Archives

Pode ser o piñeiro taeda unha alternativa ao radiata en Galicia?

Monte de piñeiro taeda en Texas, nos Estados Unidos / FOTO: Ronald F. Billings (Texas A&M Forest Service) A banda marrón segue a facer estragos nas masas de piñeiro radiata en toda a cornixa cantábrica, tamén en Galicia. Outras comunidades como Asturias ou País Vasco están xa a introducir en monte especies alternativas ó piñeiro radiata, ante a magnitude da situación, se ben ese plantexamento en Galicia está nos seus inicios. No País Vasco apóstase tanto polo piñeiro do país, o'Pinus pinaster', (sobre todo en Biscaia) como pola Cryptomeria japónica (máis na zona de Gipúzcoa), mentres o Goberno do Principado de Asturias anunciou a principios de abril que autorizará as repoboacións con seis novas especies de coníferas (Pinus taeda, Crytmoneria japónica, Cedrus líbani, Cedrus atlántica, Sequoia sempervirens e Sequoiadendron giganteum) para dar alternativas de repoboación aos propietarios forestais de montes de piñeiro radiata afectados pola banda marrón.
O Principado comezará este mesmo ano a repoboar con piñeiro taeda os montes públicos danados
Dentro do seu plan contra a enfermidade, o Goberno asturiano quere fomentar as replantacións daquelas masas que haxa que cortar por estaren máis afectadas. O novo catálogo autonómico de coníferas é o resultado dun estudo encargado polo departamento de Medio Rural ao Centro Tecnológico y Forestal de la Madera (Cetemas). Coa mirada posta no piñeiro taeda En Galicia a busca de alternativas ao piñeiro radiata resistente a enfermidades como a banda marrón e o nematodo está centrada tanto en especies de coníferas locais, como o Pinus pinaster, como foráneas, como a Cryptomeria japonica ou a Sequoia sempervirens. De todas elas, o piñeiro taeda (tamén coñecido como piñeiro amarelo ou Pinotea) está a espertar moito interese e a centrar xa os esforzos dalgúns viveiros da comunidade. Por exemplo, Viveiros Franco, de Abadín, comercializa desde fai 4 anos taeda procedente de Francia e Viveros Mañente, de Foz, está comezando a seleccionar e ensaiar variedades procedentes de EEUU.
O piñeiro taeda é quizais o que máis se adapta ás necesidades da industria, por ser unha variedade intermedia, en canto a crecemento e calidade, entre o pinaster e o radiata 
Malia que existe pouca experiencia sobre o seu cultivo, máis aló dalgunhas plantacións existentes na comarca de Bergantiños ou en Frades, desde o sector forestal hai grandes expectativas postas nas posibilidades do taeda como especie substituta do radiata, coa cautela que supón sempre traballar con material vexetal a 25 ou 30 anos vista. Existen tamén outras experiencias no País Vasco, que contaba no ano 2022 con 194 hectáreas de taeda, e en Navarra, con repoboacións levadas a cabo en Goizueta no ano 2016 con planta de procedencia da rexión atlántica francesa. Ecoloxía e características Orixinario do surleste dos EEUU, o piñeiro taeda esténdese por unha ampla zona que abrangue unha ducia de Estados, desde Texas a Virxinia, chegando a Florida polo sur. O clima varía entre continental, atlántico temperado e tropical húmido. A resistencia ao frío invernal depende da procedencia, aínda que polo xeral trátase dunha especie sensible ás xeadas temperáns do outono. Pode medrar en solos de diversa natureza, aínda que prefire os solos profundos e húmidos, que reciban suficiente aporte de auga (800mm repartidos ao longo de todo o ano), aínda que non tolera os solos encharcados.
O piñeiro taeda require de ambiente húmido e tolera mal a seca e as xeadas
Medra mellor en solos moderadamente ácidos, e as súas condicións óptimas de crecemento son veráns longos con abundantes precipitacións e solos fértiles. Nesta situación manéxanse turnos de corta de 25 anos, semellante ao do piñeiro radiata. A súa utilización como especie forestal gañou peso en zonas adecuadas de Sudáfrica, Australia, Brasil ou Arxentina. En canto ás propiedades da madeira, ten elevados valores de resistencia ao desgaste e trátase dunha madeira semilixeira e estable, características que a converten na madeira estrela en construción nos EEUU, moi apreciada para uso estrutural, carpintería interior e recubrementos decorativos. Tamén se fai taboleiro contrachapado e pasta de papel.

“Estamos falando unicamente de cambiar unha especie foránea de produción por outra; é unha vía que vale a pena explorar”

Jacobo Feijóo, secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal de Galicia (Asefoga), non ve problema a “cambiar unha especie foránea de produción de madeira por outra” e lembra que o radiata (tamén coñecido como piñeiro de Monterrei) “tamén veu de América”. “É unha vía que vale a pena explorar se con iso se resolve o problema actual das enfermidades fúnxicas do piñeiro”, di. Pero insiste na necesidade de facer ensaios non só de crecemento, senón tamén de resistencia efectiva a enfermidades. “É necesario contrastalo coas outras pragas como a procesionaria e o perforador do piñeiro e ver como se comportan as distintas procedencias porque a epixenética interfire co ambiente”, indica. “Na súa zona base o piñeiro radiata desenvolvía moi pouco, era como un arbusto, pero unha vez sacado de alí empezou a desarrollar 30 metros de altura”, lembra.
Hoxe en día hai técnicas alternativas á propia plantación como estudos in vitro ou probas de marcadores xenéticos que poden adiantar os resultados
“O piñeiro insigne é unha especie moi mellorada desde o punto de vista xenético e moi adaptada ás nosas condicións ambientais, con crecementos de 25 a 35 metros cúbicos por hectárea ao ano en parcelas da zona centro de Lugo. No caso do taeda non existe base de coñecemento para tomar unha decisión e iso leva tempo”, recoñece. Avoga por empezar liñas de traballo para ir adiantando algúns datos e asegura que hai resultados que se poden adiantar in vitro e tamén probas de marcadores xenéticos. “Hoxe en día hai técnicas alternativas á propia plantación e espera e iso permite acurtar tempos, pero ao final as parcelas de ensaio de produción son as que permiten testar en condicións reais as distintas procedencias”, afirma.  
Cambiar o piñeiro radiata polo taeda non supón problema algún para a industria asentada en Galicia
En canto a características como tamaño de fibra ou resistencia, Jacobo ve compatible a madeira de taeda coa industria actual asentada en Galicia e os usos principais que se dan ao piñeiro na comunidade, principalmente para táboa aserrada e para taboleiro. Non esquecerse do pinaster,  unha “superespecie” O secretario xeral de Asefoga propón tamén seguir mellorando o piñeiro do país. “O pinaster é unha super especie, resistente á seca e ás enfermidades; agás fronte ao lume, pode con todo”, asegura. “O pinaster é moi plástico, dáse en zonas atlánticas e mediterráneas; co taeda pasa un pouco o mesmo, polo que tamén pode haber diferenzas importantes de produción en función das zonas. Para o pinaster a media de idade sitúase nos 32 anos, chegando aos 40 en función da calidade do solo, de se está en zona de costa ou de interior e da altitude (a partir de 900-950 metros recoméndase sylvestris)”, explica.
O radiata aporta máis produción e maiores grosores, o que permite ir a outros usos de maior valor engadido
Pero co pinaster, di, “podemos andar na metade de produción con respecto ao radiata, uns 15 metros cúbicos/hectárea, 300 toneladas no final de turno, fronte ao radiata, que nun turno de 25 anos aporta máis produción e maiores grosores, o que permite ir a outros usos de maior valor engadido”, destaca.

“Temos plantacións de taeda na parte baixa de Bergantiños e en Frades nas mesmas ubicacións que o radiata”

Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia, destaca que “o taeda está estudado e experiemntado como unha das especies de conífera que presenta maior resistencia ás bandas”.  “A especie máis afectada é o piñeiro radiata pero tamén hai masas afectadas de pinaster e pseudotsuga, aínda que son máis resistentes ao patóxeno, polo que as medidas preventivas se centran neste momento no radiata”, explica. En Galicia existen xa algunhas plantacións de taeda na parte baixa da comarca de Bergantiños ou en Frades, aínda que non está clara a súa procedencia. Trataríase de masas de taeda e radiata nas mesmas ubicacións, que permiten comparar ambas especies.  
Hai que importar sementes das estacións máis similares a Galicia e facer estudos de aclimatación
“Paréceme que é unha especie moi interesante pero hai que facer estudos de aclimatación en Galicia e analizar ben a procedencia. E isto non o temos e ese é o risco, porque o taeda é pouco resistente á xeada, porque son de zonas subtropicais ou tropicais”, salienta o director da AFG. “Está moi mal estudada a ecoloxía do taeda no seu lugar de procedencia. É un dos piñeiros amarelos do surleste dos EEUU, pero é unha zona moi ampla onde hai moita variabilidade, tanto clima de media montaña como case tropical. Hai que importar a semente das estacións máis similares a Galicia”, indica.
O taeda ten unha madeira moi similar aos nosos piñeiros, é resistente ás bandas e tamén ao nematodo
O taeda é un piñeiro de crecemento rápido, cun turno de corta como o radiata ou lixeiramente inferior. Non existen polo momento cortas comerciais de taeda na comunidade pero a madeira sería semellante á das especies de piñeiros xa existentes. Outras alternativas Francisco Dans salienta que o piñeiro taeda non sería a única alternativa existente para substituír ao radiata, senón que hai outras coníferas con presenza xa en Galicia que son resistentes ás enfermidades fúnxicas. “O pinaster é máis tolerante ás bandas que o radiata pero ten o problema do nematodo, aínda que temos xa unha serie de familias resistentes ao nematodo que nos permite ser optimistas”, valora.
Coa banda vermella levamos convivindo 40 anos, preocúpame máis a banda marrón
“A pseudotsuga é bastante tolerante tamén e témola xa en Galicia. O problema é que medra máis lento que os nosos piñeiros e é mais exixente coa estación. A secuoia tamén é resistente, pero esixente en canto a solos”, describe. “Posibilidades temos pero entre que un planta e hai madeira pasan moitos anos, polo que hai que ir tratando e conservando o que temos e despois pensando en todas estas posibilidades”, conclúe o presidente da AFG.  

“Apostamos por estudar moito antes de dar unha solución definitiva, porque a consecuencia de equivocarse é a frustración”

Monte de piñeiro taeda / FOTO: Chris M. Morris (CC BY 2.0) Viveiros Mañente é un dos viveiros galegos que está “a traballar para dar nunha alternativa ao problema das bandas”, avanza Enrique Candia, que sen embargo é cauto á hora de adiantar resultados: “estamos a traballar con material vexetal e é unha situación moi complexa”, xustifica. Nas súas instalacións de Foz, na Mariña, Mañente está a empezar a cultivar piñeiro taeda de distintas procedencias coa intención de realizar parcelas de ensaio nas que testar a súa aclimatación a Galicia e analizar resultados. “Apostamos por estudar, o mesmo que fixemos co eucalipto nítens para obter o Max Verde, resistente á mycosphaerella. Vimos dunha frustración que é o piñeiro radiata e non debemos meternos nunha nova frustración, polo que se non o tes claro segue estudando porque a consecuencia de equivocarse é a frustración”, argumenta.
É unha situación moi complexa porque estamos a tratar con material vexetal
Os responsables de Viveiros Mañente levan varios meses viaxando por EEUU en busca de procedencias que poidan adaptarse ás características edafoclimáticas galegas. “Cando traes unha procedencia ten que vir dunhas condicións similares ás túas. E o leste de EEUU é unha zona amplísima e con moitas variacións. A temperatura media anual de Galicia é de 15,80 graos centígrados, a de Virginia é de 13 graos pero a de Florida é de 25, xa case tropical”, explica Enrique.
Estamos a traballar con xenetistas de referencia en piñeiro taeda tanto de EEUU coma doutros países para realizar campos de ensaio. Xogar a unha soa procedencia é perigoso
Ademais de estar a traballar cos principais xenetistas do piñeiro taeda a nivel mundial, apostan por estudar distintas sementes en función das calidades de estación presentes en Galicia. “Para a zona de Lugo ten que ir unha procedencia pero para Pontevedra terá que ir outra; xogar a unha soa procedencia é perigoso, entre outras cousas porque estás reducindo a resistencia ao fungo”, indica. O taeda, que procede de EEUU pero está presente tamén en Europa en países como Francia, non resiste a todas as bandas, aclara Enrique. “Nós estamos nunha latitude diferente a Francia, alí non teñen problemas de bandas, pero non teñen nin a climatoloxía nin o chan para o radiata tampouco”, aclara. “Hai plantacións en Galicia de taeda con 30 anos que están a ir ben, pero as procedencias non están claras”, matiza.
A cryptomeria japónica adáptase ben ao monte, pero non vale para a industria
Viveiros Mañente iniciou hai anos, antes mesmo de que a banda marrón chegase en Galicia, a produción doutras especies de coníferas, como a cryptomeria, unha especie endémica de Xapón pola que se apostou de inicio en Euskadi como alternativa ao radiata, aínda que Enrique rebaixa as súas expectativas. “A cyptomeria adáptase ben ao monte pero non vale para a industria”, sentenza.

