A Cooperativa Regional de Comercialização do Extremo Oeste (Cooperoeste) está localizada en São Miguel do Oeste, na principal zona leiteira do Estado de Santa Catarina, no suroeste de Brasil e limítrofe xa coa provincia arxentina de Misiones.
Creada fai 27 anos dentro do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST), é unha das maiores cooperativas lácteas da zona. Recollen máis de medio millón de litros de leite ao día de 900 produtores e transfórmano en distintos produtos, como leite, manteiga ou queixos, que comercializan en 8 Estados diferentes.
Entrevistamos a Sebastião S. Vilanova, actual presidente da cooperativa, para coñecer cal foi o proceso de loita pola terra das familias que constituíron os primeiros asentamentos e a creación posterior dunha marca propia para comercializar en conxunto o leite que producían.
O Estado de Santa Catarina produce o 9% da produción leiteira brasileira
A pasada primavera Sebastião visitou en varios países europeos distintas iniciativas de produción e transformación leiteira baseados no modelo cooperativo con vistas a poder implementar algúns destes procesos entre os produtores que forman parte da Cooperoeste. “As cooperativas representamos o 7% do mercado do leite en Brasil, temos un campo de crecemento moi grande aínda”, di.
– Cal é a historia da cooperativa Cooperoeste e por cantas familias está formada na actualidade?
– Antes de se constituír a cooperativa, un grupo de 15 familias de pequenos agricultores uníranse para crear unha leitería cunha capacidade de 30.000 litros ao día, pero tralo primeiro ano de industrialización enseguida viron que non ían lograr facerse fortes no mercado. Foi entón cando xurdiu a idea de formar unha cooperativa rexional con máis socios que tivese un alcance maior. Foi daquela cando o 20 de xullo de 1996 se constitúe a Cooperoeste, que arrincou con 120 socios produtores de leite.
En 1999 comezouse a envasar leite UHT. Foi unha época moi difícil, porque nós sabiamos producir leite, pero non industrializalo nin comercializalo, até que no 2001 recibimos a axuda da cooperativa uruguaia Conaproli, que nos avalou ante Tetra Pak para instalar a primeira máquina envasadora. Na actualidade temos unha capacidade de envasado de 12.000 litros/hora e hoxe a cooperativa ten 1.600 socios.
– Canto leite transforman e en que produtos?
– A cooperativa ten 4 leiterías, 3 queixerías e 1 industria de leite UHT. As 4 leiterías teñen capacidade para industrializar 800.000 litros ao día e estamos recollendo e transformando 650.000 litros diarios. A nosa carteira de produtos é ampla: temos leite enteiro, semidesnatado, desnatado e sen lactosa e tamén facemos queixo mozarela, queixo raiado, queixo loncheado, nata, iogur, batidos, doce de leite, requeixo e leite en po, entre outros produtos. Posuímos 5 marcas propias, que son Terraviva, Amanhecer, Paraíso, 4 Geração e Da Vovó.
– A través de que canles se produce a comercialización principalmente?
– Os nosos produtos atópanse tanto en grandes cadeas e supermercados, como tamén en mercados máis pequenos de 8 Estados: Rio Grande do Sul, Santa Catarina, Paraná, São Paulo e Rio de Janeiro. As nosas vendas son a través de representantes comerciais, que son unhas 80 persoas distribuídas nestes 8 Estados. Até 300 km desde os puntos de produción facemos nós directamente a loxística; máis lonxe é a través de transporte alleo.
– Cales son os principais investimentos previstos para os vindeiros anos?
– Temos previsto chegar a 2028 con 1 millón de litros/día transformados, hoxe temos 650.000 litros/día, e dentro da nosa planificación para 2030 está tamén construír unha industria de leite en po e leite condensado, que hoxe son produtos feitos por terceiros.
Do mesmo xeito, tamén queremos ampliar a nosa capacidade comercial e de subministro de insumos e produtos. Temos hoxe 8 tendas agropecuarias e queremos chegar a 12 co obxectivo de estar máis próximo ao noso socio produtor.
Tamén temos previsto construír unha planta de enerxía sustentábel mediante paneis solares para a cooperativa e outras melloras ambientais, como canalizar a auga da choiva de todas as nosas naves.
– Cal é o modelo produtivo dos socios que integran Cooperoeste en canto ao tamaño das ganderías, a alimentación do gando e a man de obra para atendelas?
