Trabada, un concello “número 1” na xestión do monte que sucumbiu ante o maior lume do 2023

Analizamos con propietarios forestais e empresas do sector as consecuencias do devastador incendio que a semana pasada afectou á comarca da Mariña. Todos coinciden en sinalar que moitas das parcelas queimadas eran un exemplo de aproveitamento e boa xestión forestal do eucalipto

Portada. Barreiros, unha das primeiras zonas do incendio. Foto tomada o xoves 12 ás 19.00h-min

Parroquia de Barreiros, en Trabada, unha das primeiras zonas do incendio, nunha foto tomada o xoves 12 ás 19:00h

Unha semana despois de que o lume arrasara os montes de Trabada, os afectados tratan de asimilar o sucedido, valorar os danos e planificar os traballos de repoboación e recuperación da superficie ardida.

Ninguén dubida da intencionalidade na orixe do lume e todos aseguran que as condicións climatolóxicas que se daban o pasado xoves día 12, con vento forte de sur e altas temperaturas, foron determinantes para o fatal desenlace.

O eucalipto é a especie predominante (practicamente a única) nos montes da Mariña. Desde hai máis de 50 anos os propietarios apostaron polo seu potencial de crecimento. As cortas de eucalipto, que acadan na comunidade 5,6 millóns de metros cúbicos anuais, suman 1 millón de toneladas só na Mariña lucense.

Arredor dun 20% das cortas de eucalipto galegas prodúcense na Mariña

A zona de Trabada conta, a diferenza do que sucede no resto da comarca, con concentración parcelaria nos montes, boas pistas de acceso, balsas de auga, cortalumes e outras medidas antiincendios, pero que se mostraron totalmente inservibles para frear o avance das lapas.

O lume cruzou ao veciño concello de Ribadeo e obrigou a cortar a autovía A-8, que mesmo atravesou debido á súa virulencia. De nada serviron os medios aéreos despregados nin as cisternas dos gandeiros.

Porque ao contrario do que acontece noutros lugares de Galicia onde arde o monte, nesta zona non hai abandono: segue habendo explotacións leiteiras e ao monte sácaselle rendibilidade económica. É unha situación ben distinta á de Ourense, o tradicional buraco negro dos lumes na comunidade.

O maior lume do ano en Galicia

As máis de 2.300 ha ardidas, segundo o reconto provisional da Xunta, equivalen a máis dunha cuarta parte da superficie total do concello de Trabada (82,71 km cadrados). Só o ardido neste lume é case a mesma superficie que fora queimada até o momento en toda Galicia este ano: 2.600 ha.

Non é o primeiro lume importante que se produce no municipio de Trabada, pero si o máis devastador da súa historia. A comezos da década dos 80 outro incendio arrasara 400 hectáreas en tres horas en Fórnea e Vilar.

O da pasada fin de semana iniciouse na zona do Bizarro e avanzou cara o lugar de Barreiros e desde aí o vento de sur levouno cara a Penacova (onde se desaloxaron as vivendas por mor do fume e a cercanía do incendio) e Trabadela, na parroquia de Sante; cara O Castro na de Vidal; e San Fernando, en Valboa; para logo irse expandindo cara ás parroquias de Cedofeita e Arante, xa en Ribadeo, con conatos e focos secundarios tamén en Alto de Fórnea e Noceda.

Trabada é un concello eminentemente forestal e gandeiro e tamén arderon pastos

Por parte da Xunta foron despregadas 114 brigadas, 78 motobombas, 6 avións e 3 helicópteros pero as fortes rachas de vento obrigou aos medios aéreos a deixar de voar e os tractores coas cisternas do purín dos gandeiros da zona tomaron o protagonismo para loitar por terra contra as lapas que avanzaban sen control. Arderon tamén numerosos pastos e a discontinuidade que estes provocan na masa forestal non foi suficiente nesta ocasión para deter o avance do lume.

O cambio climático muda o perfil dos lumes

A riqueza xerada polo monte e a humidade habitual da Mariña alonxaran até agora o perigo do lume dos montes da comarca. Pero as circunstancias cambiaron. “Estamos ante un cambio climático que afecta tamén aquí”, recoñece a alcaldesa de Trabada, Mayra García. “Evidentemente, nada ten que ver como era antes o clima, cando a especie chegou a esta zona, con como é agora”, afirma en relación ás plantacións de eucalipto que hai no municipio.

Por iso a rexedora agarda que a Xunta de Galicia, xunto cos propios concellos afectados, que teñen solicitado unha xuntanza con Medio Rural, fagan “un traballo conxunto de planificación e de ordenación das plantacións no territorio”.