“A alternativa non é tanto buscar outra especie de piñeiro como diversificar as masas e plantacións”

Xabier Bruña, responsable do distrito forestal IX (Lugo-Sarria), un dos que conta con máis piñeiro radiata en Galicia e que se está a ver afectado de cheo polas enfermidades causadas por fungos, pon o foco na ordenación forestal máis que na simple substitución dunhas especies de piñeiro por outras. “Con enfermidades como a banda marrón estamos a ver de novo a importancia de ter diversificadas as masas. O radiata é o máis sensible e se tes masas continuas de radiata estás favorecendo a propagación do fungo. O que logras coa diversificación das masas é que non se espalle, xa que fragmentando o territorio minimizas o avance da enfermidade”, argumenta.
Non solucionamos nada cambiando todo o radiata por taeda, porque tarde ou cedo aparecerá unha praga. Xa nos pasou co eucalipto glóbulos e co piñeiro insigne. Non caiamos no mesmo erro outra vez
“Os parámetros climáticos están cambiando e iso favorece a aparición de pragas. Non solucionamos nada cambiando todo o radiata por taeda, porque tarde ou cedo volve a aparecer a mesma situación de pragas ou doenzas. Pasounos co eucalipto glóbulos e co piñeiro radiata. Non caíamos no mesmo erro outra vez. Diversifiquemos desde o principio”, defende. “A alternativa non é tanto buscar outra especie como diversificar. Coa incerteza que hai o mellor é buscar unha estrutura variada, tanto en especies como en idades. Iso é complicado en superficies particulares moi pequenas, pero si é posible en comunidades de montes e é o que recomendamos ás CMVMC que teñen convenio coa Administración”, explica.
É difícil artellar solucións desde o minifundismo forestal
Xabier defende as vantaxes da diversificación do monte desde distintos puntos de vista: “economicamente para ter distintas saídas ao mercado, medioambientalmente para loitar contra o lume e tamén para que as masas se defendan mellor destas enfermidades emerxentes, intercalando bandas de frondosas, por exemplo, que provocan unha rotura dende o punto de vista territorial”, salienta. Saída ao mercado Aínda que en montes do distrito Lugo-Sarria estanse probando xa outras alternativas por parte de particulares, “queda definir cal podería ser a especie idónea”, considera Xabier. En zonas con mellor solo e cunha boa calidade de estación unha opción válida podería ser o taeda, admite. “Tería un turno de corta parecido ao radiata. No País Vasco é unha das alternativas que dan, xunto coa cryptomeria. Estase traendo de Francia”, explica, “pero temos que ver como se desenvolven aquí. Non temos datos. Sería interesante probalas”, recoñece.
De momento temos que ser cautelosos á hora de recomendar unha cousa ou outra, porque non existen evidencias ou datos
E engade outro factor relevante: “Cando se proban outras especies tamén hai que ter en conta a saída a mercado. Poden ir ben no territorio pero hai que ter a industria preparada. Pasou co pseudotsuga (piñeiro de Oregón), onde fallou a comercialización. Son dúas cousas que deberían ir parellas e ver coa industria como abordamos un posible cambio de especie”, defende. Repoboacións con pinaster e sylvestris “De momento temos que ser cautelosos á hora de recomendar unha cousa ou outra, porque non existen evidencias ou datos. Por iso nas plantacións públicas estamos optando por poñer pinaster ou sylvestris”, explica Xabier. “O pinaster é sensible á banda pero deféndese mellor. Débese incorporar planta de boa calidade e mesmo optar por sylvestris en determinadas zonas con solos máis pobres. No caso do radiata, outra posible vía sería a da pranta mellorada xeneticamente para que poida defenderse dos fungos foliares; en Chile e Portugal están avanzando por esta liña”, asegura.
https://www.campogalego.gal/bandas-pineiro-estendense-pola-humidade-e-altas-temperaturas-da-primavera/

As bandas do piñeiro esténdense pola humidade e as altas temperaturas da primavera

Piñeiros afectados polas bandas a primavera pasada en montes de Lugo As enfermidades fúnxicas defoliadoras, en especial a banda vermella e a banda marrón, están causando estragos este ano nos piñeirais galegos. As condicións ambientais de humidade e altas temperaturas desta primavera favorecen a explosión dos fungos e a súa propagación, con efectos visibles sobre todo en montes da provincia de Lugo, pero tamén en zonas do interior da Coruña ou do sur de Pontevedra. Os danos máis graves afectan ao piñeiro radiata, pois o piñeiro do país ('Pinus pinaster') ten unha susceptibilidade escasa a estes fungos. No piñeiro insigne ou radiata, a enfermidade seca as acículas, empeorando a circulación do zume e repercutindo, ademais de no crecemento, no estado sanitario xeral da árbore, que pode chegar a secar. “Cando a afectación nunha árbore chega ao 25-30%, que é cando vemos que está decolorada, prodúcese unha perda de crecemento e cando esa afectación chega ao 70% pode producir xa mortandade, porque o piñeiro empeza a ter problemas vexetativos graves pola falta de densidade das follas”, explica Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia.
Co inverno e a primavera que tivemos, con tempo cálido e húmido, os fungos están moito máis activos
Noutros casos, coa chegada do verán e as altas temperaturas, a actividade do fungo decae e a pranta pode recuperar parte das acículas no outono se non vén tempo moi chuvioso e caluroso que reactive a presenza da enfermidade. Por iso desde a Administración recomendan agardar a ver como evoluciona a situación nos vindeiros meses, antes de tomar decisións precipitadas de cortas. “Hai reservorios e activáronse polas condicións ambientais existentes. A iso se debe a explosión desta primavera. As condicións deste ano son propicias para os fungos foliares”, recoñece Xabier Bruña, enxeñeiro forestal e responsable do distrito Lugo-Sarria, onde o piñeiro insigne é a especie maioritaria. Avance da enfermidade cara ao interior de Lugo O avance da enfermidade en Galicia desde a súa entrada pola parte oriental fai 5 anos, procedente de Asturias, está a ser imparable. “Na parte que é colindante con Castroverde xa tivemos que facer cortas sanitarias por bandas fai dous anos, tanto na zona de Teixeiro como na de Meda, en rodais que estaban completamente secos”, explica Xabier.
Na zona de Teixeiro e Meda xa tivemos que facer cortas sanitarias fai dous anos en rodais que estaban completamente secos
Ademais da Fonsagrada, os montes de Baleira e Castroverde, así como os da comarca de Meira están entre os máis afectados, pero os males esténdense xa a outras zonas do centro de Lugo, A Terra Chá ou A Mariña. “O avance vén motivado polas condicións climáticas, que son propicias para que se espalle, este ano máis ca outros, porque co inverno e a primavera que tivemos, con tempo cálido e húmido, os fungos están moito máis activos. Na zona máis pegada á montaña é máis evidente; noutras áreas a presenza é máis difusa”, detalla Xabier. A nivel galego, Francisco Dans tamén recoñece que “a situación é moi variable e non responde a un patrón común en toda a comunidade”. “Hai zonas de Galicia moi afectadas, especialmente na parte oriental de Lugo, tanto de media montaña como máis ao norte, e tamén algunhas zonas do interior, pero outras curiosamente non teñen danos. Esta situación non obedece a un criterio lóxico establecido, descoñecemos aínda bastante da bioloxía desta especie de fungo”, recoñece. Tratamentos con sales de cobre Tratamento contra a banda marrón en Trasmonte (Friol), na primavera de 2021 Desde a Asociación Forestal de Galicia comezarán na vindeira semana e até mediados de maio unha campaña específica de tratamento sobre unhas 500 hectáreas de monte propiedade dos seus socios e á que se unirá tamén Finsa cos seus montes. Serán tratadas masas de radiata na comarca de Vigo e do Rosal, en Dozón, Lalín e Vilasantar e tamén no entorno de Santiago (Ames, Boqueixón, Negreira, Brión). O tratamento repetirase nestas mesmas parcelas a mediados de setembro, de cara a un posible rebrote no outono.
As aplicacións de cobre matan as esporas e impiden que se transmitan polas acículas e polo zume
 “A clave é protexer as follas, tanto as que quedaron do ano pasado como as que van saír novas este ano”, explica Francisco, que pon énfase en que “é necesario coller a enfermidade a tempo porque enfrontarse a masas adultas xa moi afectadas é difícil, porque recuperan pouco”, recoñece. Preocupación na industria O avance da banda marrón preocupa aos propietarios forestais e tamén á industria de transformación. Jorge Souto, que xestiona xunto ao seu irmán Alberto o aserradoiro Hijos de Ramón Rubal SL, a referencia para a madeira de piñeiro na comarca da Mariña, asegura que a enfermidade “vai agravar o problema de subministro de materia prima de cara ao futuro, porque ameaza con deixar a Galicia sen piñeiro insigne en 10 anos”. “En Asturias están a ter que cortar plantacións de futuro, ladeiras enteiras, e en zonas da Mariña ou a Terra Chá está a levarse por diante tamén as plantacións novas, secando os piñeiros que levan tres anos plantados”, conta, polo que “está a desanimar aos propietarios a facer repoboacións con piñeiro radiata”.

“Temos masas mixtas de pinaster e radiata e vese claramente a diferenza”

Voo feito o 13 de agosto de 2023 na Sofor Santa Juliana, onde se aprecia a diferente afectación entre radiata (coas copas secas) e pinaster nunha masa mixta / Imaxes: Galca Agroforestal. Esther Sanchez Barreiro é presidenta da SOFOR Santa Juliana, da parroquia de Cereixido, na Fonsagrada, formada por 19 propietarios e 198 hectáreas de monte. Contan cunhas 25 hectáreas de piñeiro pinaster e outras 20 de radiata, que se atopan moi afectadas. “O pinaster aguanta mellor a día de hoxe, aínda que non quere dicir que non lle afecte, pero as masas de radiata, tanto as que están repoboadas como as que están máis avanzadas, en estado de latizal, están moito peor. Temos incluso unha masa mixta na que se ve claramente a diferenza”, explica. Nesta SOFOR da Fonsagrada trataron xa dúas veces as súas plantacións de radiata pero non lograron salvalas. “Tratámolas fai dous anos pero nada, dá pena velas. E non nos valen moito para cortar aínda, porque terán uns 10 ou 15 anos; faltaríanlles aínda outros 10”, indica Esther.
Seguramente teñamos que cortar o piñeiro radiata, pero non sabemos que imos plantar no seu sitio
Os 19 veciños propietarios do monte de Cereixido están convencidos de que acabarán tendo que cortar a maior parte da superficie afectada, coa incógnita de non saber que plantar de novo. “O que non sabemos é que imos plantar no seu sitio”, recoñece. Axudas para repoboacións por motivos sanitarios José Fernando Enjamio Gándaras é o enxeñeiro técnico forestal da empresa Sortegal que asesora á SOFOR Santa Juliana e reclama unha implicación maior por parte das Administracións. “A Administración ten que empezar a tomar medidas, como tomou no seu momento co nematodo, porque o problema non é pequeno", asegura. “O radiata fóra da súa estación óptima está a sufrir moito, pero incluso en zonas da Terra Chá estano a pasar mal. Notas que a enfermidade vai avanzando; de día en día ves que van empeorando e desde fai un mes é cando os ves máis amarelos”, indica.
As árbores que están afectadas sofren a maiores da enfermidade o estrés da poda
As podas e clareos que se levan a cabo, di, ás veces mesmo son contraproducentes cando as masas xa están afectadas. “Estamos a ver que os tratamentos selvícolas non lles están vindo nada ben a masas xa coa enfermidade, porque sofren o estrés da poda a maiores do da propia enfermidade”, afirma. De cara a substituír, por motivos sanitarios, as repoboacións afectadas por novas plantacións, Fernando pide unha modificación nas ordes de axudas da Consellería. “Neste momento, as repoboacións que se financian son superficies rasas ou que non tiveran arborado nos últimos 5 anos. Este tipo de repoboacións non entrarían”, lamenta. “A alternativa é o cambio de especie. Hai que ver cal se adaptaría mellor en función da zona, pero o 'pinaster' é unha alternativa clara. Os modelos selvícolas non están desenvoltos para que podamos introducir outras especies a día de hoxe”, asegura.

