Denegación de axudas de incorporación e plans de mellora: Medio Rural lembra que son por “concorrencia competitiva” e destaca que as de 2023 contarán con máis orzamento

A Consellería do Medio Rural responde ás críticas pola denegación de axudas de incorporación, plans de mellora e pequenas explotacións da convocatoria 2022, lembrando que estas achegas son por “concorrencia competitiva”, ao tempo que destaca que as de 2023 contarán con máis orzamento.

En concreto, e en resposta a Campo Galego, o departamento que dirixe José González lembra que” como se especifica na orde de axudas, estas achegas son por concorrencia competitiva”. “É dicir, como acontece coa práctica totalidade das convocatorias, hai un orzamento pechado e distribúense as axudas en función da puntuación acadada segundo os criterios de baremación”, engade. 

No caso de incorporacións de mozos ao agro, dende Medio Rural destacan que as 353 axudas por un montante total de 15 millóns de euros, “supoñen un aumento dun 28% do número de solicitudes aprobadas con respecto á última convocatoria, a de 2020, pola que se concederan 278 achegas por 10,3 millóns”.

Por último, dende a Xunta lembran que “os interesados poden solicitar axuda atendendo á convocatoria deste ano actualmente aberta, que incrementa o orzamento global ata os 38,8 millóns de euros, dos que 20,5 millóns irán destinados a plans de mellora, 16,5 millóns investiranse na incorporación de mozos á actividade agraria e 1,8 millóns de euros focalizaranse na creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información