Na maior parte das zonas había concentración parcelaria, polo que arderon grandes pezas de monte

A inmensa maioría do monte queimado eran plantacións de eucalipto, agás en Valboa, onde tamén ardeu piñeiro, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia. O monte na maior parte do territorio está concentrado. De feito, agás en Vidal, o resto de zonas ardidas eran zonas de concentración parcelaria, polo que arderon grandes pezas de monte, como unha de 400 ha entre O Castro e Vidal e outra de 200 en Mondigo.

Trabada é un concello eminentemente forestal, pero tamén gandeiro, cun bo número de gandeirías leiteiras, concentradas sobre todo na parroquia de Sante

A alcaldesa non ten dúbidas da intencionalidade do lume e confía en que “a investigación dea os seus froitos e poida caer o peso da lei sobre quen orixinou este dano tan grande”. O lume tamén afectou a infraestruturas como traídas de auga e desde o Concello temen agora que os traballos de saca da madeira queimada dos montes poidan provocar danos nas pistas e estradas municipais.

A saca non vai ser inmediata

Javier Barcia, de Maderas Barcia, de Lourenzá, tiña madeira mercada en varios montes que arderon, tanto na zona de Trabadela, O Bizarro e Vidal, en Trabada, como en Vilaframil, en Ribadeo.

O monte que lle colleu eran superficies grandes todas, mercadas a particulares. “Menos en Vidal as outras zonas de Trabada eran zonas de concentración de monte. En Ribadeo eran fincas máis pequeneiras; tiña varias mercadas na zona de Vilaframil, onde o lume chegou a cruzar a autovía. Estiven case toda a noite e impresionaba ver o lume. Entre a forza do vento e a temperatura, de 25 graos de madrugada, iso era unha bomba”, relata.

É moi cedo aínda para decidir o uso final da madeira queimada. “Algún monte que igual estaba máis limpo e no que pasou rápido o lume quizais poidan salvarse os eucaliptos”, confía. Nos casos nos que hai que cortar a plantación, di, a saca non vai ser inmediata. 

A normativa esixe unha espera de dous meses para poder cortar madeira nun monte queimado

“Hai que tramitar os permisos e a normativa esixe un mínimo de dous meses desde que pasou o lume para entrar no monte a cortar”, explica. Ademais, “a madeira queimada ten que ir pelada e para pelala hai que esperar a que retoñen os eucaliptos para que pelen mellor, senón pelan mal”, di.

A saca convértese tamén en moito máis “engorrosa” nun monte ardido. “Non dá gusto traballar coas máquinas no queimado, porque hai que andar limpando filtros todos os días”, asegura Javier.

Destino da madeira queimada

“Esa madeira ten que ir moi limpa para que cha queiran para celulosa”, di. “A que é madeirable hai que pelala pero a perda de valor neses casos non é moi grande se se dá aproveitado toda. O problema é que se está moi queimada, a primeira troza pérdese nalgunha árbore”, explica.

Para que a queiran para celulosa a madeira queimada ten que ir pelada e moi limpa

No caso de que o eucalipto non sirva todo para celulosa e teña que ir para taboleiro xa supón un 30% menos valor. “É distinto que teña que ir para astillar ou para biomasa, que vale tres veces menos”, admite.

O problema da saída para biomasa é tamén de capacidade. “Esas fábricas recollen moito menos e ese mercado agora vaise saturar, porque asume menos cantidade de madeira que o da celulosa”, conta.

Se o destino é facer taboleiro o prezo cae un 30% e se vai para biomasa vale tres veces menos

“Isto é malo para todos, é malo para o propietario e é malo para as empresas forestais. Hasta cadrou todo mal, porque coincide coa baixada de prezo que tivo o eucalipto nos últimos meses”, conclúe.

Pero os propietarios máis afectados son aqueles con plantacións máis novas. “Se ten menos de 5 ou 7 anos perdes todo, o custo da plantación máis o valor do tempo, porque son anos de crecemento que perdes”, enfatiza Javier.

Fincas non madeirables que hai que repoñer

Sara Montero é xerente de Edelmiro López SL, unha das empresas forestais asentadas no concello de Trabada e á que lle arderon máis de 50 ha, entre elas unha finca grande no Castro. “Nós en particular temos un reconto de entre 54 e 57 hectáreas afectadas, 37 delas nunha soa peza cara a Valboa que xa nos ardeu tres veces, unha das veces, cando aínda vivía meu avó, por un chispazo na liña eléctrica”, conta.