– As nosas ganderías móvense nunha media de entre 30 e 50 hectáreas de superficie; moi poucas superan as 50 ha. A alimentación das vacas é con pastoreo a base de pastos permanentes e unha ración que leva silo de millo e sorgo entre outras cousas.
Sen embargo, nos últimos 3 anos está mudando moito a forma de alimentación do gando. Estanse a construír grandes establos onde os animais permanecen pechados no seu interior todo o tempo. Con este formato de produción ten aumentado a produción por animal, pero está provocando que moitos pequenos produtores deixen de producir leite por non conseguir crédito nos bancos para a construción destas novas naves, porque son valores moi elevados de investimento os que se necesitan para construír estes establos onde poder ter pechadas as vacas e o prezo do leite, que é moi variable, moi pouco estable dun mes para outro, non dá garantías aos bancos de reembolso deses préstamos.
O prezo do leite é pouco estable dun mes para outro, o que dificulta o acceso á financiación por parte das granxas, porque non dá garantías aos bancos de reembolso deses préstamos
Esta dificultade de acceso ao crédito ten consecuencias tamén na sucesión das granxas. A modernización das instalacións e dos sistemas produtivos é imprescindible para facer atractivo o sector para as novas xeracións. Vemos que só se quedan nas explotacións aqueles mozos que teñen unha boa estrutura montada na súa granxa.
– Cal é a situación actual da produción de leite en Brasil neste momento e como ves ti o futuro?
– O futuro é sempre incerto, pero neste momento a tendencia apunta a que en Brasil se vai concentrar a produción, con menos produtores e un sistema máis intensivo, con vacas pechadas en establos naqueles casos onde se produce a sucesión dun mozo.
Tamén está acontecendo en Brasil que moitas empresas leiteiras están a ter dificultades, ben pechando as súas portas ou pedindo o concurso de acreedores xudicial. Un dos motivos ao meu entender é que moitas veces a rexión onde esta localizada a fábrica está moi distante de onde está a produción do leite e noutros casos débese a que non son capaces de adaptarse aos cambios e acompañar as demandas do mercado, que é moi dinámico.
En Brasil moitas empresas leiteiras están a ter dificultades. Nestlé, por exemplo, deixou de mercar materia prima e externalizou a industrialización do leite
Nós na Cooperoeste temos moita preocupación por isto, e entendemos que non nos podemos distanciar do noso socio produtor. Ese é tamén é un dos factores polo que moitas empresas teñen problemas e acaban parando a industrialización do leite. O exemplo é Nestlé, que parou a compra da materia prima dos produtores e externalizou os seus produtos con outras empresas que fabrican para ela, non saíu con seus produtos do mercado, mais deixou de mercar leite nas granxas e pasou os produtos que precisan refrixeración para Lactalis e os produtos secos para Piracanjuba.
– Que papel xogan as cooperativas en Brasil na transformación do leite fronte ao modelo das industrias privadas e que cota de mercado representan a día de hoxe?
– O modelo das cooperativas hoxe no Brasil é parecido ao das industrias na transformación do leite, a diferenza é que as cooperativas distribúen os beneficios e teñen políticas distintas cara ao socio produtor que as outras empresas non teñen.
Existe un campo moi grande aínda para o crecemento das cooperativas. Na actualidade as cooperativas no Brasil representan un pouco máis do 7% do mercado mais teñen moito campo aínda para medrar.
Existe un campo moi grande aínda para o crecemento das cooperativas
Hoxe a nosa rexión non sería a mesma sen a Cooperoeste, porque os produtores non terían a atención que teñen e terían un problema grande nos prezos do seu produto. A nosa cooperativa está hoxe en 83 municipios, dos cales 10 municipios están no Estado de Paraná, onde recolle o leite e dá a mesma asistencia aos produtores que os que están no Estado de Santa Catarina.
– Ademais da transformación do leite, que outros servizos presta a cooperativa aos socios gandeiros?
– Alén de adquirir o leite dos asociados e facer a transformación, a cooperativa ten varios programas para os socios, por exemplo a asistencia técnica 24 horas ao produtor con custo soamente do combustible para o desprazamento veterinario e o medicamento que fose usado na atención da vaca.
Outra política creada para o asociado é que de todos os produtos que o socio merca nas tendas da cooperativa vaise engadir un 1% na súa conta corrente que o ano seguinte poden sacar e que a cooperativa devolverá ao asociado en forma de compras e mercadorías. O mesmo acontece coa produción de leite que o socio entrega á cooperativa, que incrementa un 0,02% na súa conta capital. O socio pode retirar esa cantidade acumulada das entregas de leite no momento que quere saír da cooperativa.
