Casa Gallardo, unha gandería premiada pola calidade hixiénico-sanitaria do seu leite

Antonio Sufuentes e Esther Vázquez rexentan esta gandería familiar no concello de Guntín que emprega serrín nas camas e está por baixo das 100.000 células somáticas e das 10.000 unidades formadoras de colonias en bacterioloxía. Cóntannos como traballan

Esther, Antonio e Yoel, o seu sobriño, que esta tempada estivo botándolles unha man na explotación

Esther, Antonio e Yoel, o seu sobriño, que esta tempada estivo botándolles unha man na explotación

A historia de Casa Gallardo, en Vilarmao (Guntín), é a historia de moitas outras explotacións familiares galegas, que fixeron un importante esforzo nos últimos anos por ir adaptando as súas instalacións e mellorando o manexo do gando até acadaren niveis de excelencia na calidade do seu leite, algo que non está condicionado polo tamaño da gandeiría. 

En Casa Gallardo teñen neste momento 100 cabezas totais, a metade delas en produción. As limitacións de espazo no establo obrígaos a sacar o máximo partido a cada animal e con 35 hectáreas de superficie agraria adicadas a pradeira foron adaptando a súa ración, a base de herba e bagazo de cervexa, para lograr litros sen perder calidades. 

Outro dos cambios que introduciron nesta explotación, que xestionan Antonio Sufuentes e a súa muller Esther Vázquez sen contratación de axuda externa, foi a substitución do carbonato por serrín nas camas, un material que lles está a dar bos resultados, como demostran as analíticas, con niveis inferiores a 100.000 células somáticas e por baixo das 10.000 unidades formadoras de colonias en bacterioloxía. 

Estas cifras servíronlle a esta gandería familiar de Guntín para lograr o pasado mes de novembro o Premio Exceleite, outorgado pola Xunta en base ás análises realizadas polo Ligal. “Para nós foi unha sorpresa, non sabiamos nin que había ese premio. De feito, o día que nos comunicaron que estabamos seleccionados mandáronme da Consellería unha mensaxe ao móbil, pero tiña aquí o saneamento e nin caso lle fixen”, lembra Antonio, que lle resta importancia ao galardón en si pero ao mesmo tempo admite: “gústache que che recoñezan o traballo, nós sempre procuramos facer as cousas ben, así que motiva para seguir e non deixa de ser unha honra nese sentido”.

Da carne ao leite

En Casa Gallardo sempre houbera vacas, pero a explotación estaba enfocada fundamentalmente á produción de carne con animais de raza rubia galega. “Meus pais tiñan vacas rubias, eu traballei fóra moitos anos e cando nos casamos decidimos coller a explotación e cambiar as vacas rubias por vacas pintas. Na produción de leite empezamos case de cero, porque non tiñamos cota e tivemos que mercar. O último ano de vixencia do sistema de cotas aínda invertimos un bo capital, pois compraramos 90.000 de cota ese ano, xusto antes de que desapareceran. O problema do campo é que sempre estivemos autoenganándonos, porque nós xa vendiamos algo de leite das rubias pero cando foi de establecer as cotas non se comunicara e despois á hora da verdade, esa produción de leite non figuraba”, lembra Antonio.

O problema do campo é que sempre estivemos autoenganándonos

El incorporouse no 1999 e naquel momento tomou a decisión de aproveitar as instalacións coas que xa contaba, pero iso obrigouno a ter que realizar continuas reformas no establo nestes trinta anos. “Empezamos cos animais trabados e sen sala, cunha muxidora de cántaro. Quixeramos aproveitar o establo das vacas rubias, que tiña capacidade para 15 animais. Deixamos o centro para o pasillo de alimentación e ampliamos para o lado. Tiramos as paredes exteriores e metimos os cubículos. Os tellados son os que había, pero o resto reformámolo todo e fixémolo todo nós, con man de obra da casa”, resume Antonio.

“Foi unha mágoa non ter empezado de novo nunha finca aí abaixo”, lamenta hoxe Esther. O seu home está dacordo pero xustifica que “daquela estabas moi limitado pola cota”. “Dicían que era para manter os prezos, pero eu non estou dacordo, porque cando estabamos no réxime de cotas tamén tiveramos anos de prezos baixos. Agora tamén os hai, pero polo menos podes producir”, di. 

Traballar máis cómodo

Desde novembro botan serrín nas camas pero non dispoñen de limpeza automática

Desde novembro botan serrín nas camas pero non dispoñen de limpeza automática

Aquela decisión de aproveitar o que xa había segue condicionando a día de hoxe o funcionamento da gandeiría e a comodidade á hora de traballar nela. Ademais dos problemas de espazo, que lles impiden aumentar o número de animais, non contan por exemplo con limpeza automática, que é a próxima reforma que teñen en mente. “Adaptar un establo coma este para arrobadeiras é difícil. Xa lle levo dado moitas voltas a como facelo pero non é doado. Primeiro, para facer as obras xa tes que botar as vacas fóra e xa perdes produción porque as vacas non queren cambios”, razoa.

