivas, e mentres “os gandeiros da zona seguimos convivindo coa especie e tendo perdas o que nos leva a unha situación moi crítica; chegará a un punto que non poidamos facer nada”, sinala Jorge Rodríguez.

“Estamos nunha situación moi crítica e chegará a un punto que non poidamos facer nada” (Jorge Rodríguez)

Estes dous gandeiros reclaman que se continúe traballando na situación “buscando medidas paliativas máis eficaces”, afirma David Rodríguez. Así mesmo, piden “indemnizacións por danos aos gandeiros, mentres a especie siga dificultando a súa actividade”, reclama Jorge Rodríguez. No mesmo sentido, David Rodríguez insiste nestas demandas e deixa claro que “é convinte obter axudas que nos axuden a sobrelevar a situación porque se non é imposible”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información