– Cal é o modelo produtivo que máis abunda no sector a nivel de todo o país, o dos grandes latifundios ou o da produción familiar?
– No Brasil o modelo de produción que sae na propaganda e nos medios de comunicación é o do grande latifundio ou agronegocio que produce commodities para a exportación, de soia, millo, algodón, carne, etc. e que é o gran destrutor da natureza na Amazonía.
Se non existise a agricultura familiar, a fame en Brasil sería maior da que é hoxe
Pero na realidade quen produce o 70% da alimentación da poboación do país é a agricultura familiar. Na miña opinión, se non existise a agricultura familiar, a fame en Brasil sería maior da que é hoxe. A agricultura familiar é a salvación do país. O sector produtor de leite emprega en Brasil a preto de 4 millóns de persoas.
– A alimentación do gando na maioría de países de UE depende en boa medida da compra deses insumos, como a soia ou o gran de millo, aos que te referías como destrutores da Amazonía. Cales son as consecuencias destas importacións sobre a deforestación en Brasil?
– Iso ten traído moitas dores de cabeza, porque a destrución da Amazonía para o cultivo de soia e millo, pero tamén para criar gando ou para a explotación do ouro e de outros minerais, ten consecuencias moi negativas para as persoas en todo o planeta. A destrución da natureza é o que nos está traendo as secas, as enchentes, os furacáns, etc. Pero destruír a natureza na Amazonía trae problemas non só para o Brasil, senón tamén para o mundo enteiro; por tanto a destrución da Amazonia é a destrución da propia vida.
– Que consecuencias está a ter o cambio climático en Brasil sobre a produción de leite e de alimento para o gando?
– Co aumento das temperaturas as secas son cada vez máis frecuentes e intensas e, xunto coas grandes tempestades, levarán á caída de produción e, consecuentemente, ao aumento do custo de produción. Así mesmo, o ar máis quente resulta na produción de alimentos menos nutritivos.
Nos últimos 3 anos estivemos baixo un período de estiaxe e agora pasamos polo fenómeno de El Niño, con moita choiva, temporais, enchentes, vendavais, furacáns, e fenómenos climatolóxicos adversos, principalmente na rexión sur do Brasil.
– E en canto ao consumo interno de leite, como está a evolucionar?
– Brasil non produce aínda leite suficiente para cubrir as necesidades da poboación, a pesar de que o consumo medio hoxe é de 116,5 kg de leite por cada habitante, unha cantidade que continúa baixa en comparación con outros países desenvolvidos, onde está entre 250 e 300 litros por habitante e ano.
O programa de compra pública de alimentos impulsado polo Goberno de Lula foi freado na época de Bolsonaro como presidente
Hoxe o produto máis consumido dentro dos lácteos aquí en Brasil é o leite UHT de longa duración. Existe tamén o leite pasteurizado que ten unha caducidade de 3 días, o que dificulta a loxística para zonas distantes, e tamén o leite tipo A, que sae directo da granxa tamén coa vida curta de 3 días. Eses tipos de produtos son inviables para un mercado que estea a máis de 150 km porque se torna nun custo moi elevado estar facendo o troco do produto no punto de venda cada 3 días.
– Como dis, Brasil segue a ser un país deficitario que cubre arredor do 8% da súa demanda con leite importado. Ves posible aumentar a produción leiteira propia para chegar a cubrir as necesidades dunha poboación en crecemento?
– Si, penso que é posible. A produción de leite por parte dos produtores do Brasil de 2021 a hoxe aumentou en torno ao 10%; estamos por enriba dos 35 millóns de toneladas. Pero Brasil aínda é un país deficitario, por tanto, en 2023 importou moito leite, procedente dos países do Mercosur. O motivo foi que durante a pandemia aumentou moito o consumo e fixo que o prezo tamén ficase fóra dos prezos internacionais.
No último ano houbo unha importación moi grande de leite dos países do Mercosur
Outro factor que incidiu foi que China ten producido en torno a un 13% da súa necesidade de leite que até agora lle exportaba Nova Zelandia e outros países. Entón, diante diso, estes países volveron mandar leite para Arxentina e Uruguai, que conseguintemente mandaron os seus produtos para o Brasil. Por tanto o Brasil continúa con déficit no leite e ten de importar algún produto até controlar os prezos.