Medidas culturais preventivas

“O nivel de afectación dos fungos foliares depende das condicións climáticas e do estado da masa, por iso é moi importante a aireación, é dicir, que as plantacións estean podadas e clareadas, reducindo a espesura da masa e a presenza de combustible, para que non se dean condicións axeitadas para os fungos e non teña reservorios”, explica Xabier.
A xente descoidou os tratamentos no monte e temos masas de piñeiro radiata sen podas desde fai moitos anos
Para tratar de poñer coto ao intercambio de esporas, Francisco propón tamén outras medidas como “desinfectar as ferramentas e vehículos cando imos dun monte de radiata a outro” e que a planta que sae dos viveiros veña tratada, o que serviría para protexela durante o primeiro e segundo ano. “É algo que non se fai, pero que sería barato”, razoa. Adiantar as podas e reducir a densidade Unha vez no monte, desde a Asociación Forestal de Galicia recomendan aumentar o marco de plantación. “En Lugo estamos poñendo de 830 a 600 pés por hectárea de inicio. Iso ten varias vantaxes, porque favorecemos a aireación da masa desde un inicio e deste xeito ademais os traballos de plantación e poda son moito máis baratos”, di Francisco.
Hai que facer intervencións máis precoces. As masas teñen que estar podadas e manter baixas densidades
Outra das claves na prevención da banda vermella e da marrón é precisamente facer intervencións máis precoces, con podas xa desde os primeiros anos. “As esporas soben desde o material que está no chan á árbore desde o solo a través das ramas baixas, polo que canta maior distancia haxa ao solo máis estaremos evitando a expansión do patóxeno”, evidencia. “Non é unha enfermidade letal se se toman as medidas de prevención axeitadas e se levan a cabo as medidas selvícolas idóneas, que coinciden ademais coas que hai que facer para obter madeira de calidade”, argumenta.
É necesario coller a enfermidade a tempo; enfrontarse a masas adultas xa moi afectadas é difícil, porque recuperan pouco
Outro factor que incide na maior ou menor afectación das masas de piñeiro radiata é a propia elección do lugar de plantación. “A afectación da enfermidade é máis evidente en zonas cunha mala calidade de estación (combinación de solo e clima) ou un ambiente forestal pouco propicio para o piñeiro radiata (pouca profundidade de solo, encharcamentos, escasos procesos de micorrización)”, salienta Francisco.

As Pontes acollerá un curso de xestión de piñeiros, con prácticas de poda, plantación e tratamentos

A Asociación Forestal de Galicia, en colaboración con Enel – Endesa, organiza o segundo bloque das xornadas sobre xestión forestal sostible nas Pontes de García Rodríguez, esta vez adicado ás coníferas, que terá lugar o 29 de abril, 3 e 4 de maio. Esta xornada consta dunha parte teórica e outra práctica, ambas impartidas por un equipo de enxeñeiros de montes da Asociación Forestal de Galicia. A parte teórica terá lugar na sede da Asociación Seara, no polígono industrial de Penapurreira, as tardes do 29 de abril e 3 de maio, a partir das 16 h. En canto á parte práctica, desenvolverase na zona restaurada da mina de Enel - Endesa e en monte particular o sábado 4 de maio. Para asistir á parte práctica, poñerase a disposición das persoas participantes un servizo de transporte en autobús que partirá da estación de autobuses das Pontes á hora que se indique nas xornadas. Este curso sobre xestión forestal de coníferas é o segundo bloque dunha acción formativa que se iniciou en febreiro, cun curso sobre xestión de frondosas caducifolias e eucaliptos. Dado que naquel momento non se puido facer a saída ao monte debido ao mal tempo, aproveitarase nesta ocasión para facer as dúas sesións prácticas xuntas. Ás persoas asistentes entregaráselles unha bolsa de pícnic para xantar no monte. A inscrición gratuíta pódese facer cubrindo este formulario en liña, nos teléfonos 981 564 011 e 618 752 214 ou no enderezo de correo afg@asociacionforestal.org.

Programa

LUNS 29 DE ABRIL 16.00 h Benvida 16.05-17.30 h Xestión forestal sostible e medio ambiente Producións forestais na comarca (Xosé Covelo, enxeñeiro de Montes) 17.30-18.00 h Pausa para café 18.00-19.00 h Normativa e incentivos que afectan ao sector forestal (Jorge Bouzas, enxeñeiro de Montes). VENRES 3 DE MAIO 16.00-17.30 h Elección de especie e modelos silvícolas (Braulio Molina Martínez, enxeñeiro de Monte) 17.30-18.00 h Pausa para café 18.00-20.00 h A planta, plantación, coidados silvícolas e corta. (Francisco Dans del Valle, enxeñeiro de Montes) SÁBADO 4 DE MAIO 9.30-17.30 h Prácticas en montes de frondosas e coníferas (Francisco Dans e Enrique García, enxeñeiros de Montes) 9.30-12.15 h Monte da zona restaurada da mina de ENEL-ENDESA • Plantación e poda de frondosas • Demostración de tratamento contra bandas en piñeiro radiata 13.00-14.00 h Poda mecanizada en monte da piñeiro laricio 14.30 h Refrixerio no monte 15.30-17.30 h Planificación e tratamentos en montes de piñeiro radiata.

Folla de ruta para o piñeiro do país

Arredor de 40 profesionais do sector forestal e do ámbito científico xuntáronse durante dous días en Mondariz nun encontro que partía cun reto ambicioso, o de deseñar a folla de ruta para o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) nas próximas décadas. Logo de anos de regresión en monte, por factores como os lumes, a expansión do eucalipto ou a ameaza da praga do nematodo, o piñeiro do país está a invertir esa tendencia, volvendo a gañar protagonismo. A meteórica suba de prezo que experimentou a madeira de piñeiro no 2021 – 2022, unida á moratoria do eucalipto e ós avances na mellora xenética da planta de ‘Pinus pinaster’ son algúns dos motivos que explican ese cambio de tendencia. Pero como continuar a recuperación dos montes de piñeiro do país?. A Asociación Forestal de Galicia quixo dar respostas a esta cuestión nun encontro transnacional Galicia – Norte de Portugal no que confluíron o ámbito científico e a xestión operativa en monte, con participación de centros de investigación, universidades, empresas de servizos forestais e industria da madeira. Imaxe de grupo dos asistentes ó encontro transnacional. O escenario de mercado a curto e medio prazo é positivo para o piñeiro, pois a demanda de madeira de coníferas vai ser moi superior á oferta, como xa se viviu no 2021 e 2022, pero hai que ter en conta tamén riscos para os montes de piñeiro, como o cambio climático, pragas e enfermidades ou lumes. Outro desafío é a produción de madeira de calidade, que lle proporcione unha rendibilidade suficiente ó propietario forestal. Resumimos a continuación as principais cuestións que se abordaron no encontro:

Recurso e mercado

Superficie no monte galego Galicia conta con arredor de 422.000 hectáreas de piñeiro, segundo os datos do Inventario Forestal Continuo, o que representa aproximadamente un 30% da superficie arborada na comunidade. Do total de hectáreas de coníferas, o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) ocupa arredor da metade e o resto divídese principalmente entre o piñeiro radiata, con gran presenza no interior de Lugo, e o piñeiro silvestre, característico de zonas de media e alta montaña. Produción de madeira e destinos
  • España corta cada ano arredor de 5 millóns de metros cúbicos de piñeiro, dos que se producen uns 2 millóns de metros cúbicos de táboa de piñeiro. Para abastecer o consumo interno, é preciso importar outro millón de toneladas de tabla de coníferas, principalmente europeas, segundo explicou no encontro Ismael Olveira, responsable do aserradoiro de Finsa.
  • Dous terzos do piñeiro aserrado en España adícase a embalaxes e envases, principalmente pallets, un destino de limitado valor engadido. O terzo restante repártese entre carpintería, mobles e outros usos, como a construción.
  • A madeira de piñeiro destinada á construción en España representa só un 1% do total, en tanto noutros países europeos destínanse un 20% das coníferas a produtos estruturais para construción. “É un mercado de alto valor engadido que pode representar unha panca para o piñeiro do país”, subliña Ismael Olveira. A experiencia da fábrica galega de madeira contralaminada (CLT) para construción, Xilonor, deixa ademais outro dato relevante: o piñeiro do país presenta mellores características técnicas para este uso que o piñeiro radiata, a outra especie de coníferas con maior presenza en Galicia.
Coxuntura actual de mercado Desde a primavera – verán do 2023 houbo unha caída do mercado de pallets en Europa, o que supuxo un descenso de arredor dun 30% da demanda, así como unha baixada de prezos. No primeiro trimestre do 2024, sen embargo, recuperouse a demanda máis do esperado, se ben os prezos aínda non acadaron os valores anteriores. Parte dos aserradoiros en Galicia manteñen aínda unha redución da súa capacidade produtiva. Demanda estrutural de madeira
  • A demanda de madeira de piñeiro seguirá á alza nos próximos anos. Esperáse que para o 2050 teña aumentado un 37%, segundo os cálculos da FAO.
  • Portugal e Galicia presentan unha carencia de madeira de piñeiro no curto e medio prazo. En Portugal, o consumo anual de piñeiro é de 3,9 millóns de metros cúbicos, cunha oferta interna de só 1,77 millóns de metros cúbicos, segundo os datos expostos por Tiago Almeida, do Centro Pinus: “Portugal ten un déficit estrutural do 57% en madeira de piñeiro”, advertiu.

Xestión de riscos

Cambio climático O cambio climático empeora as perspectivas para os montes de piñeiro en Galicia e, máis aínda, en Portugal. As árbores estarán previsiblemente sometidas a un maior estrés hídrico no verán, se ben espérase que sexa un escenario solventable. No encontro, púxose de manifesto a necesidade de estudar as procedencias de ‘Pinus pinaster’ que poden ser interesantes para o clima de Galicia no futuro, pois existe un amplo arco de procedencias en todo o arco atlántico e mediterráneo do sur de Europa e norte de África. Pragas e enfermidades A praga que máis preocupa na actualidade é a do nematodo do piñeiro, que ten un impacto importante en todo Portugal e tamén no sur da provincia de Pontevedra, unha zona tradicional de montes de piñeiro do país. O Centro de Investigación Forestal de Lourizán identificou unha serie de familias de piñeiro con alta tolerancia ó nematodo, que xa se están multiplicando no marco do plan de mellora xenética do piñeiro do país. A previsión é que en poucos anos toda a planta de piñeiro que se instale en monte no sur de Galicia sexa tolerante ó nematodo. A irrupción a medio prazo de novas pragas e enfermidades é motivo de incertidume. O sector ten a vista posta no que está a suceder no País Vasco co piñeiro radiata, moi afectado polos fungos das bandas, un problema que xa chegou tamén nos últimos anos ás masas de radiata de Asturias e da provincia de Lugo. Mellora xenética O programa de mellora xenética do piñeiro do país, impulsado polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán, centrouse ata hai unha década na selección de árbores con mellores crecementos e formas. Na última década, o traballo focalizouse en identificar proxenitores resistentes ó nematodo do piñeiro nas familias que formaban xa parte do programa de mellora xenética. Nos últimos anos, Lourizán introduciu criterios complementarios de selección, a demanda da industria da madeira, como a densidade básica e o módulo de elasticidade. Rexenerados naturais ou planta mellorada? No sur de Pontevedra, era habitual que as comunidades de montes e propietarios forestais optasen polo rexenerado natural dos piñeirais tras corta, pois é un sistema que se ben esixe maior manexo e seguemento do monte, reduce o investimento preciso para reforestar. Coa chegada do nematodo á provincia e o lanzamento en Galicia de planta tolerante a esta praga, preséntase a disxuntiva para as comunidades de montes e os propietarios de se apostar polos rexenerados naturais ou por plantacións con material mellorado. Ambas opcións teñen pros e contras. As rexeneracións naturais reducen o investimento e dan a seguridade dunha planta adaptada ó ambiente. As plantacións aportan, pola súa parte, á seguridade dunha mellora xenética e de plantas máis tolerantes ó nematodo. Desde a Asociación Forestal de Galicia, Xosé Covelo plantexou unha opción mixta, coa introdución de planta mellorada en rexenerados naturais e que sexa marcada para, nun futuro, permanecer como pés pais no monte, tras corta do resto da masa.
As Landas francesas plantan un 90% dos piñeirais que se cortan, sempre con xenética mellorada
En Galicia, Raquel Díaz, de Lourizán, estima que tras corta, pode haber un 70% de plantacións e un 30% de rexenerados naturais. Da superficie plantada, arredor de dous terzos fanse con planta mellorada. Son cifras en ambos casos moi inferiores ás das Landas francesas, unha rexión que se toma como referencia, na que o 90% das superficies son plantadas e o 100% da planta empregada neses casos incorpora mellora xenética.

