A Organización Interprofesional Láctea (InLac) presentou a lema do seu novo anuncio de TV: ‘Te lo Agradece’. Esta campaña apela ao consumo de alimentos de Orixe España e busca concienciar aos consumidores que, co seu poder de compra, teñen a chave para fomentar o relevo xeracional, garantir a viabilidade do sector lácteo e o futuro rural.
Segundo indican, España importa moitos máis lácteos dos que exporta, cun saldo comercial negativo superior aos 1.065 millóns de euros en 2023. En concreto, España importou lácteos o pasado ano por valor de máis de 2.727,5 millóns de euros. Segundo detallou Daniel Ferreiro, presidente de InLac, “avogamos por que os consumidores opten por lácteos de Orixe España e se fixen na etiqueta. Porque a orixe si importa. Debe recoñecerse o valor que hai detrás de cada vaso de leite, iogur ou anaco de queixo”. “Ao apoiar ao noso sector produtor e transformador elixindo lácteos españois, non só estamos por preservar a nosa cultura e identidade gastronómica, senón que, ademais, apoiamos a economía das zonas rurais”, especifica Ferreiro.
A campaña ‘Te lo Agradece’ convida os consumidores a apreciar os beneficios que teñen os lácteos e que estes sexan de orixe española. A directora xerente de InLac, Nuria María Arribas, destaca que ‘se adquirimos alimentos lácteos de Orixe España, melloramos a calidade de vida de gandeiros e gandeiras, favorecemos que cooperativas e fabricantes poidan continuar a súa actividade, fomentamos o relevo xeracional e loitamos contra o despoboamento e o avance da España Baleirada”.
Dende InLac fomentan o consumo de tres lácteos ao día e lembran que son alimentos situados na base da pirámide nutricional
A campaña ten unha forte presenza na televisión con anuncios de diferentes duracións, ademais de microespacios en radio e amplo despregamento de pezas en puntos de venda. “Unha campaña potente, que pretende superar os 250 millóns de contactos e que se realizará na súa primeira onda entre abril e maio, alcanzando unha cobertura do 88,5 %”, indican desde InLac.
3 racións de lácteos ao día
Tomar unha media de 3 lácteos ao día, é a mensaxe que promove desde hai anos InLac e que, segundo indican, está avalado por diferentes investigacións científicas de máximo rigor e obxectividade. Engaden que os lácteos “son alimentos situados na base da pirámide nutricional que formaron parte das nosas saudables dietas mediterránea e atlántica, nun país que figura entre os máis lonxevos do mundo e con mellor esperanza de vida a nivel global”.
Como dato preocupante, indican que máis do 60 % do calcio da dieta española procede do consumo de leite e os lácteos, pero unha parte dos españois están a abandonar o seu consumo, influenciados por modas alimentarias pouco rigorosas cientificamente en favor doutros produtos que non contan cos mesmos beneficios. As evidencias saudables derivadas do consumo habitual de alimentos lácteos contan co respaldo da Fundación Española da Nutrición (FEN), a Fundación Iberoamericana de Nutrición (Finut) ou a Federación Española de Sociedades de Nutrición, Alimentación e Dietética (Fesnad), entre outros organismos.