A ampliación do centro de saúde do Porriño é a segunda edificación en madeira do Sergas, trala boa acollida que tivo o centro de urxencias da Laracha (A Coruña). De ambos proxectos encargouse o estudo Ezcurra e Ouzande Arquitectura, que leva apostando pola construción en madeira desde os seus inicios.
“Para os centros de saúde, o uso da madeira aporta calidade de ambiente interior. A madeira é un material que contribúe a dar tranquilidade e acouga, dálle benestar tanto ás persoas traballadoras como ás usuarias, algo moi importante tras todo o que vivimos na pandemia”, valora a arquitecta Cristina Ouzande, unha das responsables do proxecto do Porriño.
– Fálenos do proxecto de ampliación do centro de saúde do Porriño.
– Este proxecto sae dun concurso que nós gañamos. A Administración pedía que fose un edificio basicamente de madeira e nós propuxemos un sistema mixto, que leva uns forxados de madeira contralaminada e uns paramentos de entramado. Practicamente é unha construción 100% de madeira, salvo a cimentación, que é de formigón.
Tanto na estrutura como nos acabados interiores empregamos madeira. As carpinterías son de madeira, con emprego tamén de taboleiros derivados da madeira en baños e consultas. Nas fiestras, a parte de poñer uns vidros baixo emisivos, colocamos unhas celosías nas fachadas leste e sur, que tamén axudan a que non se produza un quecemento importante dentro do edificio, que é un problema que había no edificio inicial do centro de saúde, onde faremos unha intervención posterior para intentar controlar este aspecto.
Por último, incorporamos cubertas axardinadas, que é un elemento que a nós nos parece moi interesante a nivel térmico e ambiental.
– Tódalas fachadas exteriores son tamén de madeira. Explíquenos o material que empregaron para as fachadas.
– Esta é unha madeira de piñeiro de Galicia, termotratada, que ten unha clase 3 de resistencia ó exterior e leva un tratamento ignifugado, de resistencia ó lume, xa que é obrigatorio nestes edificios. É toda unha madeira que leva trazabilidade. Poremos na entrada un código QR que permitirá que calquera poida ver no seu móbil todo o percorrido da madeira, desde que se cortou en monte ata a súa chegada á obra.
Nos interiores traballamos tamén con piñeiro nalgúns acabados e con outras madeiras, como o castiñeiro para as tarimas ou o cedro para as fiestras.
– A construción estrutural en madeira é unha tendencia que se está introducindo en Galicia nos últimos anos. Que cre que se necesita para que colla impulso?
– Creo que se precisa algo máis de difusión todavía e que a xente vexa que é un sistema que non xera problemas. Porque unha persoa cando inviste nalgo quere que teña unha durabilidade, entón ver que estes sistemas teñen esa durabilidade e que aportan beneficios que non aportan outros sistemas construtivos é unha das claves.
Outra cuestión importante é que en Galicia temos xa empresas fabricando material con madeira galega para construción, pero precisamos máis gamas de produto para poder ter un suministro local e que a pegada de carbono da edificación sexa relativamente pequena.
– A durabilidade das construcións en madeira é unha das dúbidas habituais entre a cidadanía. Que nos pode dicir sobre iso?
– A durabilidade é toda a que se poida necesitar. O único a ter en conta é que a arquitectura de madeira hai que pensala como arquitectura de madeira, hai que deseñala como arquitectura en madeira. Non serve facer un proxecto de formigón e despois executalo en madeira, xa que precisas ter as solucións constructivas ben traballadas para que funcionen e a madeira permaneza en bo estado todo o tempo que se precise.
– Incluso nos exteriores?
– Como se pode ver aquí no centro de saúde do Porriño, nós non temos ningún medo. Hai que coidar certas cousas, adaptar as solucións. Por exemplo, nós temos uns verteaugas nas fiestras para recoller as cabezas do entaboado, temos uns petos cubertos cuns topetes que protexen da auga os remates superiores, etc. En definitiva, tendo en conta unha serie de cuestións á hora de construír, non debería haber ningún problema, pero son cuestións que tamén tes que ter en conta con outros materiais, non é tan extraordinario, é construír ben, máis nada.
– Falaba antes da necesidade de máis materia prima de orixe galega. Onde ve necesidades?
– Por exemplo, a día de hoxe, hai materiais como os laminados de piñeiro silvestre (‘pino rojo’) que veñen de fóra, cando o piñeiro do país, nalgúns aspectos, é mesmo mellor a nivel técnico para usos estruturais. Que sucede?. Que os europeos nunca deixaron de construír en madeira. Eles levan moitos anos facendo silvicultura coidada e sostible, cunha industria xa moi potente, e nós temos que collelos, imos un pouco atrás.
