Comeza unha lixeira reactivación da demanda de piñeiro e eucalipto

As principais industrias de destino en Galicia aumentan volumes de compra, o que está a tirar levemente do prezo cara arriba e no sector agárdase que iso sirva para recuperar as cortas no monte, que levan varios meses moi paradas

TRABADA Maderas Edelmiro Lopez1Despois dunha segunda metade do ano 2023 cunha considerable redución no volume de cortas de piñeiro e eucalipto no monte por mor dunha situación de mercado ralentizada que mesmo obrigou ás fábricas a restrinxir a entrada de materia prima, o 2024 comeza cunha lixeira reactivación da demanda, aínda que polo momento non se trasladou de maneira importante aos prezos, salvo cunha tímida recuperación nos lotes máis grandes e con mellor saca.

“Houbo subas nos volumes de pedidos que tiñamos reducidos, pero máis aló deses pequenos atisbos de incrementos de demanda, no prezo non houbo aínda marabillas”, recoñecen algunhas das empresas do sector.

O eucalipto glóbulus está aínda por baixo dos 40 euros, mentres que a rolla de piñeiro móvese entre os 35 e os 42 euros dependendo da especie, chegando aos 45€ nas pezas de maior calidade. Tanto no caso do piñeiro como do eucalipto, a facilidade de saca e o tamaño da parcela condiciona tamén de xeito importante o prezo final a cobrar polo propietario forestal.

A recuperación dos prezos do eucalipto faise agardar

Aínda que se agardaba unha recuperación do valor da madeira de eucalipto en pé logo de que Ence decidira frear en novembro as baixadas de prezos, que no conxunto do pasado ano supuxeron uns 7€/tonelada, as subidas estanse a facer agardar.

O eucalipto baixou o ano pasado un 15%, mentres que o piñeiro fíxoo un 10%

Os propietarios individuais con lotes de madeira bos para vender directamente a Ence xa notaron un pequeno incremento de prezo, pero polo xeral o eucalipto glóbulus segue por baixo dos 40€, cunha diferenza duns 5 ou 6 euros menos de media no caso do nitens, dependendo da fábrica e dos dixestores que teña.

Ence, principal destino para o eucalipto que se corta en Galicia, non chegou a establecer cupos o ano pasado para a entrada de madeira ás súas plantas, agás no caso da biomasa, pero optou por priorizar nas entradas de madeira o glóbulus fronte ao nitens, cunha maior penalización no prezo, que aínda se mantén.

Segue sen corrixirse a diferenza de 6 euros menos no nitens

O prezo a cobrar polo propietario forestal, xa con IVE e descontado o 2% de retención fiscal, está neste momento, no mellor dos casos, en 40€ para o eucalipto glóbulus pelado (34€ sen pelar) e 6€ menos para o nitens segundo a tarifa de Ence, que se mantén sen cambios desde novembro.

As importacións de pasta de papel e madeira desde suramérica están a retrasar a revalorización do eucalipto nos montes galegos

No caso do eucalipto para a exportación, tanto con destino a Portugal para Navigator como o que se envía aos países nórdicos, están a incrementarse os volumes de saída de madeira logo de meses de pedidos reducidos, aínda que as fábricas en Europa están agardardo o máximo posible para repercutir no prezo a suba xa experimentada na cotización da pasta de papel, que supera neste momento os 1.000 dólares, cando estivera a tan só 700 hai medio ano.

Chegada de madeira en cargueiros desde Huelva e Brasil

Se durante o 2023 a planta de Ence en Navia elexía glóbulus nas súas compras, agora que os parques de madeira da pasteira practicamente se baleiraron, está transportar en barco ao porto de Mirasol, en Ribadeo, eucalipto  desde Huelva, unha estratexia que xa levou a cabo noutras ocasións.

Para surtir á planta de Pontevedra, sen embargo, Ence está a apostar por traer materia prima de Brasil en grandes cargueiros de máis de 40.000 toneladas que descargan no porto de Marín, segundo fontes do sector. Estas importacións non eran algo habitual até agora, pero os excedentes de eucalipto no país suramericano están a servir para ofertar madeira a prezo barato ás pasteiras europeas.

No porto de Marín descárgase a madeira de importación para a planta de Pontevedra e en Ribadeo a de Huelva destinada a Ence Navia

Ademais de pasta de papel, Brasil é tamén un importante exportador de madeira en rollo, fundamentalmente con destino a China, pero o mercado asiático atópase nestes momentos ralentizado e eses excedentes están a ser derivados a Europa.

Volve a normalidade á industria do taboleiro

A caída de prezos do piñeiro o ano pasado foi menor ca do eucalipto, pero houbo problemas para dar saída á madeira que se cortaba nos montes. Aínda que os principais aserradoiros locais en Galicia mantiveron as compras, o atranco fundamental estaba no puntal, onde houbo un embotellamento debido ao establecemento de cupos e restricións por parte de Finsa.

Esa limitación no mercado do puntal acabou prexudicando tamén á rolla, xa que cando unha empresa forestal entraba nun monte atopábase con que tiña saída para a madeira de calidade pero non para a destinada á industria do taboleiro, o que limitou de maneira importante as compras e cortas de madeira de piñeiro en 2023.

