Producir carne de cabrito de alta calidade exclusivamente a base de pastoreo e leite materno e da raza autóctona Cabra Galega. Isto é Cabuxa Natur, unha gandería que hai seis anos puxo en marcha en Guntín (Lugo) Gemma San Pedro, e que hoxendía xa é unha referencia no sector en Galicia.
Aínda que as orixes de Gemma non tiñan nada que ver co rural, tiña moi claro que unha vez rematada a carreira de Enxeñería Forestal quería dedicarse a traballar ao aire libre con animais. “No ano 2008 chegaron por unha herdanza estas terras ás mans da miña familia e empecei a proxectar unha actividade compatible con este tipo de terreo, tendo claro dende o principio que quería un tipo de gando o máis natural posible, que aproveitase os recursos do entorno ao máximo, e que non requirise facer grandes investimentos”, explica esta gandeira.
Finalmente decantouse polo gando cabrún de forma casual, xa que a súa idea nun principio era o Porco Celta, e comezou un arduo traballo para poñer en marcha unha gandería dende cero.
Hoxe conta cun rabaño duns 350 animais, dos que 260 son reprodutoras e 80 recría, principalmente de raza autóctona Cabra Galega, que pacen nunhas 34 hectáreas de pradeiras cercadas e noutras 1100 hectáreas de monte comunal.
Os comezos non foron fáciles pois agás 4 hectáreas ao redor da casa que estaban a prado, o resto era todo monte que houbo que ir transformando en pradeiras. “E os módulos dos plans de mellora tampouco se adaptan en Galicia ás necesidades das ganderías de ovino e cabrún”, engade.
“As dificultades e os atrancos son moitos cando empezas unha gandería dende cero e podo dicir que o máis importante para superalos foi a miña vontade de saír adiante”, subliña.
A súa incorporación foi no ano 2011, co asesoramento da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) e da Asociación de Gandeiros da Raza Cabra Galega (Capriga), que no seu vaso valora como “moi positiva”.
“Merquei en Celanova un rabaño de 170 cabras das que quedan 4 ou 5, pois todo o resto funo recriando. Do punto de vista sanitario, é moi importante traer os animais do mesmo sitio para non mesturar cabras de diferentes orixes”, explica Gemma.
Recomendacións: Desparasitación e boa alimentación
Coa vista atrás da súa experiencia, esta gandeira incide tamén “na importancia de que o rabaño estea ben mantido”. “É mellor investir nun bo pasto que en ter un gran establo”, subliña.
A alimentación é exclusivamente en base a pastoreo, tanto en pradeira como no monte baixo. O día a día das cabras de Cabuxa Natur é pastoreo en pradeira pola mañá e no monte comunal pola tarde. “Pola noite recólloas nun cuberto e doulles herba seca durante o inverno, pero estou pensado en reducila porque comen moi pouca e a maior parte vai para estrar a corte”, asegura Gemma.
E penso ou cereal? 0%, tamén para os cabritos. “Ao facer coincidir os partos coa época de máis pasto as cabras teñen leite suficiente e os cabritos medran ben sen necesidade de complemento”, destaca.
“É mellor investir nun bo pasto que en ter un gran establo”
Xunto á alimentación, Gemma San Pedro considera moi importante “estar todos os días con elas, pois aínda que a cabra se asocia coa rusticidade, en realidade é un animal delicado”. “A prevención das enfermidades é clave: hai que mirar o rabaño como conxunto enteiro, pero tamén mirar animal por animal para ver se hai algún problema”.
A desparasitación tamén é crucial para o bo estado do rabaño de cabras. “Nótaselles no pelo”, subliña Gemma. No caso de Cabuxa Natur realiza entre tres e catro desparasitacións ao ano, segundo a climatoloxía: unha primeira en febreiro por boca con Apaxil, unha en maio por vía muscular con Ivermetina ou Albendazol, outra en agosto co mesmo produto e unha última en outono por vía oral con Apaxil.
En canto ás pulgas, un problema estendido en ganderías de cabras, Gemma considera que “a solución está en quitar o esterco con frecuencia e aplicar cal viva no establo a continuación”.
O rabaño desta gandeira goza dun excelente estado de saúde. No seu caso vacina unicamente contra a basquilla ou enterotoxemia e cando detecta coxeiras, realiza recorte de cascos e aplica un antibiótico mediante spray.