A madeira de menos de 10 anos non é polo xeral madeirable nesta zona e a súa extracción supón uns custos importantes

“Nesa finca a plantación podía ter uns 6 anos, polo que non é madeirable, pero para volver a plantar hai que cortar primeiro. Imos esperar a ver se hai rebrote, porque os traballos forestais de corta e saca desas árbores supoñen un custo importante”, di.

Sara calcula un mínimo de 20€ por tonelada extraída o custo de sacar esa madeira delgada a un parque, polo que o importe total de sacar e repoñer a plantación ascendería a uns 3.000 €/ha. “Sería o custo de volver poñer a producir ese monte”, indica.

Os turnos de corta nesta zona son máis longos que na Terra Chá e lógranse boas producións, de 400 ou 450 toneladas por hectárea

 “Estamos esperando a ver se a Xunta saca algún fondo de compensación, ou se se tramita por parte dos concellos afectados unha solicitude de zona catastrófica para poder acceder a cartos da Unión Europea para que todo o monte que se queimou se poida volver a poñer en produción”, propón.

“En Vidal non hai concentración coma noutras parroquias, temos minifundio e o lume afectounos a todos os veciños en maior ou menor medida. As plantacións de eucalipto aquí son moi importantes para a economía das familias”, destaca.

“O monte estaba limpo”

Sara insiste en que o monte que ardeu estaba coidado. “Os veciños en Trabada estamos concienciados de que hai que ter o monte limpo. Estaba desbrozado e había cortalumes pero era un incendio de copa que se propagaba saltando por arriba, iso é moi difícil de parar”, di.

Foi un incendio de copa que se propagaba saltando por enriba; iso é moi difícil de parar

Non ten tampouco dúbidas na intencionalidade da orixe do lume porque “houbo xa un conato de incendio en agosto en Barreiros que lograron apagar”, lembra. Pero desta vez, di, “deuse a tormenta perfecta polas condicións climatolóxicas que había”.

Con afán construtivo, para evitar novos lumes no futuro, Sara propón mellorar o mantemento das infraestruturas de auga e a creación de novos depósitos. Tamén que por parte do Concello se merquen mangueiras e conectores para poder enganchalas ás cisternas agrícolas “porque se demostrou que foi o recurso máis válido para apagar o lume”, di.

As cisternas dos gandeiros demostraron ser o recurso máis válido para apagar o lume

“A axuda dos veciños foi a máis importante, mesmo máis que os medios públicos profesionais despregados. Foi incrible a unión e a mobilización da xente. O lume empezou ás 3 da tarde e os hidroavións voaron ata as 7 pero despois pararon polo vento e xa non volveron”, lembra.

Entre 12 e 15 millóns de euros en perdas directas

O concello de Trabada levaba 40 anos sin un incendio forestal importante. O último gran lume produciuse no ano 1982, lembra Daniel Villapol, de Maderas Villapol SA, e foi o detonante das concentracións de monte levadas a cabo no municipio.

“Aquel incendio tivo lugar na zona do Vilar e saltou a Arante. Eran leiras moi longas pero moi estreitas. A raíz daquel lume decidimos ordenar o monte e facer as cousas doutra maneira. Foi indirectamente o que nos levou a facer a primeira concentración privada, onde se creou a SAT Costa e Granda, con 250 ha. Fora o primeiro exemplo de concentración privada e fixérase en 14 meses”, destaca.

O 67% do termo municipal de Trabada é monte e o lume calcinou o 15% da superficie forestal do concello

Hoxe, a maior parte do monte do municipio está ordenado. “Esta zona da Mariña é a número un á hora de traballar o monte en Galicia. O que ardeu estaba ordenado a todos os efectos, con pistas, cortalumes, balsas de auga e todas as medidas que hai que ter”, asegura.

Como mínimo, calcula Daniel, as perdas directas por parte dos propietarios forestais afectados polo lume, uns 1.000, estarían entre os 12 e os 15 millóns de euros. “A desgraza é moi grande, unha verdadeira pena”, lamenta.

Afectada un 10% da SAT Monte de Trabada

Na parroquia de Trabada o lume afectou a unhas 130 ha, das 1.250 totais da SAT Monte de Trabada, constituída no seu día por 302 propietarios. Deles medio cento teríase visto afectado polo lume da pasada fin de semana, xa que dentro da superficie da SAT hai parcelación individual e cada un conserva a propiedade sobre as súas fincas, aínda que o plan de cultivos e toda a plantación trala concentración se fixo en conxunto.