Os aserradoiros locais en Galicia mantiveron a actividade no 2023 pero Finsa estableceu cupos que arrastraron a toda a cadea

Neste momento, sen embargo, a situación nas fábricas corrixiuse. As restricións impostas á entrada de madeira levantáronse fai un par de meses e Finsa está recibindo materia prima con normalidade desde principios de ano, o que está a servir para incentivar o mercado.

Comezan a animarse un pouco os pedidos e xa aumentou algo a demanda de especies como o radiata

Dependendo do tipo de piñeiro, da facilidade da saca e da distancia do monte ao aserradoiro, a rolla móvese na horquilla dos 35-45€, mentres que o puntal págase a 27€ a tonelada. O descenso sufrido pola madeira de conífera o ano pasado foi menor que a do eucalipto (entre 4 e 5 euros para o piñeiro fronte aos 7 do eucalipto), e produciuse ademais de xeito moito máis paulatino, o que deu tempo ás empresas forestais a reaccionar e axustar as súas ofertas.

Procesadoras paradas

Coa caída da demanda por parte das fábricas a maioría das empresas forestais estiveron traballando a medio gas nos últimos meses, mesmo reducindo as unidades de corta operativas porque “se tes cupos non podes apilar a madeira”, recoñecen.

A falta de demanda fixo que as empresas atenderan a feitura de montes menos produtivos, que levan máis tempo

Tamén se aproveitou por parte do sector para facer aqueles montes menos produtivos e nos que a saca levaba máis tempo. “Cando hai apuro priorizas os máis rápidos de cortar e de máis volume e é nestes momentos máis parados nos que aproveitas para facer limpeza e sacar de diante outro tipo de montes”, explican.

Á espera dunha recuperación das compras de madeira no monte

As empresas forestais agardan poder volver traballar con normalidade nos vindeiros meses aínda que neste momento as compras seguen aínda moi paradas. “É difícil comprar, basicamente porque a xente non vende; ten que acostumarse aos novos prezos e o propietario que pode esperar está agardando a ver que dirección colle isto”, recoñecen nunha empresa que compra na Mariña.

A xente non vende porque o propietario está agardando a ver que dirección colle isto

No inverno sempre hai unha redución das vendas de madeira por parte dos propietarios polas propias condicións meteorolóxicas á hora, por exemplo, de ir ensinar os montes, mentres que na primavera e o verán é cando máis se anima o mercado da madeira en pé, polo que se os prezos repuntan poderíase volver aos volumes habituais doutros anos, consideran.

“Se o prezo mellora un pouco pode animar ao propietario a vender, porque é certo que a retracción desta volta foi enorme a partir de setembro, pero se non hai unha certa revalorización a cousa seguirá parada, porque se non tes unha necesidade acuciante de vender agardas a que se recupere o prezo”, indican noutra empresa.

Novos destinos para a madeira queimada

TRABADA Maderas Edelmiro Lopez2Na Mariña, a prioridade das cortas neste 2024 estará centrada en sacar a madeira dos montes queimados no gran incendio do pasado outono, que afectou a 2.300 hectáreas dos concellos de Ribadeo e Trabada, no maior lume producido en Galicia no 2023.

Pero non foi o único que se produciu nesta zona. Fai só dúas semanas o vendaval tirou unha árbore sobre unha torreta eléctrica e provocou un incendio que se levou por diante outras 190 hectáreas neste municipio cunha importante produción de madeira e que conta con varias empresas adicadas ao sector forestal.

Fai dúas semanas o monte volveu arder en Trabada por mor dunha árbore que tirou o vento sobre un transformador eléctrico

Maderas Edelmiro López é unha delas. Sara Montero, a xerente da empresa, explica que xa empezaron a cortar madeira queimada e que están buscando novas saídas para ela en mercados fóra de Galicia.

O lume de outubro queimou máis de 50 hectáreas de monte propiedade da súa familia, a maior parte de eucalipto nitens, que non se pode pelar. “Até agora nunca embarcaramos madeira con corteza queimada. Estámola mandando para Reino Unido desde o porto de Burela, tanto para uso papeleiro como para caldeiras de estelas”, conta.

Perspectivas para este ano

A curto prazo, Sara agarda unha recuperación do sector, tanto no piñeiro como no eucalipto. “Son optimista, porque os prezos baixos do eucalipto están durando xa moito e os ciclos no eucalipto son curtos, é un ciclo que dura normalmente 6-8 meses. As fábricas están non con escaseza pero si aumentando a demanda de madeira de eucalipto e a celulosa volve cotizar ben, aínda que é certo que tarda un pouco en trasladarse esa revalorización a todos os puntos da cadea”, explica.

Eu esperaba unha baixada moi grande do piñeiro o ano pasado e foi ao revés, o que baixou máis foi o eucalipto, porque de piñeiro comeza a haber escaseza

En canto ao piñeiro, “segue parado”, di, “pero confío que o mercado se recupere neste primeiro semestre, ao mellor non totalmente, pero si que haxa indicios de recuperación forte, sobre todo en material de aserradeiro”, prognostica.

“Co piñeiro comeza a haber escaseza e a curto prazo vai ser importante o desabastecemento nalgunhas zonas. Durante moitos anos o piñeiro foi moi mal tratado en prezo para o propietario, e iso, sumado a uns coidados maiores (podas, entresacas), ademais do maior turno de corta, desincentivou a súa plantación”, recoñece.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información