Dinamarca e Bélxica, escenarios de novos acordos de prezos do leite

“Se aquí non gañamos a batalla do prezo do leite, estámonos botando terra por riba”, advirte Román Santalla (Unións Agrarias) nunha asemblea informativa na Semana Verde

Os compromisos das cadeas de distribución para mellorar o prezo de compra dos produtos lácteos exténdense por toda Europa. Primeiro foi Francia, logo Gran Bretaña e agora trascenderon novos acordos na mesma liña en Dinamarca e en Bélxica. “En Bélxica, as cadeas elevaron o prezo de compra do leite en 2,7 céntimos e en Dinamarca en 7 céntimos, coa idea de que eses cartos repercutan no gandeiro”, explicou Román Santalla (Unións Agrarias), no transcurso dunha asemblea informativa celebrada na Semana Verde. “Se en Bélxica, Dinamarca ou Francia son posibles estes acordos, por que non aquí?”, pregúntase Santalla.

Son días de efervescencia e mobilización no agro polas reunións claves de hoxe en Bruxelas e do xoves 10 en Madrid. Antes destas citas, Unións Agrarias desenvolveu na noite de onte unha asemblea informativa na Semana Verde (Silleda) cun cento de produtores das distintas comarcas gandeiras de Galicia para explicarlles a marcha das negociacións.

Tomaron a palabra para dar conta das conversas o secretario xeral de Unións, Roberto García, e o responsable de gandaría de Upa –a matriz estatal de Unións Agrarias-, Román Santalla, gandeiro de Cercio (Lalín). “A situación é a seguinte. Hai sobre a mesa un acordo para o xoves no que se fala de que se lle pague ó gandeiro un prezo sostible e de que a distribución lle pague á industria un prezo que permita remunerar convenientemente ó gandeiro. As incógnitas son dúas. Como se vai determinar cal é o prezo sostible e como se vai facer cumprir”, expón Santalla.

Lactalis, Dia e Eroski son reticentes a asinar un acordo que ademais deixa moitas cousas no aire

Desde Unións Agrarias apostan por regular o prezo sostible para o gandeiro a través dun mecanismo de formación de prezos que sitúe ese valor nun arco entre os 32 e os 36 céntimos. Demandan tamén unha cobertura legal a modo de sancións para aquelas empresas que incumpran os acordos.

Esas cuestións habería que resolvelas despois do xoves. Primeiro terase que ver se hai consenso de industrias e distribución para asinar o acordo. Polo que trascendeu das conversas previas á reunión do xoves, a maioría das industrias e das cadeas de distribución estarían dispostas a asinar, coa excepción de Lactalis e das queixerías na parte industrial, e de Dia e Eroski na parte da distribución, segundo Unións.

Situación a curto prazo
En calquera caso, en Unións entenden que a simple sinatura do acordo non sería suficiente. “É necesario ademais que de xeito inmediato se eliminen os contratos lixo que hai actualmente e que se substitúan a primeiros de outubro por contratos de prezos sostibles”, advirte Roberto García.

De non lograrse todas esas garantías, o endurecemento das mobilizacións está sobre a mesa. “Ou gañamos a batalla do prezo do leite ou estámonos botando terra por riba. O que está en xogo é o mercado español do leite. Se o van levar os franceses e os alemáns ou vai seguir sendo noso”, resume Santalla.

De cara ás mobilizacións destes días, Unións lanza unha mensaxe de unidade entre as protestas de Santiago e Lugo e sitúa o foco na cuestión clave: gañar a batalla do prezo do leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información