As plantacións de piñeiro recuperan importancia en Galicia

As coníferas aumentan atractivo para o propietario forestal polos maiores prezos da súa madeira e as perspectivas dunha demanda crecente. A comercialización de planta con mellora xenética elévase a un 47% do total

As plantacións de piñeiro recuperan importancia en Galicia

Reforestación con piñeiro. / Arquivo.

O piñeiro consolidou no 2022 a tendencia a un protagonismo en ascenso nas plantacións forestais galegas. Durante o último ano, as plantacións de piñeiro medraron un 17,6% en comparación coa media dos tres anos anteriores (2019-2021). En total, no 2022 plantáronse 4.832 hectáreas de coníferas, a cifra máis alta dos últimos 15 anos, segundo os datos da Xunta que vén de divulgar a Fundación Arume.

O aumento de prezos da madeira de piñeiro a partir do 2021, que chegou a ser de ata un 40-50% en madeira de calidade, fixo que as coníferas incrementasen atractivo para o propietario forestal. A recuperación do mercado de piñeiro chegou ademais para quedarse, pois as perspectivas internacionais apuntan a unha demanda crecente e estable ao longo das próximas décadas.

Outro factor a ter en conta é a moratoria do eucalipto, vixente desde a primavera do 2021. Esa moratoria impide, en teoría, que masas de piñeiro que se cortan se poidan plantar con eucaliptos. Con esa medida, a Xunta buscou tanto frear a expansión do eucalipto, que aumentou arredor de 40.000 hectáreas na última década, como deter a redución de superficie do piñeiro, que segundo o último Inventario Forestal de Galicia perdeu arredor de 140.000 hectáreas desde o 2011.

Durante anos, as plantacións de piñeiro foron residuais en Galicia, con cifras menores a 400 hectáreas anuais nos anos 2016 e 2017, ou lixeiramente por riba, con 419 hectáreas no 2018. O escenario cambiou a partir do 2019 por un conxunto de factores, entre eles o impulso que gañaron as coníferas da man da Fundación Arume, unha entidade que agrupa a toda a cadea forestal da comunidade, desde viveiros a colectivos de propietarios e asociacións industriais.

A Fundación estivo a traballar nos últimos anos en impulsar a mellora xenética do piñeiro -aínda con moito camiño por percorrer-, así como en accións de restauración de montes con piñeiros. Tamén no lanzamento da marca Pino de Galicia, coa que quere posicionar no mercado uns estándares de calidade do piñeiro galego.

As plantacións de piñeiro no último ano multiplicaron por 11 ás do 2018. É un cambio de tendencia que se consolida

Todo ese esforzo, unido ó aumento de prezos da madeira de piñeiro, levou a un salto importante nas plantacións de coníferas en monte. No periodo 2019-2022, plantáronse unha media de 4.288 hectáreas anuais con piñeiro. O último ano, ademais, presenta as mellores cifras de toda a serie histórica dos últimos 15 anos, con 4.832 hectáreas e máis de 6 millóns de plantas producidas nos viveiros forestais galegos. A esas cifras hai que sumar as hectáreas de piñeiro do país que se rexeneran de xeito natural tras corta.

Mellora xenética
Un segundo elemento a destacar é a tendencia crecente a incorporar planta con mellora xenética nas plantacións forestais. No 2022, un 47% da planta empregada corresponde ás dúas categorías xenéticas superiores (cualificada e controlada), cando no 2019 esa porcentaxe non chegaba ó 7%. Está a ser decisivo, neste sentido, o programa de reprodución vexetativa de planta mellorada que impulsou a Fundación Arume en colaboración coa Consellería do Medio Rural (Axencia Galega de Calidade Alimentaria) e con cinco viveiros forestais galegos.

De cara ó futuro, a perspectiva é que a planta maioritaria empregada en monte presente mellora xenética, ben da categoría de material controlado, ben da categoría de material cualificado.

O material controlado é a categoría superior de mellora xenética e correspóndese con planta que foi sometida a ensaios comparativos que garanten unha mellora en crecemento e calidade en relación á planta das categorías xenéticas inferiores (identificada e seleccionada). A planta con etiqueta cualificada é aquela que procede de horto sementeiros con individuos seleccionados por cumprir uns requisitos a nivel fenotípico.

Especies
Das 4.832 hectáreas plantadas en Galicia no último ano, 2.210 corresponden a piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), 1.735 a piñeiro insigne (‘Pinus radiata’) e 887 a piñeiro silvestre (‘Pinus sylvestris’), o habitual en zonas de media e alta montaña de Ourense e Lugo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información