Neste período da pandemia e a guerra de Ucrania e Rusia, houbo un aumento en todos os produtos mercados polas granxas, como adubos a base de urea, aínda que agora están volvendo ao normal.
– Que prezo cobra un produtor brasileiro por litro de leite e que marxe lle queda descontados os custos de producilo?
– Hoxe o valor pagado de media ao produtor é variable cada mes, porque o mercado brasileiro é así, explotan moito o prezo ao seu favor para facer promocións para chamar aos clientes aos seus supermercados e existe unha pelexa coa industria do leite porque o mercado quere comprar sempre con prezo baixo.
Iso repercute no produtor, que en todo o 2023 tivo unha baixada considerable, que se iniciou desde o mes de outubro de 2022. Os prezos ao produtor están neste momento de media en 2,30 R$ pagados por litro de leite (43,7 céntimos de euro) pero nos meses de xuño, xullo e agosto do 2022 o produtor chegou a cobrar ata 4,00 R$ (76 céntimos de euro) e houbo rexións do país nas que o consumidor chegou a pagar o litro de leite no supermercado a 8,00 e a 10,00 reais o litro.
A marxe que queda hoxe ás ganderías é duns 4 céntimos de euro por litro de leite producido
Para controlar ese aumento, o goberno anterior creou unha resolución en maio de 2022, con vixencia até o 31 de decembro de 2023, que eliminou os aranceis e provocou unha forte importación de leite e derivados dos países do Mercosur, liberados do cobro de impostos.
Os produtores hoxe non estamos perdendo cartos, estanos sobrando en torno a 0,20 centavos por litro de leite producido. Esa marxe chegou a ser dun real (19 céntimos de euro) en litro e por iso a sensación entre os produtores é negativa, pero non están perdendo cartos, están deixando de gañar.
“O Movemento Sen Terra mantén toda a súa vixencia; levamos 40 anos loitando para que as familias pobres poidan ter os seus dereitos”
A Cooperoeste é a máis grande das 160 cooperativas que forman parte do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra e unha das que ten maior capacidade de transformación da produción.
O MST, do que forman parte 500.000 familias, 80.000 delas vivindo aínda en campamentos, mantén vínculos internacionais con outras 182 organizacións de 81 países a través da Vía Campesiña, con presenza tamén en Europa e da que forma o Sindicato Labrego Galego.
Entre as súas liñas mestras o Movemento Sen Terra acordou avanzar na transformación da produción cara a agroecoloxía e na introdución das enerxías renovables nos procesos industriais.
Neste momento, coa axuda da tecnoloxía procedente de China, está tentando levar a mecanización ás explotacións familiares, cun programa dirixido a dotar de tractores e maquinaria ás granxas dos nove Estados máis pobres de Brasil, que se concentran na rexión do Nordeste.
– Participou vostede na loita pola terra dentro da reforma agraria levada a cabo na súa rexión. Como lembra aquel proceso?
– Si, eu formei parte das ocupacións levadas a cabo o 25 de maio de 1985 e fun un dos privilexiados, porque o 26 de outubro de 1985 xa fun asentado, pero tiven compañeiros que permaneceron até 5 anos debaixo da lona do campamento esperando para ser asentados.
Nós xa comezaramos a loita pola terra no ano 1982. Tivemos moita influencia do xa falecido José Gomes, bispo da cidade de Chapeco. O período de 1982 a 1985 foi moi difícil para todas as familias. Sufrimos varios desaloxos da policía, pero non desistimos.
Entre 1985 a 1987 xurdiron 14 asentamentos na rexión do extremo oeste do Estado de Santa Catarina, con 550 familias asentadas
Unha vez que nos entregaron a terra, viñeron outros problemas, porque non tiñamos nada e precisabamos unha estrada, escola, casa, enerxía eléctrica. Foi moi difícil conquistar todo iso porque eramos discriminados e tivemos que pecharnos no Goberno municipal para conseguir a estrada e a escola, na sede da empresa eléctrica para que nos puxeran a luz, nos bancos para conseguir liñas de crédito, etc. Foi unha loita moi dura para conquistarmos o que temos hoxe, por tanto, non logramos nada sen pelexalo, foi todo conquistado con moito esforzo.
– Considera que o Movemento Sen Terra mantén a súa vixencia na actualidade?
– Absolutamente. O noso movemento continúa moi forte a nivel nacional, aínda que nalgunhas rexións do país un pouco menos, mais mantéñense as accións do movemento en todo o país, sexa por terra para as familias que aínda non conquistaron o seu pedazo de chan, ou con accións de alimentación para as familias que o precisan.
