O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria 2022 das axudas de plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por parte de agricultores mozos e ao desenvolvemento de pequenas explotacións. Tanto o Sindicato Labrego Galego como Unións Agrarias denuncian as numerosas solicitudes denegadas por Medio Rural debido á insuficiente dotación presupostaria, un problema que advirten que se vai agravar aínda máis na convocatoria deste ano.
En concreto, nas axudas de incorporación de mozos ao sector agrogandeiro, para as que había un orzamento de 15 millóns, a Consellería concedeu 353 solicitudes pero denegou 76; para os plans de mellora, que contaban cun orzamento de 20 millós, resolvéronse positivamente 485 pero denegáronse 180 solicitudes, e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, que tiñan asignado un orzamento de 2,5 millóns, a Consellería do Medio Rural concedeu 166 e denegou 67 solicitudes.
Sindicato Labrego: “Denéganse a axudas a pequena e medianas granxas que cumprían os requisitos”
Dende o Sindicato Labrego Galego advirten de que “unha vez máis, e ao igual que aconteceu recentemente cas axudas complementarias ao sector cárnico ou á produción ecolóxica, a Xunta de Galicia voltou denegar estes apoios económicos públicos a pequenas e medianas granxas que cumprían cos criterios establecidos nas mesmas”.
A organizacion critica “a absoluta irresponsabilidade da Administración galega, que nun contexto de tendencia ao despoboamento do medio rural e no que a previsión é que 6 de cada 10 persoas que se adican arestora á produción de alimentos estea xubilada no ano 2030, deixa sen apoio económico público a 74 novas granxas galegas”.
Ademáis, lembran que “a resolución do 2022 chega unha vez que xa se iniciou o prazo de solicitude da nova convocatoria 2023, procedemento que non só non se axusta aos prazos de resolución establecidos pola Administración, senón que implica consecuencias directas negativas para as granxas solicitantes”. En concreto, advirten de que “por unha banda, aquelas persoas que iniciaron durante o ano 2022 o proceso de instalación inicial contando con obter esta axuda, perden agora a posibilidade de solicitala, ao seren xa titulares de granxas, precisamente por terse tomado o traballo de ir arrancando xa o proxecto, pero ademáis as persoas que teñan posibilidades de obter a axuda nesta nova convocatoria, perderon varios días do prazo establecido para a mesma -aberto actualmente-, ao enterarse hoxe da súa denegación”.
Neste senso, dende o Sindicato Labrego reiteran a súa demanda á Xunta de Galicia de que “a solicitude de axudas de incorporación á actividade agraria estea aberta durante todo o ano, non unicamente durante o prazo dun mes establecido arestora, a fin de adecualo á realidade das necesidades da produción agroalimentaria do noso país”.
Unións Agrarias: “”Hai unha clara falta de previsión por parte de Medio Rural”
Dende Unións Agrarias o seu secretario de Servizos, Óscar Pose, asegura que estas denegacións “se deben á clara falta de previsión por parte da Consellería de Medio Rural que non consignou o orzamento necesario para atender as solicitudes”.
Unha falta de orzamento que se agravou, no caso das axudas de incorporación, polo cambio de criterios na convocatoria das axudas: “Até agora esta axuda só se podía destinar á posta en marcha da explotación, destinándose básicamente á compra de gando, pero na convocatoria 2022 Medio Rural elevou o tope da axuda a 70.000 euros por solicitude e ampliouna a calquera investimento, como maquinaria..etc, co que moitos solicitantes aos que non lle cubría a axuda do plan de mellora meteron o investimento na axuda de incorporación”.
Ademáis, Óscar Pose advirte de que na convocatoria deste ano vaise repetir a situación, “xa que o orzamento é o mesmo é ás solicitudes de novas incorporacións e plans de mellora deste ano vánselle sumar as das persoas que viron a súa denegada o pasado ano”. “Hai unha clara falta de presuposto da Xunta para apoiar a tan necesaria incorporación de xente nova ao agro e de modernización das explotacións”, conclúe.