Campaña de ensilado de herba 2023: Menor produción pero boa calidade

As pradeiras permanentes e o raigrás notaron os efectos das xeadas e a falta de auga, mentres os cultivos mellorantes están a abrirse camiño nas rotacións co millo impulsados polas esixencias da nova PAC

campaña ensilado herba 2023 CLUN Irmandiños2Este ano a climatoloxía non axudou para que a herba medrara e estase a notar nos silos. As xeadas do inverno e a falta de chuvia no comezo da primavera mermaron considerable a cantidade de forraxe colleitada, aínda que a calidade está a ser boa.

A campaña de ensilaxe de herba avanza en toda a comunidade condicionada polas precipitacións dos últimos días e coa vista posta na sementeira do millo, que xa se iniciou nas zonas máis madrugadoras, como a Mariña de Lugo ou o Xallas na provincia da Coruña, naquelas fincas en rotación con herba nas que non se espera a un segundo corte.

A estratexia de sementar antes e con ciclos máis longos estase a levar a cabo tamén en zonas do interior como unha forma de tentar minimizar os efectos da seca no verán, como aconteceu o ano pasado en áreas do centro e sur de Lugo, ou na comarca do Deza, con mermas importantes na colleita de millo forraxeiro.

O monocultivo de raigrás, habitual hai uns anos, está deixando paso a unha variedade maior de especies

A entrada en vigor da nova PAC está a motivar tamén cambios nas decisións de sementeira e nos cultivos escollidos para a rotación anual. As especies mellorantes ábrense camiño, ben en mesturas con cereais de inverno para ensilado, ben como abono en verde para fixar nitróxeno atmosférico e aportar materia orgánica ao chan.

O monocultivo de raigrás, habitual hai uns anos, está deixando paso a unha variedade maior de especies, tanto trevos e outras leguminosas como chícharos, vezas ou fabas a brassicas como os nabos.

Analizamos como se está a desenvolver a campaña de ensilado en distintas zonas de Galicia:  

“Está habendo producións baixas por falta de auga e moita desigualdade nas parcelas”

Ensilado de raigrás e trebo anual na zona de Chantada nunha parcela en rotación con millo

Ensilado de raigrás e trevo anual na zona de Chantada nunha parcela en rotación con millo

Jorge Meiriño é responsable de cultivos da cooperativa Aira na zona de Chantada, onde os efectos da seca se deixaron notar este ano na herba. “Empezamos a colleitar hai 10 días, aínda que coas chuvias da fin de semana parouse un pouco de segar ata que mellore o tempo e se estabilice, pero estamos tendo producións baixas, similares ás do ano pasado, cunha media de 15 toneladas por hectárea en verde”, calcula.

Nesta zona do sur de Lugo está a notarse moita desigualdade nas parcelas. “As fincas máis profundas, que son normalmente nas que se fai rotación con millo, comportáronse moito mellor que outras nas que xa se estaba secando a herba. Volve a haber unha seca enorme, peor ca do ano pasado. A capa freática está moi abaixo. Aquí o chan é franco areoso, non hai arxila, e pérdese moi rápido a auga”, explica Jorge.

Este ano non se puideron facer cortes de limpeza polas xeadas

“Ás pradeiras este ano castigounas a xeada no inverno e despois faltoulles auga”, di. As xeadas fixeron tamén que non se puideran realizar os habituais cortes de limpeza, polo que a calidade da forraxe estaría nun 6 sobre 10, indica.

Un só corte nas terras de millo

O ensilado estase a producir máis ou menos nas mesmas datas doutras campañas. “Non se pode agardar máis. Aquí xa non imos facer segundo corte, porque estamos a finais de abril e hai que tentar sementar o millo a principios de maio. Non se pode facer moito máis tarde porque estamos limitados pola precipitación e o ano pasado aguantaron as parcelas que se sementaron cedo”, lembra.

O parque de maquinaria de Aira traballa moita máis superficie de herba que de millo. “Podemos estar falando do triplo, porque nos últimos anos moitas ganderías aumentaron superficie agraria e deixaron de sementar millo”, argumenta.

O segundo corte é cada vez máis complicado, teriamos que ter un mes de tempo fresco e precipitacións para que a herba non espigue

Por iso, di, os segundos cortes só se poden facer en parcelas onde non se vai a botar millo. “O segundo corte cada vez é máis complicado, dependes moito máis da climatoloxía. Ten que chover e vir tempo fresco para que a herba non espigue”, di Jorge.

“O silo vai ter bastante humidade porque o tempo non permitiu facer bos presecados, pero a calidade vai ser boa”

campaña ensilado herba 2023 CLUN Irmandiños3Na comarca do Xallas e a Barcala, na provincia da Coruña, tamén apostaron este ano por facer un só corte. “Había unha pequena porcentaxe de socios que facía dous cortes, pero co frío do inverno veu todo retrasado e vaise facer un corte só nas fincas con millo”, explica Adrián Cundíns, o responsable de Fonxabar, a cooperativa para xestión en conxunto de forraxes e alimentación do gando das ganderías da zona de Santa Comba e Mazaricos.

Forxabar vai ter tamén unha merma na cantidade de forraxe nos silos, aínda que os motivos son distintos ca no caso de Aira. “Aquí non foi por escaseza de precipitacións, senón por todo o contrario, retrasouse polo frío e por moita auga. Este foi un ano atípico e malo para o crecemento da herba”, asegura Adrián.

