Anúnciase un aumento de 6,5 millóns de euros no orzamento para Plans de Mellora no 2024

FINCA CABREIRA (Irixoa) vista aérea granxa explotacion instalacions placas solares silos plans de mellora ampliacionO Consello da Xunta autorizou na súa reunión deste xoves destinar 47 millóns de euros en 2024 “ás axudas para promover a incorporación de profesionais ao agro e mellorar as explotacións”, cun incremento de 6,5 millóns de euros na partida destinada á modernización das granxas.

En concreto, a partida asignada para sufragar investimentos en explotacións agrícolas (os coñecidos como Plans de Mellora) será o vindeiro ano dun total de 27 millóns de euros; para a incorporación de mozos ao agro destinaranse 16 millóns de euros, aos que se suma por primeira vez unha nova liña destinada para persoas entre 41 e 55 anos (dotada de 3 millóns de euros). Por último, haberá achegas para pequenas explotacións (1 millón de euros).

O orzamento para Plans de Mellora pasa de 20,5 millóns de euros en 2023 a 27 millóns en 2024; mentres as axudas de incorporación pasan de 16,5 a 16 millóns

Estas subvencións pertencen ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. O orzamento está cofinanciado nun 12% pola Administración xeral do Estado, nun 28% pola Xunta de Galicia e nun 60% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Con estas axudas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.

Primarase o uso de madeira estrutural nos establos e naves
Nas axudas para investimentos nas explotacións agrícolas, subvencionarase o uso de madeira estrutural nas infraestruturas que se inclúan dentro dos plans de mellora, na liña da aposta da Xunta polo emprego deste material na construción. Ademais, tal e como indicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, poderán usarse as achegas para “comprar maquinaria, reformar as instalacións ou adquirir novos terreos”.

No caso das axudas para pequenas explotacións, a axuda terá carácter de pago a tanto alzado e concederase pola execución do plan empresarial ou plan de negocio, que terá unha duración de 24 meses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información