Silvicultura e rendibilidade

Calidade da madeira David Lorenzo, da marca Pino de Galicia (Fundación Arume) expuxo no encontro os obxectivos de calidade que se precisan na madeira de piñeiro para usos de alto valor, como o da construción: - Diámetros superiores a 40 centímetros e trozas de 3 metros de longo. - Tronco recto, co corazón centrado. - Árbores podadas ata os 4 – 6 metros, que poidan aportar ata dúas trozas de gran calidade. - Ausencia de nós, pudricións e bolsas de resina. Para obter esa madeira, será preciso aplicar unha boa silvicultura, con podas, rareos e claras cando sexa preciso. Modelos silvícolas Un dos debates da xornada estivo nos modelos silvícolas a aplicar en piñeiro do país, con distintas opcións de marcos de plantación que poden oscilar entre 625 e 1.250 plantas por hectárea, todos eles cos seus pros e contras. En plantacións con planta mellorada, pódese optar por unha densidade baixa de plantación, o que elimina a necesidade de rareos e permite facer unha única clara ós 20 anos. Con marcos máis densos, faise preciso un rareo, no entorno dos 7 anos, e claras sucesivas a medida que a plantación medra. En determinadas zonas, esas claras poden producir un maior ataque polo vento ás árbores de futuro, que poden rematar caíndo. Pero a opción de facer plantacións a baixa densidade tamén xenera contras, como a esixencia de maiores podas ou crecementos xuvenís máis altos, o que deparará unha madeira que no seu corazón terá unha menor densidade.
A curvatura basal en plantacións xuvenís é un problema habitual que pode ser correxido
Un problema que se detecta con frecuencia nas plantacións de piñeiro do país é o da curvatura basal das árbores xuvenís, sobre todo en áreas desbrozadas, que quedan máis expostas ós ventos, e tras un periodo de choivas que abrandan o solo. Esas curvaturas, en árbores non moi grandes, de 3 a 8 anos, poden correxirse manualmente antes do inicio da primavera, co manexo da terra ao pé da árbore, segundo expuxo na xornada Braulio Molina (AFG). Tamén se poden tomar medidas preventivas, como substituír os desbroces por rozas puntuais en zonas que se poidan esperar problemáticas. Rendibilidade En función do modelo silvícola aplicado e da calidade do monte, a rendibilidade esperada nunha plantación de piñeiro oscila actualmente entre un 2,3 e un 6,6% anual, segundo os cálculos de Ulises Diéguez (Universidade de Santiago). Trátase dunha rendibilidade que para os propietarios resulta escasa: “Tendo en conta os riscos que leva consigo unha plantación forestal, a nivel de lumes, pragas ou enfermidades, ningún propietario forestal ve atractiva unha plantación que ofreza intereses menores ó 7%”, valora o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans.
"Tendo en conta os riscos, ningún propietario forestal ve interesante un investimento que ofreza intereses menores ó 7%" (Francisco Dans)
Como mellorar esa rendibilidade foi outro dos debates da xornada. A opción do rexenerado natural, que reduce o investimento, é unha alternativa para a mellora de rendibilidade. Outra alternativa pasa pola busca de fontes de ingresos complementarias, como a venda do carbono capturado pola plantación ou o apoio de axudas públicas. Desde a Fundación Arume, propúxoselle a Medio Rural o deseño dunhas axudas contractualizadas que inclúan compromisos do propietario desde a plantación ata o ano 12 da mesma. “A silvicultura nos primeiros 12 anos é a clave para conseguir unha árbore que a nivel silvícola vai estar feita nos primeiros 4 metros. O resto da quenda é precisa para completar os crecementos, pero a calidade terémola garantida”, explica Jacobo Feijoo.
Proponse un sistema de axudas contractualizadas con compromisos silvícolas durante os primeiros 12 anos da plantación
Desde Medio Rural, o director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, valorou como positiva a proposta, co compromiso de estudar a súa posible implementación para o próximo ciclo de axudas, a partir do 2025, cando entra en vigor un novo ciclo de axudas forestais, ligado ó Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

Visitas a monte

Como parte deste encontro, fixéronse diversas visitas a montes de piñeiro no sur de Pontevedra. Un dos percorridos foi nunha parcela de ensaios de ‘Pinus pinaster’ ubicada no monte veciñal de Soutelo (Salceda de Caselas), instalada no 2021 de xeito conxunto polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Asociación Forestal de Galicia. Trátase dunha parcela na que se ensaian un total de 12 xenotipos resistentes ó nematodo do piñeiro e na que se están facendo comparacións entre a planta mellorada en Galicia, a identificada (sen mellora), e a mellorada en Portugal e en Francia. A parcela instalouse hai dous anos, polo que aínda non hai unhas primeiras conclusións, se ben o comportamento da planta galega mellorada e da portuguesa está a destacar.
Estanse facendo ensaios comparativos da planta mellorada en Galicia coa francesa e a portuguesa
Outra das visitas técnicas foi ó monte demostrativo de Mouriscados (Mondariz), impulsado pola Asociación Forestal de Galicia en colaboración coa comunidade de montes veciñais de Mouriscados (Mondariz). No monte demostrativo de Mouriscados visitáronse traballos de plantación con planta mellorada, procedente de multiplicación vexetativa por estaquilla, así como unha plantación experimental de 2,7 hectáreas de planta resistente ó nematodo do piñeiro. O percorrido polo monte veciñal de Mouriscados concluíu nunha zona na que, tras un recente incendio, restauráronse antigos bancais. É un traballo que se fixo con material controlado de ‘Pinus pinaster’, acompañado de rexeneración natural, e de franxas de bidueiros en determinadas zonas.

Un encontro científico – técnico abordará a mellora do manexo dos montes de piñeiro en Galicia e Norte de Portugal

A Asociación Forestal de Galicia organiza os próximos 19 e 20 de marzo un encontro científico – técnico transfronteirizo sobre os montes de ‘Pinus pinaster’, coñecido popularmente como piñeiro do país ou piñeiro bravo. O obxectivo é analizar como mellorar a xestión forestal dos montes de piñeiro, así como a súa resiliencia a ameazas como o cambio climático, as patoloxías forestais ou os lumes. O encontro contará coa participación dun grupo de 40 expertos, profesionais da xestión forestal e científicos, que analizarán conxuntamente durante dúas xornadas os temas máis relevantes que afectan ao manexo dos montes de piñeiro na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Programa O programa do evento contará con tres bloques principais: mellora xenética e manexo silvícola dos piñeiros, xestión e prevención de riscos, e sostibilidade e servizos ecosistémicos. Pódese consultar todo o programa do evento neste enlace. Inscripcións Todas as persoas interesadas poderán seguir o evento por videoconferencia, para o que terán que inscribirse a través deste formulario. Con antelación ó inicio do encontro, enviaráselle a todas as persoas inscritas o enlace de conexión. O evento está organizado pola Asociación Forestal de Galicia, coa colaboración dun comité organizador integrado tamén polas seguintes entidades: Asociación Sectorial Forestal Galega, Associação Florestal de Portugal, Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, Fundación Arume e Unión de Silvicultores do Sur de Europa. Asimesmo, o encontro conta co patrocinio da Consellería do Medio Rural, de Abanca e da Fundación Arume.

Como se tributa pola venda de madeira no monte?

O Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) e o Imposto de Sociedades (IS) son os tres principais tributos ós que teñen que enfrontarse propietarios forestais e comunidades de montes veciñais. Analizamos en que casos aplican e como varían as contías en función das características do propietario. Este artigo resume unha recente xornada sobre fiscalidade forestal que impartiron en Lugo o economista Daniel Rodríguez (Asociación Forestal de Galicia, AFG) e Santos Gabriel Arenas, ex-profesor asociado da USC, con algúns apuntes adicionais.A xornada foi organizada polo Distrito Forestal IX Lugo - Sarria.

Impacto na declaración da renda

Existen dous posibles réximes para tributar: Réxime de Estimación Obxectiva (EO), coñecido popularmente como ‘módulos’, e Réxime de Estimación Directa (ED). Na Estimación Obxectiva entran en xeral agricultores, gandeiros e todas aquelas persoas que non teñan outra actividade en estimación directa, polo que toda persoa asalariada, xubilada ou sen traballo tributaría baixo este réxime. Pola súa banda, a Estimación Directa aplícase a todos aqueles empresarios ou profesionais que teñan outra actividade en estimación directa (transportistas autónomos como taxistas ou camioneiros, profesións liberais, etc.). En xeral, a estimación obxectiva é máis beneficiosa para o propietario no caso da tributación forestal. Na estimación directa, para optimizar as deduccións, sería aconsellable que o propietario tivese todas as facturas de gastos imputables á xestión da masa forestal durante toda a súa quenda de corta (gastos de plantación, rozas, podas, abonos, etc.), algo que con frecuencia non se conserva. Variación por especies forestais A normativa distingue dúas quendas de corta das especies forestais: máis de 30 anos e menos de 30 anos. Na práctica, a Axencia Tributaria estableceu as especies que están en cada un dos tramos, xustificando que a porcentaxe de rendemento neto previo “non deriva da idade de corta senón do crecemento e da produtividade da especie”. Así fíxase un período medio de corta superior aos 30 anos, cunha tributación do 13% para frondosas caducifolias e coníferas (menos o pino insigne ou radiata); e un período medio de corta inferior a 30 anos, cunha tributación do 26%, para eucalipto, chopo e pino insigne. A Axencia Tributaria verifica as especies realmente cortadas a partir dos permisos de corta e "é necesario que haxa congruencia entre os permisos de corta e as facturas". No índice de rendemento neto (tributación por módulos), Arenas aclarou que nas ordes anuais que o desenvolven especifícase que ó piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) pódeselle aplicar tanto o índice 0,13 como o 0,26. Daniel Rodríguez (AFG), durante a exposición da súa charla en Lugo

Como quedaría a tributación no Réxime de estimación obxectiva (módulos)?

Á hora de tributar, aplícase unha redución do rendemento neto previo do 20 % en caso de que a superficie conte cun instrumento de ordenación aprobado (non sirve a comunicación dun modelo de silvícola á Administración) e a quenda media das especies sexa superior a 20 anos, non podendo aplicarse, polo tanto, en montes con presenza maioritaria de eucaliptos a quendas curtas. No caso de cumprir estas condicións, tamén se aplica unha exención das subvencións. En caso de non contar con instrumento de ordenación aprobado, as subvencións consideraríanse como un ingreso ao que se aplicaría o rendemento neto previo fixado para as cortas de madeira (13 ou 26 %, dependendo da masa para a que se recibise a subvención). A maiores, aplícase unha redución adicional do 30 % en caso de renda de carácter irregular, que ten que ver coa periodicidade da declaración de ingresos por curtas de madeira. Na gran maioría dos casos, a tributación final sitúase entre o 4 e o 8 % do importe final facturado.
Exemplo de venda de madeira dun propietario en réxime de estimación obxectiva Caso: venda de 1.000 toneladas de madeira de piñeiro do país a 30 euros/tonelada: 30.000,00 euros. - IVE 12 %: 3.600,00 € (Sobre a cantidade total descóntase un 2% de IRPF) - Total ingreso: 33.600,00 € (base impoñible + IVE compensatorio) - Rendemento neto previo: 3.900,00 € (13 % do ingreso total) - Redución por Instrumento de Ordenación aprobado: 780,00 € (20% do rendemento neto previo) - Redución por renda irregular: 936,00 euros (30 %) - Importe a trasladar á base xeral do imposto: 2.184,00 euros, importe ao que habería que aplicar o tipo marxinal que lle corresponda ao propietario no IRPF.

Como quedaría a tributación no réxime de estimación directa?

O resultado contable é, de xeito xeral, superior ó resultado real de beneficios para o propietario, pois estase ante unhas quendas prolongadas de corta e non se actualizan os custos de produción do arborado. Rodríguez apunta que se está traballando por parte da Asociación Forestal de Galicia nunhas propostas de mellora, como son a de propoñer unha exención parcial dos ingresos por vendas de madeira de especies de máis de 30 anos, ou ben solicitar a elaboración dun plan sectorial contable. Igual que en módulos, aplícase a exención das subvencións no caso de que a superficie conte cun instrumento de ordenación aprobado e a quenda media das especies sexa superior a 20 anos. Tamén hai unha redución adicional do 30 % en caso de renda de carácter irregular. A cantidade do rendemento neto sobre a que se aplica a redución do 30 % non superará o importe de 300.030 euros anuais. A tributación final adoita ser elevada, por riba do 20 % sobre o ingreso final recibido.
Exemplo de venda de madeira dun propietario en estimación directa Caso: venda de 1.000 toneladas de madeira de piñeiro do país a 30 euros/tonelada: 30.000 euros - IVE 21 %: 6.300 € (Descóntase o 2% de IRPF) - Total ingresos: 30.000 € - Gastos soportados vinculados coa actividade: 5.000 € - Rendemento da actividade: 25.000 € (Ingresos – gastos) - Redución por renda irregular: -7.500 € (30 %) - Importe a trasladar á base xeral do imposto: 17.500 euros, importe ao que habería que aplicar o tipo marxinal que lle corresponda ao propietario no IRPF.