A maior parte da superficie queimada da SAT estaba plantada do ano 2007 e 2008, unhas 100 ha con clon de eucalipto glóbulus e 30 con piñeiro pinaster. “O piñeiro non queda outra que cortalo, xa que ao pasar o lume morre, porque aínda que non se queime, a calor colapsa a sabia e a árbore acaba morrendo”, explica Daniel.

Cos anos que tiña, uns 15 dun turno de corta total de 24-25 anos, o aproveitamento que se vai poder facer del vai ser limitado. “Fixérase unha poda baixa e unha limpeza hai 2 ou 3 anos e estaba prevista facer unha clara agora. No momento do torno no que está case todo vai ter que ir destinado a trituración, porque non dá aínda madeira de calidade para aserrado, polo que perde moito valor, aproximadamente entre 7.000 e 8.000€ por hectárea”, calcula.

As perdas no valor da madeira en plantacións de 15 anos son duns 7.000 euros por hectárea, tanto no caso do piñeiro como do eucalipto

No caso do eucalipto, “pode vivir tralo incendio, pero se lle afectou moito a calor volve brotar por el arriba e non se desenvolve ben, polo que hai que cortalo tamén”, di. “Faltábanlle como mínimo 4 ou 5 anos para a corta, porque o clon de glóbulos na costa necesita entre 18 e 22 anos para chegar ao momento adecuado de rendemento e nestes últimos anos é cando realmente acumula máis toneladas, polo que as perdas son tamén importantes, de entre 6.000 e 7.000€ por hectárea”, indica.

A maiores, di, cortar este eucalipto “ten maior custo de aproveitamento”. “Non vai descortezar ata a primavera que vén e vai perder peso. E parte del non valerá para celulosa, que é moi esixente con que non vaia nada manchado. Se ten que ir para taboleiro o valor é entre un 20 e un 30% menor”, aclara.

Deterioro no chan para a vindeira plantación

Daniel teme tamén que o lume producido e o medo a que se repita un incendio destas características nos vindeiros anos podan levar ao “abandono” do monte. “A xente nova está menos vinculada ao monte e a xente maior non sei se se vai animar a plantar. O temor a que se repita o lume vai estar aí e ao ser intencionado máis aínda, porque o risco é maior, polo que moita xente é posible que deixe de plantar ao velo como un investimento inseguro”, di.

Plantar una hectárea de monte con eucalipto custa neste momento entre 1.600 e 2.000 euros, dependendo da dificultade, unha cantidade importante á que facer fronte por parte dos propietarios. “Vai ser difícil acceder a axudas da Administración para volver a plantar eucalipto polo que vai haber abandono do monte, porque vai haber xente que vai desistir de facer un investimento importante ante o risco. O lume vai desanimar á xente e o monte vai perder valor”, considera.

O monte vai ter unha produtividade menor cando se volva plantar nese solo queimado

Ao feito de ter que agardar alomenos 20 anos para recuperar o investimento realizado, súmase a menor produtividade do monte tralo incendio. “O solo nesta zona non é moi rico e hai un deterioro importante no chan polo lume, polo que a plantación posterior vai ter menor crecemento. Algunhas zonas pendentes van ter perda de solo, iso vai conlevar que a seguinte produción sexa menor”, advirte Daniel.

O  valor da madeira pode multiplicar por 10 o custo da plantación, en función da especie plantada, o seu crecemento, a ubicación da parcela e o prezo que teña a madeira nese momento da venda, pero haberá que alongar máis anos o turno de corta para compensar o déficit de crecemento da nova planta nun solo desnudo e sen materia orgánica.  

 “O eucalipto non é a razón para que arda o monte, máis ben é a razón para que non arda”

Vacas nun pasto da zona de Barreiros con lume de fondo (venres 13)-min

Vacas nun pasto da zona de Barreiros (Trabada) con lume de fondo o pasado venres día 13

Desde a outra punta da comarca da Mariña, Manuel Galdo, presidente da Asociación de Produtores de Madeira de Viveiro (PROMAVI) pon o foco en non culpabilizar ao eucalipto do acontecido.  

“O eucalipto non é o culpable, el só non planta o lume. Pero  se se planta cando está todo seco, o monte de eucalipto tamén arde. Ese sambenito de que o eucalipto arde máis sempre o temos os produtores de eucalipto, aínda que o eucalipto non é a razón de que arda o monte, máis ben é a razón de que non arda”, argumenta.

“Afortunadamente nesta zona levabamos moito tempo sen o que se dera un gran incendio, que é aquel que supera o límite das 500 ha; levabamos na Mariña máis de 20 anos, cerca de 30, sen un lume desta consideración”, explica.