Foi un ano atípico e malo para o crecemento da herba. Co frío veu todo retrasado e imos facer un corte só nas fincas con millo

En Forxabar ensilaron o raigrás permanente hai tres semanas e as parcelas en rotación con millo o xoves pasado. “Ao ser un corte só, foi un corte longo, con moitos días na terra, e o rendemento foi bo”, explica. Tamén a calidade será boa. “O silo vai ter bastante humidade porque o tempo non permitiu facer bos presecados pero a calidade en xeral vai ser boa”, asegura Adrián.

Levantando  a pradeira para sementar o millo

En Forxabar basean a ración que reparten ás ganderías leiteiras socias no ensilado de millo, polo que traballan máis hectáreas a este cultivo que a herba. “De forraxes van 40 kg na ración e deles o 75% é millo e o 25% herba”, explica Adrián.

Este ano teñen previsto sementar unhas 800 hectáreas a millo. Unha parte delas xa as teñen labradas, aquelas nas que non fan rotación con herba, mentres que nas ensiladas o pasado xoves comezarán nos vindeiros días.

“Estamos empezando a levantar para o millo. Con estes días de auga está todo un pouco parado. Xa temos sementado máis ou menos a metade, onde non houbo rotación, e agora fáltanos o que ensilamos a semana pasada. Estamos agardando a ver se estabiliza o tempo, porque choveu moito a fin de semana e vainos retrasar ata o final desta poder poñernos coa terra. Se chove seguirá retrasándose a sementeira”, conta.  

Aposta polo cultivo verde nas rotacións

A entrada en vigor de novas esixencias na PAC para o período 2023-2027 está a provocar cambios no esquema habitual de rotación millo-herba levado a cabo polas ganderías de vacún de leite de Galicia.

“Nós xa fixemos este ano algún cambio. Metemos máis leguminosas. Unha parte do que ensilamos foi só con trevo, 2 ou 3 variedades de trevo, con boa implantación. Noutra parte das terras fixemos cultivo verde, con especies mellorantes como nabo ou outras brassicas, e con chícharos, un tipo de faballón ou calquera leguminosa que entre no rango de forraxeiras e que estea dispoñible no momento da sementeira”, indica.

Non hai moita dispoñibilidade de sementes para facer abono verde, porque son especies que non teñen moito aproveitamento e non se colleitan

“Non hai moita dispoñibilidade, é unha problemática que se vai dar de cara a este ano. Como son variedades que non se colleitan e non teñen moito aproveitamento a non ser para abono verde non hai moita oferta. Os prezos da semente o ano pasado foron desorbitados”, explica Adrián.

Aínda que, como consecuencia da excepcionalidade acordada trala guerra en Ucraína, nesta campaña está en suspenso a obriga de cumprir coa boa práctica da rotación de cultivos para poder cobrar as axudas da PAC, prevese que nos vindeiros anos non se poidan deixar baleiras as terras do millo, polo que estratexias como as seguidas este ano por Forxabar converteranse en habituais.

“Tal como están os prezos hoxe da sementeira penso que non cubre para cobrar o eco-rexime, pero se é unha obriga xa non é cuestión de que cubra ou non, haberá que facelo para adaptarse ás novas esixencias da condicionalidade e poder cumprir para cobrar a PAC”, argumenta.

“Coas mesturas de cereais de inverno e vezas obtivemos producións maiores en comparación cos primeiros cortes de raigrás”

campaña ensilado herba 2023 CLUN Irmandiños1“Na nosa zona o único limitante que houbo foi falta de chuvias, na Mariña pega moito o nordés e non medrou moito a herba”, explica José Ramón Loza, responsable de maquinaria e cultivos de CLUN, que dispón na Mariña de centro de alimentación (CAVI) e parque de maquinaria pertencente a Irmandiños.

“A nivel xeral os primeiros cortes foron moito menos produtivos ca outros anos, acusouse a falta de chuvias de principio da primavera. As calidades están sendo boas pero as producións mermadas”, describe.

Na Mariña acostuman facer dous cortes nas pradeiras de raigrás antes de botar nelas o millo. “Xa estivemos abonando para os segundos cortes e con estas chuvias esperamos obter un segundo corte un pouco máis produtivo que os primeiros”, asegura José Ramón.

200 hectáreas de cereal con veza

Irmandiños sementou este ano perto de 200 hectáreas de cultivo de inverno a base de cereal e leguminosa, que xa ensilou nas instalacións do CAVI en Vilamartín (Barreiros). “Por aquí estase implantando moito a mestura de cereais de inverno e vezas e con esas fórmulas obtivemos unha produción algo maior, en comparación cos primeiros cortes de raigrás”, indica.

A maiores das parcelas que a cooperativa labra directamente, habería que sumar a herba que mandan os socios que non están dentro do servizo de Xestión Integral das terras e que son unhas 150 ha de raigrás e outras tantas de prado natural (nos dous casos a 2 cortes) e 50 ha de cereal-veza (a un só corte).

O cereal ensilámolo por separado, pero os prados naturais imos mesturándoos no silo co segundo corte de raigrás

“Os prados naturais aínda non empezamos a segalos, a previsión é comezar de cara á semana que vén para ir mesturando co segundo corte de raigrás. O cereal si que o ensilamos por separado, pero no caso do prado natural intercalámolo nos silos con cultivo de raigrás”, explica José Ramón.

A cooperativa sementará este ano unhas 450 hectáreas de millo, das que a día de hoxe xa levan botadas unhas 70. “Xa temos levantadas as terras onde botamos o cereal de inverno, nas que facemos un só corte. Empezamos a sementalas a semana pasada cunha máquina e a partir de agora incorporamos xa a segunda”, detalla.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información