Imposto sobre o Valor Engadido

No caso das vendas de madeira de particulares, as empresas madeireiras deben emitir recibos que asinarán os propietarios que non teñan outra actividade en estimación directa. Nos recibos consígnase o Ive abonado ó vendedor (propietario forestal), co desconto do Irpf (2%). Esta práctica simplifica os trámites para o propietario. Réxime xeral Dentro deste réxime, permítese recuperar todo o IVE soportado nas facturas recibidas, repercutindo o IVE ao tipo que corresponda segundo produto ou servizo. É incompatible co Réxime de Estimación Obxectiva en IRPF. Conta con varias obrigas formais, como emitir facturas, presentar autoliquidacións trimestrais, dispoñer dun Libro Rexistro de Facturas emitidas e un Libro rexistro de Facturas Recibidas. Se queremos deducir o IVE dunha factura terá que ter relación directa con algunha das actividades na que repercutamos o IVE no Réxime Xeral e estar suficientemente desagregado na factura, tanto tipo impositivo como importe de IVE que corresponda. Réxime Especial de Agricultura, Gandería e Pesca O Réxime Especial da Agricultura, Gandería e Pesca (REAGP) trata de simplificar os requisitos formais e os trámites administrativos das persoas que poidan acollerse a el. Cabe detallar que é incompatible co uso do Réxime de Estimación Directa para calcular o resultado do IRPF. O tipo impositivo é do 12 % e coñécese como IVA compensatorio porque “compensa as cotas de IVE soportado nas facturas de gastos, que non se poderían deducir neste réxime”. Este criterio pode ser empregado de referencia á hora de tomar a decisión de renunciar, ou non, ao REAGP.
Exemplo de venda de madeira no Réxime Especial de Agricultura, Gandería e Pesca Caso: venda de 1.000 toneladas de madeira de piñeiro do país a 30 euros/ tonelada 30.000 € - IVE 12 %: 3.600 € (o propietario quédase con este importe, sen ter que ingresalo á Axencia Tributaria, a modo de compensación do IVE soportado que non puido deducir por estar no REAGP).
Santos Arenas, na formación impartida no Distrito Forestal IX

Imposto sobre Sociedades

É un imposto aplicable ás comunidades de montes veciñais, ás SAT e ás sociedades civís con personalidade xurídica e obxecto mercantil, como son as cooperativas e as SOFOR, que tributan polo imposto de sociedades. Non están suxeitos ó imposto de sociedades os montes de varas. Tribútase a tipo xeral do imposto: 25 % (23 % a partir do ano 2023). Aplícanse exencións das subvencións en caso de que a superficie conte cun instrumento de ordenación aprobado e a quenda media das especies sexa superior a 20 anos. Cabe destacar que o resultado contable é superior ao resultado real, como consecuencia das quendas de corta moi prolongadas e a imposibilidade de actualizar o custe de produción do arborado. Tamén conta con grandes dificultades para estimar o valor de certos bens que deben reflexarse contablemente no activo do Balance, ao que hai que sumar a dobre imposición de dividendos, que aumenta moito a tributación final do socio ou partícipe. As comunidades de montes desfrutan dun réxime especial. Poden reducir a base impoñible do imposto no importe que reinvistan no propio exercicio ou nos catro anos seguintes en mellora do monte ou en gastos de interese social. Unha comunidade que non reparta dividendo entre os comuneiros non debería pagar nada en concepto de impostos sobre sociedades, salvo que a súa pretensión sexa acumular os ingresos na conta bancaria sen gastalos de xeito regular. Tamén se pode ampliar o prazo de catro anos, de ser necesario, mediante un Plan Especial de inversións e Gastos.

A agrupación da comercialización da madeira e da xestión dos montes, claves para o sector forestal

A xornada informativa que reuniu hai uns días en Cedeira a asociacións e propietarios forestais das comarcas do norte de Galicia saldouse cun balance positivo. O encontro, orientado a presentar as axudas que a Consellería do Medio Rural vén de convocar para apoiar ás asociacións forestais, suscitou un importante interese no sector, polo que en Cedeira estiveron presentes a gran maioría das asociacións de produtores de madeira (Promas) do norte galego. A reunión, organizada pola Asociación Forestal de Galicia, contou coa colaboración da Asociación de Produtores de Madeira de Cedeira e da Asociación de Produtores de Madeira de Viveiro. O encontro permitiu constatar que as Promas e asociacións forestais comparten unha idea común: a necesidade de fortalecer o agrupamento da comercialización de madeira e da xestión dos montes. Na reunión de Cedeira participou o director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, e o xefe do servizo de Montes da Coruña, Iñaki Bergareche, que resolveron tódalas dúbidas das asociacións de produtores de madeira en torno ás distintas liñas de axudas convocadas. O traballo en conxunto no monte preséntase como a vía para aumentar a rendibilidade das cortas de madeira, así como para impulsar boas prácticas nos aproveitamentos. As asociacións de propietarios teñen a vontade de investir en infraestruturas, como cargadeiros de madeira ou básculas, así como en persoal e equipos técnicos que permitan mellorar a xestión forestal. Iso tamén facilitaría contratar a explotación e comercialización conxunta da madeira. Por ese motivo, as axudas que vén de convocar Medio Rural son ben recibidas polas Promas, pois por primeira vez contan cunha liña de apoios para a prestación de servizos ós propietarios forestais, o que consideran que pode favorecer o asociacionismo forestal. De cara ó futuro, as asociacións de produtores de madeira tamén valoran como unha posibilidade a ter en conta a creación de agrupacións de xestión conxunta no monte, unha figura que permitiría un manexo forestal optimizado, superando as dificultades que provoca o minifundio. O presidente da AFG, Antonio Rigueiro ofreceulle ás Promas e ás asociacións forestais das comarcas do norte de Galicia todo o apoio técnico que precisen para tramitar as solicitudes destas liñas de axudas. Contexto As comarcas de Ferrol Terra, Ortegal e a Mariña lucense conforman a principal área de aproveitamentos forestais de Galicia. En conxunto, cortan arredor de 3 millóns de metros cúbicos de eucalipto ó ano, máis da metade de todo o eucalipto extraído anualmente do monte galego.

Xornada de presentación das axudas para a xestión conxunta de montes de eucalipto

Cedeira acollerá a tarde do mércores 24 unha xornada orientada a presentar as novas liñas de axudas forestais que veñen de convocarse. Os apoios teñen especial interese para apoiar ás asociacións de produtores de madeira (Promas) do norte galego, tanto para a comercialización conxunta de madeira como para valorar a posibilidade dunha xestión conxunta de montes de eucalipto. A xornada, que dará inicio ás 17.15 horas, conta coa organización da Asociación Forestal de Galicia, da Asociación de Produtores de Madeira de Cedeira e da Asociación de Produtores de Madeira de Viveiro. O acto diríxese a propietarios e xestores forestais, así como aos representantes das asociacións de produtores de madeira do norte galego. A asistencia é libre, con inscripción previa (tel. 981 564 011 / 618 752 214 ou no mail afg@asociacionforestal.org).

Programa

17.15 horas – Acollida Julio Aneiros, presidente da Asociación de Produtores de Madeira de Cedeira. 17.30 horas - Os retos da xestión dos montes de eucalipto Antonio Rigueiro e Francisco Dans, presidente e director da Asociación Forestal de Galicia. 18 h. - As axudas ás agrupacións de xestión forestal conxunta Daniel Rodríguez, responsable económico da Asociación Forestal de Galicia. 18.30 h. - As axudas de apoio ás Promas e outras asociacións de comercialización conxunta de produtos forestais José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal. 19 h. - Debate Contexto As comarcas de Ferrol Terra, Ortegal e a Mariña lucense conforman a principal área de aproveitamentos forestais de Galicia. En conxunto, cortan arredor de 3 millóns de metros cúbicos de eucalipto ó ano, máis da metade de todo o eucalipto extraído anualmente do monte galego.

Prosegue a polémica pola ocupación de terras de montes veciñais

A presunta ocupación de terras de montes veciñais por parte de empresas e propietarios particulares xerou xa alomenos unha decena de denuncias nos xulgados, segundo trascendeu esta primavera. O problema, que ten o seu foco principal na área metropolitana de Vigo e sur da provincia de Pontevedra, foi abordado estes días polo propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que a preguntas dos xornalistas, avogou por un entendemento entre as partes, con advertencia de que lexislará para buscar unha solución ó problema. Esas declaracións de Rueda sentaron mal nas comunidades de montes, pois consideran que a Administración galega está ignorando unha característica fundamental dos montes veciñais, como é a súa imprescritibilidade. “A Xunta de Galicia está a poñer sobre a mesa un debate xa amplamente superado, como é o da imprescritibilidade do monte veciñal, unha característica que avala tanto a normativa vixente como a xurisprudencia na materia e a propia Constitución española”, sinala a Asociación Forestal de Galicia en nota de prensa. A Asociación Forestal, que agrupa a propietarios particulares e comunidades de montes veciñais de toda a comunidade, lembra que os montes veciñais constitúen un valioso patrimonio a nivel ambiental e cultural: “É un reto da sociedade galega culminar a súa recuperación e transferilos nas mellores condicións ás xeracións futuras”, valoran. O colectivo recalca que se unha superficie foi monte veciñal no pasado, “non se perde nunca esa condición porque a imprescritibilidade do monte veciñal é unha característica principal que ten este tipo de propiedade. Existe innumerable normativa en vigor que fai referencia a esa característica principal e gran cantidade de xurisprudencia reafirmando ese carácter imprescritible, con ratificación posterior do Tribunal Supremo naqueles casos que chegaron a esa instancia”, afirma Xosé Luis Campos, vicepresidente de montes veciñais da Asociación Forestal de Galicia. Outro argumento da Asociación Forestal de Galicia é que a Constitución española cualifica como imprescritibles aos montes comunais, “polo que se pode considerar que a propia Constitución española apoia o criterio de imprescritibilidade dos montes veciñais que, sen ser comunais, teñen moitas características afíns con eles”. Así as cousas, a Asociación Forestal de Galicia tacha de “desafortunadas” as palabras do presidente da Xunta: “Criticar sentenzas xudiciais, asegurando ao mesmo tempo que se regulará en sentido contrario a esas sentenzas, de forma que se acabará eliminando a característica principal do monte veciñal, non é defendible dende o punto de vista do interese xeral”, conclúe Xosé Luis Campos. Problemas cos xurados provinciais de montes veciñais A Asociación Forestal de Galicia cuestiona ademais o comportamento que están mantendo nos últimos tempos os xurados provinciais de montes veciñais, dependentes da Xunta. “Estase observando que o criterio destes xurados está sendo, de forma xeral, non clasificar como comunais superficies con usos distintos ao forestal, o que obriga a acudir á xustiza ordinaria, onde se confirma que son decisións contrarias a Dereito”, advirte o colectivo en nota de prensa.

