“Necesitamos aplicar unha silvicultura que poña no mercado madeira de máis valor, con novos usos para a industria”

Falamos con Jorge Bouzas, enxeñeiro de montes da Asociación Forestal de Galicia, sobre como xestionar unha masa de piñeiros desde a plantación ata a corta, con vistas a producir madeira de calidade

“Necesitamos aplicar unha silvicultura que poña no mercado  madeira de máis valor, con novos usos para a industria”

Jorge Bouzas, enxeñeiro de montes da Asociación Forestal de Galicia.

A boa demanda e altos prezos que acadaron os piñeiros nos últimos anos fixeron que propietarios forestais e comunidades de montes recuperasen a ilusión nas masas de coníferas. Entrevistamos ó enxeñeiro de montes Jorge Bouzas, da Asociación Forestal de Galicia, para falar con el da xestión que deben ter os piñeirais, de cara a producir madeira de calidade. Visitamos ademais con el traballos forestais na comunidade de montes de Balouta e Fontecova (Dodro, A Coruña).

– Explícanos unhas recomendacións xerais para planificar as masas de piñeiro.
– Na Asociación Forestal de Galicia partimos de modelos silvícolas de produción de madeira de alta calidade, con dous itinerarios posibles: a rexeneración artificial, que se fai mediante plantación, e a rexeneración natural tras corta, que é moi habitual en comunidades de montes.

No caso da rexeneración artificial por plantación, sempre aconsellamos empregar planta con mellora xenética, con I+D. Partindo desa planta de calidade, temos a opción dun marco aberto de 4×4 metros, case definitivo, con planta moi boa, e hai tamén a posibilidade dun marco máis denso, de 4×2,50 metros, que nos permite facer unha posterior selección dos pés de porvir, así como acceder a axudas públicas para a xestión da masa.

En calquera caso, sempre recomendamos distancias de 4 metros nas filas para evitar nos posteriores traballos danar o arborado, con toques do tractor ou maquinaria.

Nos traballos de preparación de terreo, recomendamos sempre un subsolado profundo, se pode ser cruzado mellor. Outra opción é a apertura de buracos de plantación con mini pala.

No caso do rexenerado natural, trala corta hai que facer un tratamento dos restos e esperar a ese rexenerado natural, para ver se é suficiente, e logo abrir unhas rúas e selecionar as árbores que se deixan.

Poda nun piñeiral no monte veciñal de Balouta E Fontecova.

Poda nun piñeiral no monte veciñal de Balouta E Fontecova.

– Estamos na comunidade de montes de Balouta e Fontecova, un monte veciñal que é un exemplo de aposta polo piñeiro nas arredor de 500 hectáreas que xestiona. Cóntanos a situación silvícola do monte.
– A comunidade de montes de Balouta e Fontecova principalmente ten masas de piñeiro que sempre acuden a rexeneración natural. Teñen unha rexeneración natural moi boa no monte, teñen moi boa planta e entón sempre optan por facer cortas, tratamento dos restos e aproveitar o rexenerado para abrir rúas o primeiro ou o segundo ano, axudando con rexeneración artificial nas zonas puntuais onde non nacera o piñeiro.

– Cales son os traballos silvícolas precisos ó longo de todo o ciclo dunha plantación ou dun rexenerado natural de piñeiros?
– Unha vez feita a plantación, hai que facer un seguemento aos 6 meses ou primeiro ano, para proceder a unha reposición de marras. Isto é importante sobre todo se estamos nun marco de densidade baixo, de 4×4 metros, para asegurar o número de plantas.

Con carácter xeral, haberá que facer unha poda entre os 8 e os 10 anos, de cara a evitar a formación de nós ou a minimizalos

Logo é recomendable nos primeiros 3-4 anos facer un desbroce, para o control da vexetación acompañante e facilitar o desenrolo dos piñeiros. Este traballo, dependendo do crecemento, pódese acompañar dunha poda moi somera dos verticilos inferiores dos piñeiros.

No caso dunha rexeneración natural, se esa rexeneración é viable hai que abrir rúas, cun ancho de labor de 2,5 – 3 metros. No metro restante, iremos seleccionando os pés que queremos , ata conseguir as rúas e densidade buscada.

A partir de aí, os tratamentos son comúns. Consisten en facer unha primeira poda baixa, que se debe facer, en función dos crecementos, entre os 8 e 10 anos. Convén non retrasala moito para que as pólas non sexan grosas cando se podan. As pólas de 3 centímetros ou menos son as ideais para que as feridas pechen o antes posible e para concentrar os nós no interior das árbores.

Os rareos son importantes para concentrar o volume de madeira para corta final nos mellores pés, que sexan máis rectos e cilíndricos

Despois, unha vez feitas esas podas, son tamén importantes os rareos para rebaixar a densidade, sobre todo nos modelos de densidade máis alta. Faríanse rareos que se chaman polo baixo para eliminar os pés máis baixos, que están dominados, bifurcados, que están torcidos ou con algún dano.

Favorecerase así que queden na finca os pés mellores, máis rectos, máis cilíndricos, con poda correcta, nos que tentaremos concentrar o volume de madeira para corta final.

– En canto á elección de especie de piñeiro, que recomendacións estades dando na Asociación Forestal?
– Hai varios tipos de piñeiro no mercado, que son sobre todo o ‘Pinus pinaster’ (piñeiro do país) e o ‘Pinus radiata’ (piñeiro radiata ou insigne). O ‘pinaster’ é un piñeiro máis agradecido se hai pouca xestión, porque tende a facer unha mellor poda natural, tende a ter menos enfermidades.