Relevo non hai e para nós chéganos. Non temos previsto ampliar, simplemente modernizar un par de cousas e nada máis

En Vilarmao foron pouco a pouco pechando todas as explotacións de leite que había e Casa Gallardo non conta tampouco a priori con relevo. “Temos dúas fillas pero están xa traballando, buscaron outra alternativa, así que relevo non hai e para nós chéganos. Non temos previsto ampliar, simplemente modernizar un par de cousas para traballar máis cómodo e nada máis”, indica Antonio. Recoñece, con todo, que “cando chegue ese momento de pechar seguro que me vai doer”. 

35 hectáreas de superficie

A explotación conta cunha superficie agraria dunhas 35 hectáreas, a metade delas en arrendo, situadas nun radio duns 3 quilómetros. “Nesta zona quedamos nós sós. No que é este pobo xa levamos nós todas as fincas practicamente e hai xente das parroquias do lado que deixaron as vacas e que che pide que lles leves as fincas pero non damos feito ao ser dous sós e se metes un empregado xa tes que ampliar e logo ademais que non é doado atopar”, explican. 

Esta tempada de confinamento pasouna con eles o seu sobriño e afillado Yoel, que lles botou unha man en toda a campaña do ensilado. “Aquí traballo sempre hai, porque o traballo agrario facémolo tamén todo nós. Aquí non notamos o confinamento niso, e cadrando en plena campaña menos. Pero aínda así eu non o cambio, porque ter que estar metido dous meses nun piso sen saír ten que ser fastidiado”, opina Antonio. 

Maquinaria propia para non depender de empresas externas

No último ano mercaron un tractor e unha cistarna nova

No último ano mercaron un tractor e unha cisterna

Casa Gallardo é tamén autosuficiente en canto á maquinaria. Ten catro tractores, o último mercado esta mesma primavera, un CASE IH 135, “e nas campañas non folga ningún, fan falta todos”, din. Contan ademais con carro mesturador (enganchado ao tractor vello da casa), todos os aperos necesarios para segar, xuntar e enrolar a herba e unha cisterna para botar o purín mercada tamén este ano e que ven xa adaptada para poder incorporar inxectores cando a normativa obrigue a usalos no canto dos sistemas de prato habituais. 

Pero sen dúbida, a máquina que máis traballa na gandería é unha telescópica pequena, a primeira vendida en España deste modelo, que en 5 anos acumula xa máis de 5.000 horas. “Facémoslle 1.000 horas por ano, xa ten as rodas lisas, traballa día e noite, anda seguido, usámola para limpar o establo, para gradar as camas, para sacar o esterco, para botar no carro todos os elementos da ración”, enumera Esther. 

Ensilan toda a herba en rolos

Nesta explotación pararon de cultivar millo hai uns 5 anos porque “para botar para o xabarín é mellor non sementar”, afirma Antonio. Iso obrigounos a recompoñer a ración incrementando en 2 quilos máis a fariña de millo, que pasou de 5 a 7 quilos. “Non notei nada na calidade do leite nin na saúde das vacas, no meu corpo si, e nos tractores tamén”, argumenta, porque “na época de sementar o millo andabas tolo para ensilar a herba e preparar as terras e despois estabas en tensión constante porque había que pechar as fincas e vixiar o peche a diario para que non che entraran, así que hoxe penso que os xabaríns até me fixeron un favor, porque vivo máis despreocupado”, ri.    

Para botar para o xabarín é moito mellor non sementar millo

Protexen os rolos cunha rede para evitar que os furen os paxaros ou outros animais

Protexen os rolos cunha rede para evitar que os furen os paxaros ou outros animais

Desde fai dous anos ensilan toda a herba en rolos, un sistema ao que lle ven vantaxes. “Para nós é máis cómodo, ensilamos nós sen depender de ninguén e a calidade é mellor porque colles as fincas según van vindo, e tamén é mellor a conservación porque estás abrindo un silo novo todos os días”, argumenta Esther.

Fan uns 1.200 rolos ao ano entre herba seca e silo e, ademais de buscar o momento óptimo de recollida para lograr unha calidade óptima, procuran manter as forraxes en bo estado até o momento de consumilas. A herba seca téñena nunha palleira que fixeron nova co sistema de invernadoiro e ao silo bótanlle unha malla por enriba para protexelo de posibles picaduras.  