“A sociedade tería que premiar ós propietarios que conservaron as Fragas do Eume ou o Courel”

Antonio Rigueiro Rodríguez é o presidente da Asociación Forestal de Galicia e un fondo coñecedor da realidade do monte galego. Dende o ano pasado que se xubilou, é catedrático emérito do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago. Ademais, durante 14 anos exerceu como director da Estación Científica do Courel, o que lle permitiu estar en contacto directo coa realidade da montaña lucense. Con el abordamos algunhas das cuestións que preocupan ós propietarios forestais, como o anteproxecto da lei de incendios, o minifundio que predomina en moitas zonas de Galicia, así como os problemas do Catastro ou as limitacións que hai nas zonas cunha protección especial e Rede Natura. -Dende a Asociación Forestal de Galicia teñen presentado unha serie de alegacións ó anteproxecto da Lei de Loita contra os incendios forestais de Galicia, en concreto pola xestión das faixas de seguranza arredor dos núcleos de poboación. En que se basean? -Comprendemos que o primeiro que hai que protexer son os pobos, as casas e a vida das persoas, pero tamén entendemos que é un tema de protección civil. É dicir, que esa necesidade de manter limpas estas faixas non é responsabilidade dos propietarios, mentres que tal e como está redactado o anteproxecto de lei, conságrase esa responsabilidade só para o propietario forestal. Estímase que o importe de manter limpas todas as faixas secundarias custaría uns 85 millóns de euros, aínda que hai algunhas que se atopan xa cunha actividade agropecuaria que as mantén limpas, co que este investimento reduciríase a 30 millóns de euros. A nosa proposta é que isto sexa financiado polas Administracións e que non recaia esa obriga nos propietarios forestais.
“É un agravio para o resto de propietarios que só se subvencione a limpeza de faixas secundarias das parroquias con risco alto de incendios. Penalízanse as zonas con menos lumes”
-Na actualidade, a Administración (Xunta e Fegamp) están a impulsar rozas bonificadas en arredor de 150 parroquias consideradas como de alta prioridade. Como valorades ese sistema? - Pensamos que é un agravio para aqueles propietarios de terreos en faixas secundarias de parroquias cun risco de lume baixo, que deben asumir a súa limpeza. Mentres, ós propietarios con parcelas en parroquias prioritarias (aquelas que rexistran maior número de lumes) a Administración subvenciónalle estes desbroces. É un agravio para o resto dos propietarios que se subvencione a limpeza de faixas secundarias destas parroquias e que non se faga o mesmo co resto de parroquias, xa que deste xeito as que menos lumes teñen estanse castigando, no canto de saír favorecidas. -Outro dos temas sobre os que se leva moito tempo debatendo é o minifundismo forestal e agora volve estar de actualidade coa creación das agrupacións de xestión conxunta. Que perspectivas teñen sobre elas dende AFG? -Temos esperanzas postas nelas, logo de que houbera outros intentos por afrontar o minifundio como foron as UXFOR (no bipartito) ou máis recentemente as SOFOR, e que non deron moito resultado. Agora estamos agardando que o día 23 deste mes de xuño, no Consello Forestal, se presente o borrador dos estatutos destas agrupacións de xestión conxunta e un borrador do tipo de contrato que deberán asinar os propietarios. A superficie mínima son 10 hectáreas, como mínimo deben ser 3 propietarios e teñen que estar de acordo os propietarios do 75% da superficie. Este é un requisito moi importante, xa que en Galicia hai bastante rexeitamento ó asociacionismo para a xestión da terra, polo que o feito de que non teña que ser o 100% da superficie pode ser decisivo para que poidan ir adiante. Tamén supoñemos que as axudas das Administracións irán encamiñadas a este tipo de agrupacións, polo que tamén pode ser un incentivo para a súa creación.
“Estamos agardando a que se presenten os estatutos para poder crear as agrupacións de xestións conxunta”
-Que traballo están a realizar cos seus socios para fomentalas? - A nosa intención é fomentar a súa creación entre os nosos asociados porque cremos que pode ser un xeito de superar o minifundismo. Xa o estamos facendo con iniciativas como as desenvolvidas con Promas da Mariña e na provincia da Coruña, que dalgunha maneira xa case son agrupacións de xestión conxunta. Falta darlle a forma legal, para o que é preciso que se presenten eses estatutos, que xa chegan con case dous anos de atraso.
“Nalgunhas zonas de Ourense descoñécese o propietario de preto do 40% da superficie forestal”
-Xunto co minifundio, unha das trabas para a xestión dos montes é a problemática do Catastro en Galicia, que presenta erros, falta de actualización, propietarios descoñecidos... Que impacto ten nos propietarios? -É unha reclamación recorrente, de feito o tema volveuse a tratar na última asemblea da Asociación que celebramos a finais do mes de abril. Volveremos enviar unha petición para entrevistarnos co delegado do Catastro, ó non ter polo momento contestación, xa que queremos poder tratar a situación con el. Houbo moitas revisións do Catastro, pero seguramente a que está vixente sexa unha das peores. Hai un gran número de parcelas con erros na cartografía ou na identificación do propietario e mesmo moitas delas de propietarios descoñecidos. Nalgunhas zonas de Ourense descoñécese o propietario de entre o 35 e 40% da superficie de monte, segundo datos do Agader. En Galicia tampouco é unha porcentaxe nada desprezable, posto que posiblemente se atope entre un 20 e un 30%. Estes erros xeran ós propietarios un importante prexuízo, xa que mesmo se están dando casos de venda de madeira por parte de persoas que non son os propietarios da parcela. -Como se podería solucionar este problema? -Hai distintas medidas que se poden tomar. Por un lado tratar de aclarar a propiedade e actualizar o catálogo en canto ós propietarios para que figuren os propietarios actuais e non os seus antepasados. Tamén habería que mellorar a cartografía, botando man das novas tecnoloxías, que poden contribuír a ter referencias de gran calidade. E sen dilatalo moito no tempo, sería conveniente facer un novo Catastro. -A demanda da mellora da fiscalidade dos propietarios particulares e comunidades de montes é outra das liñas de traballo da AFG dos últimos anos, en que se basea a proposta que se fai dende a Asociación? -Un dos aspectos máis importantes ten que ver co tratamento fiscal que teñen moitos propietarios forestais. Aqueles propietarios que se deben acoller ó sistema de estimación directa para a venda en madeira, ó ter xa ese réxime para a súa actividade principal, teñen un agravio fronte ós propietarios que para a venda de madeira poden facer unha estimación obxectiva (funcionarios, pensionistas...). A aqueles que o fan por estimación directa só se lles permite desgravar os gastos que tiveron ó longo dos anos (podas, desbroces...). Tendo en conta que se trata de quendas de corta que poden chegar a varias xeracións é difícil que se garden os recibos durante este tempo. Mentres, os que poden acollerse a unha estimación obxectiva, simplemente se lle aplica un coeficiente en función do tipo de especie (de crecemento rápido é o 0,26% e para as de crecemento lento do 0,13%). Realmente é un tratamento moi favorable e buscamos que se poida estender a tódolos propietarios. -Hai posibilidades de logralo? Tiveron resposta a esta petición? -O Ministerio de Transición Ecolóxica móstrase partidario, pero as reticencias veñen por parte de Facenda, que xa rexeitou a proposta. Seguiremos traballando para conseguir un trato máis xusto para os propietarios.

"Sería interesante incrementar a superficie forestal pública adquirindo espazos de gran valor ecolóxico"

-Unha cuestión recurrente nas asembleas da AFG son as complexidades que supón o manexo de áreas forestais en Rede Natura. Cales son as principais limitacións nestes espazos? -Hai limitacións que están xa contempladas no propio Plan director da Rede Natura. Non se poden plantar determinadas especies, como eucaliptos. É unha medida acertada, xa que en Galicia tamén debemos de ter algúns espazos preservados. Tampouco se poden instalar parques eólicos e mesmo hai limitacións para as cortas de frondosas. O problema é que estas directrices limitan o aproveitamento dos propietarios, por iso dende a AFG defendemos que se manteñan este tipo de espazos protexidos, pero se compense ós propietarios polo lucro cesante destes montes, que adoitan ser moi valiosos. Debería de premiarse ós propietarios que permitiron que espazos naturais de gran valor como as Fragas do Eume ou a Serra do Courel cheguen ós nosos días e non limitarlle a actividade e o uso. Eles interprétano como un castigo e non obteñen ningún tipo de compensación, cando estes espazos repercuten nun beneficio para o resto da sociedade. Habería que establecer un sistema de compensación para estes propietarios. -No caso das Fragas do Eume, hai unha percepción dos visitantes ó espazo de que o cultivo do eucalipto está moi estendido, nas partes media - altas do val, principalmente. Como presidente da xunta reitora do Parque Natural, como se conxuga aí a conservación dun espazo natural e os dereitos dos propietarios? -É certo que hai tenzas de eucalipto e houbo incendios que permitiron que o eucalipto se fose estendendo. Tamén hai unha conciencia de que nun parque destas características non haxa esta especie, de feito acaba de aprobarse agora o plan reitor do Parque Natural, que leva un atraso duns 25 anos. Neste plan establécense zonas onde os usos son moi limitados, xa que son as de maior valor pola súa biodiversidade, e outras nas que hai máis usos permitidos. Tamén se limitan especies ou as infraestruturas, para así conservar o espazo. Por outra parte, a Consellería de Medio Ambiente habilitou liñas de axuda para a transformación destes eucaliptais en montes de frondosas ou outras especies. Ademais, desenvolveu un plan de compra para adquirir parcelas nas Fragas do Eume, atendendo a unha reivindicación histórica dos propietarios. É unha medida que considero acertada, non só para o parque do Eume senón para a Rede Natura en xeral, posto que en Galicia a administración pública só ten un 2% da superficie forestal e sería interesante que se fose incrementando, centrándose nestes espazos de gran valor ecolóxico e onde os propietarios teñen moitas limitacións. -Vaiamos a outro espazo natural, como é a Serra do Courel. Como bo coñecedor dos montes do Courel polo seu traballo na Estación Científica da USC, como valora a situación da Serra? -O Courel, xunto cos Ancares, está nunha zona especial de conservación e é o espazo máis extenso da Rede Natura que temos en Galicia, con 110.000 hectáreas. Estamos en zonas de montaña con poboación envellecida e escasa e cunha redución moi significativa da actividade agrogandeira, con abandono dos terreos agrícolas e forestais. Tamén hai plantacións de piñeiro que non teñen un tratamento silvícola axeitado e o lume pode acabar afectando a moito territorio, como xa aconteceu. -Logo daquel lume houbo críticas ás superficies repoboadas con piñeiro na serra. Cre que foron un problema? -Hai colectivos na Serra do Courel que creen que eses piñeirais foron unha das causas para que o incendio fose tan virulento. É certo que os piñeirais que estaban abandonados arderon, pero tamén arderon moitas zonas de matogueira e aínda que arderon menos, tamén se queimaron algunhas zonas de frondosas (soutos e carballeiras). Mesmo chegou a estar ameazada a Devesa da Rogueira, un símbolo do Courel.
"En Vilar están mirando de facer plantacións de castiñeiros, de piñeiros, de froiteiras, de plantas medicinais... que servan de experiencia piloto para a restauración doutras áreas do Courel"
-Como habería que enfocar a restauración do espazo? -Hai iniciativas da Administración para a recuperación e plantación de novos soutos. Nas zonas de matogueira vaise recuperando pouco a pouco. Tamén é certo que se perdeu terra, xa que tras o lume houbo importantes choivas. Nesas zonas a recuperación será moito máis lenta, mesmo no caso do mato. Hai algunha iniciativa a pequena escala en Vilar para facer plantacións de castiñeiros, de piñeiros, de froiteiras, de plantas medicinais... que serva de experiencia piloto para ver o que se podería realizar noutras áreas do Courel. -Nos últimos anos vivimos grandes lumes en zonas como Ancares, Courel ou Valdeorras. Veremos máis lumes así nos próximos anos? -Por desgracia coido que si. Estamos vivindo os efectos do cambio climático co incremento das temperaturas e as secas. Tal e como amosan os datos por exemplo do último ano hidrolóxico (setembro de 2021 - setembro 2022), as precipitacións en Galicia foron a metade da media dos últimos anos. Estes períodos de seca prolongada e altas temperaturas favorecen os grandes lumes, que son moi difíciles de atallar e perigosos. -A seca é un aliado para os lumes no monte, pero que efectos pode ter o estrés hídrico nas enfermidades e pragas forestais? -Tanto a seca como efecto do cambio climático, así como a globalización, relaciónanse coa expansión de pragas e de especies invasoras. Un exemplo diso é que nos últimos anos houbo unha elevada afectación de banda marrón, que afecta sobre todo ó piñeiro insigne, aínda que esta campaña hai menos incidencia. Temos que estar alerta e non podemos baixar a garda. No eucalipto viuse nos últimos anos en determinadas comarcas unha explosión do fungo Mycosphaerella, pero tamén se está tendo xa algunha planta resistente. Aínda que aparecen problemas sanitarios, tamén se está avanzando en investigación e na obtención de plantas melloradas e resistentes. Cada vez trabállase máis con solucións respectuosas co medio, coma no caso da avespiña do castiñeiro ou o gurgullo do eucalipto, contra os que se están conseguindo resultados favorables coa loita biolóxica.
“Debería priorizarse a investigación aplicada, que responda ós problemas que se detectan dende o sector, dada a importancia que ten en Galicia”
- Cales deberían ser os obxectivos prioritarios na investigación forestal en Galicia? -Aínda que é importante a investigación básica, tamén debería priorizarse a investigación aplicada ó sector, é dicir, que responda ós problemas que se detectan dende o sector, dada a importancia que ten en Galicia. Sería interesante que a Administración establecera un plan de investigación agrogandeiro e forestal para atender os problemas destes tres subsectores.

