Casa Codesal é unha das ganderías de referencia en España en vacún de leite en ecolóxico. Esta explotación familiar, situada no concello lucense de Friol, destaca por ser unha das que mellor manexo realiza do gando e do pastoreo en España, reducindo notablemente o uso de concentrado, e polo tanto os custos de produción.
Son numerosas as visitas técnicas a esta gandería, a última durante a reunión de primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, e chama a atención que case todas elas comezan polo máis importante: un taboleiro onde está exposto o mapa das parcelas da explotación. É o calendario de rotación de pastoreo, onde se anota a onde deben ir pacer as vacas cada día, así como a programación de cortas de herba e de abonado das pradeiras. E é que en Casa Codesal aplican o lema dos gandeiros en extensivo: máis que producir leite dedícanse a producir herba.
Ángel Rivas Lamas é o gandeiro titular desta explotación, xunto á súa muller, María Paz Corredoira Ferreiro e o seu fillo, José Antonio Rivas Corredoira. Foi un dos primeiros que decidiu en España dar o paso cara á produción en ecolóxico no ano 2003 e asegura que a súa decisión de debeu “á previsión de baixada dos prezos do leite e de aumento dos custos de produción, e a que Lactalis, a quen lle vendíamos daquela, nos animou”.
“Estar en xestión permitiunos ter datos reais e atinar na toma de decisións”
Partían dunha explotación familiar pequena pero profesionalizada e con vocación de permanencia no futuro. E algo moi importante, con moitos datos que lles axudaron a tomar decisións correctas. Así dende o ano 1984 está no programa de xestión da Xunta, e agora mesmo está en tres, no da cooperativa, no de Xestión Agrogandeira e Natureza e no da asociación Edf European Dairy Farmers. “Para nós ter datos reais da situación da gandería axudounos moito a acertar na toma de decisións”, destaca .
Deste xeito, unha estratexia que seguiron en Casa Codesal para producir en ecolóxico foi ampliar a base territorial e reducir a carga gandeira, minimizado tamén o uso de penso ecolóxico. “Temos que estar adaptados a calquera altibaixo dos prezos, de forma que incluso con prezos baixos do leite ecolóxico non perdamos diñeiro”, explica Ángel. Actualmente os seus gastos en alimentación son de 10,27 céntimos de euros por litro, o que lles deixa unha marxe neta importante para resistir as oscilacións do prezo do leite ecolóxico no mercado.
“Utilizamos as axudas para ampliar a base territorial”
A dia de hoxe o retrato de Casa Codesal é o dunha gandería con 56 hectáreas de base territorial, das que 44 son en propiedade, e 52 vacas en lactación, o que dá como resultado unha carga gandeira do entorno da 1 UGM por hectárea.
Para lograr isto Ángel Rivas destaca que “utilizamos o período de conversión de dous anos e as subvencións de axudas agroambientais para mercar terra, de forma que practicamente duplicamos a nosa SAU, que pasou de 25 hectáreas en 2003 a 56 na actualidade”.
A produción media por vaca é de 7.000 litros por lactación, cunha lonxevidade superior aos 4 partos. No 2016 esta gandería produciu 331.000 litros de leite ecolóxico
Xestión das pradeiras
A base da alimentación das vacas nesta explotación é o pasto, nun radio medio de 1,5 kilómetros. Os animais divídense en dous lotes: un das vacas en lactación e das xovencas próximas ao parto que dende a primavera ata novembro están pacendo no exterior día e noite, aproveitando os mellores prados, mentres que nos meses de inverno recóllense no establo durante a noite. E outro lote de vacas secas e xovencas inseminadas que están pacendo todo o ano no exterior, suplementadas, ao igual que o primeiro lote, no inverno e no verán con herba seca e silo.
“Este lote das secas téñoo nas fincas mellor pechadas, pois están fóra día e noite, e tamén fan un segundo pase para limpar as pradeiras por onde pasaron as vacas en leite”, engade Ángel.
“Temos uns custos de alimentación de 10,27 céntimos por litro de leite”
As especies que utiliza Casa Codesal nas súas pradeiras son raigrás inglés en tres variedades (diploides, tetraploides e algún híbrido), trevo branco e trevo ladino. “Ademais, -explica- como estamos nunha zona con veráns secos, estamos facendo un ensaio introducindo un 25% de festulolium na mestura para ver se aguante mellor a seca estival”.
Ángel Rivas recoñece que unha das súas principais preocupacións aos pasar de convencional a ecolóxico foi que as pradeiras producisen menos ao non poder empregar abonos químicos. Sen embargo, destaca que “se ben é certo que os primeiros anos notouse algo de baixada, foise recuperando e agora podo dicir que estamos nunha produción similar”.
O abonado das pradeiras, que se renovan cada 5 anos, é unicamente coa propia bosta das vacas e con xurro, e tamén realizan un encalado no mes de marzo. “Facémolo para favorecer o desarrollo do trevo. Empezamos empregando caliza agrícola en coberteira por riba da pradeira, uns 1.500 kilos por hectárea, e ultimamente pasamos a utilizar caliza magnesiana e baixamos a 1.200 quilos por hectárea”, explica Ángel Rivas.
O resultado é que “se ben a produción do raigrás na corta de silo é algo menor, compénsase no verán cunha maior produción de trevo para pastoreo”.
