A Axencia Galega da Industria Forestal contará cun 14% máis de orzamento en 2024

O director da Axencia, Jacobo Aboal, sinalou que se traballará na xestión activa e valorización das masas de frondosas caducifolias galegas.

A industria forestal galega ten diante o reto de competir non só en pasta para papel, senón que pode aproveitar todas as posibilidades dos montes o que inclúe todas as variedades forestais capaces de abrir posibilidades e mercados. Por iso, a Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, aumentará o vindeiro ano un 14,49% o seu orzamento con respecto a este 2023, acadando unha cifra global de 17,47 millóns de euros que se destinarán, principalmente, a fomentar o investimento en tecnoloxías, ecoinnovación e dixitalización para seguir mellorando a competitividade do sector. Así o sinalou este luns o director da Axencia, Jacobo Aboal, que compareceu no Parlamento para dar detalles deste presuposto.

Na súa intervención, o director apuntou que o orzamento de 2024 da Axencia Galega da Industria Forestal contén un importante investimento en tecnoloxías forestais, que estará financiado cun crédito de 11 millóns de euros, o que supón -resaltou- un incremento do 103% con respecto ao ano anterior para dar resposta a unha demanda do sector.

Innovación

Nesta epígrafe, Jacobo Aboal destacou que no 2024 traballarase para estar máis presentes nas convocatorias de axudas europeas e así potenciar a innovación non só con fondos propios do Goberno autonómico. Por iso, sinalou que se buscará tecer unha extensa rede colaborativa para conseguir unha efectiva vixilancia tecnolóxica.

Dentro desta ámbito, o director destacou o proxecto europeo Resonante, no que está presente a Axencia e ao que destinará máis de 100.000 euros. Ten por obxectivo guiar a toma de decisións cara a mellora da resiliencia dos bosques e as cadeas de valor forestais e así dar resposta á evolución da demanda social de produtos forestais e servicios ecosistémicos.

Outro dos temas que puxo en valor, relacionados coa captación de fondos para a innovación, son as axudas concedidas hai unhas semanas polo Comité de Xestión do Programa de Cooperación Interreg España-Portugal á Axencia. Unha delas é unha achega do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), de máis de 1,6 millóns de euros, para o proxecto Aldealix, co que se quere avanzar na transición ecolóxica e a adaptación ao cambio climático do espazo transfronteirizo, integrando biomasa no modelo produtivo local mediante comunidades enerxéticas en Galicia e o Norte de Portugal, do que a Axencia disporá dunha partida de 178.000 euros. A outra achega, tamén con fondos FEDER, é de 840.000 euros para o proxecto Green Hub, con 220.000 euros para a Axencia, co que se quere aproveitar o potencial de cooperación para consolidar o ecosistema de innovación, científico e tecnolóxico, mentres se potencian as redes de colaboración. O obxectivo é crear un centro de excelencia en economía circular da eurorrexión Galicia e Norte de Portugal.

Estratexia para o 2024

A estratexia a seguir por parte da Axencia, a través destes orzamentos, é a de impulsar a modernización, a mellora tecnolóxica e a competitividade da industria forestal-madeira, así como favorecer o incremento da demanda de madeira local como elemento estrutural na obra nova, de rehabilitación e reforma, unha proposta sobre a que destacou o papel pioneiro de Galicia no país. O director tamén incidiu na necesidade de pular a produción e a demanda de bioprodutos de orixe forestal que substitúan aos que teñen unha forte pegada de carbono, o que favorecerá a un desenvolvemento económico que impulse unha mellora do clima, na liña da estratexia europea na loita contra o cambio climático.

Segundo explicou Jacobo Aboal, no vindeiro ano traballarase por impulsar o uso da xestión activa e valorización das masas de frondosas caducifolias galegas para darlle un valor engadido aos produtos obtidos delas. Tamén se buscará favorecer o uso da madeira en aplicación de políticas de descarbonización e de consumo de produtos de proximidade.

A Axencia traballará para promover a demanda de madeira como produto ecosubstitutivo fronte a outros de maior pegada de carbono, mentres reforzará as labores de asesoramento e promoción da madeira que se ofrecen desde o CIS-Madeira a centros directivos da Xunta e a entidades e organizacións de carácter público ou privado.

No 2024 tamén se abordará o proceso de restauración da finca de Lourizán, para a que se elaborará un proxecto construtivo e de execución que poida dar lugar a un centro de economía verde, cun orzamento de preto de 900.000 euros. Ademais, promoverase a renovación tecnolóxica na primeira e segunda transformación, así como a formación cualificada e altamente especializada nos diferentes eidos de maior valor.

Outras actividades nas que traballará a Axencia no vindeiro ano son a promoción da ecoinnovación no desenvolvemento de novos produtos de orixe forestal, pero tamén o fomento da dixitalización e a trazabilidade nos diferentes subsectores da cadea monte industria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información