"Búscase que Galicia tamén poida producir madeira de frondosas de calidade"

-Coñecidos os novos datos de superficies por especies no novo Inventario Forestal de Galicia, como valora a situación do monte galego? -Seguimos tendo a mesma superficie global de arborado (1.400.000 hectáreas) e de matogueira (600.000 hectáreas). O que cambia con respecto ós datos de anteriores inventarios forestais é o reparto, con máis superficie de frondosas, temos tamén algo máis de eucalipto e menos piñeiro. Hai que ter en conta tamén que esas 600.000 hectáreas de masas de frondosas non son de plantacións con material xenético de calidade, nin con tratamentos silvícolas axeitados, nin están pensadas para a produción de madeira de calidade, que é algo que Galicia tamén necesita. Son masas de frondosas en moitos casos froito do abandono e que teñen un importante valor paisaxístico, pero non produtivo.
Hai masas de frondosas cun importante valor paisaxístico que se terán que conservar sen aproveitamentos, pero noutra parte das frondosas sería de interese aplicar tratamentos silvícolas
-Que sería preciso para crear unha oferta de frondosas atractiva para a industria da madeira? -Nalgunhas zonas, onde teñan un maior valor paisaxístico e de conservación do medio, sobre todo aquelas que estean en zonas de Rede Natura, haberá que conservalas. Mentres, aquelas nas que se poida facer un aproveitamento produtivo, sería de interese aplicar tratamentos silvícolas axeitados para lograr un aproveitamento madeireiro de calidade. Precisamente, no próximo Consello Forestal presentarase o Plan de Aproveitamento de Frondosas de Galicia para producir madeira de calidade, nel tamén se inclúe facer plantacións con material xenético de calidade. O obxectivo é que Galicia, que é un produtor de madeira, sobre todo de eucalipto e piñeiro, tamén poida producir madeira de calidade de frondosas, xa que estase a importar este tipo de madeira. - No caso do eucalipto, cuxa superficie se incrementou con respecto dos últimos datos que se manexaban no 2009, cando acabe a moratoria no 2025, como sería partidario de regular a especie? -Esta moratoria foi aprobada polos 3 grupos políticos do Parlamento, entón cabe pensar que se busque de novo ese consenso. Podería suceder que continúe a moratoria, unha opción que preferirán os que teñen eucalipto, xa que eles poderían seguir cortando e plantando, ó tempo que se limitaría a competencia e a caída de prezos por exceso de produción. Tamén podería darse a situación de que se levantase por completo a moratoria, o que podería ocasionar que volva haber un gran interese por plantar eucaliptos, o que seguramente á súa vez levaría a unha nova moratoria a curto prazo.
Tras a moratoria do eucalipto, unha opción é establecer certas limitacións xeográficas e de superficies mínimas para esa especie
Unha terceira vía é que se establezan certas limitacións á hora de realizar plantacións de eucaliptos. Limitar o territorio onde plantar esta especie e fixar unha superficie mínima, para atallar o mosaico de eucalipto que había antes da moratoria por toda Galicia. Deste xeito, poderíase superar o minifundio e fomentaríase a xestión do monte de xeito conxunto, como coas agrupacións de xestión conxunta ou coas comunidades de montes. Penso tamén que debería limitarse a proporción de eucalipto en nova superficie de plantación, sendo mínima, e que o resto teña que plantarse con outras especies.
"A moratoria do eucalipto e a suba do prezo da madeira de piñeiro de calidade favoreceu que se incremente o interese dos produtores polo piñeiro"
- O piñeiro foi nos últimos 15 anos unha especie en regresión, se ben os datos apuntan a un aumento das plantacións en monte. Hai que ser optimistas sobre o futuro do piñeiro? -Penso que si. É verdade que dende que se comezou a falar da moratoria e xa anos antes se estaba vendo un boom do eucalipto, en parte polo prezo alto que se estaba pagando polo eucalipto en comparación co piñeiro. Mentres o eucalipto para trituración podía rondar os 30 euros a tonelada, no piñeiro para o mesmo fin o prezo caída ata os 15 euros. Pero, dende hai un par de anos, o prezo da madeira de piñeiro mellorou notablemente e hoxe a tonelada de piñeiro de calidade para a serra pode chegarse a pagar a 60 ou 80 euros a tonelada, mentres que a de eucalipto está a menos da metade. Isto, xunto coa moratoria do eucalipto, favorece que o propietario se anime a plantar piñeiro, aínda que a quenda de corta sexa un pouco máis longa. No ano 2022 plantáronse unhas 5.000 hectáreas de piñeiro en Galicia (2.000 de piñeiro insigne e 2.000 de piñeiro do país e unhas 1.000 de piñeiro silvestre) e vendéronse uns 6 millóns de plantas, o que fai que sexa un ano récord. Hai unha boa tendencia de recuperación do piñeiro e esperemos que cando se levante a moratoria do eucalipto, non se rompa esta tendencia.

Quen debe protexer aldeas e vivendas dos lumes?

O rural galego presenta unha vulnerabilidade crecente ante os incendios forestais por factores como a perda de poboación en amplas zonas do interior, o envellecemento e a redución da actividade agrogandeira. En definitiva, hai unha menor actividade sobre o territorio, o que leva a que se perda a protección natural que proporcionaban prados e terras de labor en torno aos máis de 30.000 núcleos de poboación que ten Galicia. Ante este escenario, colectivos como a Asociación Forestal de Galicia (AFG) ou a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) avogan por declarar de utilidade pública a intervención nas faixas de seguranza, como medida de protección civil fronte ós incendios forestais. Ambos colectivos, que representan a propietarios forestais e comunidades de montes, entenden que a futura Lei de Loita Integral contra os Incendios Forestais de Galicia, da que a Xunta presentou un anteproxecto, é a ocasión para buscar unha solución realista de seguridade cidadá ante os lumes, que están a agravar os seus riscos polo cambio climático. Esa solución -entenden- pasa por que a Administración asuma a responsabilidade do mantemento das faixas de seguranza arredor de núcleos de poboación. Situación lexislativa A actual Lei 3/2007 de Prevención de Incendios Forestais de Galicia e o anteproxecto de Lei de Loita Integral contra os Incendios Forestais manteñen un enfoque que os colectivos forestais consideran “errado”, pois cargan co custo do mantemento das faixas a comunidades de montes e propietarios forestais, “ós que se lles pide que financien do seu peto medidas de protección civil para garantir a seguridade colectiva”. A Asociación Forestal de Galicia insiste en que non é de recibo que se lles pida a propietarios e comunidades de montes que financien a seguridade pública. “O anteproxecto da Lei afonda ademais na montaxe dun sistema punitivo orientado a culpabilizar a propietarios forestais e comunidades de montes, pois prevense multas coercitivas, multas punitivas, execución subsidiaria de traballos de prevención, repercusión de gastos de extinción en terreos afectados polo lume (con carga de biomasa) e mesmo expropiacións, no caso de que o valor dos traballos executados supere ós da propiedade”, enumeran. Estas esixencias lexislativas e ameazas de sancións “pecan de falta de realismo” -ao entender da Asociación Forestal de Galicia-. “Pode comprobalo a propia Administración nas máis de 295.000 hectáreas de monte que xestiona en virtude de convenios ou consorcios con comunidades de montes e propietarios. De manterse esta liña lexislativa -afirman- a propia Xunta de Galicia estaría incorrendo en graves responsabilidades nas superficies forestais de xestión pública, ante calquera falla no cumprimento das disposicións preventivas de lumes”. Ordenación do territorio Os colectivos de propietarios advirten ademais de que a lexislación premia a desorde urbanística, “pois responsabiliza ós propietarios forestais da defensa de vivendas e construcións sen licencia que invaden zonas forestais ou o seu perímetro”. Así as cousas, a Asociación Forestal de Galicia empraza á Administración a buscar solucións prácticas de consenso co conxunto do sector forestal. A cuestión é que Galicia ten arredor de 85.000 hectáreas en zona de interface urbana – forestal, as chamadas faixas secundarias de seguranza, sen ter en conta as faixas primarias e terciarias arredor de vías e comunicación e de camiños e pistas forestais. No caso das faixas secundarias, pódese estimar que arredor dun 30% delas precisa de rozas periódicas, en tanto o resto da superficie estase a manter despexada pola actividade agraria e gandeira. O custo da roza dese 30% de faixas secundarias que o requiren roldaría uns 32 millóns de euros anuais, segundo estiman desde Asefoga. Os colectivos forestais apunta que boa parte destas franxas que precisan de roza correspóndense con parcelas minifundistas, con escasa superficie e, con frecuencia, faltas de xestión por ese mesmo minifundismo. Sistema público de xestión da biomasa de terreos rústicos incluídos en faixas secundarias O sistema público de xestión de biomasa actualmente en vigor dende 2018 vén regulado na propia Lei 3/2007 de prevención de incendios de Galicia. Engloba á Consellería de Medio Rural, á Federación Galega de Municipios e Provincias e á empresa pública SEAGA como órgano instrumental para a execución dos traballos de mantemento nas faixas. Actualmente agrupa a 273 dos 315 Concellos de Galicia e conta cun orzamento anual de 12.250.000 euros. As intervencións que contempla este convenio para os concellos adheridos son de dous tipos:
  1. Execucións subsidiarias en parcelas de descoñecidos e propietarios que non compren en prazo e forma as súas obrigas de xestión. Hai un tope de 10 ha por concello, polo que esta parte do Convenio interviría en 2.730 ha.
  2. Execucións a través de convenio con persoas propietarias para a execución dos traballos de mantemento, unicamente nas 154 parroquias clasificadas como prioritarias, e que suman 10.287 ha totais, das que 1.378 ha (13 % do total) subscribiron convenio os seus propietarios a través dos concellos, para a roza das súas faixas, a un custo bonificado para as persoas propietarias de 350 euros/ha.
Na actualidade, apuntan as asociacións de propietarios, só se lle está a dar unha solución de xestión pública ás faixas de 154 parroquias declaradas de alta prioridade polo risco de incendio. Nestas parroquias, os propietarios poden acceder a unha roza dos seus terreos a un prezo bonificado de 350 euros / hectárea, que se pode estimar, como media, que representa un 25-30% do prezo real dos traballos. “Esta situación representa unha grave discriminación en relación ó resto de propietarios e comunidades de montes veciñais de Galicia, polo que cómpre que a Xunta busque unha solución de xestión pública para o conxunto de faixas de seguranza”, pecha a Asociación Forestal de Galicia.

Acusan á Xunta de “criminalizar á sociedade” polos lumes forestais

Outro colectivo que se pronunciou por medio dunha nota de prensa contra o anteproxecto da Lei de Loita Integral contra os Incendios Forestais é a Organización Galega de Comunidades de Montes, que considera que a Consellería do Medio Rural está a criminalizar á sociedade, e en particular ás comunidades de montes, ante posibles incendios. “O anteproxecto da Lei especifica que as comunidades de montes poden ser sancionadas cando se produza un lume nas súas terras, aínda que o lume sexa provocado por terceiros”, argumentan. En lugar dun sistema baseado en sancións, a Organización Galega de Comunidades de Montes propón que a Consellería impulse medidas para promover un monte veciñal multifuncional e chama a combatir o que considera causas estruturais dos lumes: “monocultivos forestais con especies de crecemento rápido, desordenación das masas boscosas ou abandono do rural e despoboación, entre outras”. Outra cuestión na que incide a Organización Galega de Comunidades de Montes -tamén advertida polo Colexio de Xornalistas de Galicia- é a posible limitación á liberdade de información que introduciría a nova Lei. “O anteproxecto semella apuntar implícitamente ós datos oficiais da Administración como única fonte posible en materia de superficies queimadas”, advirte o Colexio de Xornalistas. O texto establece que se perseguirá a comunicación de “feitos e datos falsos” sobre os incendios, pero queda na indefinición o que se poden considerar feitos e datos falsos.

A Asociación Forestal de Galicia aposta por crear agrupacións para superar o minifundismo no monte

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) celebrou este sábado o seu XXXVI Asemblea Xeral no Pazo de Mariñán de Bergondo, na Coruña, na que se abordou a aposta da entidade pola creación de agrupacións de xestión conxunta do monte para garantir a sustentabilidade. No acto, ao que acudiron propietarios forestais e representantes de comunidades de montes veciñais de toda Galicia, os presentes fixeron balance da actividade da asociación no último ano, así como das liñas de traballo en marcha. Na cita abordouse a creación destas agrupacións de xestión conxunta do monte como vía para superar os problemas derivados do minifundio, así como garantía de sustentabilidade. En concreto, a entidade xa iniciou a creación de cinco proxectos de xestión conxunta nas provincias da Coruña e Pontevedra, e ten máis iniciativas en fase inicial na Mariña lucense e na costa coruñesa, estas últimas en colaboración con asociacións locais de produtores de madeira de eucalipto (Promas). A AFG destacou que as agrupacións de xestión conxunta son un instrumento definido na Lei 11/2021 de recuperación da terra agraria de Galicia. Trátase dunha figura orientada a promover, de forma voluntaria, o manexo conxunto de superficies forestais dun mínimo de 10 hectáreas, sen reestruturación da propiedade. Con este instrumento, búscase superar os problemas derivados do minifundio, de face a garantir montes máis sustentables, avanzar cara a unha silvicultura máis profesional, con economía de escala e cunha planificación forestal e ambiental do territorio. Para que a posta en marcha das agrupacións de xestión conxunta poida ser plenamente efectiva, a Asociación Forestal de Galicia sinala que é necesario que a Xunta concrete tanto o proceso administrativo a seguir como as axudas que convocará para fomentalas. Por outra banda, a Asociación insistiu na necesidade de emendar os numerosos erros que presenta o Catastro, ao asegurar que dificulta a identificación de propietarios e parcelas, o que converte a creación de agrupacións de xestión conxunta nunha tarefa "titánica". Outro dos focos da asemblea situouse nas necesidades estratéxicas do sector, desde a óptica dos propietarios forestais e as comunidades de montes sociais, como a mellora da fiscalidade forestal e o financiamento da actividade silvícola, o aumento do apoio público aos montes en rede natura e o enfoque da investigación forestal nas necesidades do sector. Ademais, reclama adaptar a normativa da loita contra os incendios forestais á realidade social e urbanística de Galicia, "sen impor penalizacións e cargas excesivas sobre os propietarios forestais".