Ao non ter silo de millo tes que coidar moito o silo de herba

Hai tres anos que mercaron unha rotoempacadora que é tamén picadora, para poder empregar o silo dos rolos no carro. Usan dous rolos cada día e mesturan ensilaxes de calidades distintas para que non haxa cambios ao longo do ano e a ración sexa o máis homoxénea posible. “O bo dos rolos é que podes mesturar dous silos, podes coller un rolo da primeira corta de herba deste ano, que é forraxe máis tenra e máis húmida, e un das últimas cortas do ano pasado, que é herba máis seca e máis fibrosa, deste xeito logras unha mestura homoxénea todo o ano. De feito, nós levamos dous anos sen meter seco no carro, nin herba seca nin palla”, explica Antonio.

O bo dos rolos é que che permite mesturar distintas calidades de ensilaxe para que a ración sexa homoxénea todo o ano

“Ao non ter silo de millo tes que coidar moito a calidade do silo de herba e cos rolos abres silo novo todos os días, nos de trincheira empezas hoxe un silo e está moi bo durante un mes, pero despois polas beiras xa empeza a perderse. Antes faciamos unha pila de abono dos desperdicios que tiñas, agora nada”, asegura.    

Bagazo de cervexa na ración desde fai máis de 20 anos

bagazo cervexa1

Sen o silo de millo na ración, o silo de herba é o protagonista da alimentación do gando nesta explotación xunto co bagazo de cervexa. Hai xa máis de 20 anos que o empregan. Tráeno de Portugal, da Super Bock e Antonio aínda lembra a aventura que foi conseguilo. “Hai máis de 20 anos que o usamos, aínda non existía o euro. Comezamos traendo o bagazo de cebada da Mahou de Madrid, porque Estrella Galicia daquela tiña pouca produción e só tiña un cupo para os gandeiros da zona. Coa Mahou pasaba un pouco igual, no verán tiñas o bagazo que quixeras porque facían máis cervexa, pero no inverno non cho servían porque o acababan repartíndoo na zona máis próxima, así que un día marchamos tres daquí á aventura a Oporto en busca da fábrica da Super Bock. Preguntando por alí demos con ela pero non nos querían vender, até que lles dixemos que pagabamos a mercancía diñeiro en man. Fomos os primeiros aos que serviron en España”, recorda Antonio.

A día de hoxe terían posibilidade de conseguir o bagazo de cervexa máis perto, pero en Casa Gallardo consideran que a calidade non é comparable. “De prezo sáenos un pouco máis caro, pero a calidade é superior, non merma nada porque ven máis seco e ten máis proteína”, din.

Co bagazo de cebada fas unha ración super barata pero se tiras moito do bagazo hai leite pero non hai graxa, que cae moito

O problema do bagazo de cebada, igual que o de outros subproductos industriais como a pulpa de remolacha, é que “é bastante inestable no verán”. “Hai que ter moito coidado con sellalo e tapalo ben e á hora de facer os cortes”, asegura Antonio. Nesta explotación traen unha bañeira con 27.000 quilos de bagazo de cebada e ensílano en trincheira. Dúralles un mes.

“Co bagazo de cebada fas unha ración super barata pero se tiras moito do bagazo hai leite pero non hai graxa, cae moito”, explica Antonio. “Nós durante moito tempo estivemos só con silo de herba, 20 quilos de bagazo de cervexa e fariña de millo pero non subiamos do 3,40 de graxa. Cando as industrias comezaron a esixir calidade baixamos ao bagazo e foi cando introducimos a pulpa e a colza. A pulpa introducina con idea de subir á graxa e o que me sube é a proteína, téñoo moi comprobado”, conta. 

Non empregan concentrado

A ración a día de hoxe téñena estabilizada en 30 quilos de silo de herba, 7 quilos de bagazo de cebada, 7 quilos de fariña de millo, 3 quilos de colza e un quilo e medio de pulpa de remolacha seca granulada. “Non gastamos penso, traballamos todo con materias primas, que mercamos a distintos proveedores”, explican. 

Non gastamos penso, traballamos todo con materias primas

Ademais do bagazo da Super Bock, empregan millo e colza que lles sirve Almacenes Chaos Montero de Sarria e pulpa de remolacha da cooperativa Aira. O feito de non consumir todos os insumos de Aira penalizábaos na entrega do leite, polo que desde fai ano e medio cambiáronse a Reny Picot, con quen xa traballaran había moitos anos. 

“Dabamoslle o leite a Reny Picot fai moito tempo. Despois sempre entregamos á cooperativa, primeiro a Planmiño e logo a Agris (xurdida no 2004 da fusión de Fricoaga de Friol, Leitulla de Palas de Rei e Planmiño de Lugo e agora integrada en Aira). En Agris estabamos moi contentos, eramos todos unha familia, unha piña, e podías opinar. Agora seguimos sendo socios de Aira pero xa non entregamos o leite á cooperativa porque non nos parece de recibo que nos penalicen no prezo do leite por non mercar o penso a Aira”, argumenta Antonio.  

