Jaime Carneiro ten unha gandería de leite dunhas 100 vacas xunto á súa muller na parroquia de Marzoa, pertencente ao concello de Oroso. É socio da Cooperativa Central de Frades desde hai máis de 30 anos e o seu presidente desde o 2017. Falamos con el da situación do sector leiteiro nesta zona, de cooperativismo e de novos proxectos que a entidade que preside ten en marcha.
– Cantos socios ten a Cooperativa Central de Frades na actualidade?
– A acta de fundación da cooperativa é de 1963 e ten agora aproximadamente 800 socios e socias. A maioría somos da comarca de Ordes, dos concellos de Frades e Mesía principalmente, pero tamén de Oroso, como é o meu caso.
A maioría somos ganderías de leite. Hainas de todo tipo, pero abundan as de tamaño mediano e grande. Esta é unha zona gandeira por excelencia en Galicia.
– Notades os problemas de relevo xeracional?
– Temos problemas de cese de actividade, coma noutras zonas, pero o que se observa aquí é unha tendencia cara á profesionalización, con menos explotacións pero cada vez máis grandes. As ganderías más grandes teñen a posibilidade de ter unhas condicións mellores, pero aínda así ser gandeiro segue a ser un traballo moi sacrificado que esixe moita adicación e que non todo o mundo está disposto a facer.
O feito de non atopar man de obra redunda nunha peor calidade de vida e fai moitas veces que os mozos non se animen a continuar
Neste momento o que hai é moita falta de man de obra, a pesar de que as condicións de traballo nas ganderías, como xa digo, son cada vez son mellores. E esa dificultade á hora de atopar traballadores tamén incide moitas veces na decisión de non seguir.
– Cal é a actividade principal da cooperativa?
– Centrámonos na venda de penso e outros insumos que poden necesitar os gandeiros no seu día a día e despois complementamos a nosa actividade con outros servizos e asesoramento técnico. Por exemplo, temos parque de maquinaria, basicamente carros mesturadores para facer as racións de alimentación nas granxas, pero non labramos nin recollemos forraxe.
E contamos con enxeñeiros agrícolas para asesorar aos socios nos cultivos e con veterinarios para poder prestar servizos de reprodución, nutrición e calidade do leite.
– Que volume de fabricación de penso tendes?
– Arredor de 40 millóns de quilos ao ano. O volume principal é o destinado a vacún de leite porque a actividade principal dos nosos socios é a produción de leite, pero tamén facemos mesturas para cría tradicional destinada a autoconsumo nas casas, tanto en porcino como en aves.
Formulamos e fabricamos de maneira personalizada, en función das necesidades de alimentación de cada explotación
Nós xestionamos as compras directamente, mercamos en porto ou nacional segundo se dean as circunstancias, e logo fabricamos na nosa planta de Ledoiras, en Frades. A maior parte son fórmulas personalizadas á carta en función dos requirimentos que teña cada explotación e en base ás necesidades nutricionais da súa cabana gandeira.
– Como fixestes nestes últimos anos, nos que os prezos das materias primas estiveron disparados?
– Como todos os fabricantes de penso, tivemos que repercutir as subidas, porque un custo moi alto do produto terminado provén obviamente do valor das materias primas. Traballamos para ofrecer, ademais do mellor produto, tamén o mellor prezo aos nosos socios, pero vímonos obrigados a repercutir esas subidas porque eran demasiado elevadas para poder asumilas a cooperativa.
Imos repercutindo as baixadas no penso segundo podemos; xa fixemos algunha
Depende de como estea o mercado compramos a curto ou máis a longo prazo. Os prezos fóronse moderando este ano, con mellores prezos neste segundo semestre, o que non quere dicir, por desgraza, que vaiamos volver ao nivel de prezos previo e a custos de materias primas do primeiro semestre do 2020.
O custo principal da fabricación de penso son as materias primas, pero despois están outros como a enerxía, que tamén se disparou. Para ser máis eficientes e reducir ese gasto queremos instalar paneis solares na planta, podemos aforrar ata 40.000 euros ao ano.
– Cales son os principais investimentos que fixestes nos últimos anos?
– Nos últimos anos fixéronse moitos investimentos tanto nas instalacións de Lodoiras como coa adquisición dunha nova nave en Abellá, para ter un punto de venda novo, ademais do que hai en Olas, en Mesía, que leva moitos anos funcionando, e poder estar deste xeito máis cerca dos socios.
Imos abrir un punto novo de venda en Abellá para mellorar as instalacións e o servizo que se presta aos socios
Esperamos abrir esa nova tenda como almacén con produtos da cooperativa e con outros servizos, como ferretería ou gasolineira se podemos. E iso é posible grazas aos socios que consomen na cooperativa.
Por iso, animamos aos socios a que consuman na cooperativa, porque sempre que o fan están producindo un beneficio para eles mesmos. Iso non ocorre cando mercan a outro vendedor fóra da cooperativa.
– Levades a cabo a recollida de leite ás ganderías socias?
– Actualmente non recollemos leite, aínda que si se fixera nalgún momento.
– E non pensastes nunca en dar o paso cara a transformación?
– Si, é un proxecto de futuro polo que apostamos e que esperemos poder levar a cabo, porque cremos que o que máis valor pode aportar á nosa cooperativa é transformar o leite dos nosos socios, porque vender leite líquido non xera valor engadido e hoxe todos estamos vendendo o noso leite á industria.
Esa é a pata que nos falta a moitas cooperativas aquí en Galicia porque ofrecer servizos e conseguir bos prezos nos insumos aos socios é necesario pero non resolve o principal problema das granxas, que é o prezo do leite.
Nós cremos na economía social cooperativa e a nosa misión ten que ser xerar valor na zona. Hai que apostar polo cooperativismo, porque é o que aporta valor aos socios, a todos, tanto ás pequenas ganderías como ás máis grandes. Nese sentido pensamos que as cooperativas fan unha moi boa labor.
“Non vemos mal as fusións, pero non queremos quedar diluídos dentro dunha cooperativa moito máis grande ca nós”
– Como vistes o proceso de fusión de cooperativas que se deu en Galicia e que desencadeou na constitución de CLUN e AIRA?
– Nós non vemos mal eses procesos. Sempre que sexa bo para os socios, que é o noso mantra e o noso obxectivo á hora de traballar, por que non?
Non cremos que as fusións sexan malas, pero coa dimensión que temos agora mesmo permítenos ter un trato máis personalizado aos nosos socios, sen deixar de ser eficientes, e que o socio manteña ese sentimento e ese orgullo de pertenza á súa cooperativa, que é a de sempre.
Aquí practicamente coñecémonos todos os socios e calquera deles ten acceso directo á xerente da cooperativa, ao presidente ou a calquera membro do Consello Rector para facerlle chegar calquera problema porque somos todos veciños.
– Dis que non vedes mal as fusións, pero quedastes á marxe delas no seu momento
– Non houbo ese ofrecemento e penso que a unha cooperativa coma a nosa tampouco nos interesaría moito asociarnos con esas cooperativas tan grandes, porque quedariamos desdebuxados, diluídos dentro dunha entidade moito maior, e non constariamos como cooperativa propia que somos hoxe.
Preferimos manter o noso funcionamento autónomo; a sede da cooperativa está cercana aos socios e a toma de decisións tamén
Preferimos manter o noso funcionamento autónomo e a nosa actividade, facendo penso natural e atendendo aos socios directamente. En caso de fusionarnos, o que fariamos sería absorber cooperativas máis pequenas que hai nesta zona. A socios desas cooperativas xa lles prestamos algún servizo neste momento.