Programación dos partos e selección do rabaño
Unha das claves para a rendibilidade de Cabuxa Natur é, xunto o aproveitamento ao máximo do pastoreo, a programación de partos para facer coincidir a venda dos cabritos cos momentos de maior demanda.
“Aquí o mercado demanda cabrito sobre todo dende maio ata decembro, principalmente no verán, algo no San Froilán e principalmente en Nadal. Para simplificar a programación de partos o que fago é meter os castróns coas cabras durante seis meses, dende novembro ata maio, para ter partos repartidos nos seis meses seguintes e asegurarme de que non quedan cabras baleiras”, explica Gemma.
Os animais paren, a ser posible, nunha pradeira ao lado da casa, onde dispoñen tamén dunha establo cuberto para protexerse. “Ás veces dan a luz no monte e son eu quen as trae no colo durante kilómetros ata o establo”, confesa.
En canto á selección do rabaño, esta gandeira escolle as cabras que crían mellor. “É algo que se ve porque as cabras que crían ben teñen boa calidade do leite, coidan dos cabritos e estes están máis espelidos e medran máis rápido”, resume.
“En Galicia os custos de enviar a un matadoiro son inviables en caprino ou ovino”
Seguindo a máxima de “todo dentro, todo fóra” para garantir o bo estado sanitario do rabaño, recría algúns machos e cada dous anos cámbiaos por algún mercado para evitar problemas de consanguinidade.
Gemma non oculta que a súa predilección pola Cabra Galega e cara iso orienta o proceso de selección co obxectivo de ter un rabaño 100% desta raza autóctona . “Estou encantada con ela porque é a propia de Galicia, pero sobre todo porque é un animal moi duro, son moi boas nais que crían moi ben e non abandonan as crías, e non noto diferencia en rendemento de quilos con outras razas”, subliña.
Venda directa para evitar intermediarios
A outra clave para a rendibilidade de Cabuxa Natur é apostar pola venda directa en vivo aos consumidores, para evitar tratantes e demais intermediarios.
Deste xeito vende uns 200 cabritos cun peso en vivo duns 7 quilos de peso canal e arredor de dous meses de vida a unha rede fixa de clientes. “A carne destes cabritos é de moi boa calidade, cun sabor e textura únicos, e funciona moito o boca a boca entre os clientes”, destaca.
“Para pequenas producións gandeiras como é a do caprino en Galicia é inviable neste momento mandar uns poucos cabritos a un matadoiro, neste caso o máis próximo en Taboada, e que che cobren 8 ou 12 euros por cada sacrificio”, advirte.
Neste sentido, Gemma San Pedro propón solucións alternativas como son os matadoiros móbiles ou a autorización de pequenos matadoiros nas propias explotacións, algo que incomprensiblemente non inclúe o borrador da Lei de Venda Directa de Producións Agropecuarios para as ganderías de ovino e caprino.
Plans de futuro: un cabrito diferenciado de Raza Galega
Como estratexia de futuro, esta gandeira está actualmente en proceso de conversión a ecolóxico no Craega, un proceso que prevé culminar en novembro coa súa plena incorporación. O proceso non lle está a supor case cambios, agás na compra de herba ecolóxica, nos períodos de seguridade tras os tratamentos e na non utilización de herbicidas.
Xunto a iso Gemma prevé completar o proceso de selección para lograr un rabaño 100% de Cabra Galega. “O obxectivo é ter o mesmo rendemento, pero con menos animais, máis seleccionados e con menos traballo”, asegura.
“O obxectivo é ter o mesmo rendemento, pero con menos animais e máis seleccionados”
A estratexia de Cabuxa Natur é, en último termo, “sacar o mercado un produto diferenciado: cabrito de raza Galega ecolóxico, para un cliente que valore a calidade desta carne”.
Como valoración global destes seis anos como gandeira en Guntín, Gemma considera que “aínda que ser muller nova e adicarse ao pastoreo de cabras faite de cara á sociedade ser un bicho raro cada día estou máis convencida de que o volvería facer”. “Aínda que balanza entre esforzo e beneficio está moi desequilibrada, hai cousas de vivir aquí que non se pagan con diñeiro e que non cambiaría”, conclúe.