Os piñeirais dunares da costa galega resisten o cambio climático

Os piñeirais ubicados en zonas dunares da costa son a primeira diana do cambio climático, pois o solo areoso repercute nunha menor dispoñibilidade de auga. Co aumento de secas máis prolongadas, no sur de Europa estase constatando unha maior mortandade nos piñeirais da liña de costa, como sucede por exemplo en Cataluña. Sen embargo, en Galicia polo de agora as masas de coníferas de zonas dunares están resistindo ben o cambio climático, segundo as conclusións do proxecto ForManRisk. A iniciativa ForManRisk, na que participan numerosas entidades do sur de Europa, analizou a actual situación dos piñeirais dunares costeiros, entre eles os galegos, así como da evolución dos montes de coníferas do interior. O cambio climático non só agrava o estrés hídrico dos bosques durante o verán, senón que empeora outros riscos asociados, como lumes, pragas e enfermidades. Ante esta situación, o sector buscou desenvolver no proxecto ForManRisk ferramentas para a prevención de riscos nos bosques. Pola parte galega, participou a Asociación Forestal de Galicia, en colaboración co Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Resiliencia dos piñeirais costeiros de Galicia En Galicia, os traballos centráronse en 10 bosques piloto da costa atlántica, 6 piñeirais dunares e outros 4 de interior. Se ben noutras áreas do proxecto, como Cataluña, constatouse unha alta mortandade das plantas de coníferas na rexeneración dos piñeirais en dunares, no caso galego polo de agora non se observaron eses problemas de mortandade e seca das plantas, polo que se espera que os piñeirais da costa poidan seguir mantendo unha boa rexeneración natural. É de salientar ademais que os piñeirais costeiros de Galicia acollen con frecuencia un alto uso social, incluso albergando áreas recreativas e cámpings. O proxecto observou que esta actividade social é compatible coa rexeneración e mantemento do arborado.

‘Rewilding’ de areas nos piñeirais dunares?

No ámbito dos piñeirais dunares e de liña de costa, un asunto candente son algunhas decisións que están tomando as Administracións ambientais para eliminar masas forestais, como é o caso de Corrubedo, onde a Consellería de Medio Ambiente comezou a actuar no 2022 para erradicar o piñeiral que se atopa a uns centos de metros da gran duna. No caso de Corrubedo e noutras accións similares en zonas costeiras, o obxectivo declarado é o de lograr unha ‘renaturalización’ do ecosistema inicial, con maior espacio para as areas e para as especies herbáceas e de fauna asociadas ás areas. Ese ‘rewilding’ (restauración ecolóxica baseada na renaturalización) é visto con escepticismo polo sector forestal, que lembra que os piñeirais de zonas dunares asentáronse a finais do século XIX e primeira metade do XX cun obxectivo utilitario -non só produtivo-, como era precisamente o de frear o avance das dunas. Hoxe en día, cumpren ademais unha función ambiental, con fauna e floras asociadas, e presentan a singularidade de acoller un alto uso social, en especial no verán. En tanto en Corrubedo se decidiu reducir a zona de piñeiral no seu Parque Natural, outros espazos protexidos do Eixo Atlántico, como o Parque Natural das Dunas de San Jacinto (Aveiro, Portugal), optan pola preservación da súa masa de coníferas como parte capital do ecosistema da Reserva, no que se combinan distintos hábitats (dunas móbiles, fixas e área forestal). E en Cataluña, a Administración ambiental centra a súa preocupación en como conservar piñeirais dunares que presentan unha alta mortaldade. Volvendo a Galicia e deixando a un lado Corrubedo, un percorrido por zonas de Rede Natura da costa permite constatar algúns dos dilemas que plantexan os piñeiros en diferentes áreas dunares e marismas. Nesta imaxe da área dunar da Praia das Furnas (Porto do Son), preto da lagoa pequena de Xuño, vese como os piñeiros adentráronse nunha zona que ata hai uns anos estaba rasa, con vexetación dunar, como proba o observatorio ornitolóxico alí situado e que agora ten a súa vista trabada polos piñeiros. Unha de dúas, ou sobran os piñeiros ou colocouse mal o observatorio ornitolóxico. Se nas Furnas, eses piñeiros poden estar de máis, na marisma de Carnota preséntase un caso que podemos calificar de inverso, o dun piñeiral afectado por un lume que se está rexenerando con eucaliptos dun xeito ‘natural’. Semella que aquí si cumpriría unha intervención de Administración e/ou propietarios para impulsar unha boa rexeneración do piñeiral, un ecosistema que semella encaixar mellor a nivel ambiental e social coa marisma, visitada cada ano por decenas de miles de persoas. Eucaliptos colonizando o piñeiral da marisma de Carnota, nunha imaxe do 2020. / Arquivo. A axeitada xestión das masas por parte dos seus propietarios é outro dos retos, de cara a garantir unha boa conservación dos piñeirais costeiros, así como ecosistemas máis resilientes ó lume e ás enfermidades, pois masas como esta, a uns metros da liña de costa das Furnas, representan un potencial niño de problemas pola falta de rareos e podas.

Árbores máis resistentes á seca

O papel da Asociación Forestal de Galicia no proxecto ForManRisk incluíu tamén a toma de mostras e medicións ‘in situ’ nas masas de coníferas, en colaboración co INRAE de Francia (Institut National de Recherche pour l’Agriculture, l’Alimentation et l’Environnement), que analizou piñeiros de todo o sur de Europa para comparar a súa resistencia ao estrés hídrico e atopar poboacións que poidan ser empregadas no marco dun proxecto de mellora xenética, de cara a obter montes máis resilientes ó cambio climático. Guía transnacional de boas prácticas Do mesmo xeito, a Asociación Forestal de Galicia colabora na edición dunha guía transnacional de boas prácticas, pois no marco do proxecto desenvolvéronse diferentes ensaios para mellorar a rexeneración e supervivencia dos piñeiros, con distintos métodos de plantación e materiais. Outros traballos realizados no proxecto No proxecto, que contou para a súa realización con fondos FEDER do programa Interreg Sudoe, realizáronse ademais outra serie de traballos, como os seguintes: • Office National des Forêts. A ONF francesa desenvolveu un sistema de información xeográfica para obter un mapa detallado das Obrigas Legais de Desbroce a nivel municipal, cun desglose das superficies a desbrozar en cada propiedade. A diferenza do caso galego e portugués, a roza das faixas de protección existentes a redor de urbanizacións son responsabilidade da comunidade de veciños residentes na mesma e non do titular do monte afectado. • Instituto Mediterráneo del Corcho (ILM). Puxo a punto un método para medir as afeccións do cambio climático na sobreira e noutras especies. • Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD). Instalou tres parcelas piloto para estudar a rexeneración natural do piñeiro bravo (dúas parcelas) e da sobreira (1 parcela). • Gistree. A empresa traballa na posta en marcha dun sitio web para compartir a información xeográfica producida ao longo do proxecto e para permitir tamén simulacións sinxelas de lumes, en torno ás parcelas piloto do proxecto. • Centre de Ciència i Tecnologia Forestal de Catalunya (CTFC). Esta entidade centrou os seus esforzos na rexeneración dunha duna continental (200 hectáreas) que ten unha orixe humana, pois plantouse con piñeiros a finais do século XIX co obxectivo de fixar a duna. O piñeiral ten hoxe en día 130 anos e un importante uso social. Nos últimos tempos, o Pinus pinaster está a sufrir unha morte progresiva das árbores adultas, algo que se atribúe ó cambio climático, sen que haxa unha suficiente rexeneración natural. O proxecto está a valorar outras especies para esta rexeneración, como o piñeiro carrasco e o piñoneiro. • Sociedad Aragonesa de Gestión Agroambiental (SARGA). Desenvolveu unha aplicación que contribúa a tomar decisións silvícolas para a prevención de grandes incendios forestais. • Diputación Provincial de Ávila. Plantou catro bosques piloto de piñeiro silvestre e de aziñeiras para analizar o seu desenvolvemento nun contexto de cambio climático.

Propoñen unha mellora da fiscalidade forestal

A Asociación Forestal de Galicia vén de celebrar esta mañá a súa XXXV Asemblea Xeral no Pazo de Toubes, en Cenlle, un acto ó que acudiron propietarios forestais e representantes de comunidades de montes veciñais de toda Galicia. A xornada serviu para poñer de manifesto algunhas das propostas que teñen os silvicultores para mellorar a xestión do monte. En concreto, a Asemblea aprobou dúas resolucións sobre cuestións que os propietarios consideran prioritarias: a mellora da fiscalidade forestal e a actualización do Catastro de Rústica.

Sobre a fiscalidade, a Asociación Forestal de Galicia ten principalmente tres propostas:

1. Permitir que tódolos propietarios forestais tributen as vendas de madeira no Réxime de Estimación Obxectiva (módulos).

A actual fiscalidade forestal penaliza os aproveitamentos forestais de turnos longos, é dicir, cando as árbores teñen unha quenda de corta superior ós 30 anos, como é o caso dos piñeiros e das frondosas caducifolias.

En aproveitamentos de turnos longos, aqueles propietarios que estean no Réxime de Estimación Directa -por exemplo, a gran maioría das persoas autónomas-, pagan ata catro veces máis impostos no Imposto da Renda que as persoas que estean no Réxime de Estimación Obxectiva (como os traballadores por conta allea).

O problema de fondo é que os propietarios que tributan no Réxime de Estimación Directa están a tributar por un beneficio fiscal moi superior ó real.

Dáse o contrasentido de que estes propietarios pagan máis canto máis se alonga a quenda de corta, cando na práctica, a taxa de retorno de investimentos dos piñeirais e das plantacións de frondosas é menor que nas especies de crecemento rápido.

Esta é unha circunstancia que a AFG entende que desincentiva as plantacións de especies de turno longo, polo que, conxuntamente coa Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE), iniciou xestións ante o Goberno para modificar a fiscalidade. Os silvicultores piden que tódolos propietarios forestais particulares poidan tributar a súa actividade forestal no Réxime de Estimación Obxectiva.

2. No caso dos montes veciñais e empresas que tributen no imposto sobre sociedades, proceder a unha exención parcial do imposto nos aproveitamentos forestais de quendas de máis de 30 anos.

Esta medida, igual que no caso anterior, introduciría maior xustiza fiscal e aportaríalle maior atractivo económico ás plantacións de frondosas caducifolias (castiñeiros, cerdeiras, carballos, etc.) e de coníferas.

3. Establecer deduccións no IRPF de entre o 20% e o 40% dos investimentos feitos no monte.

A deducción do IRPF incentivaría os traballos de mellora e restauración dos montes permitindo una deducción do 20% do custe deses traballos, deducción que se duplica no caso de investimentos en masas de carácter protector.

Catastro de Rústica

Outra das actuacións prioritarias que contribuiría á mellora da xestión forestal é a actualización do Catastro de Rústica. O actual Catastro está desactualizado e contén numerosos erros, o que dificulta todo tipo de actividades forestais (cortas, solicitude de axudas, etc.).

Un momento da Asemblea da Asociación Forestal de Galicia.

A situación do Catastro é ademais un obstáculo claro para a posta en marcha de agrupacións conxuntas de xestión forestal, que contribúan a solventar os problemas derivados do minifundio. Os erros do Catastro dificultan a identificación de propietarios e parcelas, o que converte calquera proxecto de agrupación nunha tarefa titánica.

A Asemblea da AFG acordou emprazar ás Administracións a poñer en marcha unha urxente revisión do Catastro, a fin de actualizalo e de resolver os problemas que presenta.

Tralo remate da Asemblea, as arredor dun cento de persoas participantes compartiron unha comida de confraternidade e á tarde unha parte desprazáronse ó bosque de Ridimoas (Beade), onde se programou unha visita a este espazo singular orientado á conservación.

Imaxe de grupo das persoas participantes no evento.