Recría de sobra e secado curto

A recría e as secas dispoñen dun patio con comedeiros

A recría e as vacas secas dispoñen dun patio con comedeiros

A produción de Casa Gallardo neste momento é de 3.400 litros cada dous días, cun 3,72% de graxa e un 3,28% de proteína, o que supón unha media diaria de 34,5 litros por vaca. Moxen dúas veces ao día, ás 8 da mañá e da noite, e non barallan a instalación dun robot de muxido polo importante investimento que supón. 

Ao dispor dun espazo limitado no establo non teñen capacidade para incrementar o número de cabezas e a súa estratexia baséase en sacar o máximo partido ás vacas que muxen en cada momento. “Temos que aproveitar as lactacións, polo que facemos un secado curto de 45 días, porque non temos sitio para máis vacas no establo”, explica Antonio. “As secas témolas fóra só co que comen nos comedeiros”, conta.   

Temos que aproveitar as lactacións, polo que facemos un secado curto de 45 días, porque non temos sitio para máis vacas no establo

Tamén nas xovencas o proceso de recría se completa fóra. Unha vez destetadas as becerras abandonan os boxes e pasan a unha corte onde están estradas, pero a partir dos sete meses saen a un patio a carón da explotación no que contan con comedeiros para herba seca e silo de herba, que teñen a discreción. “A maiores diso metémolas á noite e fágolles unha ración para elas no carro con bagazo, herba seca e fariña de millo para complementar a herba que comen nos comedeiros”, indica. 

Sempre temos xatas de sobra e por iso non aguantamos moito as vacas

Contan con recría de sobra para as necesidades da explotación e iso permítelles maior liberdade á hora de facer os descartes. “Poñemos cruce a algo menos da metade das vacas e o resto recriamos todo cando sae femia. Non usamos seme sexado, só puxemos unha tempada, durante 8 meses, porque ese ano cadrada que nos saíran moitos xatos e decidimos poñer sexado para asegurar recría dabondo. Pero non me convenceu, penso que as xovencas de sexado son máis débiles, ou polo menos aquí aguantáronnos menos tempo no establo que as outras”, argumenta.

Até o terceiro parto as vacas non acostuman dar problemas, despois moitas veces xa as tes que aguantar a base de máis gasto

A lonxevidade nesta gandería é de entre 3 e 4 partos de media, aínda que moitas veces teñen que facer sitio no establo para as xovencas próximas ao parto, o que os obriga a mandan vacas ao matadoiro que poderían seguir dando leite. “Sempre temos xatas de sobra e por iso non aguantamos moito as vacas. Até o terceiro parto as vacas non acostuman dar problemas, pero despois moitas veces xa as aguantas a base de máis gasto”, xustifica. 

Seme canadense e de Fontao

Con todo, Antonio opina que “a produción estar está nas vacas máis que nas primeirizas, iso nótase ben no tanque, aínda que coa xenética estase mellorando moito na produción de leite das xovencas ao primeiro parto”, di. “Eu cada vez selecciono máis e busco durabilidade porque antes aínda sacabas algún carto dos descartes, nós mandamos a través dun tratante para Frigoríficos Bandeira, pero agora a raíz do coronavirus o prezo baixou moito e as vacas gordas páganas ao prezo das delgadas”, lamenta. 

Antes aínda sacabas algún carto dos descartes, pero a raíz do coronavirus o prezo baixou moito e as vacas gordas páganas ao prezo das delgadas

Casa Gallardo leva “moitos anos, desde que nos pasamos ás vacas de leite” mercando seme canadense e traballa co programa de acoplamento Optimate de Semex, que lle permite chegar até a 7ª xeración. “Meto algún touro de Fontao tamén, pero a maior parte do que poñemos é seme canadense”, conta. 

Introdución de serrín nas camas

O último dos cambios no manexo que fixeron Antonio e Esther foi a substitución do carbonato por serrín na cama das vacas en produción. “Levabamos moito tempo usando carbonato, que é un material moi bo pero que apelmaza moito. Cambiamos a serrín en novembro pasado e estamos moi contentos. Ao principio botábanos para atrás o cambio por medo a ter máis problemas de mamite e empezamos a probalo na recría e nas parideiras e a mesturalo con carbonato nas camas das vacas en produción por medo, pero agora xa empregamos serrín só e vainos ben”, explica Esther. 

Os poucos problemas de mamite que tiñan nesta gandería resolvéronos cun pequeno cambio no sistema de muxido na sala. “Usabamos as pezoneiras orixinais da casa pero dábannos problemas e cada vez que as renovabamos saltaban casos de mamite. Pero desde que nos pasamos ás pezoneiras triangulares acabáronse os problemas de mamite que tiñamos de vez en cando”, conta Antonio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información