Tres opcións para a venda por internet da madeira de parcelas forestais

Coñecemos como están a funcionar distintas iniciativas que xurdiron nos últimos anos para facilitarlle ó propietario unha nova alternativa de comercialización, complementaria da tradicional

Tres opcións para a venda por internet da madeira de parcelas forestais

Madeira en cargadoiro. / Arquivo.

En paralelo á vía tradicional de venda de madeira, a través do contacto directo con empresas forestais e fragueiros, que segue sendo a maioritaria, nos últimos anos estanse a desenvolver diversas iniciativas para propiciar a venda de lotes de madeira por internet. Son proxectos orientados tanto a comunidades de montes como a propietarios particulares. Coñecemos como funcionan e as súas perspectivas.

1) Mercamadeira

MercaMadeira é unha plataforma de poxas de madeira que vén de nacer, froito da colaboración de seis empresas do sector forestal (Asefor, Iniciativas no medio rural H2O, Tenzas Xestión Forestal, Celtis Enxeniería, Xesforest Ingeniería S.L.P. e Sortegal). É unha plataforma que se pensou cun sistema similar á plataforma que xestiona a Xunta para a venda de lotes de madeira en montes conveniados coa Administración, cun sistema de subasta online de tempo limitado. Esta plataforma nace así coa idea de dar servizo principalmente a comunidades de montes veciñais, se ben está tamén aberta a propietarios particulares, cun sistema similar, aínda que con lixeiras diferenzas.

En calquera dos dous casos, o mellor postor é o comprador final do lote de madeira. No caso de particulares, o propietario da finca ten que establecer dous prezos: o prezo base (un prezo mínimo polo que quere vender a madeira) e un prezo índice (un prezo polo que se adxudica automáticamente ao comprador e finaliza a subasta).

Se na subasta se alcanza o prezo base e ainda así o propietario decide non vender, cobraríanselle os custos técnicos ao propietario. Se non se alcanzase ese prezo na subasta, Mercamadeira asumiría dito costo.

Para establecer o prezo base, a comunidade de montes e os propietarios contan co asesoramento das empresas que conforman a plataforma. Un técnico asignado por Mercamadeira establecerá a tasación do prezo mínimo do lote.

O sistema trata ademais de automatizar procesos como a elaboración de contratos, a posta a disposición de datos das parcelas ou a xestión de permisos.

A plataforma destaca ademais pola seguridade, ao ser un sistema encriptado. Tamén pola transparencia, pois os custos técnicos serán visibles tanto para o propietario como para o comprador do lote de madeira, que sería quen asume eses custos técnicos á hora de formalizar a compra.

Nun principio, as poxas faranse tamén de xeito presencial, non só online.

Resumindo, a idea é facer máis fácil, rápido e transparente o proceso de compra-venda de madeira, e ir engadindo novas ferramentas útiles para compradores e vendedores.

O asesoramento e seguemento do lote por parte dos técnicos garantiza que o prezo sexa o máis realista posible. Tamén destaca a automatización na comunicación, pois os rematantes reciben notificacións inmediatas no momento no que un lote de madeira é posto á venda por parte dun vendedor.

Está previsto que a primeira poxa de MercaMadeira se celebre proximamente. Como explica José Manuel Iglesias (XesForest), un dos responsables desta iniciativa, necesitarán uns meses para poder facer un balance de resultados.

2) Subasta forestal

Subasta Forestal trátase dunha plataforma online, que conta con páxina web e aplicación móvil, na que o propietario sobe unha ou varias fincas (mínimo 8.000 metros cadrados) e ponlle un prezo mínimo. A continuación, o promotor da plataforma, Cristian Carneiro, vai revisar a finca para garantir que se cumplen os requisitos mínimos e que o prezo é razoable, dentro dos prezos de mercado. Unha vez confirmado isto, comeza un proceso de subasta que dura un mes, na que os compradores poden ir puxando de 100 en 100 euros e poden ir ver a finca e acceder aos datos técnicos pertinentes.

As subastas rematan sempre ás 12 da mañá e pódese ver en todo momento un cronómetro coa conta atrás e a mellor oferta realizada. Normalmente, os madeiristas esperan aos últimos minutos a puxar e subir o prezo da subasta para aspirar a comprar o lote ao mellor prezo posible.

O propietario está obligado a vender a madeira se o prezo mínimo fose igualado ou superado na subasta. Se o prezo mínimo non fose igualado ou superado, entón non se lle cobraría nada e ese lote non podería volver a subasta, pois significaría que o prezo estaba demasiado alto.
No caso de vender o lote de madeira, cobraríaselle un 3% do valor da subasta ao comprador, en concepto de gastos de xestión e asesoramento técnico.

Despois dun ano e medio de actividade, esta plataforma asegura que moveu uns 400.000 euros aproximados, sumando todas as transaccións efectuadas de compra-venda de madeira. Están actuando por toda Galicia en xeral, centrados no eucalipto e pino. Cristian sinala que prefire non traballar con frondosas pola dificultade de obter permisos e ser madeira máis dificil de colocar no mercado.

Cristian tamén destaca que, trala venda, son os madeiristas os que deben xestionar os permisos e contratos pertinentes.

3) E-Monte

E-Monte trátase da primeira plataforma online de venda de madeira creada en Galicia, alá polo 2016. Con esta plataforma, os propietarios poden ofertar a madeira das súas parcelas de forma rápida e sinxela. Os compradores, pola súa banda, teñen un prazo para ir ver ditos lotes e facer ofertas a través dunha subasta online.

A superficie mínima que se estableceu para subir lotes foi de 3.500 metros cadrados, pero canto máis grande sexa o lote de madeira, máis posiblidades de chegar a máis empresas e a outras zonas de Galicia, para obter así un prezo superior.

O servizo non ten ningún custo para o propietario. Os custos de xestión (1% da operación) se lle aplican a quen compra a madeira, pero para evitar que os propietarios usen a plataforma para obter a tasación/valoración dunha empresa e despois vendan pola súa conta, establécese unha penalización de 90 euros en caso de que o propietario non aceptase a oferta máis alta recibida pola súa madeira.

Víctor Rivas, responsable desta iniciativa, explica que o balance de actividade non é especialmente alto, pois ainda existe certa desconfianza por parte dos propietarios cara este sistema, pero tamén considera que a creación de novas plataformas online deste tipo, demostra que é o futuro deste sector, por ser máis cómodo, rápido e transparente para todos os axentes implicados.

Nos últimos anos, a idea de E-monte é ir complementando a plataforma de venda con novos servizos. Un destes servizos é unha ferramenta moi empregada, creada en colaboración coa Universidade de Vigo e o Cluster da Madeira, que consiste en facer un cálculo estimado dos metros cúbicos de madeira dunha finca a partir dos diversos datos que se van introducindo na aplicación.

Esta plataforma estase empregando por toda Galicia, pero principalmente na provincia da Coruña, destacando o eucalipto como principal especie, ainda que o interese polo piñeiro está aumentando considerablemente. Víctor sinala que os lotes máis pequenos e de especies con menor saida de mercado, como o carballo ou o castiñeiro, son moito máis complicadas de vender por medio da plataforma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información