A baixada do eucalipto toca fondo e agárdase unha certa recuperación de prezos no medio prazo

Os parques de madeira que subministran a Ence comezan a baleirarse pola falta de oferta dos propietarios forestais, que conxelaron as vendas logo de que a  madeira en pé teña sufrido unha caída do 15% do seu valor desde a primavera

MADERISTA SOUTO carga camion1O prezo da madeira de eucalipto semella ter tocado fondo, logo da brusca caída producida desde o mes de abril, e desde o sector apúntase a unha lixeira recuperación no medio prazo, como consecuencia da caída de stock nos parques de madeira que subministran ás plantas de Ence.

Os prezos mantivéronse na banda alta até o mes de abril deste ano, logo do forte ascenso vivido en 2022, pero desde entón comezaron unha baixada paulatina todos os meses de entre 1 de 1,5 euros en tonelada até outubro.

Ence, que pilota as baixadas e subidas de prezo en Galicia, freou os descensos en novembro, mantendo na actualidade o eucalipto glóbulos pelado no entorno dos 40 euros, cando na primavera rondaba os 47 euros, o que supón unha caída do 15%.

Ence deixou de baixar o prezo en novembro logo de 7 meses consecutivos de caídas

No caso da madeira con corteza, estase a pagar neste momento entre 31 e 33 euros, no caso de montes con óptimas condicións de saca. Ence prioriza a compra de madeira con casca debido ao seu aproveitamento enerxético e penaliza en maior medida neste momento o nítens e o regnans.

A caída no prezo da materia prima débese ao descenso da cotización da pasta de papel. Ence non baixou produción nas fábricas, pero as marxes reducíronse notablemente. O mercado fóra de Galicia tamén se retraeu, e os envíos desde a nosa comunidade a pasteiras do norte de Europa ou Portugal, así como a Euskadi ou Zaragoza, minguaron.

No piñeiro os descensos foron menores aos do eucalipto, cunha baixada do 10% este ano

En canto aos prezos do piñeiro, os descensos foron máis suaves que os do eucalipto, acumulando unha baixada do 10% este ano. A rolla de primeira págase neste momento a 45 euros a tonelada.

A problemática do piñeiro é distinta á do eucalipto e débese á dificultade para colocar a madeira cortada polas empresas forestais nos aserradoiros e fábricas de taboleiro desde o verán. Ao haber pouca saída de produto a madeira empezou a acumularse nos parques.

As vendas están paradas

As baixadas, tanto do piñeiro como do eucalipto, frearon en seco as vendas nos últimos meses. As cortas que se están a producir neste momento foron contratadas en moitos casos antes de que se consumara a caída de prezos, pero non está a haber novos contratos e as empresas forestais están a traballar xa a medio gas.

Está habendo cortas contratadas previamente pero non novos contratos

Como consecuencia, prevese un descenso importante a final de ano do volume de madeira sacada dos montes galegos neste exercicio, acabando o 2023 nos 9,5 millóns de metros cúbicos, fronte aos 11 millóns acadados no ano 2022.

Os propietarios a día de hoxe están a optar por non poñer madeira no mercado, polo que se albisca unha caída na oferta de materia prima a curto prazo, que podería notarse máis no eucalipto, xa que segue habendo saída de celulosa, aínda que a un prezo un 40% inferior ao de fai ano e medio.

A medio prazo agárdase unha certa reactivación dos prezos do eucalipto a medida que o stock actual se esgote

Os parques de madeira que subministran ás plantas de Ence, que fai 6 meses estaban a tope de madeira, diminuíron xa o seu stock, polo que no sector agárdase unha certa recuperación do prezo do eucalipto no monte para a primavera.

Ence escúdase nunha caída do prezo da celulosa en Europa de máis dun 40% e di que non foi trasladada na súa totalidade aos propietarios forestais

ence eucaliptoEnce Terra, a división forestal da compañía, afirma que segue a manter os prezos de compra de madeira de eucalipto en pé en niveis similares aos de 2020, a pesar do importante descenso que sufriu neste exercicio o prezo dos produtos procedentes da madeira, como é o caso da celulosa, nos mercados internacionais.  

Desde os máximos alcanzados en agosto de 2022 e os mínimos alcanzados en agosto de 2023, o prezo da celulosa en Europa caeu máis dun 40%, “pero este descenso non se transmitiu ao prezo da madeira”, asegura, un feito co que a compañía “pon de manifesto o seu compromiso cos propietarios forestais e o seu apoio ao sector”, di.

A pasteira insiste en que os prezos no monte se manteñen neste momento en niveis do ano 2020, previos á pandemia

“Aínda que o prezo da madeira de eucalipto en pé sufriu unha pequena corrección con respecto ao prezo do último ano, actualmente atópase en prezos similares aos rexistrados no ano 2020, manténdose as plantacións de eucalipto como unha alternativa de alto valor  para os propietarios á hora de sacar proveito das súas parcelas forestais”, afirma a empresa.

O eucalipto gaña peso no conxunto das cortas

Ence nega que este ano se vaia producir un descenso importante nas cortas de madeira de eucalipto en Galicia e prevé que se peche o actual exercicio por enriba dos 5,5 millóns de metros cúbicos cortados, “unha cifra similar á media dos últimos cinco anos”, destaca.  

Ademais di, “as cortas de madeira de eucalipto, que se cultivan no 20% da superficie forestal de Galicia, aumentaron o seu peso relativo sobre o conxunto do total dos aproveitamentos de madeira da comunidade ata situarse en torno ao 60%, facendo do aproveitamento do eucalipto  un piar de crecente importancia para o sector forestal”, conclúe.

Caída xeral da actividade na cadea forestal madeira no 2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información