No caso do ‘radiata’, é recomendable unha silvicultura para reducir eses nós, que non debe haber na madeira de calidade, polo que hai que facer esas podas temperás. Tamén son necesarios os rareos para que a masa estea saneada e circule ben o aire por ela, evitando os fungos, que son habituais nas masas de piñeiro radiata.

“En piñeiro insigne, a recomendación é ter as masas o máis aireadas posible, con podas baixas e rareos, para previr a entrada do fungo das bandas”

– Na actualidade e de cara ós próximos anos, cales son as perspectivas de sanidade nas masas de piñeiro?
– Os principais problemas son a praga do nematodo do piñeiro, que por agora está concentrada na zona sur de Pontevedra, e os fungos das bandas, que afectan sobre todo ó piñeiro radiata na zona de Lugo.

No caso do nematodo, non se sabe ata que punto quedará retido na zona sur de Galicia. En todo caso, hai ensaios de proxenie feitos para atopar familias de piñeiro que manifesten máis resistencia ó nematodo. A recomendación sería que no momento en que esas familias testadas estean dispoñibles nos viveiros, claramente identificadas, optar por esas familias para a plantación.

No caso das bandas, si é certo que houbo un aumento, por entradas da enfermidade das bandas desde País Vasco e Asturias, algo fomentado por invernos cálidos. Agora estamos nun ciclo no que a enfermidade das bandas está tendo bastante importancia, sobre todo na zona de Lugo e en piñeirais de insigne.

A recomendación é ter as masas o máis saneadas posible, con podas baixas e rareos que permitan mellorar a aireación da masa. Chegado o caso, a nivel de tratamentos tamén se pode intervir con produtos funxicidas para intentar rebaixar o nivel de esporas do fungo e controlar a enfermidade.

“Vimos dun ciclo de alta demanda e prezos moi altos. É certo que agora estamos nun ciclo de menor demanda, pero Europa é deficitaria en madeira, co cal a previsión é que exista demanda para o piñeiro”

– Cal é a perspectiva de rendibilidade das plantacións de piñeiro a medio prazo?
– Vimos dun ciclo de alta demanda e prezos moi altos. Iso demostrou que o propietario, cando percibe que o piñeiro ten un valor, vai apostar por el. Estamos agora mesmo nun ciclo de menor demanda, pero Europa é deficitaria en madeira, co cal a previsión é que exista demanda para esa madeira. Temos que traballar nós tamén para facer os traballos silvícolas necesarios, de cara a poñer no mercado madeira de alta calidade que lle permita valor engadido á industria e usos que ata agora non eramos capaces de acadar.

– Os traballos silvícolas dos que falamos, serían a principal clave para obter madeira de calidade?
– Efectivamente, nos piñeirais sempre son moi importantes os coidados silvícolas de podas, rareos e entresacas. Estes traballos van sempre encamiñados a producir madeira dun elevado diámetro, moi cilíndrica e sen presenza de nós.

Se facemos podas no momento que proceda, entre os 8 e os 10 anos, e rareos en anos posteriores, imos concentrar o volume de madeira en pés de calidade de maior diámetro, o que nos permitirá pensar en destinos de serra, chapa e desenrolo.

No caso de que partamos de marcos amplos de plantación, son importantes as entresacas de madeira adulta, ós 15-18 anos, nas que imos extraer sempre os pés dominados, partidos, enfermos ou danados.

– Falabas antes de que os altos prezos do piñeiro confirmaron que o propietario forestal, cando hai boas perspectivas, aposta polo piñeiro. Que evolución estades vendo do interese na especie?
– As comunidades de montes sempre foron máis fieis á especie, por exemplo no Barbanza e no sur de Pontevedra, sempre tiveron bastante superficie de piñeiro, con tendencia a mantela.

No caso dos propietarios particulares, si que é certo que cando os prezos foron baixos houbo un claro cambio ó eucalipto por tema de rendibilidade. Pero no momento en que o propietario viu que o piñeiro acadou un prezo moi superior ó eucalipto, houbo unha aposta clara pola plantación de piñeiro.

– Na Asociación, que recomendacións estades facendo en canto a elección de especies e ordenación do monte?
– Distinguimos entre pequeno propietario e comunidades de montes. O recomendable é non apostar sempre por unha especie, senón diversificar. Para as comunidades de montes, a parte das masas de piñeiro, recomendamos apostar por frondosas nas zonas de valgada, nas franxas dos camiños e preto das vivendas. Son zonas condicionadas pola normativa de prevención de incendios e pódense facer aí plantacións de frondosas con vistas a controlar o sotobosque, de xeito que os traballos posteriores de desbroce se abaraten.

No caso dos propietarios particulares, a diversificación é máis complicada, pois falamos de pequenas propiedades nas que non ten sentido rodalizar en exceso. O normal é facer aí unha aposta máis monoespecífica, tendo en conta a normativa que lle afecte a cada persoa.

– As masas de piñeiro presentan nos últimos anos un certo auxe de aproveitamentos multifuncionais, a maiores da madeira. Que posibilidades destacarías?
– Hoxe en día, xa hai cada vez máis comunidades de montes que teñen os seus coutos micolóxicos. Está tamén a extracción de resina, que probaron bastantes comunidades, como forma de ter a masa limpa e persoal traballando no monte en época na que é importante a prevención de incendios.

Outra opción a ter en conta é a dos mercados de carbono, que poden proporcionar un extra de ingresos. Polo de agora, en España a regulación do Ministerio de Transición Ecolóxica permite que entren nos mercados de carbono as superficies forestadas que estiveran rasas desde o 1989 ou terreos afectados por un incendio nos que se faga plantación ou apertura de rúas para rexeneración natural.

Extractos da entrevista en vídeo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información