Durante a pandemia o movemento fixo doazón de alimentos para hospitais e entidades que pasaban por dificultades de alimentación e recentemente no Estado de Río Grande do Sul houbo varias cidades anegadas pola enchente do río Jacuí. Ante iso levamos a cabo accións de solidariedade enviando alimentos para as familias afectadas. A nosa organización ten 40 anos de existencia loitando para que as familias pobres poidan ter os seus dereitos.
– O ano pasado unha delegación da Cooperoeste visitou distintas ganderías e cooperativas europeas. Cal foi a súa impresión?
– Foi unha oportunidade única moi boa poder coñecer varias rexións da UE, moitos produtores e a forma en que eles producen e as cooperativas e as industrias transforman e venden. Foi unha aprendizaxe moi positiva a forma en que os produtores están comprometidos coas súas cooperativas. Chamoume moito a atención o feito de que nalgúns casos os produtores reciben cada 60 días o cobro do 70% do valor do leite entregado e ao final do ano, cando pechan as contas da cooperativa, eles reciben o restante 30% que quedou de cada mes máis un plus dos beneficios dos produtos vendidos con valor engadido. Tamén me chamou a atención o respecto que eles teñen coas persoas que traballan nas granxas e as tecnoloxías que hai.
– Cal é o nivel de mecanización das granxas brasileiras?
– No Brasil estase concentrando a produción e os produtores están buscando cada vez máis a tecnoloxía e sistemas de mecanización para as súas explotacións, aínda que nalgunhas zonas do norte do país é aínda moi baixo.
Pero aqueles produtores que continúan na actividade leiteira están a profesionalizarse e a produción está aumentando con xenética mellorada e tamén porque a alimentación do gando tamén está a mellorar moito.
– En moitas zonas europeas existe un problema grave de relevo xeracional nas ganderías e moitas delas acaban pechando porque os fillos non seguen coa actividade dos seus pais. Existe ese mesmo problema en Brasil?
– Ese é un gran desafío para nós de cara ao futuro. Nas pequenas propiedades de ata 100 ha de terra hai unha disputa bastante grande coa produción de soia, que non precisa estar todo o día traballando e onde o produtor pode ter vacacións, mentres que no leite non ten vacacións e ten que estar os 30 días do mes traballando.
Hai unha disputa bastante grande coa produción de soia, que non precisa de tanta adicación coma producir leite
A introdución da tecnoloxía e da mecanización nas granxas é imprescindible para garantir a sucesión no sector, porque os nosos mozos non queren quedarse no campo se non teñen tecnoloxía no sector produtivo.
– Na UE están a se endurecer as leis de benestar animal, uso de medicamentos antibióticos, fitosanitarios e praguicidas, fertilizantes, etc. Está a acontecer o mesmo no Brasil?
O benestar do animal é unha política que as cooperativas están orientando cara aos produtores, é un proceso máis recente no Brasil que se está iniciando, mais estase a mirar moito para este tema.
As cooperativas estamos a orientar aos produtores cara o benestar animal, pero é un proceso aínda recente que se está iniciando
Con relación aos antibióticos está prohibido aplicar este tipo de tratamentos en animais que están producindo leite e todas as industrias teñen laboratorios que identifican se foi aplicado antibiótico no animal e, se se constata aplicación ao leite, é descartado e o produtor identificado e penalizado con multa e perda do leite que está no tanque do camión de recollida.
Os fertilizantes químicos son moi usados aínda, pero xa hai moitos produtores que están facendo uso de abonos orgánicos, con aproveitamento das dexeccións do propio animal para aplicar nos pastos e nos cultivos de millo para ensilar.
– Existe no teu país preocupación pola produción agroecolóxica? Que porcentaxe do leite é bio?
– Non temos no Brasil produción bio, o que existe non é representativo, é unha produción que está empezando e supón unha grande oportunidade para a agregación de valor ao produto. Existe un crecemento moi grande na posibilidade de aumentar a produción orgánica de alimentos saudables por parte das cooperativas e os seus asociados, por tanto, ten que haber incentivo do goberno para que as cooperativas poidan aplicar a produción xunto aos seus socios produtores, xa que hoxe non hai nin unha liña de crédito á que o produtor se poida acoller para transformar a produción transxénica a produción orgánica.
Ese é certamente un desafío para o sector pero eu considero que mentres non exista ese incentivo económico do goberno esa transformación cara á agroecoloxía vai ser moi lenta.