“Compensamos a menor produción de raigrás para ensilar con máis trevo para pasto no verán”
En canto ás malas herbas, fundamentalmente labaza e cardos, en Casa Codesal decidiron hai anos non mercar forraxes de alfalfa, palla ou herba seca de fóra xa que consideran que son a principal vía de entrada destas especies.
¿E cando entran e saen do prado as vacas? Esta cuestión central para un pastoreo racional e eficiente, resólveno nesta gandería cunha fórmula sinxela: “Dependendo do crecemento vexetativo da herba, de forma que dende a primavera e ata comezos de xullo, facemos un pastoreo máis intensivo para evitar que espigue, e no inverno e no resto do ano as vacas están menos horas na mesma parcela, pois a herba tamén medra menos”.
Na primavera realizan tamén o ensilado, dándolle sempre prioridade ao estado do terreo. “É dicir -explica Ángel- se o terreo está húmido preferimos esperar un días, aínda que espigue algo, a entrar e facer rodeiras”.
Deste xeito, e debido ao exposto anteriormente, as calidades dos seus silos de herba roldan entre o 9 e o 10% de proteína bruta e entre o 40 e o 50% de materia seca. “Poderían ser mellores, pero primamos o pastoreo e non estragar o terreo”, subliña.
Millo cultivado en ecolóxico…..sen herbicidas e sen binado
Casa Codesal tamén cultiva entre 4 e 6 hectáreas ao ano de millo forraxeiro ecolóxico e fano sen empregar ningún tipo de herbicida nin de laboreo mecánico para evitar as malas herbas. ¿Como o conseguen?: “Sementámolo en pradeiras que rotamos cada un mínimo de 5 anos, e sementamos un ciclo curto entre o 20 e o 30 de maio, e desta forma non bota practicamente herba e non volvemos entrar na parcela ata finais de setembro para ensilalo”, explica Ángel.
Os rendementos do millo, que nesta explotación teñen cuberto con seguro, oscilan segundo a climatoloxía do ano entre as 25 e as 50 toneladas de materia húmida por hectárea.
“Como máximo empregamos 200 gramos de concentrado por litro de leite… e queremos baixar a 150”
Esta optimización da herba como fonte principal de alimentación foi acompañada dun notable descenso do uso de concentrado. “Pasamos de empregar no ano 2003 algo máis de 400 gramos de penso por litro de leite, a estar en torno aos 200 gramos, e poderíamos baixar, e posiblemente baixemos a 150 gramos”, destaca este gandeiro. O suplemento de penso proporciónanllo durante o muxido, e oscila entre os 4 kilos por vaca cando hai pasto en abundancia, a 6 kilos nos meses de seca ou no inverno.
“Poderíamos subir produción pero serían litros menos rendibles”
“Agora mesmo -explica Ángel- a nosa produción por vaca oscila entre os 6.000 e os 7.000 litros por vaca e ano e é como nos é rendible. Se quixéramos subir a 8.000 litros de produción teríamos que empregar máis de 200 gramos concentrado e non sería económico”, subliña.
Uso de antibióticos e desparasitacións
Outras das preocupacións de Ángel Rivas á hora de pasar a producir en ecolóxico era o uso de antibióticos, especialmente para o secado.
“Como moitas outras explotacións, facíamos o secado en sábana e éramos algo reacios a deixar de facelo porque tiñamos dúbidas do que pasaría”, recoñece. Agora mesmo deixaron de utilizar antibiótico no secado para o 80% das vacas, nas que só empregan sellador de silicona, e limitan o uso de antimicrobianos ao 20% restante, en concreto a aqueles animais que nalgún momento tiveron un RCS por riba das 200.000.
“Os resultados foron moi bos, porque estamos por debaixo das 100.000 RCS, cando antes estábamos en 130.000”, subliña.
En canto ás desparasitacións, en Casa Codesal limitan este tratamento ás vacas secas e ás xovencas, pero non o aplican nas vacas en produción.
Fóra dalgún caso puntual de mamite ou dalgún problema de coxeira, o gando desta explotación prácticamente non precisa do veterinario, algo que, segundo Ángel, tamén se debe a que “dende o ano 1991 somos unha explotación pechada á entrada de animais, recriando do noso propio rabaño para non ter que mercar”.
Obxectivos de cara ao futuro: Mellorar as calidades do leite
En canto aos obxectivos que se marca esta gandería de cara o futuro, o principal é mellorar as calidades do leite, algo que tamén lles demanda Casa Grande de Xanceda, a nova empresa á que lle subministran leite.
E é que ata o de agora as súas calidades son moi variables, debido á dispoñibilidade de pasto e ao tipo de raza, situándose no límite. Así, no 2016 foron dunha media de 3,61 de graxa e de 3,1 de proteína.
“Queremos seguir producindo con menos de 200 gramos de penso por litro de leite”
Para mellorar estes datos, na selección de touros para os acoplamentos pasaron de primar lonxevidade e patas a situar en primeiro lugar as calidades. Tamén están a realizar cruces da Holstein con outras razas máis produtivas en graxa e proteína, neste caso coa Montbeliard e coa Roxa Sueca.
Outro dos seus obxectivos é construír un cuberto para compostar o esterco e mellorar así as súas propiedades fertilizantes.
“E polo demais seguiremos producindo o leite que nos sexa máis rendible, nunha media de 6.500 litros por vaca e con non máis de 200 gramos de concentrado por litro”, conclúe Ángel Rivas.
Ou dito doutro xeito, producir leite da forma máis barata e sostible que existe: coa herba que pace a vaca.