Validan con éxito en Galicia un test rápido de preñez a partir de mostras de leite

O CIAM e o LIGAL validan un test rápido de preñez a partir de mostras de leite, dentro do Proxecto Climate Neutral Farms

Persoal do CIAM recollendo mostras de leite nunha das gandarías participantes. Foto: CIAM/LIGAL

Persoal do CIAM recollendo mostras de leite nunha das gandarías participantes. Foto: CIAM/LIGAL

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL) e o Laboratorio Interprofesional de Análise do Leite (LIGAL) están validando un test rápido, que a partir das mostras que rutinariamente recolle o LIGAL, permite tamén detectar cunha ampla porcentaxe de acerto a preñez das vacas. O ensaio realízase dentro do proxecto europeo Climate Neutral Farms, coordinado en España polo CIAM-AGACAL.

O test, que de momento se está realizando de forma experimental, prevese que entre a formar parte da oferta de servizos do LIGAL ás gandarías nun futuro dependendo da demanda existente.

“O obxectivo deste test é reducir os días abertos involuntarios, que segundo os estudos realizados en España en gandarías de vacún de leite, sitúanse entre o 10 e o 12% das vacas inseminadas, pero cunha ampla variación entre gandarías, desde o 3,5 até o 26,3%, o que representa unha importante perda económica para as granxas”, explica César Resch Zafra, investigador do CIAM-AGACAL.

Resultado de preñez en 24 horas

O diagnóstico de preñez en laboratorio con mostra de leite baséase na detección de presenza de glicoproteínas, un tipo de proteína asociado á xestación.

O protocolo que se segue por parte do CIAM-AGACAL e do LIGAL nas granxas que participan no estudo é o seguinte: Técnicos do CIAM visitan as granxas cada catro meses e, de acordo co gandeiro, seleccionan as vacas a mostrear entre aquelas supostamente diagnosticadas con preñez positiva: Vacas a entre 28 e 90 días desde a inseminación (aproximadamente o 15% das vacas adultas nunha gandaría de vacún de leite).

Posteriormente recóllese unha mostra de leite de cada animal (50 ml) e envíase ao laboratorio para a súa análise polo LIGAL que en 24 horas entrega ao gandeiro o resultado do test de preñez, ademais dos resultados de análise física químico do leite.

Alta fiabilidade do test

Fonte: CIAM/ LIGAL

Fonte: CIAM/ LIGAL

A fiabilidade do test é moi elevada. Das 541 mostras que se analizaron o test de preñez en leite detectou que en 22 casos (o 6,1%) as vacas non estaban preñada. A continuación, realizouse de novo a comprobación en granxa por parte de veterinarios sobre eses animais e a porcentaxe de acerto foi do 100%.

O test tamén detectou 14 casos de vacas de preñez dubidosa, que tras a pertinente contraanálise na explotación concluíu que 10 estaban preñadas e 4 estaban baleiras.

En canto aos 505 casos de vacas que o test diagnosticou como positivas a preñez, na análise posterior acertou en 498, mentres que 7 non o estaban, o que se pode explicar por vacas que abortaron un día ou dous antes, e que por tanto aínda tiñan presenza de glicoproteína en leite.

“O test está a funcionar moi ben, é eficaz, rápido e asequible e supón un importante avance para reducir o número de días abertos involuntarios en gandarías de vacún de leite, e por tanto axuda a mellorar a eficiencia e a rendibildiade da granxa”, conclúe César Resch.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información