Nin Francia, nin Alemaña, nin os países nórdicos nin en Inglaterra se deixou de construír en madeira. Nós deixamos de construír absolutamente en madeira. Entón, claro, tamén se perderon os oficios e se perdeu coñecemento. De feito, atopar carpinteiros é un problema.
– No contexto da bioeconomía, a madeira preséntase como un material renovable e sostible de gran interese. Cre que pode coller máis importancia na construción?
– A madeira é importante en construción porque ten unha pegada de carbono moi baixa e ese é un elemento bastante definitivo, tendo en conta o cambio climático. A propia Unesco vén de pedir máis madeira e materiais reciclados nos edificios, xa que a pegada de carbono da construción é moi alta.
Outro factor a ter en conta é que cos actuais sistemas de traballo, que permiten fabricar as pezas en taller e reducir o traballo da obra case a unha montaxe, logramos acurtar moito os tempos de construción e obtense moita precisión. Unha vantaxe adicional é que se trata dunha construción en seco, co que eliminas as humidades dos morteiros e todo isto son melloras sobre os sistemas tradicionais.
– Pódese dicir que a madeira ten tamén vantaxes técnicas en comparación cos edificios tradicionais de formigón e ladrillo?
– Si, é un material que ten un bo comportamento dentro da hidrometría ambiental do edificio, ten un bo comportamento técnico, tamén acústico e aporta esa calidade de ambiente interior que, por exemplo no caso do centro de saúde do Porriño, é moi importante para os usuarios.
– Cre que proxectos como o do Porriño, de iniciativa pública, poden ser importantes como modelos de referencia para a cidadanía?
– Crear modelos de referencia é importante porque cando alguén decide facer algo en madeira, necesita ver outras cousas, para ver que realmente hai máis que cabanas, xa que o imaxinario da xente en relación á construción en madeira é o dunha casiña para ir as fins de semana. Non se entende que poida haber unha arquitectura cun programa xa complexo e cunhas instalacións importantes. Por iso é interesante que se poidan ver estes exemplos.
Tamén hai que destacar que unha cousa boa é a liña de axudas autonómicas que se están a sacar para incentivar a arquitectura en madeira.
“A arquitectura tradicional galega era basicamente en madeira”
– En Ezcurra e Ouzande Arquitectura destaca a especialización que tedes na construción en madeira. Como chegastes a esta liña de traballo?
– Tanto a miña socia, Cristina Ezcurra, coma min arrancamos traballando nunha oficina de rehabilitación, entón estivemos traballando en intervencións de arquitectura protexida e aquí a arquitectura tradicional é basicamente madeira. Temos os muros de pedra, pero tanto os forxados como a tabiquería como as carpinterías son de madeira.
Para nós é un material moi próximo, que entendiamos moi ben, e que unha vez se xunta coa maneira en que nós cremos que se debe facer a arquitectura, tendo en conta as necesidades sociais e ambientais do momento, pois optamos por traballar coa madeira tamén na arquitectura de nova planta.
– Que proxectos destacarías dos que levades acometido?
– Un proxecto moi querido para nós é un proxecto de rehabilitación, que é a intervención no castelo de Monterrei (Monterrei, Ourense), tanto do interior do castelo como da casa reitoral. No caso da reitoral, estaba en ruínas, polo que nela fixemos unha intervención de rehabilitación estricta, con reposición dos sistemas estruturais en madeira, entaboados, carpinterías e cubertas, tal e como era en orixe.
Tamén destacaría a rehabilitación de Vila Concepción (Cambre) como Casa de Cultura. É unha casa de inicios do século XX, estilo palacete parisino, e ten un interese moi importante polos oficios de madeira e de metal, por como están traballados os elementos decorativos. É un sitio para ver como eran os oficios nese momento, que é algo que en Galicia non se ve habitualmente, xa que en Galicia o modernismo pasou con moita discreción.
– E en obra nova?
– En obra de planta nova, destacaría o PAC da Laracha, porque foi un cambio de paradigma na concepción en que se ten que facer un edificio público. En principio, o Sergas non tiña en mente cando se fixo ese edificio facer nada en sistemas de madeira. Propuxémolo nun concurso, que gañamos, e a partir de aí fomos pechando con eles a solución, para ver a viabilidade do sistema, que funcionou moi ben, xa que tivo moi boa acollida por parte dos sanitarios e dos usuarios, e iso para o Sergas foi importante.
- Entrevista difundida pola Fundación Arume