Galicia crea un grupo de traballo para abordar a seca e o aumento de custos no agro

Medio Rural e organizacións agrarias acordan tamén demandar do Ministerio unha rectificación da orde de axudas publicada a pasada semana, que lle concede ás granxas galegas e da Cornixa un 25% dos apoios que reciben zonas do sur do país

Galicia crea un grupo de traballo para abordar a seca e o aumento de custos no agro

Reunión de Medio Rural co sector agrario, esta maña en Santiago.

O sector agrario de Galicia reuniuse hoxe coa Consellería do Medio Rural para abordar a situación no agro pola seca e o aumento de custos de produción. Se ben a seca en Galicia polo de agora a penas tivo impacto, sí que o problema xa se deixou notar no encarecemento das forraxes, con casos como a palla, que triplicou o seu prezo. Sobre a mesa estivo ademais o desaguisado que provocou o Ministerio de Agricultura coas axudas pola seca.

As axudas do Ministerio de Agricultura pola seca e o aumento de custos, anunciadas o xoves pasado, poden quedar de exemplo para o futuro de como convertir en mala unha medida en principio boa. O Ministerio acordou destinar máis de 600 millóns ó agro pola actual crise, acompañando os apoios de beneficios fiscais e medidas de flexibilización da PAC, pero cometeu dous erros claros. Primeiro, non consultou a medida nin con comunidades autónomas nin con organizacións agrarias e cooperativas, co risco que iso implica, e segundo, anunciou datos errados.

Agricultura comunicou o pasado xoves que as granxas de vacún de carne se beneficiarían dun apoio de 100 euros por vaca, un apoio que no caso do vacún de leite fixaba en 40 euros e no ovino e caprino de carne en 15 euros. Ao día seguinte, o Boletín Oficial del Estado chegou coa sorpresa de que os importes eran outros. No sur de España, nas comunidades máis afectadas pola seca, 157 euros por vaca de carne, 61 polas de leite e 18 por ovella e cabra de carne, pero en Galicia e na Cornisa Cantábrica, un 25% desas cantidades: 39,25 euros por vaca nutriz, 15,25 por vaca de leite e 4,5 por ovella e cabra. Entre medias, Castela e León e comunidades do centro, co 50% dos apoios.

O cambio dos números, obviamente, sentou mal en Galicia. A Xunta, organizacións agrarias, cooperativas e a IXP de Vacún de Galicia mantiveron hoxe un encontro no que acordaron solicitar unha reunión urxente co Ministerio, a fin de pedirlle que rectifique a orde de axudas. “O Ministerio ten que ter en conta o aumento de custos das forraxes que están experimentando as granxas galegas pola seca xeralizada” -defende o conselleiro de Medio Rural, José González-. “Tampouco vemos lóxico que dúas provincias con condicións climáticas semellantes, como Zamora e Ourense, teñan un trato tan diferente”, advirte González, dado que os gandeiros de Zamora cobrarán o dobre que os de Ourense.

A falta de axudas para os apicultores galegos, “que no mellor dos casos ingresarán 15.500 euros en conxunto” -pronostica o conselleiro-, é outro dos motivos do malestar.

Grupo de traballo
O sector acordou ademais crear un grupo de traballo en Galicia para facer un seguemento da seca e do aumento de custos no agro. O obxectivo é tanto trasladarlle ó Ministerio a evolución da situación como adoptar posibles medidas propias.

“Temos que pensar que esta seca non é unha situación coxuntural, senón estrutural” -apunta a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba-. “Non se precisarán só axudas para os sectores máis afectados, tamén será preciso adoptar medidas en infraestruturas para o almacenamento da auga e para aumentar a base territorial das explotacións”, defende.

Por parte de Unións Agrarias, o seu secretario xeral, Roberto García, considerou “moi importante” a creación do grupo de traballo, pois “Galicia pode verse nun mes en problemas de seca como os que teñen agora outros territorios”, valorou. De cara ó futuro, en caso de que se agudice a crise de seca e custos, García apuntou que unha posibilidade pasaba pola convocatoria de axudas autonómicas, ben con fondos Feader -previa autorización de Bruxelas-, ben con fondos propios da Xunta.

Preguntado a ese respecto, o conselleiro non negou tal posibilidade de axudas complementarias, se ben subliñou que o prioritario era que o Ministerio de Agricultura modificase a súa orde de axudas pola seca, que considera “electoralista e discriminatoria con Galicia”, unha postura que compartiu o responsable de Asaga Galicia, Francisco Bello.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información