Crear discontinuidade no monte

Segundo a información achegada polo Pladiga 2023, o ano pasado arderon en Galicia un total de 51.642 hectáreas, das que 34.876 eran superficie de monte raso e as restantes 16.766 tratábanse de zonas arborizadas, unha parte mínima delas con eucalipto.

Neste sentido, o informe forestal sobre o eucalipto na cornixa cantábrica, editado pola Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (Cose), desmonta o mito sobre os supostos riscos asociados á especie e centra a cuestión: o risco non é a especie, senón a falta de xestión do monte ou un mal manexo técnico.

Por iso, desde as asociacións de propietarios forestais avógase por optimizar o seu cultivo, integrándoo en paisaxes rurais máis resilientes ante os incendios e os riscos asociados ao cambio climático.

As masas continuas de eucaliptais deberían ter outras franxas intermedias de caducifolias que amortiguen o avance do lume. Pero, é iso factible co actual modelo de propiedade do monte?

O manexo das plantacións de eucalipto, considera Manuel, é compatible co mantemento de franxas de frondosas caducifolias alí onde tecnicamente sexa aconsellable (vagoadas con regatos, entorno de vivendas e núcleos de poboación, proximidades de vías de comunicación, etc.), que exercerían unha función de atenuación do lume.

Pero advirte, “nunha zona de concentración parcelaria pódese pedir que haxa iso, pero onde non hai concentración non. A parcela media en Galicia é de 2.000 metros cadrados; non se pode pedir habendo ese parcelario que haxa franxas de protección de frondosas”, argumenta.

Cumprir a normativa en canto a distancias de plantación

Manuel destaca a ordenación forestal de Trabada. “As plantacións que hai alí son o exemplo para toda Galicia. Houbo concentración parcelaria e as fincas son todas de 1 hectárea para arriba, cando o resto de propietarios de monte estamos contando aínda por ferrados”, compara.

Outro dos aspectos nos que fai fincapé é no respecto ás necesarias distancias de plantación que marque a normativa en cada momento. “A lexislación que hai en vigor por parte da Xunta de Galicia estamos de acordo en que se aplique. As administracións, en plural, teñen que velar porque se cumpra”, insiste.

O Concello de Ribadeo levou a cabo nos últimos anos campañas de limpeza das faixas de protección arredor das casas

O Concello de Ribadeo levou a cabo nos últimos anos importantes campañas de cumprimento da normativa de distancias de plantación e limpeza das faixas secundarias no entorno dos núcleos de poboación, vivendas illadas, vías de comunicación e demais infraestruturas, mentres no caso de Trabada “había franxas de separación creadas polos pastizais, porque é unha zona de forte implantación gandeira”, destaca Manuel.

“A distancia ás vivendas é o que debe primar. Neste caso houbo desaloxos pero non ardeu ningunha casa, como arderon noutras zonas de Galicia en anos pasados”, compara.

O monte na Mariña arde sobre todo en outubro, que é cando a maleza está seca

“O monte nesta zona da Mariña non estaba descoidado ou abandonado pero iso non evita que se o incendio foi provocado, con temperaturas de 30 grados, vendaval e todo seco despois dun mes sen chover, o monte arda”, recoñece Manuel.

“O outono é nesta comarca a época máis complicada”, asegura. E considera que coas condicións que se deron o incendio era imposible de frear. “As pistas de acceso son fundamentais á hora de facer xestión forestal e tamén á hora de apagar o lume e aquí habíaas. Tamén había cortalumes, aínda que non hai cortalumes mellor que a autovía e cruzouna. Por iso o que podemos dicir é que afortunadamente choveu”, resume.  

Imaxes que deixa o incendio

I) Terreo forestal varios días despois do comezo do incendio. Estas tomas reflexan unha das primeiras zonas devastadas, comprendendo principalmente Barreiros, parte de O Bizarro e Trabadela. O vídeo finaliza en dirección ao avance do incendio cara a zona de Penacova, a cal tivo que se desaloxada no seu momento.

II) Continuación do avance do lume desde os puntos de partida de O Bizarro e Barreiros. Nesta ocasión vense parcelas comprendidas entre Vidal e O Castro en paralelo á carretera LU-132. Esta toma finaliza nunha casa de Trabadela, unha máis das afectadas pola proximidade ao lume. O incendio continuou cara as zonas de Valboa, San Fernando, Cedofeita ou Arante polo que no vídeo tan só aparece unha parte da súa magnitude.

III) Vista a pé da LU-132, a altura de Chao do Sevil, sobre o avance por vento de sur-sureste na primeira hora do incendio

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información